Mostrar mensagens com a etiqueta escritura. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta escritura. Mostrar todas as mensagens

14.2.24

Semana dos afectos igualitarios

AVISO ESPECIAL: Ábrese o servizo postal para enviar cartas de agarimo a quen queiras, compañeirxs, noivxs, profesores, persoal non docente. 

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas a semana pasada para avisar que o seu servizo de mensaxería estará operativo a partir do xoves 15. 

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o nome completo do/a destinatario/a e o seu curso e envíao nun sobre.

Poderanse dirixir as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 19 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

8.1.24

Cartas aos xeriátricos para felicitar o Nadal

Un ano máis, o alumnado de 1ESO do IES Perdouro participou na actividade de elaboración e envío de cartas a distintos xeriátricos da Mariña para felicitar as festas aos nosos maiores e arroupar a aqueles que poidan sentirse sós. 

Agardamos ter sorte e, que á volta das vacacións de Nadal, algúns se animen a respondernos!

10.2.23

Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

En plena semana dos afectos, contaremos na biblioteca do centro coa escritora Antía Yáñez. Aí foi onde Antía sendo nena medrou e iniciouse no mundo da escritura. Estará co alumnado de 1º ESO impartindo un obradoiro de escritura creativa.
 
Educando en valores.

21.4.22

Mes da muller: Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

O día sete de marzo visitounos Antía Yáñez nas aulas de 1º ESO e ensinounos a facer varias actividades. 

Primeiro deunos uns papeis cuns textos dun concurso. Eses textos fómolos lendo e foinos contando de que trataban e entre todos conseguimos entendelos. Centrábanse na violencia machista, nas diferentes orientacións sexuais e incluso había un protagonizado por un gato e un láser que nos fixo moita graza. Despois explicounos que, para escribir unha historia, existen dous procedementos: algúns poñen primeiro en esquema a idea central e despois fan o deseño de personaxes e outros fan á inversa. 

Finalmente, deunos unha ficha de personaxes para que nós creásemos un -o que quixéramos- para máis tarde escribirmos un relato. Tamén dixo que non era necesario cubrir todas as preguntas, só as básicas. Cando se esgotou o tempo, despedímonos dela e démoslle as grazas por vir. 

A verdade é que o pasamos moi ben.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ

Noa Burgos Pernas - 1º ESO A

4.3.22

Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

O luns 7 de marzo teremos no centro a Antía Yáñez impartindo un obradoiro de escritura creativa pola igualdade destinado ao alumnado de 1º ESO. 
 
Conseguiremos un mundo mellor a través da palabra xusta, dende do respecto, a igualdade e a sororidade. 
 
Educando en valores.

8.2.22

Semana dos afectos

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas para avisar que o seu servizo de mensaxería xa está operativo. 

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o destinatario/a e o seu curso.

Poderanse dirixirte as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 11 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

Despois de estar as cartas en cuarentena repartiranse o luns 14.

18.12.21

Obradoiro de escritura con Artemisa Semedo

OBRADOIRO DE ESCRITURA CREATIVA
A importancia de relerse e reescribirse
 

Os días 23 e 24 de novembro o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos un obradoiro sobre escritura creativa impartido por Artemisa Semedo, que foi alumna do noso Centro.

Co título de “A importancia de relerse e reescribirse”, durante dúas sesións de dúas horas cada unha, desenvolvemos unha serie de actividades relacionadas coa creación de textos e a sensibilización contra a violencia machista.

Nun primeiro momento fixemos un xogo a modo de presentación, para romper o xeo e sentirnos máis cómodos á hora de expresar as nosas ideas; tivemos que elaborar unha frase co noso nome e unha cousa coa que nos identificásemos.

Outras actividades que fixemos foron cadeas de palabras seguindo as ditas polos compañeiros e compañeiras, escoller cores asociadas a unha persoa e escribirlle un texto agradecéndolle algo ou a chamada “caixa de palabras” (elixir unha palabra, pensar cinco relacionadas con ela e redactar un texto).

