30.5.13

Campaña de prevencións de lesións medulares - 4º ESO

O alumnado de 4º da ESO asistiu hoxe na biblioteca a unha charla impartida pola Confederación Galega de Minusválidos de Lugo COGAMI-LUGO

Cada ano miles de persoas morren e máis de 40000 quedan con lesións irreversibles (lesións medulares – traumatismo craneoencefálico) como consecuencia de accidentes de tráfico, laborais, deportivos, domésticos e agresións. Tódolos días podemos observar como os novos rapaces (sobretodo entre 16 e 25 anos) son os fatais protagonistas en accidentes de tráfico e deportivos, que poderían ser facilmente evitados se se cumpriran unhas mínimas medidas de precaución. 

Por este motivo, dende o centro IES Perdouro, queremos sensibilizar con esta campaña informativa da COGAMI-LUGO, os rapaces que son en definitiva as persoas máis vulnerables neste tipo de sucesos,  coa fin de que poidan evitar estas situacións.

Testemuña en vivo: Ángel con discapacidade debido a unha lesión medular explicoulles aos alumnos as consecuencias dun accidente así como as medidas de precaución para evitalo.



28.5.13

A nosa revista Maruxía nº 19 en plena maquetación

Estes días o equipo de alumnos TIC de 1º de Bac. estivo traballando activamente baixo a coordinación de José Luis e Miruca no deseño da revista nº 19 de Maruxía. Están ultimando a maquetación para poder dala a coñecer dentro de moi pouco. 

27.5.13

Recital de Silvia Rozas

Silvia Rozas Ramallal, alumna de 3º ESO, participou nun recital de música clásica que se celebrou na Igresa da Vila do Medio de Burela o pasado domingo 26 de maio. Esta frautista burelesa de 14 anos leva dende oito estudando frauta. Estivo acompañada no concerto por Israel Arranz no vibrafóno e Silvia Amigo no piano. Interpretaron pezas como Partita (J.S.Bach), Danza de la cabra (Honneger), Sonata en Mib BWV 1031 (J.S.Bach), Méditation (J. Masennet) e Píese (J. Ibert).



24.5.13

Visita de Nicola Bermingham

A INTEGRACIÓN SOCIAL NA MARIÑA TEMA CENTRAL DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO FEITA POR UNHA PROFESORA IRLANDESA

A investigadora xa fixo a súa tese de licenciatura sobre a obra de Rosalía de Castro

No inicio do período democrático (1978), fíxose máis fluída a circulación de traballadores procedentes doutros países. Deixamos de exportar man de obra para pasar a reter persoas con boa formación profesional e incluso para demandar cadros técnicos moi necesarios para a implantación de novas empresas. Nese proceso, á nosa terra chegaron persoas procedentes dos Estados Unidos, de Francia, Alemaña, Holanda e os países británicos. Viñeron para Alúmina, para Citröen e tamén para empresas pequenas e medianas que necesitaban persoal cualificado para botar a andar a mecanización.

En moitos casos, eran xente moi nova, que aínda non tiña un traballo estábel no seu país. Chegaron aquí, gañaron diñeiro, gozaron dun bon nivel de vida, tiveron os primeiros fillos... e, tan pronto como puideron, retornaron á súa terra para asentárense en traballos fixos.

Quen sabe moito disto é a irlandesa Nicola Bermingham (Vigo; 1988), está estes días na Mariña en pleno proceso de investigación para a súa tese de doutoramento. Esta moza -con tan só 24 anos profesora da máis prestixiosa universidade escocesa- retorna á comunidade en que naceu e da que marchou hai 15 anos, cando seus pais conseguiron praza laboral no seu país de orixe.

Despois deste tempo, que quedou nela do período que pasou na escola infantil de Vigo? Algo si. Desde logo, quedaron máis vivencias das aulas e do patio do Colexio Público García Barbón, onde estivo entre os 6 e os 10 anos. A nosa terra deixou pegada suficiente como para que, xa licenciada, decidise dedicar a súa tese de licenciatura ao estudo da obra de Rosalía de Castro, traballo que realizou en Dublín baixo a dirección dunha profesora orixinaria de Cataluña.

Mais ese mergullo na obra de Rosalía, de quen celebramos o 150º aniversario da publicación da súa primeira obra en galego, foi só un comezo. Agora prepara a tese de doutoramento sobre a nosa terra como lugar de acollida, con boas condicións para a integración. Faino en Burela, onde traballa da mañá á noite. Quere aproveitar ben as dúas semanas que estará entre nós (do día 18 ao 30 de maio).

Nicola érguese pola mañá e asiste en calidade de observadora a algunhas sesións docentes, onde haxa alumnado de procedencias diversas. Nas horas libres fala coa profesora Rosa Febrero, especialista en abrir a porta aos nenos e nenas procedentes doutros países e especialista tamén en buscar oportunidades para os autóctonos que presentan riscos de exclusión social. Son conversas case unilaterais: Nicola pregunta e Rosa responde.

