30.11.15

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela imparten uns obradoiros sobre Saúde 

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela están impartindo uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Son cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizará aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sas e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social. Esta semana, toca o segundo obradoiro dos cinco programados donde se fala da nutrición, da alimentación sá e equilibrada e dos trastornos na conduta alimentaria.

26.11.15

Videoconferencia de VI Día da ciencia en galego

Aquí tedes a conferencia "A máquina que constrúe a mente e a realidade" do recoñecido divulgador científico da universidade da Coruña, Xurxo Mariño.


No blogue a Carta Xeométrica atoparedes unha completísima escolma de materiais. : Aquí. 

25.11.15

Novidades BiblioPerdouro

Velaquí as últimas adquisións de literatura xuvenil, banda deseñada e literatura para adultos. Boa lectura!!

24.11.15

Semana Europea da prevención de residuos - GAIA

Con motivo da celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra entre 21 ao 29 de novembro, as monitoras do centro GAIA de Burela programaron unhas charlas co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia de controlar os residuos que se producen no día a día das persoas.
Os alumnos de 4º de ESO e PDC atenderon onte as explicacións das monitoras en canto a prevención e xestión de residuos nos nosos fogares tratando diferentes temas (exceso de residuos mellorando os hábitos de vida, o consumo responsable á hora de facer a compra, prolongar a vida dos produtos impulsando a reparación e a reutilización,etc). A través destas actividades preténdese sensibilizar e concienciar á sociedade sobre prevención de residuos, reutilización de produtos e a reciclaxe de materiais.

22.11.15

Ciclo de charla da AC os Matos- Mercedes Rodríguez Moreda

A Asociación Cultural os Matos organizou o pasado xoves 19 de novembro unha conferencia sobre pesca sostible e o papel da muller no mundo mariñeiro impartida por Mecedes Rodríguez Moreda, actividade destinada ao alumnado de bacharelato e Ciclos Formativos de Administración.

A A.C. “Os Matos” e o I.E.S. “Perdouro”, seguindo o camiño iniciado hai anos de dar a coñecer ao noso alumnado a realidade social, económica e cultural da comarca da Mariña, comprácese ao presentar a unha muller pioneira nun mundo dominado, ata agora, polos homes. Unha muller, veciña nosa, coñecedora, como poucos, do complexo mundo da pesca, que se comprometeu hai anos a traballar polos dereitos dos traballadores do mar.

Mercedes Rodríguez Moreda naceu en Foz. Logo de cursar os estudos de primaria e secundaria na súa vila natal, decide ir á Universidade de Compostela para estudar a carreira de Dereito, acadando a Licenciatura con Grao, obtendo o premio extraordinario de licenciatura.

Exerce a avogacía desde 1995. Dous anos máis tarde combina o traballo no seu bufete co de asesora xurídica da “Organización de Productores Pesqueiros de Lugo” e, en 1999, é nomeada directora-xerente da organización.

Mercedes é vocal do pleno do Consello Galego de Pesca e de diversas comisións sectoriais do mesmo, participando como experta en grupos de traballo da Unión Europea sobre a pesca do peixe espada e plans de recuperación do bacallau e a pescada (merluza).

Colaborou como experta dos proxectos para a irmandade Unión Europea-Rumanía e Unión Europea-Bulgaria sobre pesca. No mesmo senso tamén colaborou en proxectos con Estonia e Lituania.

Como moitas mulleres da comarca, o mundo do mar non lle resultaba alleo. A súa familia, de orixe humilde, ten antepasados ligados aos barcos e á pesca. Seu avó foi mariñeiro e seu pai rulero da Confraría de Foz, ademais de rexentar un bar no mesmo porto focego.

Como poderemos comprobar ao longo do seu relato, a vida desta persoa está cargada de reunións con responsables pesqueiros a nivel comarcal, autonómico, estatal e europeo, chamadas de teléfono, viaxes a Santiago, Madrid, Bruxelas... feitos que fan dela unha muller experimentada e especializada nun mundo cuns retos continuos: regulación de caladoiros, axudas europeas, esixencias medioambientais, entrada de novos países na UE, o prezo do combustible...

Estamos, pois, diante dunha voz autorizada para falar de “O Mar na Mariña de Lugo”.

14.11.15

Xornada de sensibilización ao autoemprego

Alumnos dos Ciclos Formativos do IES Perdouro participaron no pasado xoves 12 de novembro nunha xornada de sensibilización sobre autoemprego promovida pola Fundación Cel –Iniciativas por Lugo en colaboración coa Diputación Provincial. 

O obxectivo principal deste obradoiro foi o de  “facer ver que o traballo por conta propia é unha saída profesional máis á que poden optar os estudantes de FP ao acabar o periodo formativo, fomentando principalmente o espírito emprendedor entre a comunidade educativa e dando unha visión cercana e atractiva”. Transmitirlles que nesta aventura do emprendemento, non están sos, e que entidades como a Fundación Cel podrán apoiar a posta en marcha dun proxecto, así como ofrecer un espacio físico e asesoramento para a súa consolidación empresarial.
Por outra parte, o grupo de alumnos puideron visitar as instalacións da CEL e ver o funcionamento do viveiro de empresas, así como interactuar cos novos empresarios.

