28.2.19

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL




Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

Charla "E se a chave estivese en ti...?"

Leandro Fernández Macho acudiu o pasado 5 de febreiro ao IES Perdouro para darnos, ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, unha conferencia que nos axudara a coñecernos mellor; para isto comezou explicándonos en que consistía o cerebro e como reacciona este ante distintas situacións.

O noso cerebro é capaz de prestar atención a un 100% só durante vinte e un minutos. Despois, a atención tende a decaer posto que este feito de estar concentrados gasta moita enerxía. Para estar atentos necesitamos movemento, toques de atención, intervir en accións ou conversas… e así activar a nosa mente.

O obxectivo principal do noso cerebro é sobrevivir e, por iso, a parte máis primitiva del é a que se encarga das funcións básicas da supervivencia (os latexos do corazón). Por outra banda, o cerebro emocional concédenos a capacidade de sentir e xestionar as emocións (dor, medo…)

As nosas experiencias están cheas de sentimentos e clasifícanse en experiencias de pracer ou de dor. As grandes forzas motivadoras das persoas son a busca do pracer e  evitar a dor. Neste contexto, o estrés é un mecanismo de defensa e de supervivencia que ocorre cando vivimos situacións de dor.

Para aprender da experiencia, o noso cerebro manexa dúas emocións: a ira e o medo. E o noso maior medo é á morte; isto é o que o noso cerebro quere evitar. Tamén temos medo a non ter o control dunha situación e isto maniféstase moi habitualmente: canto menos control temos máis se percibe que estamos cerca da morte e, entón, o noso cerebro recorre á súa parte máis primitiva na busca do control. Por último, outro gran medo que sentimos é o medo ao rexeitamento por parte das demais persoas.

Toda experiencia nova libera o noso estrés e a recompensa a este desafío produce pracer.

Accede aquí á algunhas fotos da conferencia impartida polo coach.
Paula Neira
1º Bacharelato

27.2.19

1º ESO - Charla sobre novas tecnoloxías e as redes sociais

Dentro do  Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado mércores 13 de febreiro.


O axente Peña expúxonos nun vídeo moi didáctico e moi claro os perigos que hai ao falar con descoñecidos polas redes. Noutro vídeo, obserbamos como existen mafias que se fan pasar por adolescentes para pedirnos fotografías. E o peor é que se non pagamos, compartirían as fotos. Por iso, o consello foi o de ter moito coidado coas fotos, vídeos… que enviamos.
Outro perigo está no Instagram. Se temos a conta privada non deixamos pasar a todo o mundo; pero se a deixamos aberta, estamos desprotexidos.
Escoitamos consellos sobre como crear os contrasinais. Estes deben ser seguros, mesturando letras e números e nunca debemos usar a mesma para todas as aplicacións.
Outro posible perigo é co xogo do Fortnite. Están creados para que gastemos moito diñeiro.
Por último, anotamos un número de teléfono ao que debemos chamar en caso de apreciar algún periogo. Este é o 900.11.61.17 e está dispoñible os 365 días do ano. 
Paula López Calvo – 1º B

26.2.19

Visita ás exposicións sobre Castelao en Santiago de Compostela

O 20 de febreiro, o alumnado de “Literatura Galega” de 2º de Bacharelato, tivemos a sorte de poder visitar a exposición “Alba de Gloria” en Bonaval e na Cidade da Cultura o impresionante cadro "A derradeira lección do mestre" de Castelao  que se exhibe por primeira vez en Galicia. Coñecido como o "Guernica galego" retornou a Galicia 73 anos despois de que o pintara Castelao. O artista de Rianxo pintouno por iniciativa de Rodolfo Prada, quen foi tamén albacea testamentario do líder galeguista.
Alí, no Monte Gaiás, tamén tivemos a oportunidade de ver unha recreación de como eran as escolas durante a República e unha listaxe cos nomes dos mestres asasinados por non ser afíns ao réxime do momento. 
Xa en Santo Domingos de Bonaval experimentamos os efectos da realidade virtual da "Compaña dos Inmortaes Galegos", o discurso que deu Castelao en Bos Aires en 1948, e que axudou a facer da visita unha experiencia única e diferente. O propio Castelao semellaba estar alí e atraparnos coa súa voz mentras recitaba o seu derradeiro discurso con motivo do Día de Galicia.
Todo isto serviunos para valorar o importante labor que levou a cabo Castelao conseguindo a dignificación e a recuperación da nosa lingua e da nosa cultura.

