28.6.21

Receita saudables, unha publicación do alumnado de 2º ESO 19-20

Receitas saudables, un traballo feito durante o confinamento polo alumnado de 2º ESO. 
Esta mañá fíxose entrega da publicación ao alumnado implicado polo seu profesor de Educación física, Benxa Soto. 
A publicación conta con 39 receitas repartidas en varias seccións: verduras, arroces, carnes, peixes e mariscos, menús vexetarianos, cociña internacional e sobremesa. 
En cada receita clasifícanse os ingredientes empregados en 3 grandes tipos seguindo o modelo de “My Real Food” de Carlos Ríos, quen divide de forma sinxela os alimentos en 3 grupos: comida real, bos procesados e ultraprocesados.
Como se trata de receitas saudables, neste libro predominan os alimentos reais e os bos procesados, mentres que os ultraprocesados serán reducidos na medida do posible.
Esperamos que este libro vos sexa útil e que contribúa a unha alimentación saudable, completa, variada, equilibrada e saborosa. 
Agradecemos a colaboración da alumna Laura  González Freire na ilustración da portada.

25.6.21

Acto de presentación da revista Maruxía nº 27

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 27 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

 

Celia, Sofía, Antón e Álvaro, alumnado de 4º de ESO TIC, conduciron o acto e encargáronse de explicar como tiveron que traballar en equipo para poder sacar a diante unha nova edición da revista escolar. Maquetaron en Scribus e Canva as crónicas do alumnado e editaron as fotografías con GIMP. Distribuiron os artigos en varias seccións. Un ano máis, os principais responsables da elaboración dos contidos da revista foron alumnos de ESO, de bacharelato e docentes do centro. Ditribuiron os artigos en varias seccións. Tamén inclue códigos QR que fai dela unha revista máis interactiva para acceder aos traballos audiovisuais feitos neste ano académico.

27 anos despois, a revista escolar dos Matos segue recollendo unha mostra das actividades e traballos realizados no centro durante un ano escolar diferente sen ningunha saída por culpa da pandemia.
Asistiron ao acto Santiago Pérez Docobo, director do centro educativo; Benjamín Coto, Presidente da A.C. Os Matos, Antón Niñe, presidente de honra e Natalia Irimia, coordinadora do EDLG.
 
Natalia Irimia felicitou ás gañadoras do concurso de portada Maruxía: Ana Lestao Ben de 1º ESO (portada) e Lin Vizoso López de 4º ESO (contraportada)
 
Accede á reportaxe  AQUÍ.
 

Entrega de Premios Concursos OS MATOS

O martes 22 de xuño,  entregáronse os premios do XIV Concurso de relato curto e do XII Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos" cuxo lema foi “Haberá vida noutro planeta?”. Benjamín Soto, presidente da A.C. "Os Matos", felicitou aos premiados desta décimocuarta edición do certame. Antón Niñe, presidente de honra da asociación, Santiago Pérez, director, Natalia Irimia, coordinadora do EDLG entregaron os diplomas e uns agasallos. As obras gañadoras pódense ler no número da revista escolar “Maruxía” deste curso.

Parabéns rapaces!!!!!!Accede o noso albún fotográfico AQUÍ.

22.6.21

Oferta Educativa do IES Perdouro


 

Acto de presentación da revista Maruxía 27 e entrega de premios


Despedida 2º Bach 2021

 
Orla 2º Bach 2021
 
Mellores expedientes ABAU

Esta fotografía pon punto e final á andaina no IES Perdouro dunha marabillosa promoción de alumnas e alumnos que pasaron polas aulas, e tamén polos nosos corazóns, deixando unha pegada chea de ledicia, emocións e satisfacción polo traballo ben feito.

A maioría destes rapaces e rapazas chegou hai seis anos ao noso centro coa cariña de susto e incertidume que supón iniciar unha nova etapa de estudos nun lugar totalmente novo. Porén, deseguida, gañaron o noso corazón coa súa alegría, a súa implicación en todas as actividades e a súa calidade como persoas.

E foi pasando o tempo... E chegaron novas caras en 4º da ESO... E pasou o tempo... En 1º de Bacharelato houbo novas incorporacións... E ese grupiño que chegara ao principio enriqueceuse aínda máis: o compañeirismo, o “bo rollo” que sempre houbo entre elas e eles, é un sinal de identidade desta xeración.
 
