19.12.12

Presentación do libro de Antón

Acompañado por Suso Fernández -Cronista Oficial- e por  Bernardo Penabade, o profesor Antón Niñe presentou un novo libro. Baixo o título ‘Fondós, de escola a gardería infantil’, a obra recolle unha profunda investigación sobre a historia do edificio desde que fora mandado construír en 1749 por Pascual Villapol, un focego emigrado ao Perú.


No acto, que contou cunha nutrida representación do profesorado do IES Perdouro como tamén doutros centros educativos da Mariña, o Cronista Oficial de Foz definiu a Antón Niñe como "entusiasta estudoso do pasado do noso concello e de consideracións que teñen que ver con aspectos que reflicten cuestións referidas aos valores humanos, culturais e sociais da nosa xente" e dixo que a obra "significa a recuperación da memoria do que, para nós, constitue un dos episodios mais transcendentes e gratificantes do currículo do noso pobo; acontecemento histórico do que os focegos temos moi vagas referencias, pouco mais alá de que na súa escola foron ensinantes dous mestres ilustres: Noriega Varela ou Salgado Toimil ou que en tempos a planta baixa utilizouse como depósito dos presos".


Outras referencias sobre a obra:

1) REPORTAXE SOBRE O ANIVERSARIO DA ESCOLA

2) ARTIGO DE OPINIÓN (SUSO FERNÁNDEZ)

3) ARTIGO DE OPOINIÓN (BERNARDO PENABADE)

18.12.12

"Doce meses, doce paisaxes" - proxecto interdisciplinar

Proxecto interdisciplinar "Doce meses, doce paisaxes" - o feísmo de Burela por Toncho Trelles 

Este martes 18 de decembro empezamos o ciclo de charlas-coloquio sobre diferentes aspectos paisaxísticos coa intervención de Toncho Trelles, mediador de xestión cultural, que compartiu a súa particular visión sobre o feísmo na vila -apoiándose en imaxes ben ilustrativas de estilos de edificios, murais e fachadas- e que mostrou as posibilidades de rexeneración á vista de proxectos artísticos doutros lugares. ....seguir lendo no blog do proxecto

Sesión 2 do obradoiro de creación de espectáculo

Continuamos co proceso de creación dun espectáculo de títeres. Hoxe recibimos de novo a entretida visita de Ton Arenas, principal compoñente da compañía Mircromina Teatro de Títeres.
Esta sesión do obradoiro consistiu na representación dun fragmento da súa obra Vacacións no mar e na explicación dalgúns aspectos relacionados coa posta en escena do espectáculo. Mostrounos a estrutura do teatriño por dentro, a importancia da habilidade coa que se manipulan os bonecos e a relevancia da música que acompaña a interpretación. Nós mesmos puidemos poñer en escena dúas pequenas historias protagonizadas por monicreques e manipular os bonecos. A sesión resultou moi amena e agardamos que volva para poder contarlle o argumento das nosas propias obriñas.

Máis información no seu blog.

17.12.12

O Teatro na Mariña

A ASOCIACIÓN CULTURAL “OS MATOS” ORGANIZA UNHA CONFERENCIA SOBRE O TEATRO NA MARIÑA

O relator foi Francisco Piñeiro, ensaísta, dramaturgo e director de grupos teatrais en Cervo e Foz.

Cada ano a Asociación Cultural “Os Matos” realiza diversas actividades de divulgación das diferentes artes tanto literarias como escénicas ou musicais. Baixo a súa organización, estiveron na Mariña escritores como Xosé Neira Vilas, músicos como Mini e Mero ou ensaístas das máis diversas especialidades.

Na presente ocasión, o convidado foi unha persoa “da casa”. Trátouse do profesor Francisco Piñeiro -docente no Instituto Monte Castelo-, que compareceu en calidade de ensaísta, dramaturgo e director de grupos teatrais afeccionados. O evento celebrouse ás 10 da mañá do luns, día 17 de decembro, na biblioteca do Instituto Perdouro, e estivo dirixido a alumnado dos dous cursos de Bacharelato.

Con esta actividade, a asociación organizadora pretende mostrar a evolución da arte teatral desde a Escola Rexional de Declamación (1903) até chegar á profesionalización do sector (con Manuel Lourenzo e o grupo de Ribadavia). Para iso convidou o profesor Francisco Piñeiro González, que é autor da recentemente publicada Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense (obra editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo) e que ten elaborado un traballo pedagóxico apoiado en numerosas imaxes e música co que transmite tamén unha panorámica das representacións dramáticas no ámbito territorial da Mariña.

Escritor de recoñecido prestixio en todos os xéneros literarios (Premio Lourenzo Varela, de xornalismo; Daniel Cortezón, de teatro; e Manuel Orestes Rodríguez, de narrativa e poesía), Francisco Piñeiro combina a docencia de Bioloxía e Matemáticas coa escritura e a dirección dos grupos teatrais “O Bordelo”, de Cervo; “A Adala”, de Fazouro; e “O Batán”, de Cangas.

