6.3.16

Premio para Andrés Quiroga polo seu esforzo e superación

Andrés Quiroga Rivas, alumno de 1º de Bach, foi recoller o pasado venres 4 de marzo en Santiago de Compostela o seu Premio ESO á superación e esforzo persoal.

Parabéns Andrés!!!

5.3.16

V Xornadas de asesoría de imaxe, hixiene e estética persoal

Por quinto ano consecutivo o Departamento de Imaxe Persoal do IES Perdouro de Burela acolleu nas súas instalacións aos usuarios da Fundación "Eu Son". Ao longo dos dous días destas xornadas de convivencia, os alumnos e alumnas do ciclo medio de Peiteado e cosmética capilar realizáronlles diferentes prácticas de afeitados, arranxos de barbas, cortes de cabelo, hixienes e coloracións capilares, cambios de forma no cabelo e tratamentos estéticos de mans. Ademais os usuarios da Fundación Eu Son tamén aprenderon de forma fácil e divertida a proceder ao arranxo da súa imaxe.

Unha grande experiencia para todos, en especial para un futuro máis empático e tolerante do alumnado no sector profesional.

Javier Rouco, Xefe do Dpto de Imaxe Persoal

3.3.16

Festival teatro clásico en Lugo

O pasado luns 29 de febreiro, alumnas e alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato fomos a Lugo para asistir ao Festival grecolatino organizado por Prósopon.
Chegamos á capital da provincia logo dunha viaxe moi entretida e dirixímonos ao auditorio Gustavo Freire. Alí escoitamos con paixón "Medea", unha traxedia grega escrita por Eurípides, que mantivo en tensión ao respectable durante máis dunha hora.
Xa pola tarde, o ambiente no patio de butacas era distinto. O nó na gorxa da anterior historia deu paso a risos grazas á adaptación moderna de "Os Menecmos" (Os xemelgos), unha obra de Plauto pertencente á comedia latina.
Despois dun día de emocións voltamos a Burela cun resaibo doce por ter asistido a este evento, tanto polas obras que eran de grande interese como polo elenco actoral que estivo sublime. 

Crónica de Maka Ledo Vázquez

Continua o torneo de xadez nos recreos

Nos recreos, de luns a xoves, os participantes no torneo de Xadrez cítanse na aula PT para competir contra o seu rival. Neste aula reina o silencio e a concentración como o indica as fotografías de aquí abaixo.


2.3.16

Visita Campus de Lugo

O día 29 de febreiro, os alumnos de 1º de Bacharelato viaxamos a Lugo para visitar o campus, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Ao chegar, asistimos a unha charla onde nos explicaron as notas de corte do ano pasado nas titulacións de Lugo e Santiago. Cando rematou, dividímonos en grupos segundo as nosas preferencias. Os alumnos interesados no grao de ADE e no de Ciencias fomos primeiro á Biblioteca Intercentros, onde nos explicaron as súas principais funcións, así como as súas seccións, horarios ou a súa conexión co resto de universidades galegas.
O grupo restante non puido visitala, xa que tivo que desprazarse ata a Facultade de Formación do Profesorado, situada na Avenida Ramón Ferreiro, no centro da cidade. Alí recibiron información do decano, quen os informou do que ían ter que aprender para formarse como profesores. Para rematar, visitaron varias aulas, entre elas a de plástica, unha das máis empregadas polos alumnos.
Cando chegamos á facultade de ADE, leváronnos a unha aula na que se imparte clase normalmente. Alí, coñecemos á decana, encargada da supervisión das instalacións e de solucionar calquera problema que os alumnos puideran ter. Explicounos, coa axuda dun profesor, as principais materias impartidas no grao e a importancia das leccións prácticas neste tipo de formación. Tras a charla, fomos de paseo polos exteriores da facultade. Alí, os estudantes pasan o tempo libre e realizan actividades relacionadas co medio ambiente.
Os alumnos que foron á facultade de Ciencias separáronse en pequenos grupos, xa que cada un tiña unha serie de preferencias. Os interesados na saúde tiveron que ordenar ósos do corpo humano en moldes no lugar correcto, e os que teñen en mente estudar unha enxeñería, aprenderon como poñer cor nos fogos artificiais. Cando voltaron, fomos a xantar ao centro comercial.
Pola tarde fomos visitar o hospital Rof Codina, onde dous expertos nos explicaron os distintos medios cos que contaba o hospital: a gammagrafía, varios métodos de ecografía, a terapia con radioisótopos, etc. 
Cando rematamos, dirixímonos á aula de Historia Natural, situada na Facultade de Veterinaria. Alí puidemos ver todo tipo de esqueletos de animais que morren no hospital, no zoo de Marcelle e nalgún circo que ven a Lugo. Ao rematar a visita, entramos na sala onde se encargan de preparalos adecuadamente para a súa exposición.
Sara Cordido Requejo – 1º Bach.

1.3.16

Visita formativa ao taller de Mecanizado.

Alumnas/os de 1º de Bach do IES Marqués de Sargadelos acompañados pola súa profesora de tecnoloxía, Fina Rodríguez, visitaron esta mañá o taller de Mecanizado para ver o seu sistema de fabricación e poder observar o funcionamento dos tornos, fresadoras e outras maquinarias de control numérico que empregan para mecanizar pezas metálicas.

Hora de Ler: biblioteca de aula

Para alimentar as lecturas da Hora de Ler, puxemos 4 bibliotecas de aulas cunha selección de lecturas segundo os cursos. Os alumnos de 1º de ESO teñen ao seu dispor os cómics en galego de Astérix e Obélix  e varias biografías de persoeiros de interese. Para os alumnos de 2º de ESO, colocamos unha selección de bandas deseñadas en galego asi como a colección de Érase unha vez.... Desfrutade da lectura!!!!





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...