E cando estabamos en 1º de Bacharelato, cando xa todas e todos nos sentiamos parte deste grupo excepcional... chegou o COVID e tivemos que pecharnos nas casas e aprender a relacionarnos e traballar a través da frialdade dunha “realidade virtual” que substituíu a calor do día a día na aula e os vosos sorrisos por unha imaxe a través dunha cámara.
Coa máscara posta comezamos 2º de Bacharelato, un curso marcado pola incertidume, o estrés pola ABAU e unha serie de novas palabras que invadiron a nosa vida: pandemia, coronavirus, pcr, corentena, confinamento...

Mais, detrás desa máscara que tivemos que empregar acotío, eu seguín vendo os vosos ollos cargados de ilusións, de entusiasmo e de todas esas emocións que o resto da faciana non podía transmitir.
Sodes, todas e todos vós, unha marabillosa promoción de moi boas persoas, que é o máis importante que se pode ser na vida, e estamos moi orgullosos e orgullosas de vós.

Eu, persoalmente, fun a vosa profesora ao longo de catro, tres e dous anos, ademais da vosa titora neste último curso, e podo dicirvos que sempre estaredes no meu corazón.

Non vos dicimos adeus porque queremos que voltedes polo IES Perdouro para compartir con nós a vosa andaina pola vida. Isto é un “ata sempre”...

Moitos bicos: ALEJANDRA, SERGIO, EGOITZ, LAURA, KATY, TONY, AARÓN, CHISTIAN, ADRIÁN, ROBERTO, CECILIA, ANTÍA, FLORENCIA, ÁLEX, RAÚL, HELENA, ÁLVARO, ANDRÉS, ALEJANDRO, YAIZA, LUIS, DANIEL, NOAH, JORGE, VÍCTOR, LUCAS, PAULA e SALMA.

Neves Cando, Titora 2º BAC, Curso 2020-21

11.6.21

Orgulho no Perdouro - reparto de correas

Onte, no marco das actividades do mes do Orgulho no Perdouro, Alba Monteagudo coordinadora do proxecto 365 días en igualdade e respecto, repartiu as correas cos lemas gañadores do certame Orgulho no Perdouro.

Accede ao albúm de fotos da entrega  aquí.

Rubén


Laura


Yorel


Nerea


Iria


Orgulho


9.6.21

17 de maio, Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia

Para continuar co fomento da igualdade, no IES Perdouro quixemos conmemorar o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. Para iso, elaboramos uns carteis, que colocamos nos diferentes pavillóns do instituto e, ademais, pedímoslles aos alumnos/as da ESO que redactasen uns lemas nos que expresasen o seu rexeitamento contra calquera actitude discriminatoria cara os colectivos de persoas homosexuais, transexuais e bisexuais. 

Os lemas gañadores foron os seguintes: 

  • Que ninguén che impida querer! De Rubén Díaz Fraga (1º A ESO). 
  • Respéctame tal e como son. De Laura Alonso Fernández (2º B ESO). 
  • Sé como/quen desexes ser. De Yorel Ladra Ballesteros (3º D ESO). 
  • Somos libres de ser e amar a quen queiramos. De Nerea Francos Cornide (3º C ESO). 
  • Unha relación baséase no amor, non no xénero. De Iria López Casas (4º B ESO). 

Finalmente, os lemas foron impresos nunhas correas para as chaves, que serán repartidas mañá a todo o alumnado da ESO.

7.6.21

Recompilando os 21 días en galego e máis....

Este curso recibimos un reto: o dos 21 Días co galego e máis. Así foi como formamos parte desta estupenda iniciativa xunto a outro nove centros de Galicia e como nos convertimos en factoría de produción audiovisual con propostas diversas para achegarnos ao galego e á súa cultura.