O desenvolvemento do acto foi conducido polo profesor Antón Niñe, presidente da Asociación Cultural “Os Matos”, quen se ocupou da presentación do convidado así como da moderación do posterior coloquio.


14.12.12

3º premio do Concurso de Relato Trapero Pardo

Laura López Galdo, alumna de 1º de Bacharelato, foi agraciada co 3º premio do certame de contos Trapero Pardo. A entrega de premios será na Casa Consistorial de Lugo, no salón de plenos, o xoves 20 de decembro ás 12:00 horas. Noraboa Laura!!!

Árbore singular - obra dos alumnos de PCPI

Co motivo das vindeiras festas navideñas, o alumnado do Programa de cualificación profesional inicial de fabricación mecánica realizaron unha árbore singular de arame metálico para ambientar o centro nestas datas de festividades. 
Noraboa rapaces!!!!!!!!!!!! e sen esquecer a Gregorio, o seu profe quen os guiou.
 

13.12.12

O vídeo de #RecitandoCelsoEmilio no IES Perdouro

Fixádevos no mosaico final! Que vos parece?


Segundo posto para o IES Perdouro no Top 10

Obxetivo conseguido na difusión da actividade Recitando a Celso Emilio no seu 100 aniversario de nacemento. Acadamos o 2º posto co hashtag #RecitandoCelsoEmilio no Top 10.Grazas a todos/as os participantes!!!

12.12.12

#RecitandoCelsoEmilio - 12/12/12 ás 12h00 - Milleiros de voces do ensino para celebrar a palabra de Celso Emilio

  RecitandoCelsoemiliO
 

Máis de 240 voces leron en coro ás 12h00 os versos de Deitado frente ao mar de Celso Emilio Ferreiro . Espectacular recital!!! Fixádevos na bandeira galega debuxada cos papeis de cores ao rematar o recitado. Moi ben logrado! Grazas a todos/as aqueles/as que fixeron este evento posible.
Continuamos co retuiteo : "no @ies perdouro estou #recitandocelsoemilio #falogalegoporque ..."

Neste día 12 de decembro a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística convocou aos centros de ensino a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada consistía no recitado colectivo e simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o IES Perdouro, alumnado e profesorado, acolléronse a esta iniciativa ás 12:00h no patio para ler en coro as letras do poema de Celso Emilio. Máis de 240 voces lembraron os versos de Deitado frente ao mar.  A Vicedirectora, Karina Parga, indica que foi un espectacular e emocionante recital que reuníu o alumnado de ESO, Bacharealto e Ciclos Formativos  e os docentes do centro educativo. Ademais a coordinadora do ENDL do Perdouro, Miruca Parga, sinala que entre os diversos docentes participantes houbo na actividade un convidado de excepción: o mariñeiro e poeta Jesús Mosquera, que habitualmente faena nas augas próximas a Nova Zelandia. Este veciño de Burela recitou o poema de Celso Emilio dedicado aos buscadores de illas. A viaxe literaria foi conducida polo profesor Bernardo Penabade e na mesma tamén interviu o alumnado de 3º ESO, a vicedirectora do centro, o auxiliar administrativo, José Chao; e o profesor de Economía, Antonio Mato. Os poemas recitados polo alumnado están moi directamente relacionados coa interculturalidade, unha carácterística moi presente na poboación de Burela. Tamén o IES Perdouro estivo presente nas redes sociais e inundou de tuits o Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio co hashtag oficial #RecitandoCelsoEmilio. Segundo a Coordinadora Galega dos ENDL, máis de 200 centros escolares e uns 30.000 alumnos segundaron a actividade no día de hoxe.

6.12.12

Crónica de Sara Gil - A presentación de Emily on the road na Mariña

Non perdades de ler este relato sobre Ramón Blanco, coñecido por todos nós como Moncho, que fixo a nosa alumna de 1º de bacharelato, Sara Gil. Unha delicia. Noraboa Sara!!!!

SOBRE A PRESENTACIÓN DE Emily on the road NA MARIÑA

O día 26 de novembro tivemos a oportunidade de participar na presentación de dous libros de Ramón Blanco: un Vida e obra de Francisco Añón e outro Emily on the road. Mais non tería sentido explicar o desenvolvemento dos eventos sen facermos referencia á importancia do escritor na vida dos alumnos e alumnas -entre eles eu- que este ano cursamos 1º de BAC no Instituto Perdouro de Burela.