Accede á fotografía aquí.
Teresa Crego Deán 
2º Bacharelato

23.2.19

Día de Rosalía de Castro - Encontro con Antía Yáñez

Onte estivo Antía Yáñez, ex alumna do centro e enxeñeira de Camiños, visitando o seu colexio da infancia e os institutos de Burela. Antía foi recibida na biblioteca por un grupo de alumnos e alumnas de 1º de ESO  que leron varios poemas de Rosalía de Castro. A Continuación deuse paso á lectura do Manifesto do Día de Rosalía de Castro a cargo do alumnado de 1º CS Administración e Finanzas. Logo a escritora e convidada do día contestou a unha batería de preguntas que lle tiña reservada o alumnado de 2º de ESO sobre a súa participación en certames literarios, a súa formación como escritora nobel, a súa inspiración á hora de escribir, temática, persoaxes, a súa paixón pola lectura dende moi pequena. Preguntaron tamén pola segunda parte do Misterio de Portomarín (Galaxia, 2016) que se chamará o Misterio do Torque de Burela. Falou da súa novela para adultos Senlleiras  (Galaxia, 2018) e da obra infantil A Reconquista (Baia, 2018), merecedora do premio Fina Casalderrey pola Igualdade. Tamén anunciou próximas publicacións pendentes como Be water. No final do encontro, houbo tempo para as dedicacións e Antía asinou uns cantos exemplares. 
Foi un acto emotivo no sentido de que Antía, alumna do centro, usuaria da biblioteca e oínte de moitas charlas que organizamos, se convertise en protagonista esta vez e blanco de todas as miradas entre as paredes que a viron medrar.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

Tamén podes escoitar o programa especial que fixemos en Radio Burela previamente a súa visita sobre Antía Yáñez.

g

20.2.19

Podcast Especial Antía Yáñez

Programa especial Modelo Burela dedicado á obra literaria da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991). Conducido por Karina Parga e Cristian Gómez Mesa, este documento didáctico contén colaboracións de Francisco Castro (Editorial Galaxia), Carme Cociña (IES Monte Castelo -Burela), Xulia Rodríguez (IES Urbano Lugrís-Coruña) e diversas representacións do público lector. Como complemento, inclúe catro temas musicais directamente relacionados co contido dos libros O Misterio de Portomarín (Galaxia, 2016) e Senlleiras (Galaxia, 2018).

Non deixes de escoitar o noso programa especial.

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL



Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

19.2.19

Celebramos o día dos namorados

Para celebrar o día dos namorados, expuxemos unha pequena selección de libros e filmes con temática amorosa na vitrina do vestíbulo.
Ideamos o muro dos aloumiños onde quen quixera podía achegarse, abrir un sobre e atopar unha mensaxe de agarimo. O alumnado de 1º de ESO escribiunas botándolles imaxinación e o de 4º de ESO puxo unhas pingas de amor en francés tamén polos sobres.
Ademais puxemos unha caixa de correos para mensaxes xa máis personalizadas con destinatario. Uns emisarios de Cupido foron polas aulas para informar de dita actividade epistolar e animar á súa participación. Cal foi a sorpresa no día seguinte? Pois que no día 14 os emisarios foron repartir unha grande cantidade de cartas de amizade. Hóuboas para todos, alumnado e profesorado. Todos esperaban curiosos poder recibir algunha correspondencia. Foi un grande éxito!!

Accede aquí a reportaxe fotográfica.

16.2.19

Día de Rosalía de Castro con Antía Yáñez

VISITA DA ESCRITORA VENRES 22 de 12:30 a 13:15h
  • Lectura do manifesto da AELG 
  • Video Recital "Recordando a Rosalía" a cargo do alumnado de 1º de ESO
  • Entrevista a Antía Yáñez a cargo do alumnado de 2º de ESO 


15.2.19

Charla de prevención sobre alcol e outras drogas

Plan DirectorO mércores 13 de febreiro, o alumnado de 4º ESO e 1º de Formación Profesional Básica recibiu na biblioteca do centro unha charla preventiva sobre Alcol e outras drogas impartida por Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo. Esta actividade forma parte do Plan Director para a convivencia e a cellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, e ten como obxectivo informar aos rapaces sobre as diferentes drogas legais e ilegais, os seus efectos e consecuencias na saúde e penal. En definitiva, o axente impulsou a reflexión entre o alumnado entorno adiccións e outros mitos.

