31.1.20

Biografía destacada: Concepción Arenal

Hoxe cúmprense 200 anos do nacemento de Concepción Arenal, xornalita, activista feminista e escritora (1820-1893)
Abride escolas e péchade cárceres!

 Temos unha pequena exposición sobre ela na biblioteca.

Artigos na prensa  

Recollemos de Cultura de Galicia esta biografía:

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, poeta, autora dramática e de zarzuela. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.
Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeo a súa proximidade ao ideario liberal e krausista.
Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.
Morreu o 4 de febreiro de 1893 en Vigo e foi inhumada no Cemiterio de Picacho. Os seus restos foron trasladados en 1912 ao cemiterio de Pereiró.
No seu epitafio o lema que a acompañou durante toda a súa vida: Á virtude, a unha vida, á ciencia.

30.1.20

Viaxe a Sargadelos e San Cibrao (17-01-2020)

A primeira parada na nosa viaxe foi en Sargadelos onde visitamos o antigo complexo industrial, o cal albergaba unha fábrica de siderurxia e outra de cerámica. Dúas fabricas máis, unha de productos téxtiles e outra de vidro completaban o proxecto de Antonio Raimundo Ibáñez, dono do complexo, aínda que estas últimas non chegaron a materializarse polo asasinato do seu dono. Ibáñez, nacido en Asturias, traballaba durante a súa mocidade na casa comercial Guimarán en Ribadeo. Ali comezou a forxar a súa fortuna investindo os cartos do amo en aceite, o cal tamén o levaría ó despido, por realizar este acto sen consentimento dos seus superiores. Durante os seguintes anos casou e seguiu aumentando o seu capital ata 1796 cando abriu a súa primerira fábrica, a siderúrxica, á que lle seguiría a de céramica uns anos despois.
Ibáñez elixiría Sargadelos polas materias primas que esta lle aportaba, como a madeira dos montes próximos. A proximidade dun río e a cercanía do mar eran outros dos factores de maior peso para a elección desta localización, xa que do río obtiñan a enerxía necesaria para mover a maquinaria e a proximidade ó mar facilitaba o trasporte ó resto de España. Ademais, tiñan man de obra gratis debido a que as persoas que vivían na zona eran obrigadas a traballar certos días á semana nas fábricas sen remuneración e a prestar as súas vacas e cabalos para o transporte dos materiais, feito que molestaba enormente á poboación e provocaba desconfianza e enfado cara ó dono das fábricas.
Na nosa visita puidemos ver parte das ruínas das fábricas, a extensión real que estas ocupaban, o río do cal obtiñan a enerxía e un museo, situado na casa que servía antigamente de oficina de administración, e diferentes pezas fabricadas neste complexo, maiormente louza fina feita con caolín.
A segunda e última parada na nosa visita foi San Cibrao, onde visitamos o antigo serradoiro e as fábricas de conserva. A serra e unha das instalacións de salazón atopábanse xuntas mentres que outra fábrica de salazón de maior tamaño se encontraba ao outro lado da península, preto dunha cetárea. O serradoiro contaba cunha serra de madeira a vapor para cortar a madeira para a construción de barcos e as fábricas de salazón estaban destinadas principalmente ás conservas de sardiñas. A que vimos por dentro contaba con grandes pías para salgar o peixe e cunhas prensas para sacarlles o aceite antes do seu envase en barrís de madeira para a súa posterior venda.
Ademais disto, tamén aprendemos sobre a historia desta vila dende antes da época romana, cando o castro situado nesta península posuía un dos portos máis importantes de Galicia que perdurou ata a Idade Media, cando pasou a ser un porto baleeiro que subministraba unha gran zona coa graxa das baleas. Esta graxa era moi importante porque se utilizaba para manter os candís acesos e ter iluminación .
Ao contrario do que moitos pensan, A Mariña ten moita historia e é unha zona que estivo habitada e que pola súa localización xeográfica posuíu moita relevancia. Entre os restos que se atoparon nas inmediacións da Atalaia de San Cibrao hai anacos de vasillas de barro que só puideron vir en época romana dende Italia ou Francia. Antes as autoestradas estaban no mar, xa que era moi dificultoso transportar mercadorías por terra.
En canto aos castrexos, desmentindo falsas crenzas sobre eles, vestían con tecidos e non con peles e tamén tiñan ferramentas que lles permitían loitar, cazar e pescar. É salientable a presenza na zona dun gran cuncheiro cos restos dos moluscos que comían.
Son sorprendentes os vestixios que aínda se atopan hoxe en día nesa área de San Cibrao. Aparecen as veces ósos de baleas que son desenterrados pola forza do mar e arrastrados ata as praias e mesmo se atoparon espiñas de pescada de exemplares de quince quilogramos.
Esta viaxe foi realmente enriquecedora xa que aprendín moito acerca da historia da miña zona e puiden apreciar lugares que antes só vía como ruínas. Agora véxoas dunha maneira distinta, ao coñecer o seu pasado.
Accede  à reportaxe fotográfica aquí.