En xuño de 2011, finalizamos o curso de 3º da ESO e despedimos o substituto que nos dera clase durante 5 ou 6 meses, debido a unha baixa da nosa profesora de Lingua Galega. Aquel profesor que se adicou a aguantar as nosas lerias foi Ramón Blanco, que nese pouco tempo despertou entre nós un aprezo enorme, ben pola súa maneira de tratarnos, ben pola súa personalidade ou -o que é máis probable- por unha mistura das dúas. Por iso, logo de case un ano e medio, recibimos con entusiasmo a comunicación que nos fixo o noso actual mestre de que íamos ter a oportunidade de desfrutar da presentación dos libros.

Situámonos xa no día en que todo aconteceu. Ás 13:10 daquel luns fomos para a biblioteca do instituto. Todos sentamos e agardamos, expectantes, a que Moncho -resulta estraño para nós tratalo de Ramón- aparecese pola porta. Logo duns minutos, entrou aquela persoa á que tanto agarimo lle gardamos. Un sorriso inundou ao instante as nosas caras e a del. Sentou na longa mesa que estaba fronte a nós, e Bernardo introduciu a presentación de Vida e obra de Francisco Añón. Cando este rematou, tomou a palabra Moncho para agradecernos a nosa asistencia. Asegurou que estaba moi ledo de atoparse alí e explicounos diversos aspectos tanto da súa vida como da de Añón, incluíndo o motivo de elexir este escritor como referencia para o seu libro. Soubemos que foi determinante o feito de gañar con 17 anos o premio de poesía Francisco Añón, o que o levou a informarse sobre quen fora esa personalidade. Coñecemos que o poeta Añón viviu no século XIX e que a súa familia era moi coñecida na comarca comprendida entre Muros e Noia. O seu padriño, un cura, ensinoulle o mundo das letras e encamiñouno, máis tarde, a estudar no Seminario. Tamén se fixo fincapé en que no ano 1966 a Añón foille dedicado o Día das Letras Galegas, moito antes que a outros escritores hoxe máis coñecidos. Entre eses e outros moitos datos, chegou a hora do xantar.

Chegamos ao restaurante. Algúns alumnos, algúns profesores, Moncho e os seus acompañantes –Manuel L. Rodrigues, o editor de Acha Escrava; a escritora Iria Lago; e o músico Pablo Sax- comemos todos xuntos nunha longa mesa, que xa tiñamos reservada. O xantar transcurreu entre risos e anécdotas. Para nós, foi unha grata experiencia poder comer con Moncho e os demais profesores (e cremos que para eles tamén o foi comer con nós). A conversa foi animada e estivo misturada con algunhas bromas que nos facíamos uns aos outros, risos e incluso algunha que outra foto, para ter probas materiais do momento nun futuro!

Chegou o remate do xantar e houbo que volver ao centro. Pola tarde tiñamos clase! Mais ese día non era a materia de Inglés, coma sempre. Desta vez os cincuenta minutos centráronse en coñecer Emily on the road, o novo libro do noso mestre. Fixeron a introducción o editor e Iria Lago, a escritora que identificou a Moncho como o seu mellor amigo. Feitos os honores, o escritor convidado aclarounos que a historia central é o traxecto dun condutor que no camiño atopa unha rapaza (Emily) e a recolle. Xuntos emprenden unha viaxe entre o escuro e a morte, nun ambiente sombrío. En plena travesía, a parella de viaxeiros facendo varias paradas. En conclusión: o libro céntrase nunha partida, unha ruta e unha arribada un tanto misteriosas, que o autor escribiu en homenaxe a un vello amigo e á escritora estadounidense Emily Dickinson. Resultounos especialmente agradable saber que parte do poemario foi escrito na súa etapa en Burela cando nos deu clase a nós!

Tras os preámbulos, Ramón Blanco comezou a ler. Pablo Sax comezou a tocar. E verso tras verso, nota tras nota e sensación tras sensación, conseguiron cautivarnos. Esta vez non eramos só os de 1º de BAC, senón que tamén estaban alumnos de 4º da ESO e diversos profesores (entre eles Ramón Reimunde -xa xubilado do IES de Foz- e Julia Labrador, docente de Literatura na Universidade Complutense).

As palabras saíron da boca do declamante unha detrás doutra e a orixinalidade do que lía captaba a nosa atención, sen ningunha dúbida. Non era un poema como outro calquera; probablemente os alí presentes nunca escoitáramos un igual. A maneira de relatar o que lles acontecía aos viaxeiros, a maneira de transportarnos a un mundo de escuridade -e de milleiros de sensacións- era realmente especial.

Así foi como chegou o final. O escritor rematou de ler o fragmento e nós quedamos con ganas de máis. Un aplauso inundou a sala. Un éxito total. Despedímonos del e marchamos para a aula, xa que aínda tiñamos outra clase. Mais quedamos agardando á próxima vez para ver a Moncho e para botar unhas risas con el, coma sempre. Queremos que volva a cautivarnos cuns cantos versos e que nos faga soñar. Queremos imitalo, seguilo; desexamos ler máis do que el escribe… Xa que falamos de desexos: desexámoslle todo o mellor a ese grande escritor, ao grande poeta. Oxalá teña moita sorte con estes dous libros e con todos os que quedan por vir. Nós estaremos dispostos a contribuír, aínda que sexa simplemente con lembranzas da estadía en Burela.

