30.4.21

Día da Educación Física na rúa

Aquí tendes o audiovisual feito conxuntamente entre aos centros educativos pertencentes ao Seminario de Educación Física da Mariña co gallo de celebrar o Día da  Educación Física na rúa, o 28 de abril.

 

29.4.21

Charla Bocados da Domus

O martes 13 de abril o alumnado de 4º da ESO do IES Perdouro tivemos unha charla virtual co museo Domus na cal nos falaron de distintas cuestións sobre a nutrición, a enerxía ou a contaminación.

A visita virtual trataba de relacionar a nutrición cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, que compromete aos estados membros a actuar en favor de cambios globais e integrados que permitan poñer fin á fame e á malnutrición antes do 2030. Os ODS son 17 obxectivos que directa ou indirectamente están relacionados coa nutrición.

A exposición abordou temas como a distribución da auga no planeta e a importancia que ten para o noso organismo o estar axeitadamente hidratado. 

Tamén nos ensinaron o prato de Harvard: un prato co número de racións de alimentos que hai que tomar para manter unha dieta saudable, consumindo calorías de calidade e escapando dos procesados. O prato visualiza a cantidade idónea de verduras, froitas, proteínas e cereais destacando que estes sexan integrais. Tamén inclúe os vasos de auga que hai que tomar cada día, e o consumo de aceites beneficiosos como o AOVE. Ademais falou sobre a pirámide alimentaria, que modificou a súa estrutura tradicional, engadindo un novo caixón na base da pirámide, que debe incluír a práctica de actividades intelectuais e de actividades físicas. A OMS recomenda que os nenos deben realizar 60 minutos de actividade física diaria para manter uns nivel de condición física saudable.

En resumo, animáronnos a levar unha vida máis saudable que inclua a práctica regular de actividade física para mellorar o balance enerxético e que a alimentación sexa sostible, consumindo alimentos de proximidade e de tempada.

Mateo Balseiro Santos, 4º ESO-B
 

28.4.21

Conferencia Mulleres, enxeñaría e informática

O pasado mércores día 21 de abril os alumnos e alumnas de 4º da ESO tivemos unha videoconferencia sobre mulleres, enxeñaría e informática que foi impartida por Beatriz Pérez Sánchez, unha profesora da Universidade da Coruña.

A charla poderíase resumir en tres grandes puntos:

  • comentar a baixa presenza das mulleres nesta profesión.
  • os factores de influencia que fan que isto ocorra.
  • as porcentaxes de mulleres nesta clase de profesións.

A conferenciante comezou falándonos dos estereotipos sexistas, primeiro en películas e series da televisión e, máis tarde, nos xoguetes, roupa, libros, etc. Nas películas e series faise ver que na tecnoloxía só traballan homes e ademais sempre o fan nun soto escuro sen luz exterior e moi desordenado. No referente aos xoguetes, roupa ou libros destacan sobre todo os catálogos de Nadal, xa que no apartado de bonecas sempre saen nenas anunciándoas e todo é de cor rosa, e  no apartado de coches ou mesmo nos disfraces de profesións como bombeiro, garda civil ou cazador sempre son os nenos quen os anuncian.

Despois falounos dos prexuízos de xénero e da importancia da diversidade en torno a este; e para enlazar con este tema explicounos as barreiras que tiñan as mulleres no campo da tecnoloxía, como a ausencia de titoras, as escasas oportunidades e a diferenza de salario. Para que isto non suceda, díxonos que debería cambiar a divulgación científica, a existencia dun curriculum nas escolas e o apoio ás mulleres nesta profesión.

Para rematar, deunos información sobre oficios, se queremos entrar no mundo da informática, e mostrounos algúns exemplos de persoas que teñen un posto moi elevado e que foron alumnos e alumnas súas.

Saray Barro Rodríguez, 4º ESO-B

27.4.21

Conferencia sobre impresión 3D para a elaboración de produtos de apoio

O venres 16 de abril un grupo de 4º da ESO de Tecnoloxía e o alumnado do Ciclo Medio de Electrónica do IES Perdouro tivemos unha charla sobre o uso que se lle pode dar á impresión en 3D con respecto á fabricación de obxectos para persoas con deficiencias físicas.
 