Nos recreos a profesora irlandesa pasea polo patio na compaña dos estudantes. Fixo especial amizade en 4º de ESO. Os músicos acompáñana moi contentos, porque ela é integrante da Orquestra da Universidade en que traballa. Toca a viola. Mais nos recreos pasea e observa. Non quere profesorado consigo.

Despois das 11 visita Burela coa compaña da súa cámara de fotos, que utiliza frecuentemente para recoller textos escritos (anuncios, letreiros comerciais, bandos, publicidades, cartaces de feiras e festas...). Nalgunhas ocasións solicita a colaboración de Matías Nicieza, quen lle fixo de Cicerone no cemiterio parroquial para mostrarlle unha panorámica dos textos das lápidas xustamente cando se cumpre o centenario do recinto (1912-2013). De novo Nicola pregunta e, neste caso, Nicieza responde: cal foi a primeira que se redactou en galego, cales foron as seguintes e que ano, quen son as familias que as encargaron e en que obradoiro foron feitas.

En momentos perdidos Nicola redacta no seu caderno e polas tardes pasa a limpo no ordenador. De cando en cando, pregunta pola colocación do pronome átono, pide palabras específicas para plasmar determinados contidos ou confirma se son acertadas as súas reflexións sobre os paralelismos e as diverxencias das gramáticas galega e castelá.

Que sabemos dela? Que é máis de lingua que de literatura; que lle gusta a obra de Rosalía; que explica moi ben a cultura do seu país... Mais estamos seguros de que no seu caderno de notas hai percepcións gorentosas.

23.5.13

4º ESO - reportaxe fotográfica por Londres


Xa podemos ver a reportaxe fotográfica da viaxe a Londres realizada polo alumnado de 4º de ESO. Exhíbese estes días no hall de entrada. Excelente traballo profe!

4º ESO - Lei de menores

O pasado día 23 de maio, a Policía Local de Burela deu unha charla informativa  sobre a lei de menores.

Ramón González García e Manuel García Cerezo, axentes da Policía Local de Burela impartiron unha charla sobre Dereitos e deberes dos menores de idade dirixida ao alumnado de 4º de ESO. A partir dunhas declaracións demoledoras do xuíz de menores granadino, Emilio Calatauyd, os axentes informaron dos dereitos e consecuencias tratando de facer sempre fincapé na responsabilidade penal dos menores de idade.

22.5.13

3º ESO - Ensaio dos espectáculos de monicreques

Aquí está Ton Arenas traballando a entoación, a sonoridade da voz e a comunicación xestual co alumnado de 3º PDC co fin de preparalo a representación dos seus mini-espectáculos de monicreques. 
Xa estamos impacientes de poder velos!!!

1º ESO - Ruta pola Mariña Occidental

Este mércores 22 de maio,  O alumnado de 1º de ESO realizo un completo itinerario cultural por Viveiro deseñado pola Maribel, a súa profesora de Ciencias Sociais.

Continuando  coas nosas rutas xeográficas e históricas pola Mariña Luguesa en 1º da ESO, o día 22 de maio realizamos un percorrido pola Mariña Occidental. O foco principal foi Viveiro co seu rico patrimonio artístico-cultural, en moitos casos descoñecido ou con escasa información. A actividade rematou con tarefas nas que o alumnado mostrou o seu nivel de implicación e a análise da información recollida.

20.5.13

4º ESO - charla afectivosexual coa sexóloga Beni Martínez

Esta tarde desenvolveuse un Obradoiro sobre Educación Sexual, destinado o alumnado de 4º ESO.

A experta en sexualidade, Benita Martínez García, e tamén matrona  - que durante moitos anos axudou a traer o mundo a maioría dos nenos da zona - foi a encargada de impartir este obradoiro coa finalidade de promover entre os nosos mozos a asociación entre sexualidade e afectividade (unha visión diferente do sexo no que este non apareza desvinculado dos afectos e dos sentimentos), así como reforzar os coñecementos sobre os Métodos Anticonceptivos.

Foron dúas horas nas que os nosos alumnos/as puideron aclarar conceptos e disipar dúbidas coa sexóloga que se mostrou próxima e comprensiva coas súas preocupacións e demandas.