Tesnos gañados, Moncho!

Sara Gil Cordido

5.12.12

#RecitandoCelsoEmilio

O día 12 do decembro a Coordinadora de ENDL convócanos a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada será o recitado simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o ENDL do IES Perdouro unirémonos a esta iniciativa, alumnado e profesorado, entre as 11:30h e as 12:20h na biblioteca lendo poemas de Celso Emilio Ferreiro.
Ademáis a segunda actividade proposta será un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.
Estaremos presente nas redes sociais e inundaremos de tuits o Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio co hashtag oficial #RecitandoCelsoEmilio.

RT “#RecitandoCelsoemilio”, para que “Deitado frente ao mar” soe en milleiros de voces.

30.11.12

Premio Concurso de cartel Día da Sida


Anes Monteiro, alumno de 3º de ESO, acadou o premio premio da categoría 12-15 anos no Concurso de Cartel convocado pola unidade asistencial de drogodependencias de Burela.
O pasado 30 de novembro o edil, José González Barcia, e a concelleira de Sanidade, Diana Durán entregaron os galardóns os premiados.

27.11.12

Recital de Ramón Blanco

O luns 26 de novembro Ramón Blanco, poeta e ex-profesor do centro, visitounos no IES Perdouro.

Naceu en Outes en 1979 e traballou tamén no sector na edición e como xornalista editorial. Como poeta, veu presentarnos o seu novo poemario Emily on the road e agasallounos cun recital dalgún das súas composicións con acompañamento musical en directo e coa presentación dalgunhas das imaxes publicadas no libro. Ver a posta en escea da performance aquí.

Como tamén é ensaísta achegounos á vida e á obra de Francisco Añón tratadas nunha antoloxía comentada por el mesmo e publicada na colección Clásicos da editorial Galaxia co gallo de celebrar o bicentenario do nacemento de Añón.

Se queres ler a Ramón Blanco, ségueo no seu blog literario: http://aoutrabanda.blogspot.com.es/


22.11.12

Visita á Feria Internacioanl de Maquinarias-ferramenta a Accesorios no Porto

Do 21 a 24 de Novembro, celébrase o EMAF, a Feira Internacional de Máquinas, Equipamentos e Serviços para a Indústria, no Porto - Portugal.

O noso alumnado do Ciclo Medio de Mecanizado acompañados polos seus profesores Rivas e Sito foron testemuñas das exhibicións do mundo da industria máis punteira e do crecemento da competitividade das empresas. Esta feira engloba eventos altamente especializados onde se presentan as solucións e innovacións para toda a cadea de valor industrial. Nesta exposición Internacional de Máquinarias-ferramenta e Accesorios mostranse os mellores produtos e innovacións en automatización e control industrial.

21.11.12

Entrega dos premios "Concurso de Cabazas 2012"

O martes 20 de novembro no recreo fíxose entrega dos premios do Concurso de Cabazas co gallo de festexar o Samaín.

Noraboa aos gañadores e grazas aos participantes!


1º Premio
Sara Galdo Villarquide, 1º A & Leticia De PedroMartínez, 1º A
2º Premio
Carlos Santiago Vaz Febrero, 3º B
3º Premio
Silvia Rozas Ramallal, 3º B
Participantes:

Andrea Barro, 1º A
Yago Campoamor, 1º A
Alba Carreiras, 1º A
Alejandro Esquerdeiro, 1º A
Sara Fernández, 1º A
Marta Calvo, 1º B
Aitana Vázquez, 1º B
Andrés Andrade, 2º A
Antía Baño, 2º A
Sara Cordido 2º A
Raquel López, 2º A
Andrea Ramos, 2º B
Tamara Rico, 2º B
Álvaro Ferreira, 3º B
Sergio Rivas, 3º B

20.11.12

Obradoiro de achegamento á lingua portuguesa

Durante este luns día 19 e o martes día 20 de novembro tiveron lugar no IES Perdouro seis obradoiros de portugués (“OPS!” O Português Simples) dirixidos ao alumnado de ESO, Bacharelato e PCPI.
Esta iniciativa puido levarse a cabo grazas á colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo e da Associaçom Galega da Língua e tiña como obxectivo mostrarlle ao alumnado do noso centro a vantaxe competitiva que representa a nosa lingua, o galego, no contexto español e europeo, porque nos permite acceder ao ámbito educativo e laboral dos países que se expresan en portugués (Brasil, Portugal, Angola...) e, polo tanto, ás súas sociedades, producións culturais e mercados laborais.