Thais Pousada García, enfermeira e membro do grupo TALIONIS foi a encargada de impartir estas charlas de divulgación científica que forman parte da campaña de difusión dos traballos de investigación levados a cabo polo grupo TALIONIS da Universidade da Coruña.

Nesta charla explicáronnos que moitos destes obxectos no mercado poden custar moitísimo diñeiro; pero, ao poder deseñalos nós no ordenador e logo imprimilos en 3D, é moito máis fácil e barato. E ademais poderiamos doar estes obxectos ás persoas que necesitan esta axuda.

Daniel Pernas Martínez, 4º ESO-B

Ler o artigo publicado na web de Talionis: aquí

26.4.21

Charla A física no cine de catástrofes

O mércores 14 de abril Manuel F. Herrador, profesor especializado en Enxeñaría de Camiños, veu ao noso instituto para falarnos da física no cine de catástrofes. 

Para empezar, explicounos como el axudaba ao desenvolvemento de diferentes lugares sendo enxeñeiro e logo centrouse nos trens como elementos que tamén contribúen a ese desenvolvemento.

Xa entrando no cine de catástrofes destacou varias películas relacionadas co tema, como por exemplo “O fuxitivo” (película na que actuou Harrison Ford e na que descarrilaba un tren de verdade). Seguidamente falounos dos tipos de simuladores que usaban os directores para as películas, como o simulador de choques de trens ou o simulador de tsunamis (este último permite  cambiar a densidade da auga, a altura, etc para que así se poida ver máis incrible).

Tamén nos falou da película “The Dam Busters”, na cal se inspirou o director da Guerra das Galaxias. E despois estivo falando das pontes (maneiras de construílas, as pontes máis famosas e longas do mundo…) e fixo moita referencia á ponte de San Francisco en diversas películas.

Por último, centrouse no tema dos terremotos nas películas: os directores moven a cámara para facer crer que está sucedendo de verdade. Para rematar, referiuse a Tokio e ás distintas hipóteses que alí se barallan ao falar de terremotos e construcións (cantos edificios se afundirían se houbese un terremoto de tal magnitude…, canto aguantarían os edificios por dentro e por fóra,…). 

Foi unha charla interesante e abraiante polo feito de mesturar a física e o cine de catástrofes.

Ramiro Pereira Trillo, 4º ESO-B

23.4.21

Visita virtual ao castro de San Cibrao de Las

“FACEMOS AS MALETAS” PARA VISITAR VIRTUALMENTE O CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS.

O día 13 de abril visitáronos dous técnicos do castro de San Cibrao de Las, Jota e Jorge,  e con eles fixemos o alumnado de 1º e 2º de ESO unha viaxe virtual.
San Cibrao de Las é un dos castros máis grandes de Galicia, de feito tamén se coñece como “ a cidade”, do cal só está escavado unha pequena parte.  Atópase na provincia de Ourense, entre os concellos de Punxín e San Amaro, no cume dunha montaña e próximo ao río Miño. Estivo ocupado arredor duns 400 anos, entre os séculos II a.c e II d.c. e nel  chegaron a vivir unhas 3.000 persoas.
Ao comezar a actividade puxéronos un vídeo, onde catro nenos e nenas ensinaban o castro. Despois o técnico foinos explicando con detalle cada parte. Vimos como era o sistema defensivo do castro, moi avanzado porque contaba con tres murallas, unha delas rematada en forma de pinzas de cangrexo. Tamén nos explicou como eran as casas, que tiñan unha cociña con forma circular na que había unha construción de pedra que era o forno,  e outras habitacións que servirían como dormitorios ou despensas.
O castro tiña catro entradas, seguindo os puntos cardinais, e as rúas principais estaban empedradas. Contaba con dous pozos, situados en distintos lugares, o que lles aseguraba o abastecemento de auga aínda que fosen atacados. No centro do poboado  atopábase un espazo baleiro que se cree que tiña funcións relixiosas.
Tamén nos explicaron como era a relixión dos castrexos e faláronos da deusa Navia, xa que no castro atopouse unha estela co seu nome.
Durante esta visita chamounos a atención o sistema defensivo do castro, as súas crenzas relixiosas, como facían o lume cunha peza de metal e unha pedra de sílex,  a súa forma de vida, como se vestían e adornaban ou o uso que lle daban ao tríscele para espantar os males das casas.
A visita fíxose moi amena porque Jota interactuaba continuamente con nosoutros e ademais trouxo figuras para explicarnos como eran os guerreiros, unha réplica dun puñal de antenas, un tríscele ou un chisqueiro co que fixo lume nun fungo.
Esta actividade pareceunos moi interesante porque descubrimos como era a vida nun castro, aínda que nos houbese gustado  máis visitalo en persoa. Oxalá poidamos facelo o próximo curso!

