26.2.22

Gañadores no desfile de Entroido 2022

Este ano celebramos o Entroido dun xeito diferente. Como non era posible que todos nos xuntásemos, cada curso que se inscribiu no desfile foi pasando pola carpa para realizar a súa actuación. 
Os premios para as mellores actuacións foron: 

Máscara de Ouro para 4º ESO A - Pedriño Pan
Máscara de Prata para 3º ESO A - Psicomotronic
Máscara de Bronce para 1º Bacharelato B - As profesións
 

Os premios para os mellores disfraces de cada curso foron para:
  • 1º ESO B - Clash Royale
  • 2º ESO B - O enterro
  • 3º ESO B - Mario Kart
  • 4º ESO B - Xoguetes Story
  • 1º BAC B - As profesións
Premio especial ao grupo con máis mérito para Uxía, Nicole, Carla e Lara pola súa valentía ao ser as únicas representantes do seu curso:
  • 2º ESO C - Noroeste
Un agradecemento especial ao CM de Instalacións de Telecomunicacións que fixo posible a emisión do evento e a decoración da carpa

Parabéns a todos pola vosa participación e moitas grazas por vivir o Entroido con tanta alegría!!
 
Podes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

23.2.22

Día de Rosalía 2022

 O 23 de febreiro celébrase o aniversario do nacemento da nosa poetisa máis coñecida, Rosalía de Castro. Este ano modificouse a data da conmemoración do Día de Rosalía, que antes se celebraba o 24 de febreiro, día do seu bautismo. Agora sábese que ela naceu o 23 de febreiro, razón pola que se cambiou o Día de Rosalía para esta data. 

Para coñecer algo máis a obra desta autora, o alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato asistirá a un musical recitado que terá lugar ás 13:15h na Casa da Cultura de Burela. 

Por outra banda, rapazas e rapaces de 4º ESO elaboraron videopoemas con versos da autora. Presentámosmovos o de Laura González Freire e o de Silveria Patricia Varela Rocha.

Podedes ver tamén nestes enlaces os videopoemas de Paula López Martínez e Sara Pedreira González.

22.2.22

Organización do Entroido o venres 25 de febreiro


O venres 25 a partir das 11:00h comezará a celebración do Entroido. 

Un alumno do CM de Instalacións de Telecomunicacións irá buscar a cada grupo para que á hora da súa actuación estea na carpa. 

O venres durante a 1ª hora enviaranse aos titores dous enlaces para aloxar no espazo de Titoría da Aula Virtual ou de E-Dixgal: 

- Un para que nas aulas se poida ver o desfile en directo por Twich

- e outro a unha plataforma para que o alumnado poida realizar a votación do público desde a aula ao remate do desfile. 

Poderanse ver dese modo as actuacións desde as 11:00h ata última hora seguindo o horario que se axunta. 




20.2.22

Entrega de premios do Campionato San Xoán Bosco 2022

Campionatos San Xoán Bosco 2022 

Xadrez 

  • 1° premio: David Baltar Pernas / 2º ESO B
  • 2° premio: Unai García Vallecillo / 2º ESO A

Damas 

  • 1° premio: Maite Candia Barreira / 1º ESO A
  • 2° premio: Simo Lamnaouar / 2º ESO C

4 en liñas 

  • 1° premio: Adrián Díaz Urbano / 2º ESO C
  • 2° premio: Iker Trillo Souto / 1º ESO B

Puzzle 

  • 1° premio: Alba Murias Baltar & Paula Trebolle Basanta / 2º ESO B
  • 2° premio: Jorge Diez Río & Antonio Sánchez Otero / 2º ESO A

Parabéns a todxs aqueles que participastes con deportividade nestes campionatos.  

Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

17.2.22

Celebración do Entroido

O venres 25 de febreiro os cursos que o desexen poderán participar nun desfile de Entroido que se celebrará na carpa. Os cursos participarán individualmente nun horario previamente programado. Haberá premios para os mellores disfraces e interpretacións. 

O evento será transmitido en directo por Twich para velo nas aulas grazas ao traballo do CM de Instalacións de Telecomunicacións que se encargarán das cuestións técnicas e da presentación do acto. 

Animádevos a participar!! O prazo de inscrición está aberto ata o venres 18 de febreiro. 