Na seguinte presentación recollemos algúns dos traballos realizados:


3.6.21

Resolvendo problemas en matemáticas - 1º ESO

Sesión de resolución de problemas: estimulación do pensamento lóxico-matemático

Todas as semanas, os venres, os alumnos e alumnas de 1º de ESO facemos unha sesión de resolución de problemas na clase de matemáticas.
Nestas sesións intentamos resolver distintos tipos de problemas. Estes son diferentes dos que adoitamos facer na clase, pois conseguir a resposta correcta non sempre depende de saber resolver operacións, senón de que a maioría destes problemas necesitan dun razoamento lóxico previo para a súa resolución.
Para estas sesións estamos agrupados de dous en dous. As parellas son elixidas ao azar e isto, a pesar de que non sempre nos toque a compañía desexada, fai que nos adaptemos a traballar con compañeiros diferentes, e non sempre cos mesmos.
Aprender a traballar en equipo é moi importante e é algo que conseguimos colaborando nestas sesións. Ademais, outro beneficio da aprendizaxe en equipo é que moitas veces descobres como ven e entenden as cousas outras persoas e as solucións que atopan para os problemas propostos.
En conclusión, nestas sesións estamos aprendendo moito: conceptos de xeometría, simetría, visión espacial e ata nocións aínda máis abstractas.
Ademais, estas horas de clase axudáronme a ver as matemáticas dun xeito distinto e creo que eu non fun a única que descubriu esta nova perspectiva.

Accede a algunhas fotografías aquí.

Ana Lestao Ben - 1º ESO A

EduEmociona con María Navarrete

Cal é a diferenza entre emoción e sentimento? Unha emoción é unha reacción espontánea que non podemos controlar nin elixir e que ocorre en calquera momento; mentres que os sentimentos son as interpretacións a partir destas e o seu desenvolvemento, influenciados polos nosos pensamentos: decidímolos nós e poden perdurar no tempo.

O venres 28 de maio, o alumnado de 4º ESO traballamos distintos conceptos sentimentais e emocionais a través de dinámicas de “ximnasia emocional” organizadas por María Navarrete, neuroeducadora e animadora socioemocional catalá.

Para comezar, fixemos un xogo de intercambio de lugar co fin de presentarnos e mesturarnos entre nós e despois un microteatro de posibles emocións.

Seguimos cunha dinámica na que tiñamos que aguantar as miradas durante uns minutos e en silencio. Para iso, dividimos a clase nun círculo interior e noutro exterior, mirando os do medio cara aos de fóra e viceversa; cando pasaba o tempo, cambiabamos de persoa e, xa nas últimas roldas, engadimos unha conversa na que os membros da parella se alternaban para dicir frases que empezaran por “gustaríame ...” ou “sei que podo…”.

Logo da primeira actividade, continuamos coa explicación do que sentiriamos nós en tres situacións distintas: axudar a alguén nun momento de apuro, celebrar o noso anivesario e que ninguén nos faga caso ou que nos expulsen de clase inxustamente. O obxectivo era falar, o maior tempo posible, das supostas emocións neses momentos, mentres que a túa parella escoitaba (con isto queríase demostrar a nosa imaxinación rápida e a forma na que expoñemos os feitos case sen ter tempo de pensar). Deste xeito descubrimos como funciona o cerebro ao expoñerse a un cambio emocinal: experimentamos a emoción, analizámola, pensamos nela e, xa por último, actuamos. Un proceso que só realizamos os seres humanos: sentir, pensar e actuar; o resto de seres vivos senten e actúan.

Despois de cada dinámica analizabamos as emocións experimentadas e, entre unha e outra, facíase unha pequena explicación teórica.

Finalizamos o obradoiro cunha serie de anécdotas que contou María sobre o seu traballo e sobre respostas e sucesos que lle chamaron a atención en charlas similares.

Nós quedamos con ganas de máis e imos ter a sorte de poder desfrutar dunha segunda sesión facendo máis activides que nos poidan servir para a convivencia na clase, para a nosa forma de pensar e para ter unha boa saúde emocional.

Accede a algunhas das fotografías feitas nas sesións de ESO.
   
