27.2.14

IES Perdouro recibe premio


O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela, resultaron gañadores nas súas respectivas categorías.

Miruca Parga, Coordinadora do EDLG, traballou co seu alumnado de 1º de Bacharelato de TIC sobre a figura de Xosé María Díaz Castro co próposito de elaborar carteis para a exposición sobre o autor homenaxeado do día das letras galegas 2014. O seu esforzo foi ben merecido xa que a súa produción circulará como exposición por todos os institutos de Galicia e nos centros galegos de todo o mundo.


24.2.14

Lendo a Rosalía de Castro

O alumnado de 3º ESO participou nun recital poético sobre Rosalía de Castro no día en que se conmemora a súa figura. 


23.2.14

Feliz día de Rosalía!! 24 de febreiro

Co gallo de celebrar o nacemento da poeta, Rosalía de Castro, o alumnado de 1º de bac. fixo esta fermosa pequena homenaxe.


A AELG (Asocación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) propón que agasallemos aos nosos seres queridos cun libro galego e unha flor, como unha forma festiva de lembrar a importancia da lingua (o 21 de febreiro celebrábase a instancias da UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna), e homenaxear a esta escritora fundamental das nosas Letras. 

21.2.14

Visita USC - 2º Bach

O día 18 de febrero desenvolveuse a actividade de encontros na USC. O alumnado de 2º de bacharelato, visitou as distintas facultades tanto do campus norte como do campus sur da Universidade. Os alumnos/as tiveron a oportunidade de facer polo menos dúas visitas ás facultades pertencentes a algunha das áreas de coñecemento, dos estudos que están interesados en cursar.

No campus sur os alumnos/as visitaron as facultades de óptica, enxeñería química, enxeñería informática e químicas entre outras. Tamén visitamos as facultades de ciencias políticas, relacións laborais e dereito. As charlas foron interesantes posto que fixeron unha aproximación o perfil profesional de moitos estudos que non son moi populares. Na facultade de relacións laborais por exemplo explicoúsenos que un graduado en relacións laborais defende os seus clientes no xulgado do social. E que a formación dun graduado en relacións laborais ten unha especialización no dereito do traballo, cunha duración  de máis créditos que un graduado en dereito. Foi interesante tamén, entender á aplicación práctica dalgúns estudos nas funcións desenvolvidas na empresa (elaboración de nóminas, liquidación de obrigas fiscais). Aclarouse igualmente moito os contidos do plan de estudos (en relacións laborais por exemplo, falóuselle dos contidos esenciais da titulación, como pode ser o coñecemento do sistema da seguridade social.)

Por poñer outro exemplo en ciencias políticas tamén lles explicaron aspectos do plan de estudos (historia do pensamento e das institucións políticas, dereito administrativo, técnicas cualitativas de investigación…). Deúselle información tamén sobre as saídas profesionais (asesoría aos partidos políticos, realización de estudos de opinión, distintas oposicións nas distintas administracións públicas…)

Os alumnos que se quedaron no campus norte, visitaron as facultades de medicina, odontoloxía e enfermería. Na súa visita puideron coñecer os distintos departamentos e instalacións. Tamén visitaron a facultade de ciencias da comunicación (coñecendo as distintas  saídas profesionais de estudos como comunicación audiovisual: editores, guionistas, realizadores…)

Nestas charlas tamén falaron de xeneralidades acerca do espacio europeo de ensinanzas superiores como o significado dos créditos do plan de estudos. Os requisitos para obter o grado, como o traballo de fin de grao que os alumnos deberán defender ante un tribunal, ou os requisitos do marco de referencia europeo para os estudios de linguas (necesidade de ter o nivel B1, nunha lingua comunitaria). Tamén se nos proporcionou información sobre os masters que un alumno pode cursar para unha formación máis especializada, unha vez rematado o grao.
En resumo, este tipo de actividades son de moitísimo interese posto que poden motivar e axudar a madurar o proceso de toma de decisións, que condicionará o futuro profesional do estudiante.