Para información, consulta a web do Plan Nacional sobre Drogas  e descárgate a App.

Ver ademais La locura de las drogas en Documentos TV de RTVE

Acto conmemorativo de celebración do Día Escolar da paz e da non violencia.

O alumnado de 1º de ESO coa axuda dos departamentos de Lingua Castelá, Relixión, Artes plásticas, Música e Biblioteca encargouse da celebración do Día Escolar da paz e da non violencia que tivo lugar no patio do IES Perdouro o martes 5 de febreiro.
O Día Escolar da Non-violencia e da Paz foi celebrado por primeira vez en 1964. O obxectivo era e é a educación en tolerancia e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. Hoxe, como todos os día do ano, o IES Perdouro quere ser reflexo da convivencia en paz e do entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión. 
Conmemórase ademais a morte do líder nacional e espiritual da India, o Mahatma Gandhi, o 30 de xaneiro de 1948, asasinado a tiros por un fanático hinduísta. 
Neste acto poético-musical o alumnado cantou a capela unha canción de José Luis Perales moi coñecida por todos, titulada Que canten los Niños, todo un himno a prol da paz. A continuación, un grupo de compañeiros recitaron 12 poemas que falan de amor, solidariedade, esperanza e paz. E, para clausurar esta conmemoración, entoaron a canción No dudaría de Antonio Flores, todo un himno contra a violencia e un canto á esperanza. 
Cabe recordar que, como dixo Gandhi: Non hai camiños para a paz, a paz é o camiño; que todos podemos ser o cambio que queremos ver no mundo e que a forza non vén da nosa capacidade física, senón de posuírmos unha vontade indomable.

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

Aquí deixamos a gravación audovisual do acto conmemorativo:



Agradecemos a axuda de Cristián Gómez pola gravación, de Alejandra Alonso pola reportaxe fotográfica, e ao alumnado de CM de Electrónica por encargarse da megafonía.

13.2.19

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL




Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

11.2.19

Novidades BiblioPerdouro

Novas achegas para todos os gustos aquí.
Grazas ao noso compañeiro Fran polas doazóns en literatura fantástica e non tan fantástica.

Día da muller e da nena na Ciencia no IES Perdouro

Dende a titoría de 1ºB da ESO quixemos conmemorar o Día da muller e da nena na Ciencia facendo unha exposición coa que visibilizar o labor de científicas moi importantes en distintos campos da Ciencia como son a Bioloxía, a Bioquímica, as Matemáticas ou a Física. Esperamos que vos guste!
Accede á exposición aquí. 




Encontro con Kateline de Jesus Brito Tavares

O xoves 7 de febreiro, veu falar connosco Kateline de Jesus Brito Tavares, unha moza caboverdiana de 21 anos que está a facer as prácticas do cuarto ano de Pedagoxía no Concello de Burela.
Falounos da República de Cabo Verde, un conxunto de illas situadas na costa do continente africano, no Océano Atlántico. Cabo Verde está dividido nas illas de Sotavento e as de Barlovento; a súa capital é Praia e a lingua oficial é o portugués aínda que tamén se fala o crioulo.  - Ela vivía na illa de Santiago, na cidade de Assomada.-
Kateline comenzou os estudos en Cabo Verde na escola "Pedro Barro" de 1º a 4º de Primaria, da que ten moi bos recordos grazas á motivación dos seus profesores. Seguiu estudando no instituto "Liceu Amílcar Cabral" ata 2º de ESO, que foi cando lle dixeron que tiña que marchar para Burela. Nese momento, sentíu emocións contradictorias: tristeza por irse do seu fogar e emoción de alegría por descobrir un novo lugar.
Chegou a Burela no verán do 2011 e empezou a ir a unhas clases que se impartían na Casa da Xuventude. Despois, comezou o curso no IES Monte Castelo e, aínda que fora nun grupo específico, ía no curso corresponde a súa idade. Ao final, obtivo moi boas calificacións grazas aos recursos proporcionados polos seus pais quen tiñan expectativas moi altas sobre o futuro de Kateline, e o apoio dos seus amigos, en concreto, unha amiga que estaba pasando pola mesma situación. Máis tarde, xa na universidade, fixo un intercambio á Portugal con Programa Europeo Erasmus no que tivo a oportunidade de coñecer xente e mellorar o idioma.
A continuación, respondemos unhas preguntas que nos propuxo e rematou a charla dicindo: "Con moito esforzo y moita constancia, pódese chegar onde queiramos."