Laura Rodríguez López e Nuria Ramos Cuba, 4º ESO B

Charla con Care Santos, a autora de Mentira

O alumnado de 4º da ESO e 2º PMAR tivemos un encontro en liña o día 25 de maio coa autora dun dos libros que puidemos ler na materia de Lingua Galega: Mentira de Care Santos.
A novela trata sobre un adolescente condenado por asasinato, pero tamén fala sobre a delincuencia xuvenil e plantexa algunhas preguntas como: por que alguén pode chegar a asasinar a outra persoa?.
Debido a que estudou Dereito, a autora do libro interesouse pola vida nos centros de menores e propúxose investigar sobre eles para coñecer as experiencias dos alí internos. Tras anos pensando nunha novela con esta temática, conseguiu entrar nun destes centros, coñecer as súas instalacións e vivir en primeira persoa a chegada de novos internos.
O libro baséase nas vidas e experiencias dos rapaces e rapazas que se ofreceron a contarllas. Care Santos díxonos que escoitou historias moi duras e que realmente acabou impactada por elas;  os nomes destas persoas  que falaron con ela non se incluíron na parte final de agradecementos xa que quería protexer a súa identidade e vida privada.
Para rematar a charla, houbo unha quenda de preguntas e respostas. Nós tiñamos anotadas unhas cantas cuestións: como empezou como escritora (díxonos que comezou aos oito anos pero en serio aos 14), en que idioma escribe inicialmente, como é a súa rutina para escribir e como fai para superar un bloqueo creativo, entre outras. A resposta que, quizais, máis nos chamou a atención foi a de por que o libro fala sobre ese tema: ela contounos que foi grazas a un amigo seu que era fiscal e que lle comentou unha historia dun rapaz que se autoinculpa dun crime, aínda que todo o mundo pensaba que mentía.
En resumo, foi unha charla moi entretida na que puidemos coñecer as ideas base deste libro e saber máis cousas sobre el e a súa autora.

Acceda ao albúm de fotos aquí.

Laura García Sánchez e Nicolas Sixto Guisasola, 4º ESO

2.6.21

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

 O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos:

"XIV Concurso literario" da As. Cultural Os Matos - Tema "Haberá vida noutro planeta?"

RELATO CURTO

Categoría 1º e 2º ESO:
  • 1º premio: Asier Oroza Parga (1º ESO)
  • 2º premio: Carla Paz Trelles (1º ESO)
  • 3º premio: Iria Jacomé Martínez (1º ESO)

 Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Iria Calveche Barranco (3º ESO)
  • 2º premio: Noemy Tavares Pereira Barbosa (4º ESO)
  • 3º premio: Katerine Andrea Ortiz Cáceres (4º ESO)
  • Accésit: Cristina Meitín Cayón (4º ESO) 

Categoría Bacharelato e Ciclos formativos:

  • 1º premio: Beatriz Botelho Melo (1º Bach.)
"XII Concurso de Imaxe" da As. Cultural Os Matos - Tema "Haberá vida noutro planeta?"

Categoría 1º ESO:
  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa
  • 2º premio: Carla Paz Trelles
  • 3º premio: Nicole Barreiro Souto
Categoría 3º ESO:
  • 1º premio: Laura González Freire
  • 2º premio: Nerea Francos Cornide
  • 3º premio: Ramón Real González
Categoría 4º ESO:
  • 1º premio: Lin Vizoso López
  • 2º premio: Noemy Tavares Pereira Barbosa
  • 3º premio: deserto



1.6.21

Conferencia-exposición Día das Letras Galegas 2020 Ricardo Carballo Calero

O pasado 13 de outubro, os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato B, asistimos a unha charla sobre o autor ao que se lle adicara o Día das Letras Galegas 2020: Ricardo Carballo Calero. 

O noso convidado, e polo tanto quen nos proporcionou a información necesaria sobre o tema, foi Xulio Xiz, un coñecido periodista, escritor e activista que xa tivemos o pracer de acoller no noso centro en numerosas ocasións. Contounos, con todo luxo de detalles, os aspectos máis impostantes da vida do célebre escritor galego, comezando polo seu ano e lugar de nacemento e rematando con algúns dos seus logros máis relevantes a nivel persoal.

Ricardo Carballo Calero naceu no centro urbano da cidade galega de Ferrol no ano 1910 e é recoñecido polo seu valor ao romper cos tópicos da época tales como que o galego era unha lingua rural empregada pola parte da poboación que posuía pouco poder adquisitivo. Foi, ademais, un gran defensor da lingua e a cultura da nación galega. Traballou en Lugo durante 15 anos, marcando a unha gran cantidade de rapaces que amosan aínda hoxe un gran cariño por el.