19.11.12

Acollida Grupo BBZ - outono 2012

Este luns 19 de novembro foi recibido e acollido polo Director, Santiago J. Pérez e pola Vicedirectora, Karina Parga, un grupo de 4 rapaces e rapazas alemáns acompañados pola súa monitora, Luisa Huiguera, como parte dun programa europeo de mobilidade por intercambio IdA Explorer! entre o centro de ensinanza “IES Perdouro” de Burela e Centro de Capacitación Profesional “Berufsbildungszentrum” (BBZ) de Augsburgo. Logo da recepción de benvida no centro, os aprendices visitaron algún dos puntos de interese de Burela e achegáronse ata a fábrica de Sargadelos onde observaron o proceso de elaboración das pezas de cerámica. Os participantes neste proxecto de formación realizarán prácticas en empresas da localidade.


Sarah, Patricia, Sasha e Stefan son 4 rapazas e rapaces alemáns que chegaron este sábado 17 de novembro a Burela co próposito de realizar as súas prácticas en empresas da localidade no sector da informática (APP), electrónica (TECNAV), deseño gráfico (ARFE) e hostelería (KIKO). O martes empezarán a súa formación nas empresas colaboradoras ata o 13 de decembro coa ilusión de aprender e abrir horizontes profesionais.

Karina Parga, Vicedirectora do IES Perdouro e encargada do Proxectos Europeos, explica que se trata dun proxecto piloto alemán cuxa finalidade é incrementar as oportunidades de estudos da xuventude. Este proxecto transnacional está respaldado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña e polo Fondo Social Europeo. A Vicedirectora sinala que xa leva 3 anos traballando co Centro de Capacitación Profesional  Berufsbildungszentrum (BBZ) de Augsburgo, Alemaña e que acaban de asinar unha prórroga dun ano máis. O convenio entre o IES Perdouro e a BBZ enmárcase no proxecto IdA EXPLORER! para fomentar o intercambio transnacional en Europa, reivindicando a importancia de coñecer outras realidades para desenvolver competencias e habilidades que faciliten unha integración cualificada e duradeira no mercado de traballo. O IES Perdouro forma parte deste proxecto xunto a 5 entidades sociais de Italia, Austria, Hungría, Polonia e Alemaña.

16.11.12

Obradoiro de creación de espectáculo sesión 1

Este luns, 12 de novembro, tivemos connosco a Ton Arenas que nos iniciou no mundo dos títeres. Comezamos un proxecto interdisciplinar co obxectivo de que o alumnado de 3º ESO cree os seus propios espectáculos de monicreques. Nesta actividade participarán os departamentos de Lingua, Plástica, Tecnoloxía e Música.   

14.11.12

Saída micolóxica

Cogomelos 2012Un grupo de alumnos de Bioloxía de 4º ESO e 1º de Bac foi na tarde do martes 12 de novembro ata Penas Agudas recoller cogomelos co propósito de realizar unha exposición dos espécimes locais máis representativos no centro ao longo desta semana.

A recolleta foi moi abundante como demonstran as cestas cheas de boletus edulis, lepiotas, níscalos, amanitas rebescens, entre outras especies.

Logo da camiñata polo monte, o grupo tivo a grato de merendar chocolate con churros.

Mostra de fungos #CogomeloPerdouro

O Departamento de Ciencias Naturais organizou a súa exposición anual de cogomelos da comarca. Logo da recollida dos exemplares polos montes de Penas Agudas, o alumnado de 1º de bacharelato participou na actividade de identificación e etiquetado dos fungos para amosar a diversidade destes seres vivos.
Fixádevos na seguinte reportaxe fotográfica, paga a pena.


Como recoñecer os cogomelos?
De axuda pode servir este vídeo, para empezar.
Aquí tedes unha información recompilada sobre os cogomelos de interese sacada da páxina Bioecología.

Recomendacións sobre Cogomelos de Galicia.
Guías virtuais de setas:
Guías en PDF:
Cociñar:

13.11.12

Ruta histórico-cultural por Burela

O pasado 12 de novembro, os rapaces e rapazas de 1º da ESO realizaron un itinerario xeográfico e histórico pola nosa vila. Con esta actividade coñeceron e aproximáronse máis ao noso contorno, descubrindo aspectos, espazos e trazos históricos novos.

A  actividade rematou coa visita á Igrexa da Vila do Medio coa análise dos elementos artísticos máis sobresaíntes, salientando entre todos eles as súas pinturas góticas sobre a paixón e morte de Xesucristo.

O alumnado sentíuse especialmente atraído polo legado cultural existente en Burela que para algúns resultou ser descoñecido.

1º ESO A 1º ESO B

Nubes de palabras

Estas son algunhas das nubes elexidas para concursar como Marcapáxinas-Calendario 2013.