Na segunda sesión xa tivemos que pensar algo máis e ser máis creativos á hora de escribir as nosas historias ou poemas. A partir dunha frase que nos deu Artemisa, nós tivemos que elaborar un texto. Despois ensinounos un graffiti de Bansky dunha nena cun globo e a partir desta imaxe tivemos que escribir unha historia imaxinaria ou algunha lembranza da infancia.

Para rematar, centrámonos no tema do 25N, na violencia machista, e tivemos que expresar nun texto qué lugar do noso corpo sentiamos máis tensionado, negado ou agredido e que outras sensacións nos pode chegar a producir o patriarcado presente na nosa sociedade. Esta actividade era difícil xa que non todas as persoas querían compartir a súa opinión cos demais, pero houbo algún compañeiro e compañeira que se ofreceu a contar a súa historia.

Neste obradoiro compartimos a nosa imaxinación, as nosas vivencias e as nosas emocións, algo que, ao mellor, na nosa casa non fariamos.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Iria López e Yago Martínez, 1º Bacharelato

8.2.21

Semana dos afectos igualitarios

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas para avisar que o seu servizo de mensaxería xa está operativo. 

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o destinatario/a e os eu curso.

Poderanse dirixirte as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 12 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

Despois de estar as cartas en cuarentena repartiranse o xoves 18 a 6ª hora.


14.6.20

Diario do confinamento 2020

Os alumnos/as de 4º de ESO estiveron escribindo os seus diarios do confinamento. A súa profesora Miruca Parga seleccionou os textos que forman o seguinte diario de 4º de ESO A. 

16.5.20

Cantámoslles aos Maios!!!!

O alumnado de 2º de 3º de ESO estivo compoñendo unhas coplas en lingua galega coa súa profesora Belén. E aquí o resultado da creatividade en ocasión moi graciosa do noso alumnado.

27.4.20

Rap do confinamento

Dende sempre a música actuou como o vehículo idóneo para a expresión e manifestación das emocións humanas. Nestes tempos de confinamento, de circunstancias insólitas nunca vividas, pedinlles aos meus alumnos de 4º que creasen unha letra e a interpretasen modo de rap, coa intención de que expresaran libremente todo aquelo que sentían e que ao mellor non verbalizaban.
O resultado foi extraordinario, e merecen todo o recoñecemento, non só polo gran potencial creativo, senón tamén pola actitude impecable, a conciencia que puxeron e a responsabilidade persoal que asumiron durante todo este proceso. Noraboa a todos!!

Aquí deixamos os raps por orde de lista.

Dolores Otero, profesora de música.

14.2.20

Reparto das cartas de afectos igualitarios

Esta mañá, 14 de de febreiro, chegou o gran momento da semana. Os emisarios de Cupido repartiron as cartas que provocaron mais de un sorriso.

Accede aquí a reportaxe fotográfica.

11.2.20

Semana dos Afectos Igualitarios


No ámbito da celebración da Semana dos Afectos Igualitarios, a Biblioteca e o EDLG desafían toda a comunidade educativa a elaborar uns versos cunha mensaxe sobre os afectos para o muro dos aloumiños.
Con esta atividade a Biblioteca e o EDLG pretenden fomentar a creatividade e imaginación dxs alumnxs.
Os versos máis orixinais terán premio. Valorarase a escritura creativa en galego así como a creatividade plástica da tarxeta. 
........................................................................................................
Os emisarios de Cupido estarán repartindo cartas o venres 14.
............................................................................................................
Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o nome destinatario/a e curso.
Poderanse dirixir a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.
...............................................................................................................
Tedes ata o día 13 para mandar versos afectuosos a quen queirades.

9.2.20

Semana dos Afectos Igualitarios


Os emisarios de Cupido estarán repartindo cartas o venres 14.
Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o destinatario/a.