Seguindo coa historia da súa vida, de rapaz entrou no Seminario de Estudos Galegos e tivo unha formación académica moi completa e destacable. Pouco despois incorporaríase tamén á Real Academia Galega. Mais, non todo o que o rodeou tivo un carácter positivo, pois viuse na obriga de marchar para Madrid cando estalou a Guerra Civil e, despois do conflito bélico, pasaría dous meses no cárcere, o que fixo que non puidese coñecer a súa segunda filla cando naceu. Afortunadamente, a pesar desta mala experiencia, conseguiu saír adiante e voltar á súa terra natal.

Ricardo Carballo Calero foi un gran escritor e lingüista, que defendeu incansablemente ao pobo galego, deixando un gran legado tras el.

Eva Blanco Ferreiro– 1º BAC B

As miradas de Isaac

Centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020) - Exposición As miradas de Isaac

O día 16 de marzo tivemos unha videoconferencia a raíz dunha exposición sobre a vida de Isaac Díaz Pardo, xa que é unha figura moi importante en Galiza. Isaac Díaz Pardo foi un gran impulsor da fábrica de Sargadelos, entre outras. 

Ao comezo da videoconferencia a guía, Paula Toimil, contounos a vida da súa familia e a súa infancia. O seu pai chamábase Camilo, era de Ferrol. No ano 1920 trasladouse a Compostela, no mesmo ano naceu Isaac. Dende moi novo, Camilo introduciu ao seu fillo na realización de cartaces. O pai de Isaac traballaba nun taller onde elaboraba os seus carteis para as festas, propaganda… Un dos carteis que máis destacou foi un do ano 1933. Fixo un cartaz que xuntaba as dúas bandeiras (a republicana e a galega). Mais nese taller non só facía carteis senón que aí xorde o Partido Galeguista. Pola facilidade que tiñan ao ter o taller, fixeron moitos carteis apoiando esta ideoloxía, a do Partido Galegista. O pai de Isaac, Camilo, mais o seu fillo tiñan unha ideoloxía política deferente, segundo Isaac. El consideraba aos amigos de seu pai, a Ánxel Casal e ao mesmo Castelao, reaccionarios e el definíase como comunista. Defendendo a súa ideoloxia tamén realizou carteis.

Isaac elaboraba os pasquíns cun grupo de amigos da súa mesma ideoloxía política. A guía explicounos que tiñan que ir ao concello para que lles selasen os pasquíns e Ánxel Casal imprimíaos. Mais eles non o facían, ata que lles chamaron a atención por facer isto. Isaac comenta ao final do vídeo que a xente nova quere cambiar o mundo mais que non pensan o suficiente. Isaac aprendeu isto moi ben, el librouse da morte mais seu pai non tivo esa mesma sorte e Ánxel Casal tampouco. Detivéronos e Isaac pensaba que cando os soltaran da cadea serían libres, que non que os ían matar. Seu pai e Ánxel Casal morreron con poucos días de diferenza. Camilo, o pai de Isaac, foi paseado o día 14 de agosto e os seu amigo, o 19.

Este acontecemento tivo consecuencias na súa familia. Tras a morte do seu pai, a familia quedou marcada, xa que o seu pai era galeguista. Quitáronlles todo o que lles pertencía e viviron escondidos ata que a situación mellorou. Isaac foi enviado a casa dun tío seu á Coruña. Isaac colleu o autobús, o Castromil, para ir desde Santiago ata A Coruña, e o vehiculo tivo que deterse 6 veces polo camiño porque había mortos nas cunetas e na estrada e xente chorando e berrando. Estivo agochado, sen saír de casa de seu tío, na Praza de Pontevedra, 6 meses. Cando todo se calmou un pouco, decidiu irse para Madrid e estudar Belas Artes. Comezou a ir ao Museo do Prado, intentando imitar os cadros e vendéndollos á burguesía.