16.2.22

Obradoiro Linguaxe de signos

O pasado venres 11 de febreiro a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) impartiu un obradoiro de dúas horas de aproximación á linguaxe de signos destinado ao alumnado de 2º CM de Xestión Administrativa e 1º CS de Administración e finanzas. Informaron sobre o traballo que realizan e concienciaron aos asistentes sobre os problemas que sofren as persoas xordas e como a lingua de signos é unha ferramenta fundamental para superar barreiras comunicativas e sociais do día a día.
Nunha primeira parte máis teórica, Xavier Sánchez Álvarez, logopeda, ofreceu un panorama amplo respecto ao que significa ser unha persoa xorda: tipos de xordeira, detección, modos de actuación (familia, colexio, médicos), principais barreiras ás que se enfrontan e alternativas para solucionar ou adaptarse a esta discapacidade. Ademais, explicou cales son os servizos que ofrece a fundación e en que provincias se encontra.
Na segunda parte máis práctica,  Isabel Pardo Sampayo, persoa xorda, fixo unha breve introdución á linguaxe de signos española e púxoo en práctica. Non todo se comunica co abecedario, utilízanse expresións, movementos, xestos e sobre todo coas mans. Ensinoulles desde adxectivos, días do ano, días da semana, sentimentos e todo con moito humor e alegría que os cativou a todos.
Accede AQUÍ á reportaxe fotográfica.

Aurora e Nenúfar, 1º CS de Administración e finanzas

15.2.22

Conmemoración do día de San Valentín

Na materia de Cultura Clásica como estábamos a traballar coa mitoloxía, o alumnado fixo unha narración da historia do mito de Eros/Cupido xunto coa incorporación de poemas orixinais de contido amoroso e unha ilustración que o representaba.

O alumnado de Latín aportou frases de amor escritas na lingua que está a estudar, o latín.

O mesmo fixeron o resto dos grupos, cada quen aportou a súa frase de amor escrita na lingua que traballamos na aula, uns en galego e os outros en francés.

Accede á reportaxe fotográfica AQUÍ.

Efigenia Maseda Paz, Xefe de Departamento de Latín

Participantes: alumnado de Latín I (1º BAC B), de Cultura Clásica (3º ESO B e C), de agrupamento de Lingua Galega (1º ESO A e B), de Francés de 1º ESO A e B.


8.2.22

Semana dos afectos

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas para avisar que o seu servizo de mensaxería xa está operativo. 

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o destinatario/a e o seu curso.

Poderanse dirixirte as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 11 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

Despois de estar as cartas en cuarentena repartiranse o luns 14.

Gañador de Aulas Limpas do mes de xaneiro: 2º ESO B

Continúa o concurso Aulas Limpas. No mes de xaneiro de novo a de 2º ESO B foi a aula gañadora. Rapaces, estádelo facendo xenial!!

Nesta ocasión, a moi poucos puntos de 3º ESO A ou 1º ESO B. 

Aínda queda curso por diante, prestaremos moita atención a aqueles grupos que vaian mellorando. 

Animámosvos a que teñades as aulas cada día máis limpas e ordenadas!

Parabéns!


6.2.22

Ecoauditoría ambiental da Oficina de Medio Ambiente de USC

O pasado 24 de xaneiro viñeron, dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Verónica e Martina, para facer unha Auditoría Ambiental no noso centro. Neste proxecto analizamos os restos do día anterior acumulados no noso instituto para ser conscientes do lixo que xeramos e valorar a posibilidade de separar os residuos segundo a porcentaxe de cada tipo de lixo previamente separado e calcular a porcentaxe de cada un.

Antes de nada, déronnos unha breve charla na que nos explicaron de onde veñen e as cousas que se fan no seu departamento. Faláronnos tamén sobre os residuos, a súa composición e a reciclaxe. A media galega de lixo xerada ao día por persoa é de 1,5 kg aproximadamente e vimos tamén a súa clasificación, os modelos de xestión de residuos, o ciclo da materia orgánica e os seus beneficios. 

Logo, fixemos a auditoría.  Primeiro dedicámonos á fase de diagnóstico para saber como está o noso centro. Para facelo, comezamos separando o lixo xerado no centro en plásticos, aluminio, papel, materia orgánica, vidro e restos. A continuación, pesamos cada unha das partes previamente clasificadas e finalmente apuntamos e interpretamos os resultados nunha táboa que nos deron. 

Pódese acceder ao resto das imaxes aquí

Dámari Carballo Dorado – 1° Bach A

5.2.22

Obradoiro de construción de xoguetes

No marco das celebracións do San Xoán Bosco, a nosa Asociación Cultural Os Matos programa un obradoiro de elaboración de xoguetes con elementos da natureza impartido por José M. García Fernández, un dos autores dos cadernos Xoguetes naturais Primavera-Verán Outono-Inverno, publicados conxuntamente co profesor Xosé López González.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...