Alumnado de 1º ESO

22.4.21

Charla sobre machismo na publicidade no marco do Plan Proxecta 365 días de respecto e igualdade

25/03/2021

Na charla sobre o machismo na publicidade e destinada ao alumnado de 2º ESO faláronnos sobre diferentes temas. Un dos principais foi, sobre todo, os anuncios sexistas que existen, os cales poñen á muller nun lugar moi feo e desagradable, por dicilo dalgunha maneira. Algúns eran, por exemplo, un anuncio dunha colonia onde o home sae rodeado de mulleres cun escote enorme (que non hai nada de malo nisto, é dicir, en usar prendas onde mostres o teu corpo, pois ao final podes facer o que queiras co teu corpo que para iso é teu, sexas muller ou home, pero no anuncio estábano poñendo de tal forma que se usas esa colonia vas estar rodeado de mulleres); este anuncio podémolo considerar indebido e inxusto.

Outro anuncio para destacar é un de condóns no que aparece unha muller con tremelicas nas comisuras, simulando que se tes grande o pene e utilizas eses condóns case non lle vai coller na boca da rapaza coa que estás mantendo relacións sexuais. Este anuncio pareceunos a toda a clase moi indecente e sorprendeunos que houbera anuncios dese estilo.

Tamén a relatora falounos da forma en que nos educan desde pequenos, pois a maioría das persoas din que as nenas teñen que ter cousas rosas, xoguetes rosas e que teñen que xogar as cociniñas, a coidar bebes, etc., e os nenos teñen que ter cousas azuis, xoguetes azuis e que teñen que xogar con pistolas de xoguete, con avións, a ser astronautas, con coches de carreiras etc..., e isto transmítenllo aos seus fillos. 

Díxonos que o único que creaba que nos educasen desta forma é que imos ter prexuízos sobre o que poden facer as nenas e o que poden facer os nenos. Sobre este tema ensinounos un anuncio dun hipermercado no que se dicía que as nenas tiñan que ser cociñeiras e os nenos astronautas e tamén aparecía o neno de azul e a nena de rosa.

Comentounos tamén todo o que sufrían as mulleres para chegar a ser modelos coñecidas en todo o mundo ou no seu país. Cando falamos deste tema mostrounos un vídeo no que aparece unha modelo tombada e empezaron a sacarlle fotos, e logo se ve como a través do Photoshop lle cambiaron o corpo enteiro, puxéronlle peitos, cu, adelgazárona e algunhas cousas máis. Aquí o podedes ver:


 

Estes foron os principais puntos da charla.