Máis tarde, Isaac introduciu nas súas obras a crítica da Guerra Civil. Nalgún dos seus cadros realiza unha homenaxe ao seu pai. É o caso do cadro titulado “Os afogados”. As súas obras tiñan unha temática de denuncia. Despois, na década dos 60, comezou a pintar dunha maneira expresionista. Isaac, nas súas obras quería denunciar a falta de liberdade. Isto acontece no cadro titulado “As miradas”. Trátase de miradas inquisitivas, preguntándose cando acabará a ditadura. 

Isaac estivera tamén en Londres e deu clase en Barcelona pero decide abandonar os pinceis e, tras varias exposicións, como non se sentía realizado pintando para a burguesía, trasládase a Galiza, a Sada, a casa da familia da súa muller Carmen Arias (Minina).

Isaac Diaz Pardo mantiña contacto con Luís Seoane. Entre eles escribíanse cartas dende Galiza a Arxentina. Isaac tamén tiña contacto con máis xente do exilio, xa que eles propuxéranlle a Isaac facer obras, cerámica, a nivel industrial en América. 

Tamén realizou unha banda deseñada en galego, baseándose nos carteis de cegos. Creou a súa propia banda deseñada, que consistía nunha critica da sociedade e tamén dos emigrantes enriquecidos. Parte deles provócanlle unha profunda decepción.

Isaac comeza a producir a nivel industrial ao adquirir a fabrica de Sargadelos. A principios do século XIX era unha fábrica de armas e despois empezou coa louza, mais non por moito tempo. Tras o peche da fabrica, pola morte do Marqués de Sargadelos, pasa practicamente un século pechada (1875-1970). Isaac compra a fabrica e renóvaa. A fábrica de Sargadelos dividese en dúas etapas: Sargadelos histórico (temática inglesa) é Sargadelos actual (historia de Galiza, con debuxos que destacan de Galiza). As dúas temáticas tiñas en común a mesma cor: o azul escuro ou azul cobalto.

Isaac tamén construíu unha escola de deseño co seu amigo Luís Seoane, unha editorial (Edicións do Castro, 1963) para recuperar así as novelas destruídas durante a ditadura e dar máis importancia aos exiliados e aos novos autores. Tamén puxeron en funcionamento un museo de arte contemporánea ao que lle puxeron o nome de Carlos Maside. No mesmo museo tamén realizaban talleres e tiñan unha carpa que expoñía as obras por toda Galiza.

As últimas palabras que oímos de Isaac Díaz Pardo no vídeo foron a frase na que el di que era “conservador libertario”. “Conservador” porque hai que conservar o que herdamos e “libertario” porque non sempre hai que seguir o ditado polas normas. Non se consideraba nin de esquerdas nin de dereitas. Explica que o problema no mundo é a ética. O que hai é que ter honestidade.

Tamén no final da exposición escoitamos unha reflexión sobre a tecnoloxía e a contaminación do noso mundo. Isaac pensaba que “estamos escarallando o planeta, que este é o século da basura”. 

Por outra parte, para el a cultura era tamén economía e, non só iso, senón que con ela se pode facer labor social. Sentíase “vivo” loitando contra os poderes establecidos. Morre aos 91 anos, en 2012. 

Para finalizar, realizamos unhas breves preguntas e así acabou a nosa videoconferencia. 

Accceda a algunhas fotos aquí.

Beatriz Botelho Melo – 1º BAC B

Xeografías lectoras - Microrrede A Mariña

Hoxe, 1 de xuño, inaugúrase a exposición anual da Microrrede PLAMBE das bibliotecas escolares A Mariña mais, esta vez, dita exhibición dos traballos feitos nos centros escolares que integran a Microrrede estará na rede debido ás restricións sanitarias. No blogue da mesma iranse publicando dúas entradas diarias que recollen o labor realizado ao longo deste curso 20-21 dende os equipos de bibliotecas escolares.
 
Seguindo a proposta da Asesoría de Bibliotecas Escolares, a exposición leva por nome "Xeografías lectoras", xa que cada centro ubícase nun sitio distinto da Mariña, coas súas características ben diferenciadas e cada un cunha proposta distinta.

O cartel deste ano foi deseñado pola alumna Lidiana de Pina Sanches de 3º de ESO do IES Perdouro de Burela. 

No proxecto Xeografías lectoras participamos os centros educativos da zona da Mariña que se citan a continuación:

 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...