19.5.13

Novas dende Londres - 4º de ESO

Durante a súa estancia en Londres, o alumnado de 4º de ESO percorreu os principais monumentos da capital británica guiado por Toni Galdo, o seu profesor de inglés, co propósito de reforzar a súa aprendizaxe da lingua e ampliar a seu coñecemento cultural. Foron cincos días de intensas visitas. O grupo descubriu a Torre de Londres, a ponte máis famosa sobre o Támesis, o Teatro de Shakespeare e tamén o Big Ben, a emblemática torre do parlamento británico. O seu profesor deseñoulles un completo itinerario pola vila chegando ata visitar a Abadía de Westminster, Leicester Square e o Museo Británico. Para terminar, a expedición burelá asistiu ao cambio de garda de Buckingham Palace, atracción turística das máis importantes de Londres que non podía perder. E como guinda, os rapaces desfrutaron dunhas vistas únicas sobre a capital británica subidos a bordo da noria do London Eye.

50 aniversario do CEIP Virxe do Carme

Alumnos do centro que forman parte da Banda de Burela actuaron nos actos de celebración co motivo do 50 Aniversario do CEIP Virxe do Carme o pasado 11 de maio. 


A Banda de Burela foi a encargada de pór o broche final coa interpretación de pezas do seu repertorio e do Hino ao CEIP Virxe do Carme, composto polo mestre de música Jesús Arranz. Aínda que a peza xa fora estreada en 2009 no propio centro para celebrar o día das Letras Galegas, nesta ocasión, con motivo da conmemoracióndos 50 anos do nacemento do centro, o Hino interpretouse nunha versión para coro e banda de música, na que os rapaces e rapazas do colexio foron os encargados de pór voz ao texto de Arranz, acompañados pola Banda de Música de Burela.
Coa interpretación desta peza púxese punto e final a un acto moi emotivo con grande asistencia de público e no que estiveron presentes profesores e profesoras, alumnos e alumnas, pais e nais de alumnos, antigos mestres e mestras… e ao que a Banda de Burela non podía faltar.

Himno ao CEIP Virxe do Carme - Letra e música de Jesús Arranz

No medio dos Castros naceu unha “escuela”
que, andando no tempo a colexio chegou
deu pulo e alento a toda Burela
desde as súas aulas, cultura espallou
O VIRXE DO CARME É NOSO COLEXIO
O FARO QUE ALUMA NO MEDIO DO MAR
OFRECE UN ENSINO BO E DE CALIDADE
GLOBAL, SOLIDARIO, ABERTO E PLURAL
Burela medraba e o “cole” crecía
e máis edificios houbo que crear
xornais, profes, libros a Burela enchían
de sabiduría e ritmo vital
ADIANTE, ADIANTE CEIP VIRXE DO CARME
OLLANDO AO FUTURO IMOS TRABALLAR
NAS CIENCIAS, NAS LETRAS, EN TODAS AS ARTES
PARA QUE BURELA SIGA A PROGRESAR
A Comunidade do noso colexio
valores humanos pretende acadar
libre e tolerante quere dar resposta
aos retos dun mundo cambiante e plural
Repíntense os retrousos:
O VIRXE DO CARME…
ADIANTE, ADIANTE…

Texto recollido en Crónica3
Fotografías cedidas pola xentileza de Carlos Andrade.

18.5.13

Especial Letras Galegas 2013

Colaboramos neste especial Letras Galegas 2013 do xornal O Progreso publicado o 17 de maio. O alumnado de 3º ESO liderado pola súa profesora de lingua, Miruca, contribuiu como equipo redactor á elaboración deste especial Letras Galegas.

16.5.13

Viaxe a Londres - 4º ESO

E aquí os alumnos de 4º de ESO disfrutando de 4 días en Londres con Toni Galdo, o seu profesor de Inglés.

3º ESO - Correlingua 2013


Os rapaces de 3º de ESO acodiron á convocatoria anual do Correlingua na Mariña. O alumnado participa na camiñata a prol da lingua, que nesta ocasión se celebra en Mondoñedo, e asiste á lectura do manifesto gañador deste ano e a diversas actuacións musicais da mán do actor Pepe Penabade e da cantante Lidia Botana.





Este curso, xa que o día das Letras está adicado a Roberto Vidal Bolaño, os estudantes do IES Perdouro tiveron a oportunidade de asistir a unha representación teatral, a da obra Fonda Lurditas, interpretada polo grupo de teatro infantil Érase unha vez ..., formandos por rapaces de centros escolares mindonienses. 



15.5.13

2º ESO - A nós, gústanos o galego no Perdouro

O noso fotocol das Letras Galegas 2013

Gústame as Letras Galegas no IES Perdouro.

O alumnado de 2º de ESO participa no desenvolvemento desta campaña de fomento da lingua. Os rapaces crean frases suxestivas sobre o uso do galego que escriben e decoran para logo fotografarse con elas.
Trátase dunha campaña que se leva a cabo por toda Galicia e promove a reflexión sobre a necesidade da normalización do galego en distintos ámbitos e situacións.
Prestámosvos un dos nosos lemas: “Gústame... LER O XORNAL EN GALEGO”.

2º ESO - Gústame o galego ....