12.11.15

A praia dos afogados


caratula_grande1422Alumnos de 4º ESO, Bacharelato e 2º de FPB acudiron o pasado 11 de novembro aos Cines de Viveiro para asistir a visualización do filme, A praia dos afogados, en versión orixinal en galego, adaptación cinemátográfica da novela homónima de Domingo Villar.

Sinopse recollida da wikipedia:
O inspector de policía vigués Leo Caldas recibe unha chamada onde o avisan da aparición na praia de Madorra, en Panxón, dun cadáver, aparentemente afogado. Crese que é un suicidio, e o inspector non lle dá moita importancia, ata que na autopsia se comproba que o xeito en que ten colocada a brida que lle ata as mans apunta a un asasinato.
Pouco a pouco vaise descubrindo que a súa morte está relacionada co naufraxio do pesqueiro Xurelo, acontecido 12 anos atrás. O barco tripulábano o falecido, Xusto Castelo, O Rubio, xunto con outros dous mariñeiros e mailo patrón. O barco foi a pique preto da illa de Sálvora, unha noite de temporal, e de xeito un pouco estraño. No naufraxio falecera o capitán, mentres que os dous mariñeiros sobreviventes viven aínda en Panxón, pero non manteñen relación entre si e gardan un fondo silencio sobre o sucedido.
Ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non foi un suicidio: a chalupa do falecido aparece ao outro lado de Monteferro, lonxe do cadáver; o morto ten un golpe na caluga posiblemente feito á mantenta; e mesmo gravacións dunha cámara de seguridade. Malia á reticencia dos mariñeiros locais para falar do acontecido, Leo Caldas tira dun fío que o leva á desaparición dunha muller en Aguiño a mesma noite do afundimento.
Paralelamente, Leo Caldas segue co seu programa de radio Patrulla nas ondas; tamén ten un papel importante, mesmo na resolución da trama, o seu pai, que está a coidar do seu irmán Alberte, gravemente enfermo no Hospital do Meixoeiro en Cabral, Vigo.

11.11.15

1º ESO - Charla sobre novas tecnoloxías e as redes sociais

Dentro do  Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado martes, día 10 de novembro.

O axente Peña explicoulles a necesidade de implantar na súa rutina diaria en Internet unha serie de consellos para protexer a súa persoa e intimidade e evitar a comisión de delictos. Incidíu en que é necesario educar no intercambio e usos propios e alleos de imaxes íntimas e persoais. Fixo tamén fincapé no perigo de facilitar datos persoais e íntimos a descoñecidos e na necesidade de que comenten cos seus pais, titores ou profesores calquera contido estrano e/ou ameazante que detecten en Internet.

10.11.15

Charla sobre drogas

O martes 10 de novembro, o alumnado de 1º de Formación Profesional Básica recibiu na biblioteca do centro unha charla preventiva sobre Alcol e outras drogas impartida por Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo. Esta actividade forma parte do Plan Director para a convivencia e a cellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, e ten como obxectivo informar aos rapaces sobre as diferentes drogas legais e ilegais, os seus efectos e consecuencias na saúde e penal. En definitiva, o axente impulsou a reflexión entre o alumnado entorno adiccións e outros mitos.

Para información, consulta a web do Plan Nacional sobre Drogas  e descárgate a App.

Ver ademais La locura de las drogas en Documentos TV de RTVE

4.11.15

Videoconferencia de Xurxo Mariño - VI día da ciencia en galego

O día da ciencia en galego é unha celebración que ten como obxetivo revendicar unha protesta contra o decreto do plurilingüismo que prohibe impartir as clases de ciencias en galego. 

Nesta ocasión,  máis de 6.200 alumnos de 106 centros escolares asistiron en directo dende a Universidade da Coruña á videoconferencia "A máquina que constrúe a mente e a realidade" impartida polo neurocientífico Xurxo Mariño e organizada pola Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Hoxe, ás 12h30, na biblioteca do IES Perdouro reunironse 93 alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º Bach. para asistir a excelente conferencia sobre o cerebro de Xurxo Mariño. Ao finalizar o relator respondeu a numerosas e interesantes preguntas enviadas por Twitter baixo o #cienciaengalego.


1.11.15

Obradoiro de educación para a Saúde da Cruz Vermella

Nos meses de novembro e decembro nas sesións (5) de titoría os alumnos e alumnas de 3º da ESO, ca colaboración de técnicos da Cruz Vermella de Burela, traballarán a “Educación para a saúde”, co obxecto de promover o desenvolvemento de hábitos e condutas saudables a través da promoción de actitudes de responsabilidade fronte ás drogas, a sexualidade, bulimia e anorexia.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...