Ana Neira Cociña - 4º ESO B

Charla sobre doazóns

O pasado martes 28 de xaneiro de 2020, os alumnos e alumnas de 4º da ESO así como o alumnado de Anatomía de 1º de BAC fomos a unha charla dada por Antonio Carcedo, un membro de ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue). Nesta charla, que durou aproximadamente dúas horas, informáronnos sobre os compoñentes do sangue, os procesos de doazón de sangue e medula e os requisitos necesarios para poder ser doante. Explicáronnos tamén que agora contan con novas tecnoloxías que melloraron e impulsaron a doazón de sangue, como o incremento das unidades móbiles que se moven por todas as provincias de Galicia. Fixo especial fincapé na importancia de doar sangue e tamén médula, xa que moita xente ten medo a facelo, cando isto non é prexudicial para a saúde e pode salvar moitas vidas.
Pareceunos unha charla moi interesante e sobre todo necesaria para concienciar á xente de que a doazón é algo imprescindible. Aprendemos cousas novas que considero moi importantes para a nosa formación e tamén coñecemos como facer no caso de que decidamos facernos doante. 

Cecilia García López -1º Bacharelato

28.1.20

Proxecto Fundación Expomar : charla Mariñeiros da Moncloa e obradoiro de nós Mariñeiros (15/11/19)

O día 15 de novembro os alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Perdouro tivemos unha charla na biblioteca do centro que organizaba a Fundación Expomar, na que membros da Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa viñeron contarnos as súas vivencias, respostarnos todas as nosas preguntas e ensinarnos nós mariñeiros.
Na primeira parte da charla, contáronnos algunhas experiencias, como era a súa xornada de traballo e o día a día no barco. Despois, algúns dos alumnos formularon preguntas que tiñan preparadas.
Na última parte, dividíronnos en grupos e en cada un deles un ex-mariñeiro ensinounos a facer algún dos nós máis coñecidos e tamén nos explicaron cales eran os máis usados e por que.
Foi unha charla interesante na que nos achegamos algo máis ao mundo do mar tan presente na nosa vila. 
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
Martín González Cabanas – 4º ESO B

Visita a Lugo: Fundación TIC e Domus do Mitreo (11/12/19)