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Laura Rodríguez 
2º ESO A

8.2.19

Exposición Poemas de amor

O alumnado de 2º PMAR compuxou uns poemas de amor para ambientar o centro nestas datas da Candeloria e dos namorados.

Ver a reportaxe fotográfica aquí.

7.2.19

BiblioPerdouro - Día da muller e da nena na ciencia

Celebramos o 11 de febreiro cunha pequena exposición de libros protagonizados por mulleres que podes atopar na biblioteca. Hai moitas curiosidades que descubrir Visibilizemos as mulleres científicas!!

Sabías que o 15 de decembro de 2015 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 11 de febreiro como Día Internacional da Mujer e a Nena na Ciencia para visibilizar o labor das científicas e o fomento das vocacións científicas nas nenas.
.

6.2.19

2º PMAR informa...

O alumnado de 2º PMAR converteuse en xornalistas de prensa escrita e inventou os seguintes sucesos. Buscou inspiración na prensa en papel e logo maquetou as súas novas poñendo en práctica a expresión escrita.

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL




Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

5.2.19

Finais Campionatos San Xoán Bosco 2019

Os Campionatos de San Xoán Bosco, organizados pola A.C. “Os Matos”, é unha das actividades anuais do I.E.S. Perdouro. Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 1º e 2º de E.S.O. participou en diversas modalidades lúdicas e deportivas, que remataron na tarde do luns 4 de febreiro.

Os participantes puxeron ilusión e gañas nas distintas  modalidades que se ofertaban:
  •     Individuais:  4 en liña, Damas e Xadrez
  •     Grupos: Baloncesto e fútbol sala.
As primeiras eliminatorias e as finais individuais desenvolvéronse nas instalacións do centro. As finais de grupos disputáronse no pavillón polideportivo dos institutos o día 4 de febreiro pola tarde e foron arbitrados por Antón Niñe e Benxa Soto.
Da organización e coordinación dos Campionatos encargaronse Alejandra, Cristian e Sergio de 4º de ESO na modalidade individual e Benxa na modalidade Grupo.

Os vencedores das distintas modalidades, que recibiron as súas correspondentes medallas, son:

  • 4 en liña: Ádila Pereira Lopes (1º ESO A) e Kemer Monteiro da Costa (2º ESO B)
  • Damas:  Simón  Chao Sánchez (1º ESO A)
  • Xadrez: Raúl Cayón Fernández (1º ESO A)
  • Baloncesto: Equipo de 2º ESO B  (Noa, Ainhoa, Jessica, Noemie, Nico, Ainhoa Mía, Diego, Alex, Fernando, Nuria, Kemer, Mateo)
  • Fútbol Sala: Equipo 2º ESO B (Dámaris, Nico, Diego, Sar, Mateo, Alex, Fernando, Kemer)
Para finalizar o encontro os equipos gañadores de Baloncesto e Fútbol sala xogaron contra os equipos dos profesores. Os equipos de alumnos resultaron ser os vencedores!
Felicitamos aos participantes e ao público polo bo ambiente creado nestes días! Moi boa afición!!

Accede ao álbum de fotos Xogos individuais aquí e  da Final e Entrega de premios aquí.