22.5.19

Obradoiro sobre escritura medieval

O pasado luns 29 de abril ás 16:00 horas, realizamos un obradoiro sobre escritura medieval a cargo de GaliPat Servizos Culturais.
Comezamos esta actividade, recibindo unha pequena explicación. Logo, fixemos o obradoiro, no cal, tivemos que realizar un selo. Primeiro, pensamos o que queriamos debuxar, e para elo, os profesores déronnos unha folla con exemplos. Unha vez ideado plasmámola no papel, ademais tivemos que escribir as nosas iniciais e poñer ex-libris, que era unha marca de propiedade.
Seguidamente, tivemos que punzar unha especie de goma. Para eso, démoslle a volta ao noso debuxo, para que ao colocar o selo, quedara axeitado. Finalmente, mollamos a goma nunha pintura vermella e pousámola nunha folla. Todo o material empregado por nós, levámolo para a casa.
Outra parte da actividade, consistiu en ver como era a primeira imprenta. Explicáronnos como funcionaba esta máquina, ideada por Gutenberg (século XV), e un compañeiro de 2º ESO B fixo unha demostración de como funcionaba.

Accede ao albúm de fotografías aquí.

Álvaro Mesa, Santiago Casal e Álvaro Fernández.- 2º ESO A

10.3.19

Entroido en banda deseñada

O alumnado de 2º ESO de Reforzo de Lingua imaxinou unha historia onde eles mesmos ían ser os protagonistas. Repartiron as tarefas en canto idearon o conto. Noemy fixo os debuxos, Cristina e Lucía colorearon, Yoselin e Sarr pasaron a limpo os diálogos. Aquí está o resultado que estivo exposto nas escaleiras do pavillón principal.

19.2.19

Celebramos o día dos namorados

Para celebrar o día dos namorados, expuxemos unha pequena selección de libros e filmes con temática amorosa na vitrina do vestíbulo.
Ideamos o muro dos aloumiños onde quen quixera podía achegarse, abrir un sobre e atopar unha mensaxe de agarimo. O alumnado de 1º de ESO escribiunas botándolles imaxinación e o de 4º de ESO puxo unhas pingas de amor en francés tamén polos sobres.
Ademais puxemos unha caixa de correos para mensaxes xa máis personalizadas con destinatario. Uns emisarios de Cupido foron polas aulas para informar de dita actividade epistolar e animar á súa participación. Cal foi a sorpresa no día seguinte? Pois que no día 14 os emisarios foron repartir unha grande cantidade de cartas de amizade. Hóuboas para todos, alumnado e profesorado. Todos esperaban curiosos poder recibir algunha correspondencia. Foi un grande éxito!!

Accede aquí a reportaxe fotográfica.

8.2.19

Exposición Poemas de amor

O alumnado de 2º PMAR compuxou uns poemas de amor para ambientar o centro nestas datas da Candeloria e dos namorados.

Ver a reportaxe fotográfica aquí.

6.2.19

2º PMAR informa...

O alumnado de 2º PMAR converteuse en xornalistas de prensa escrita e inventou os seguintes sucesos. Buscou inspiración na prensa en papel e logo maquetou as súas novas poñendo en práctica a expresión escrita.

28.5.18

Obradoiro de escritura medieval

A mesma hora e o mesmo lugar, mais ese luns foi diferente. Non iamos ter as mesmas clases que de costume. Nas horas das materias de Física e Castelán, dúas relatoras convidadas explicáronnos as diferentes formas que tivo a escrita ao longo da historia e mostráronnos desde un pequeno taboleiro de cera até unha réplica do pergamiño Vindel. Que é o pergamiño Vindel? Eu tamén o preguntaba até que nos explicaron que se trata dun manuscrito que recolle as cantigas de Martín Codax, grande poeta do século XIII. 
As coordinadoras do obradoiro repartíronnos uns papeis con letras impresas e nós puxémolos encima dun anaco de madeira de balsa. A seguir, dando toques cun algodón impregnado con aceite de eucalipto, conseguimos que a imaxe do papel pasase á madeira. 
Fixemos un deseño nun folio. Posteriormente, debuxamos no outro lado da madeira e, cun punzón, dunha madeira máis dura e resistente, gravámolo. Ao manchar a nosa madeira cunha mestura de aceite de liñaza e óxido de ferro e poñelo encima dun papel, obtivemos un precioso selo similar a un ex libris (unha marca de propiedade dalgunhas bibliotecas, que normalmente está na tapa dos libros ou no seu reverso). 
Esta actividade fixo que puidésemos apreciar o moito que cambiaron os métodos de escritura. Na miña opinión, foi moi entretida. 

Accede ao albúm de fotos aquí.

Uxía Caldeiro Quintela 2ºA
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...