Na chegada do alumnado do IES Perdouro ao edificio da Fundación TIC, localizada na localidade de Lugo, fomos recibidos por Laura, docente da escola, que nos presentou as instalacións por medio dun vídeo que recollía os lugares que iamos percorrer, como tamén os ciclos formativos que se podían cursar.
Na primeira sala, mostráronnos o plató, de grandes dimensións, onde se gravan as reportaxes, actuacións e telediarios. Un gran teito, con diversos focos que o acompañan, son esenciais para que as noticias que se gravan non teñan ningún problema de son ou de iluminación. Por outra parte, a existencia dos prompters, que son unhas pantallas nas que aparece o texto que o presentador debe ler, axudan a que este non se esqueza con facilidade do guión. Nalgún caso, axúdase dun pedal que regula a velocidade para ler o texto con maior ou menor rapidez.
Na segunda sala, explicáronnos que tipos de procesos son levados a cabo para controlar o son e a imaxe. A estancia está dividida por un tabique de vidro que separa o control de imaxe e o de son. Este espazo dedícase a dirixir, editar e coordinar as filmacións. O control de imaxe tamén está capacitado para incluír calquera tipo de efecto que se lle queira engadir á filmación, como o fume ou a iluminación. Debido a iso, é necesaria unha gran cantidade de pantallas que favorezan o desempeño destas actividades. En resumidas contas, esta sala está equipada con todo o necesario para levar a cabo as filmacións.
Na sala contigua, contrólase e edítase o son. Explicáronnos os tipos de micrófonos: os de gravata, de man, de ambiente e tamén o uso dunha mesa de audio.
Logo, aprendemos como se realiza unha reportaxe. Nun primeiro momento, os reporteiros diríxense ao lugar de interese para preguntarlles ás persoas protagonistas e para gravar a historia que se conta na reportaxe. Posteriormente, edítase a gravación que sairá nos medios audiovisuais da Fundación TIC.
A continuación, María, uhna das coordinadoras do centro, explicounos como funciona o arquivo de imaxes (a almacenaxe de vídeos). Momentos despois, levounos a unha cabina de son, a cal está insonorizada para que non haxa ningún ruído á hora de gravar as voces para calquera programa. Despois, explicáronnos cales eran as diferenzas e semellanzas que existían entre as salas de gravación que visitamos.
A seguir, dirixímonos ao segundo plató. Alí, un grupo de alumnos formado por Irina, Cristian, Noé e Nadine, acompañados polas súas profesoras, presentaron un telexornal no que informaban dunha serie de noticias, conectaban cun correspondente, facían preguntas ao público e daban o prognóstico do tempo.
Posteriormente, fixemos fotografías e conversamos sobre a actividade. Antes de rematar, proxectaron para nós o telexornal que acababamos de gravar e obsequiáronnos cun pequeno detalle, unha memoria USB na que ía gardado o noso Ticodiario, que é o nome que recibe o noticiario gravado na Fundación TIC.
Logo fomos almorzar ao centro comercial As Termas. Cando rematamos, fomos dar un paseo polo adarve da muralla mentres a nosa profesora, Sandra, nos ía explicando a historia e as partes desta construción romana. 

Beatriz Botelho Melo – 4º ESO A

Os alumnos de 4º ESO do IES Perdouro de Burela tamén visitamos ese día a Domus de Mitreo en Lugo.
Cando chegamos recibíronnos amablemente e despois separámonos en dous grupos. O meu grupo foi ver as ruínas e o outro un vídeo. Dixéronnos que os fósiles guía serven para saber a datación dunha rocha. Os romanos cambiaban moito de ideas e de modas, polo que os deseños que facían eran moi diferentes uns dos outros.
A Domus de Mitreo foi construída antes incluso cá mesma muralla de Lugo, polo que este monumento foi levantado por enriba dunha parte da domus. As casas que estaban cerca víñanlles ben aos que traballaban na muralla, porque lles daban de comer. Dentro das casas quentábanse co lume ao que lle botaban leña. Descubriron a calefacción por debaixo do chan e fixeron sumidoiros con auga limpa e sucia. A sucia ía para a cloaca de Lugo.
Polos restos que se atoparon na casa, vese que empezaron a utilizar moedas, o que foi acabando co troco. Tamén se conservan ferramentas das que usaban. As ruínas están divididas por capas. Os restos de arriba son máis recentes e os de abaixo son máis antigos.
Tamén nos explicaron que para os romanos Mitra era o deus do Sol. Facíanlle unha festa, que coincidía co nacemento de Xesús. Entón, os cristiáns fixeron que desaparecese a festa de Mitra, para non compartila cunha celebración pagá.
Despois, subimos e mostráronnos un vídeo sobre a evolución de Lugo ao longo da Historia.
Ao final, volvemos para Burela.

Luis López Ramos - 4º ESO B 

Accede à reportaxe fotográfica aquí.

22.1.20

I Concurso de Entroido 2020

O EDLG convoca o I Concurso de disfraces con 3 modalidades (individual, parella e grupo). Apuntádevos en conserxería. Tedes ata o 7 de febreiro.

20.1.20

Obradoiro de radio - Proxecto Neo

Os integrantes de Proxecto Neo convertiron a biblioteca nun estudio de radio e confeccionaron un obradorio cunha simulación de programa destinado ao alumnado de 1º ESO.

Accede a completa reportaxe fotográfica aquí.