Henar Cobas Linares, 2º ESO C

16.4.21

Charla sobre violencia de xénero no marco do Plan Proxecta 365 días de respecto e igualdade

O martes 6 de abril o alumnado de 4º ESO recibimos unha charla impartida por Matxalen Abasolo, psicóloga especializada no acoso a través das novas tecnoloxías.
A charla programada por Pantallas Amigas constou de dúas sesións nas que falamos de varios tipos de violencia e da influencia que teñen as redes sociais, ao igual que o resto das novas tecnoloxías.
Para comezar preguntounos se coñeciamos o significado dalgúns termos, como feminismo, ao igual que a diferenza que existe entre a violencia machista, doméstica, ou de xénero. Como a maioría sabía, o feminismo é o movemento que busca a igualdade entre sexos, é dicir, a loita contra o machismo. Matxalen tamén nos aclarou a diferenza entre os termos nomeados anteriormente; esta diferenza consiste na relación que existe entre as persoas afectadas: se manteñen unha relación afectiva, se acontece nun ambiente intrafamiliar ou se non existe ningunha relación.
Na segunda das sesións centrámonos máis nas novas tecnoloxías e na maneira que soen empregar os pederastas e pedófilos para contactar e acosarnos; neste caso o acoso recíbeno os dous sexos, aínda que principalmente as mulleres. Falamos do “grooming”, explicándonos como acontecía con hisotrias reais. Tamén tratamos novos termos que engadimos ao noso léxico, como “sextorsión”, que consiste na ameaza de revelar información íntima sobre a vítima a non ser que lle conceda o que pide ao seu extorsionista. Ao igual que “sexpreading” que é o feito de difundir fotos con contido sexual doutras persoas sen o seu consentimento.
Para rematar, dicir, en nome de todo o alumnado, que nos gustou moito a forma de impartir a charla por parte de Matxalen xa que nos resultou moi cercana. A pesar das medidas contra o COVID, ela conseguiu que falaramos abertamente e deixounos intervir en todo momento. 

Accede a algunhas fotos aquí.

Nuria Ramos Cuba - 4º ESO B

Telexornal Xela Arias

Publicado o tan esperado telexornal especial Letras Galegas 2021 Xela Arias, un informativo realizado polo Departamento de Lingua Galega do CPI dos Dices de Rois.


15.4.21

Disección dun ollo e dun corazón

O alumnado de Anatomía de 1º de Bach asistimos o mércores pasado 07/04/2021 a unha actividade novamente telemática.
 
A actividade consistiu nunha disección dun ollo de vaca e dun corazón de cocho explicada desde a Domus da Coruña.

Ao principio, a guía estívonos contando certas curiosidades do corazón, como que o corazón máis grande é o da balea e o máis pequeno é o dun rato ou dunha musaraña.

A continuación, explicounos un pouco sobre a súa estrutura e o se funcionamento. Enináronnos  cunhas maqueta as distintas partes que ten e as distintas funcións que cada unha desas  partes realiza.

Durante a explicación dixéronnos que o corazón consta de dúas circulacións, unha menor que vai dende o corazón aos pulmóns e a maior que vai do corazón a todo o corpo. Explicáronnos como é a circulación sanguínea e por que estruturas pasa no corazón e cales son os vasos sanguíneos principais.

Despois, comezamos coa disección do corazón na que fixo un corte paralelo ao tabique interventricular. Logo, repasamos o circuíto sanguíneo co corazón de cocho. Ensináronnos unhas imaxes nun encerado para axudar a explicar como é o movemento das válvulas e das cavidades mediante a simulación do seu movemento. Dixéronnos que a sístole consiste na contracción do corazón coa que se expulsa o sangue aos pulmóns e a todo o corpo, e a diástole  consiste na relaxación do corazón que ao mesmo tempo se enche de sangue.

Despois, continuamos coa disección do ollo. Ao comezar, díxonos cales eran as funcións principais de cada parte, como por exemplo as pálpebras que impiden a entrada de axentes estraños no ollo. A continuación, cunha maqueta do ollo, explicáronnos as capas do propio ollo coma a esclerótica, que é moi dura e protexe o ollo ou a pupila, que se encarga de abrirse para captar máis ou menos luz. Explicáronnos a función da córnea e do cristalino, que se encargan de enfocar as imaxes que vemos e así nos foron explicando todas as capas polas que está formado o ollo e as distintas funcións que ten cada capa. Despois, contáronnos certas curiosidades sobre os ollos, como que na Idade Media as pupilas dilatadas eran atractivas e algunhas persoas tomaban unha substancia que se sacaba dunha planta para que se dilataran.