2.2.19

Obradoiro de papel

Nesta actividade que tivemos os alumnos e alumnas de 3º ESO o venres 11 de xaneiro, contamos con dúas monitoras: Cristina Fernández Sáinz de la Maza, a mestra papeleira, que estudou con Juan Barbé, e Begoña Romo Conde, monitora de Educación Ambiental do Concello de Burela.
A propia Cristina, ao comezo, falounos dos diferentes tipos de papel: de algodón (faise con algodón, fibra de liño e millo; deste último úsase a folla, na cal está a fibra e a celulosa), de esparto e de palla. Para o papel que fai ela tanto emprega folla de millo coma de porro.
Para o secado das follas de papel precísanse dúas ou tres semanas e, para conseguir que este saia branco, hai que eliminar a lignina, que é o que escurece o papel co paso do tempo. O papel feito con algodón non leva lignina, por iso é tan branco.
Para eliminar a lignina pódese utilizar cloro (o que fan nas papeleiras) ou sosa caústica. Ela prefire a sosa caústica porque se neutraliza con vinagre e, ao eliminalo, non dana o medio ambiente. O proceso consiste en lavados continuos ata que a auga saia completamente limpa. Este proceso é contaminante xa que se emprega auga, cloro e sosa cáustica, que é un ácido clorhídrico. Pero a unión do vinagre xunto coa sosa cáustica fai que a sosa xa non sexa contaminante, xa que o resultado é biodegradable.
Á parte dos papeis nomeados e máis importantes, tamén nomeou o papel chartier; é un tipo de papel que absorbe todo o que teñamos nas mans; é un papel feito con roupa e pódese facer sempre que a roupa sexa de algodón. A mestra papeleira tamén nos contou que a folla do tabaco tamén permite facer papel.
Despois, comezamos as prácticas do obradoiro dividíndonos en dous grupos: en cada un deles había tipos distintos de fibra. No meu grupo, tivemos fibra de liño, o cal é máis groso e forte que o de algodón. Cortamos as fibras en anacos pequenos e botámolos nunha tina. Mentres, as monitoras colgaron un cordel dunha punta á outra da aula. Cando rematamos, tivemos que encher a tina de auga ata case enriba de todo (isto faise para hidratar a polpa). Cun batedor remeximos todo e despois metimos os dous bastidores (marcos de madeira, un con malla e outro sen ela) na tina e sacámolos ao momento se tiñan a mestura sobre eles; a continuación, colocámolos sobre a fliserina.
Ao rematarmos coa práctica, engadimos sementes de lavanda na tina para facer papel plantable.
Logo prensamos o papel para sacarlle o máximo de auga posible antes de colgalo no tendal para o seu secado.

ZAIRA MORANDEIRA3º ESO
As principais plantas das que procede o papel son: o algodón, o liño, as follas do millo (secadas, primeiro, entre dúas ou tres semanas) e tamén as follas do porro e o talo da palla.
Pasos:
1-Facer anacos o material.
2-Engadir auga.
3-Cocer/cociñar. Como resultado disto, o papel queda branqueado e a celulosa separada. Antigamente, podíase separar con cinza e, ao cocerse, engadíaselle sosa cáustica (para que non contamine ao ir polo vertedoiro, engádese vinagre).

MARTA RODRÍGUEZ 3º ESO 

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

1.2.19

As matemáticas do século XXI

O martes 15 de xaneiro, os alumnos e alumnas de 4º da ESO e de 1º de BACH recibiron unha charla impartida polo profesor universitario Enrique Macías Virgós. O obxectivo desta era mentalizar os rapaces da gran importancia e saída profesional que teñen as matemáticas neste século XXI.
As matemáticas son unha das materias máis difíciles para o alumnado e quizais unha das que máis se suspende. En realidade, como nos quixo dar a entender Enrique, as matemáticas están presentes en case todos os lugares. Hoxe en día, ter grandes coñecementos desta materia e tamén obter un título equivale a ter traballo, xa que os titulados en Matemáticas non engrosan as listas do paro.
Na charla, o profesor quixo mostrar que, ata o máis aburrido das matemáticas, como poden ser os números primos, triángulos, péndulos ou as curvas, son imprescindibles para a existencia do ser humano.
Por exemplo, comentounos que para encriptar unha mensaxe o que se fai é multiplicar dous números primos enormes para que así ninguén sexa capaz de descifrala. Esta técnica é empregada polos bancos e ningún ordenador é capaz de desencriptar estes números enormes; excepto o computador cuántico que si pode, pero existe un pequeno problema: custa 10 millóns de euros e só o posúen Google e a Nasa.
Con respecto aos triángulos, parece que non serven para nada pero son/foron imprescindibles para a nosa vida. Antigamente para deseñar mapas empregábase o teorema do seno, xa que sabendo os ángulos que facía a costa podíase saber a distancia entre os puntos. Actualmente, a posición GPS tamén se basea neste teorema, e grazas aos triángulos. Aquí, a diferenza é que temos satélites que dan a nosa posición en calquera momento cunha cun fallo duns 10 metros; porén, a posición GPS do exército ten unha precisión duns 10 cm.
Por último, a charla finalizou falando das curvas. As curvas poden parecernos moi aburridas pero empréganse en moitos lugares. Un exemplo poden ser as famosísimas curvas catenarias de Gaudí: grazas a elas podemos observar estruturas impresionantes; isto é porque todas están perfectamente equilibradas polo seu propio peso.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

LUIS PERNAS - 4º ESO
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...