Esta mañá, a equipa do programa de radio "Proxecto Neo" impartiu no noso centro uns obradoiros sobre o funcionamento do equipamento da radio e do propio programa. Os alumnos participantes foron os de 1° da ESO, acompañados polos seus profesores de galego, castelán e inglés.
Os obradoiros foron impartidos na biblioteca do centro, onde a equipa tiña montado unha simulación do local onde imparten dito traballo. O obradoiro consistía en dúas partes: unha primeira parte máis teórica onde se lles explicaba o funcionamento dos aparellos cos que traballaban, a produción do guión, como se contactaba cos entrevistados, etc; e unha segunda parte máis práctica onde simulaban a produción dun programa en directo. Nesta segunda parte participaron como entrevistados profesores e alumnos, tratando temas relacionados coa súa infancia, o seu percorrido académico e mesmo falando sobre diferentes actividades que practicaban no seu tempo de lecer.
Xa cara o final, os alumnos puideron facer varias preguntas para aprender ou concretar algunha das súas dúbidas. Esperamos que disfrutaran e lles gustara este obradoiro e o interese polo programa escolar xurdira en moitos deles.

Alejandra Alonso Fernández - 1°BAC

Viaxe a Lugo: visita á muralla, a Domus de Mitreo e a catedral

Ás 8:35 saímos de camiño a Lugo. Levounos cerca de 1 hora e 30 minutos a viaxe. Cando chegamos, como aínda non era a hora das visitas, deixáronnos estar un anaco na Praza Maior, para tomar algo quente.
Cando xa era a hora acordada, reunímonos cos profesores na praza e dividíronnos en varios grupos. A min tocoume no grupo de Begoña, a nosa profesora de Relixión. Primeiro, fomos ver uns documentais e ler información sobre a muralla de Lugo no Centro de Interpretración da Muralla, que está situado na Praza do Campo. Nos vídeos, diferentes expertos falaban das características da muralla de Lugo, de como se construíu...
Despois, fomos á Domus do Mitreo e vimos como eran as casas na época dos romanos. Aprendemos que estancias tiñan. Explicáronnos cal era cada unha: o cuarto de baño, as habitacións... Tamén proxectaron un vídeo sobre os romanos ensinándonos como se vivía na súa época. Todo era moi bonito e estaba moi ben conservado...
Para terminar coas visitas, fomos á catedral de Santa María de Lugo. Gustoume moito. Explicáronnos as súas partes e fixemos unha ficha sobre ela.
Para rematar a viaxe, fomos ás Termas, onde comemos e puidemos ter tempo libre antes de voltar para Burela. 

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Paula López Calvo – 2º ESO B (15/11/19)

19.1.20

Presentación do libro "Navegando a bordo do San Lorenzo de Foz"

Antón Niñe naceu no concello de Barreiros en 1958. Foi durante moitos anos profesor de Relixión no IES Perdouro de Burela, tamén é autor de libros e foi presidente da A.C. Os Matos de Burela.
En outubro publicou un libro titulado Navegando a bordo do San Lorenzo de Foz. O seu libro ten 5 capítulos e conta a historia dun barco de cabotaxe. Dedicou varios anos a investigar nos arquivos do barco, nas bibliotecas e a falar cos tripulantes. Escribiu este libro para gardar a memoria do barco, de seu pai (que foi patrón do mesmo) e dar a coñecer desta embarcación.
O barco foi construído en 1944 nun estaleiro de Asturias e despezárono en 1965. Navegou 21 anos, 19 deles seu pai estivo a bordo, 4 de mariñeiro e 15 de patrón. Como era un barco de cabotaxe transportaba moitos tipos de mercadorías como madeira ou cemento. O barco levaba 9 tripulantes entre o patrón, o fogoneiro, o cociñeiro e os mariñeiros.
Seu pai, que se chama Eugenio, naceu en 1923 (agora ten 96 anos) e empezou a ir ao mar aos 18 anos (no ano 1941). Encantáballe ir ao mar e nunca pensou en deixar de ser mariñeiro. Estivo en dous tipos de barcos: nos de cabotaxe e nos pesqueiros, ainda que lle gusta máis a cabotaxe.
A primeira viaxe que fixo o San Lorenzo foi de Viveiro a Xixón e as máis longas foron a Sevilla e Huelva (Andalucía) e a Hendaya (Francia). Este barco saíu nas noticias varias veces e ten algunhas anécdotas interesantes. Salvou a tripulación do barco Rosalina en 1960, antes de que este se fora a pique. Tamén axudou a salvar outro barco sacando a carga das bodegas para que flotara.
Outras anécdotas son que en 1944 entrou ao porto de Foz de popa, porque non podía facelo de proa, seguramente polo pouco calado. Noutra ocasión, cando facían o atraque nun porto, un tripulante empezou a tocar a gaita e moita xente estivo acompañando ao barco ata que atracou. Tamén estivo a punto de afundir ao perder o temón nun temporal. Menos mal que outra embarcación conseguiu remolcalo ata Xixón.
Para pasar o tempo de lecer saían dar paseos, tomaban algo, lían novelas, escoitaban música, tocaban a gaita e, ás veces, un futbolista que coñecían, Xesús Ares, dáballes entradas para ir ver partidos de fútbol nos portos de destino, se el xogaba.
Foi unha charla interesante sobre a vida a bordo dun barco.
Accede ao albúm fotográfico aquí. 