Aitor Eijo Víctor Cabarcos 
Mario Nieto  
 
Víctor Cabarcos 
Aitor Eijo
 
Alejandro Ramil
 
Claudia Gomes
 
Annie Rosa Farroñán

9.11.12

Elena Premiada no concurso de relato sobre Violencia de xénero

Elena Valle García, alumna de 3º de ESO, foi premiada polo seu relato sobreviolencia de xénero,  titulado "Eles tamén teñen dereito a voar", certame convocado pola Asociación Mujeres Entretejidas de Lugo.

Hoxe , venres 9  de novembro ás 19h na praza de España en Lugo, Elena abrirá o acto coa lectura pública do seu manifesto. Esta concentración en contra da violencia pretende formar un texido humano ante a violencia.

31.10.12

Samaín - Concurso de cabazas 2012

Samaín , celebramos o ano novo celta cun concurso de cabazas.


Un recreo de medo:

O mércores ambientamos a biblioteca á escuras e contamos historias de medo. Axudáronnos os alumnos de Electrónica coa súa mesa de mesclas e uns cantos efectos sonoros terroríficos.

29.10.12

Día das Bibliotecas Escolares 2012

Celebramos o día das Bibliotecas Escolares nos recreos ao longo de toda a semana. Tivemos concertos, debuxos colectivos, feira de libros, libros andantes que nos contaron as súas intrigas, e unha exposición de libros da Biblioteca Municipal de Burela.

Todo iso, podédelo ver no seguinte albúm de fotos:

IdA Explorer! continúa un ano máis

O pasado luns 29 de outubro, tivemos a visita de Hubertus Freisinger, coordinador do proxecto europeo IdA Explorer! (2009-2012) da Berufsbildungszentrum (BBZ) Augsburg gGmbH, un centro de formación e inserción laboral da localidade alemana de Augsburgo. Neste encontro fíxose balance dos tres anos de proxecto que se valorou positivamente polas partes implicadas. Aproveitouse a ocasión para asinar unha prórroga por un ano máis, ata outubro de 2013.

27.10.12

Moderna pedagoxía galega protagonista dunha xornada de estudo na universidade de Barcelona

Baixo a organización da Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona, na Cidade Condal celebrouse o pasado día 26 de outubro unha xornada científica centrada no papel das linguas da inmigración na escola. No encontro situáronse en destaque a metodoloxía didáctica “Modelo Burela” impulsada pola área de innovación do Instituto Perdouro da vila da Mariña e o proxecto Galauda levado á práctica por máis dunha ducia de centros de ensino secundario de Cataluña.
O programa de actividades contou coa participación do director xeral de inmigración da Generalitat de Cataluña, a decana da facultade de Filoloxía e o director do departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona. Seguidamente, comezaron os diferentes relatorios centrados na política lingüística nos sistemas escolares de Galiza e Cataluña e en proxectos desenvolvidos en ambas as comunidades e encamiñados á cohesión social nos centros educativos.
Na mesma xornada, mais en horario de tarde, celebrouse unha mesa redonda coa participación de profesorado das universidades de Girona, Barcelona, Vic e Santiago de Compostela. O encontro finalizou coa conferencia da coordinadora do mesmo, a profesora Carme Junyent, da Universidade de Barcelona, sobre o papel das linguas nos centros escolares.
O relatorio do Instituto Perdouro integrou diversas proxeccións audiovisuais, xunto coa reprodución de fragmentos concretos do programa radiofónico “Proxecto Neo”, dedicado á integración de persoas neofalantes. O protagonismo centrouse nas persoas participantes en varios deses programas durante o curso pasado: Karina Parga (de nacionalidade francesa; Vicedirectora do IES Perdouro), Antonina Semedo (caboverdiana, integrante do gurpo musical Batuko Tabanka), Ummer Mohammad (estudante de orixe pakistaní), Juan Mario Lawicki (estudante de orixe ucraniana) e Catalina Sánchez Luengo (xerente da Fundación Expomar, orixinaria de Villanueva de la Serena en Badajoz).
A representación do proxecto educativo do Instituto Perdouro estivo a cargo de Bernardo Penabade, quen expuso a liñas xerais da metodoloxía didáctica “Modelo Burela” tanto para o fomento da fluidez das linguas estranxeiras como na integración de neofalantes e na mellora da expresión escrita da lingua de partida. Durante o encontro celebrado en Barcelona, valorouse a aplicación de novos proxectos de didáctica das linguas nos centros de ensino secundario da Mariña, como resultado da colaboración das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, así como do proxecto Galauda de Cataluña.
ENLACES