Gústame o Galego estivo en Burela o mércores 15 de maio. Con galo das Letras Galegas o IES Perdouro súmase á campaña Gústame o galego promovida por la Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística que pretende visibilizar o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotografías con frases sobre o uso do galego en distintos ámbitos e situacións.
Fixádevos no alumnado de 2º de ESO con seus propios lemas.... En breve estarán as fotos que sacaron Sito e Tono cos que nos botamos unhas cantas risas no Facebook de Gústame o Galego!!

14.5.13

1º Bach. - Ruta poética pola Terra Chá

Para coñecer de preto a realidade literaria máis próxima á nosa comarca, o alumnado de 1º de Bacharelato visitou as localidades de Castro de Rei e Muimenta. Na primeira parada realizaron a pé un tramo da ruta a escrita do Azúmara. Ao bordo do camiño foron atopando poemas de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, etc.
Arredor da antiga escola de Muimenta , tiveron que procurar distintas inscricións con composicións doutros autores chairegos como Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé A. Crecente Vega, etc.
Para rematar a xornada, puideron descubrir xogos populares do século pasado.

13.5.13

Letras Galegas 2013: Roberto Vidal Bolaño

Achégamos unha serie de páxinas na que poderedes atopar moitos recursos para traballar nestes días a figura homenaxeada das Letras Galegas 2013 : Roberto Vidal Bolaño.

"Roberto Vidal Bolaño é un dos promotores do teatro profesional en Galicia. Foi un activo defensor da normalización lingüística na escena galega. Integrante do Grupo Abrente, participou na fundación de varios grupos de teatro, participando neles como autor, director, actor, escenógrafo... sendo recoñecido o seu labor con numerosos premios literarios".

Texto elaborado polo Seminario Galán

Vídeos:

O telexornal do CPI dos Doces de Rois

A obra de Roberto Vidal polo CPI dos Dices de Rois

Compostela na obra de Vidal

Máis recursos:

4.5.13

Son de Nós nun concerto a 7 voces - No camiño da Lingua

No Camiño da Lingua - Concerto Modelo Burela


O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela convertíuse nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofreceu, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntouse en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

Concerto SondeNós - Modelo Burela

No Camiño da lingua - Concerto Modelo Burela

Recóllese o texto informativo do tríptico entregado ao asistente ao acto musical. 

Neste día 4 de maio de 2013 encóntrase vostede nunha igrexa medieval de beiramar e disponse a participar nun concerto educativo "Modelo Burela".
Tratáse dun acto cultural con caracter divulgativo co que pretendemos -coa interculturalidade como fío conductor- fomentar a comunicación entre escola e sociedade, a través do labor de músicos profesionais.
Baixo a batuta do Maestro Plácido Travieso (Viveiro, 1972) faremos unha viaxe que nos levará ata lugares e tempos nos que atoparemos a emoción directa que proporciona a eterna unión de palabra e música.
Coa música ao seu servizo, a poesía culta, as palabras da terra e as letras populares son as perfectas protagonistas desta irmandade cultural que desde a nosa terra se abre ao resto do mundo. Pasaremos polo Reino Unido, Italia e Alemaña; saltaremos o charco para chegar ao Chile de Pablo Neruda; e recalaremos nas augas mansas de Nova Zelandia para nos recrear na sonoridade de lingua maorí.
Tras unha primeira parte clásica (Mendelssohn, Elgar, ...) degustaremos a riqueza do folclore popular e vibraremos cos ritmos modernos de Jimmy Fontana ou Antonio Vega.
"SondeNós" é un septeto vocal formado por homes e mulleres de moi diversa procedencia -da Mariña, da Coruña, de Santiago e incluso de Asturias e Euskadi-, mais todos eles teñen unha patria común que comparten con nós: a música.

Gozen con ela.
Burela, 4 de maio de 2013

SondeNós, Grupo Vocal a cappella, son :

Julia Cea, soprano
Rocío Fernández, mezzo
Plácido Travieso, tenor
Txemi Jiménez, tenor
Lucas Iglesias, barítono
Santi Fernández, barítono
Javier Díaz, baixo

3.5.13

Matías Escalera presenta libro en Burela

O venres, ás 20:00 horas, Julia María Labrador Ben moderou unha amena discusión co autor do libro Historias de este mundo, Matías Escalera na Libraría Nobel (Espazo Lector) de Burela.

Matías Escalera entrevístase co alumnado de 1º de Bach.

Baixo a coordinación de Bernardo Penabade, o alumnado de 1º de Bach. asistiu a un coloquio con profesor e escritor madrileño, Matías Escalera. Faloulle da súa formación académica, da súa experiencia en modelos de plurilingüismo e do seu compromiso coa sociedade. É dos implusores da Marea Verde por unha escola pública e, é activista pola recuperación histórica.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...