Paula Rodil Lamas – 2º ESO B (19/11/19)

14.1.20

Día da ciencia en galego:Scape Game

O día 28 de novembro de 2019 os alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Perdouro levamos a cabo un scape game no que tiñamos que buscar un antídoto para salvar o mundo dun virus letal.
Un scape game é un xogo onde a lóxica e o enxeño son imprescindibles para resolver as pistas dos diferentes retos e poder acabar a proba con éxito. Moitas das pistas viñan cifradas empregando os números dos elementos da táboa periódica de Mendeléiev.
Neste caso, o xogo foi desenvolvido nas diferentes instalacións do centro ao longo da mañá e dividímonos en cinco equipos. Cada equipo tiñamos unha cor identificativa que homenaxeaba unha madriña de excepción: María Wonenburger, Ángela Ruíz Robles, Isabel Zendal, Ángeles Alvariño, e Margarita Salas finada o pasado 7 de novembro de 2019.
As probas que tivemos que superar consistiron en:
- Na actividade de Matemáticas tivemos que resolver unhas ecuacións que, como resultado, daban os números de aulas ás que tiñamos que ir.
- En Bioloxía tivemos que completar un encrucillado de conceptos de xeoloxía e bioloxía, e resolver un enigma sobre xeomorfoloxía.
- En Mecanizado tivemos que medir un cilindro de aluminio empregando un calibre e calcular o seu volume. Unha vez calculado o volume, dábannos o número de clase á que nos debiamos dirixir.
- En Tecnoloxía tivemos que poñer o acotado, perfil e planta dunhas figuras e acudir á seguinte aula grazas a uns códigos QR.
- En Física e Química desciframos uns xeroglíficos sobre a táboa periódica e construímos unhas moléculas empregando átomos de carbono, oxíxeno e hidróxeno.
- En Robótica colocamos uns cables nunha placa protoboard e aparecía unha mensaxe nunha pantalla led.
Ao final, as pistas leváronnos ata biblioteca. Os cinco equipos tiñamos que xuntar os obxectos, planos, pistas que conseguimos ao longo de cada proba para conseguir descifrar o enigma final e así atopar a palabra clave para abrir un críptex e salvar o mundo.
A intención deste scape game era aprender xogando. Eu considero que facer máis actividades coma esta ou con esta dinámica axudaría á mellora da aprendizaxe.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Mateo Balseiro – 3º ESO B

12.1.20

Banco solidario de alimentos

O pasado mes de decembro, os alumnos e alumnas de 3º de PMAR fixemos unha recollida solidaria de alimentos e produtos de hixiene no IES Perdouro. Fomos clase por clase pedindo a colaboración do alumnado e do profesorado do centro e, ao final, donamos todo o que trouxeron á delegación de Burela do Banco de alimentos de Lugo.
Queremos agradecer a colaboración a todas as persoas que fixeron posible esta iniciativa.

Alumnado de 3º de PMAR

9.1.20

O apalpador visita o IES Perdouro

O pasado venres 20 de decembro recibimos unha visita moi moi especial: o apalpador baixou das súas montañas do Courel ata a Mariña para apalpar as barrigas do noso alumnado. Estivo repartindo caramelos polas clases e no recreo deixouse fotografiar. 
Aproveitamos a súa visita para que fixese entrega dos diplomas do certame "Adorna a porta da aula - Especial Nadal".
Accede á reportaxe fotográfica aquí.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...