15.10.12

14.10.12

24 de outubro - Día das Bibliotecas Escolares

24 de outubro - Día das Bibliotecas Escolares
 
Desde hai algúns anos, a IASL vén instando á celebración do "mes da biblioteca escolar" (anteriormente, Día da biblioteca escolar no cuarto luns de outubro) co fin de difundir as posibilidades deste tipo de bibliotecas e a súa potencialidade como factor de calidade do ensino nos centros.  Desde os inicios, a Asesoría de bibliotecas escolares apoiou esta iniciativa internacional cunha chamada á realización de actividades que servisen para facer visible a biblioteca nos centros.  O lema deste ano é A biblioteca escolar, unha chave para o pasado, o presente e o futuro.
Desde 2008, a Consellería de Educación vén editando, a comezos de cada curso escolar, un cartel para difundir o modelo de biblioteca escolar polo que se está a traballar, uníndose desta forma á celebración do Día da biblioteca (24 de outubro), no convencemento de que, aínda sendo unha biblioteca específica (cunha misión clara dentro do centro educativo, e uns servizos e actividades acordes á súa definición como "centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe"), non deixa de ser unha BIBLIOTECA; máis aínda, é a ÚNICA biblioteca pola que pasa toda a poboación en idade escolar dun país: todos os nenos e todos os mozos teñen no seu centro (ou deberían ter) unha biblioteca escolar.
Galicia conta, desde hai pouco (Lei 5/2012, do 15 de xuño), cunha Lei de Bibliotecas de Galicia que contempla a Rede de Bibliotecas Escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, xunto coa biblioteca de Galicia, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as Bibliotecas Universitarias e as bibliotecas especializadas entre outras.

3.10.12

Videopoema: "A palabra" de Celso Emilio Ferreiro

Este é un exemplo dun traballo sinxelo con Photopeach que podedes probar cun poema que vos agrade. Animádevos, os resultados son rápidos e sorprendentes.

A palabra on PhotoPeach

6.9.12

Acto de inauguración da exposición "Cerámica con Identidade"

O pasado mércores 5 de setembro, na Cenima de Foz, Maite López, Conselleira de Turismo e Santiago Pérez, director do IES Perdouro, inauguraron a exposición que leva por nome “Cerámica con identidade - Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo”. Trátase dunha colección de pezas de cerámica realizadas polos alumnos de 3º e 4º de ESO do IES Perdouro de Burela que naceu inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba unha modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento. 


Cristina Durán, profesora de Plástica no IES Perdouro e Estéfano Gudín, ceramista,  colaboraron conxuntamente durante tres semanas para achegar aos alumnos, a figura de Isaac Díaz Pardo, veciño de Sargadelos e todo un referente da nosa arte galega.

4.9.12

Cerámica con Identidade

O vindeiro mércores día 5 de setembro ás 19.00 h. terá lugar no CENIMA do Concello de Foz a inauguración da exposición:

CERÁMICA CON IDENTIDADE
Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Exposición de traballos escolares realizados no IES PERDOURO DE BURELA en colaboración có ceramista Estéfano Gudín e inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento.

Esta exposición permanecerá aberta dendo o día 5 ata o 29 de setembro.    


Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Durante o proceso de redacción e aplicación do proxecto de innovación educativa coñecido como Modelo Burela, o Instituto Perdouro estableceu contacto directo con numerosos axentes sociais tanto da propia localidade como da comarca mariñá. No curso 2011-12, ese labor de interlocución centrouse nun sector específico: as entidades comerciais e empresariais. Foi así como entre o centro educativo e o artesán ceramista Estéfano Gudín surxiu unha colaboración que se plasmou nun convenio bilateral.

Unha das integrantes do cadro docente, a profesora Cristina Durán Arufe, foi a primeira que manifestou interese en aproveitar a potencialidade dese convenio para realizar un obradoiro artístico destinado a alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO. A súa pretensión era buscar unha nova actividade en que mozos e mozas puidesen experimentar coa materia prima, que tivesen oportunidade de aplicar os coñecementos teóricos adquiridos na materia de Educación Plástica e Visual.

A proposta tivo unha magnífica acollida tanto por parte da Vicedirección de actividades extraescolares como do artesán Estéfano Gudín. Así naceu unha actividade educativa inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento.

Durante os tres períodos lectivos semanais do mes de marzo e abril, as mesas da sala de artes plásticas cubríronse con saquetiños de caolín e, seguindo as explicacións de Cristina Durán e Estéfano Gudín, alumnos e alumnas fóronlle dando forma ás figuras que naceran na súa imaxinación.
Os resultados daquelas iniciativas de comercio emprendedor e de escola transformadora, atenta á innovación da sociedade que a rodea, están agora reunidos nesta exposición que abrimos ao público no CENIMA, a quen agradecemos a acollida.
Confiamos en que os contidos sexan do seu agrado.
Moitas grazas pola visita.