Continuamos coa disección do ollo e aproveitaron para facernos un repaso das capas. Comezou cortando a esclerótica, o que lle custou un pouco, porque é unha capa moi dura. Saíu un líquido moi acuoso chamado humor acuoso. A continuación sacou o cristalino co que volveu explicar a súa función. Ao cortar o ollo separouno en dúas partes e na segunda explicounos as distintas partes. Ensinounos que a retina é moi mucosa. Tamén nos mostrou que se observaba moi ben nel, unha zona azul chamada Tazetum Lucidum que capta moi ben a luz. E no encerado dixital vimos unha simulación de como o cristalino leva a cabo o enfoque mediante a acomodación.

Ao final, ensinounos porque se causa a hipermetropía e a miopía mediante unhas imaxes.

Aquí podes acceder ao albúm de fotos.

Hugo Cobas Linares - 1ºBach A


Obradoiro de educación emocional

O martes 23 de marzo, os alumnos e alumnas de 2º e 4º da ESO tivemos unha charla sobre as emocións impartida por Antía Colorado.
Os nosos “defectos” e as nosas virtudes, as etiquetas que se nos impoñen e as opinións alleas son os principais factores que inflúen nas emocións e pensamentos da mocidade. Estes tres temas foron os que tratamos na charla con Antía, a cal tamén nos falou do fracaso escolar e do crecemento como persoas, dende a experiencia propia.
Para empezar, a primeira actividade consistía en presentarnos cunha bóla de lá nas mans e dicindo algo que se nos dera mal; unha vez feito isto, lanzabamos a bóla entre nós e, así, formouse un labirinto de lá e problemas que a simple vista non parecían ter remedio ningún. Pero sempre hai unha solución para cada mal, sobre todo se buscas apoio na xente que te quere e te rodea. Así que continuamos as presentacións dicindo agora algo bo sobre nós mesmos e devolvéndolle a bóla ao compañeiro ou compañeira que nola lanzara; este comentaba en que lle podiamos axudar coa nosa virtude e tamén dicía algo que se lle dera ben, conseguindo así desfacer ese gran enredo.
A segunda actividade foi escribir nun papel un ou dous adxectivos positivos sobre os compañeiros e compañeiras da clase, repartilos entre nós e lelos con tranquilidade.
Cada quen decidía que cualidade o describía e cal non, porque o que diga o resto non debería de influír nos nosos actos, pensamentos ou decisións: a nosa vida é só nosa e ninguén debería poñernos ningunha etiqueta co obxectivo de impedir que gocemos da vida.
Por último, limos varios textos sobre un día na vida dun personaxe chamado Miguel dende o punto de vista das persoas que se atoparan con el; cada fragmento daba unha idea diferente sobre o protagonista e, cando escoitamos a historia dende o seu propio punto de vista, esas ideas non concordaban co que realmente sucedera: as persoas xulgábano só polas súas accións sen coñecer realmente a súa vida. Por iso non debemos xulgar ou criticar a alguén nada máis velo, nunca sabemos que lle sucede nese momento nin todo o que ten detrás.

Laura Rodríguez e Álvaro Mesa - 4º ESO


5.4.21

XORNADA ARDUINO NO IES PERDOURO

O pasado venres 26  de marzo a aula de música converteuse na Feira de mostra Arduino Day con varias actividades programadas en código aberto. O alumnado de 3º e 4º de ESO visitou as instalacións que tiñan preparadas o alumnado de 1º de CM de Instalacións en Telecomunicacións.
 
-》 Simon dice ...
-》 Medidor de CO2
-》 Ping-pong electrónico
-》 Levitación por ultrasón
-》 Música por contacto
-》 Carreira leds 2 xogadores
-》 Carreira leds 4 xogadores
-》 Apertura de pechadura mediante tarxetas RFID
-》 Ruleta
-》 mbot sigue liña, escornabot e Zowi
-》 Máquina Arcade
-》 Arduino e componentes 


 
 

III Certame de Regueifa

Inscrición ata o 20 de abril na web de Non perdas o norte

 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...