AUTORÍA DOS TRABALLOS
ÁLVARO  CREGO  DEÁN
CARLA  BOLAÑOS  BLANCO
GABRIEL  ORTIZ  CIDE
ESTELA  FERNÁNDEZ  CABANA
ANDREA  REGA  VILLAREJO  e   SARAY  GÓMEZ  MESA
ELENA  GARCÍA  PALEO  e  XIANA  FERNÁNDEZ  DÍAZ
JESÚS DANIEL  CAMPOS  LÓPEZ
JULIETA  JOHANA  DURÁN  e 
GIANELLA  A. CARBAJAL  MANCHEGO
GABRIEL  BERMÚDEZ  ÁLVAREZ
CRISTINA  CIGARRÁN  DÍAZ
JOSÉ  CARLOS  DÍAZ  LORENZO
CRISTINA  FERNÁNDEZ  BLANCOe   ÁNGELA  IÑIGO  GONZÁLEZ
ANDREA  GÓMEZ  PARDO
ALEX  LIÑÁN  RABOST
AITOR  LÓPEZ  ANELLO
ANDREA  LORENZO  BAAMONDE
VÍCTOR  CABARCOS  VAL
KAREN  FERNÁNDEZ  BEDOYA
NELIA  CRISTINA  GONÇALVES  GOMES
PAULA  VIRGINIA  MONTEIRO  FERREIRA
UXÍA  DÍAZ  FERNÁNDEZ
TANIA  DÍAZ  VÁZQUEZ
AZUCENA  FONTERIZ  OLDÁN
CINTIA  FERNÁNDEZ  CASTRO e  SARA  PERNAS  POLO

EQUIPO DOCENTE

CRISTINA DURÁN ARUFE (Santa Comba, A Coruña) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Desenvolve a súa actividade artística realizando exposicións individuais como Dúbidas (Espacio 48; Santiago de Compostela) e Lugarsinlugar (Arte XXI; Madrid); e participando en varias exposicións colectivas como a Homenaxe a Lucio Muñoz (Palacio de Congresos; Madrid), Novos Valores (Deputación Provincial de Pontevedra), no “Certame de pintura Concello de Cambre” , no “IX Certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo” e na exposición “Encontros no pazo de Mariñán” (Fundación Luís Seoane; A Coruña).
A súa obra conseguiu varios premios, entre eles na “Bienal Internacional de arte Fundación Araguaney” (Mención de Honra); no “Premio de pintura Comarca do Sar” de Padrón (Terceiro e Primeiro); no “Certame Isaac Díaz Pardo” da Deputación da Coruña (Adquisición) e no “XIII Certame de Arte Galería Burela” (Primeiro).

Desde setembro de 2007 é profesora de Debuxo no IES Perdouro de Burela. No curso 2011-2012 desenvolveu en colaboración con Estéfano Gudín unha actividade educativa en que se fusionaron a arte, a artesanía e a docencia.

ESTÉFANO GUDÍN (Arancedo-El Franco; 1958) comezou a realizar pezas de cerámica durante o ano 2000 e tivo como referencia os alfareiros de La Rambla, en Córdoba. Pouco tempo despois entrou en contacto con diversos artesáns asturianos. Seguindo as indicacións destes, realizou diversas réplicas de utensilios domésticos que observou nas pallozas de Piornedo (Os Ancares). Desta maneira, foi facendo potes, tarteiras, tixolas e cazos sempre con barro tratado con diferentes terras para conseguir óxidos naturais a imitación do ferro.

Desde o 1 de abril de 2004 exerce a actividade profesional no seu obradoiro aberto ao público na localidade de Cervo. Aínda que mantén as características tanto no uso dos materiais como no deseño, diversificou notabelmente a produción e realiza tanto pezas de uso doméstico (xogos de café, xogos de queimada, botellas, tazas, xarróns) como obxectos decorativos (murais, placas, maquetas e esculturas). Mostras públicas da súa obra están en exposición permante no Concello de Viveiro e no Museo Provincial de Lugo.

3.9.12

Queres perdourar connosco?

Que é "perdourar"? Pois é a nosa forma de traballar a prol da lingua. Trátase de utilizar o galego na vida cotiá do Perdouro para que perdure. Tamén tentamos o mesmo en todos os ámbitos sociais da vila e para recoller mostras disto contamos cunha área de innovación educativa que traballa nun proxecto de innovación lingüística plasmado no "Modelo Burela".  Convidámoste a que colabores con nós!

2.9.12

Benvidos o noso blogue

Preséntovos o blog de lingua galega do IES Perdouro de Burela. Está dirixido a toda a comunidade educativa do centro e a toda aquela persoa interesada na lingua galega. Por aquí andaremos perdourando todo o curso e agardamos, mesmo, que o proxecto perdure, de aí tamén o seu nome.
O principal obxectivo deste blog é fomentar o uso da lingua galega integrando as TIC neste ámbito.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...