19.2.14

21 de febreiro - Día da lingua materna

Miruca Parga e Bernardo Penabade guionizaron o seguinte audiovisual multicultural co próposito de colaborar co proxecto do EDLG do IES  Pobra do Caramiñal 21 Días co Galego.

Día 16 - Modelo Burela - o protagonismo dos novos falantes


15.2.14

Parlamento Xove 2014 - fase preliminar

Cristina Cigarrán, Aitana García, Elena García e Aitor López, alumnos de 1º de Bach. participan este fin de semana no Parlamento Xove. Tras a súa chegada onte a Bergondo, no pazo de Mariñán, hoxe toca  a competición do debate preliminar para os equipos de Bacharelato. Logo do sorteo, o noso equipo liderado pola súa profesora de Historia, Brixida Pino, ten que defender o posicionamento en contra acerca da seguinte cuestión: Sofren as novas xeracións un retroceso sexista e na tolerancia ás diferenzas persoais?


Na categoría de 1º e 2º de Bacharelato nesta fase preliminar participan un total de 22 equipos de 18 centros de ensino. Deste xeito, cun equipo participan: o Colexio La Salle de Santiago; o IES de Melide; o IES Fontexería de Muros; o IES de Fene; o IES Manuel Murguía de Arteixo; o Colexio Divina Pastora de Ourense; o IES Monte Castelo de Burela; o IES Xoan Montes de Lugo; o IES Perdouro de Burela; o IES A Pinguela de Monforte; o Colexio Galén de Lugo; o IES de Foz; o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio; e o IES Pintor Colmeiro de Silleda. E con dous equipos cada centro educativo participan: o IES de Mugardos; o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, o IES de Becerreá e o IES Laxeiro de Lalín.

Da totalidade de equipos que participan nesta xornada preliminar, 8 serán os que debaterán na final que terá lugar o 26 de abril no hemiciclo do Parlamento de Galicia. 

14.2.14

1º Premio no Concurso de Robótica para un equipo do Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicación

O Instituto Galego de Ciencia IGACIENCIA organizou a actividade "A Maxia da Robótica". O VI Concurso Galego de Robótica realizouse durante ao longo desta semana na Fundación Barrié da Coruña. Nesta actividade pretendeuse achegar aos nosos alumnos e alumnas o campo da robótica e aproveitar a súa "maxia" para promover a cultura científica na nosa sociedade galega. Consistiu na programación dun robot  que tiña que superar unha serie de retos.

primeiro premio na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos, foi acadado polo equipo formado por Francisco Fernández, Joao Landim e Claudemir López. Os tres son alumnos do Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicación no I.E.S. Perdouro de Burela.

Hoxe, as 18h00 fíxose entrega dos premios co seguinte resultado: 

Categoría Secundaria Obrigatoria:
  • 1º premio : IES a Cachada de Boiro - 56 puntos
  • 2º premio: IES Ramón María Aller - 52 puntos
  • 3º premio: IES Otero Pedrayo de Ourense - 50 puntos

Categoría BAC e Ciclos:
  • 1º premio: IES Perdouro de Burela - 66 puntos e 2 grupos de 55 e 44 puntos
  • 2º premio : IES San Tomé do Freixeiro  - 45 puntos
  • 3º premio: IES Francisco Asorey - 43 puntos 

Noraboa o Fran, Joao e Claudemir!!!!


13.2.14

Representación nos debates do Parlamento Xove

Cristina Cigarrán, Aitana García, Elena García e Aitor López forman o equipo que representará o centro na quinta edición do Parlamento Xove

Este fin de semana (14 e 15 de febreiro), o noso equipo viaxará ata Bergondo, no pazo de Mariñán, para asistirr á primeira sesión  do debate preliminar para os equipos de Bacharelato. O noso equipo liderado pola súa profesora de Historia, Brixida Pino, terá que sacar os mellores argumentos para defender a súa postura frente aos colegas dos outros centros de Galicia sobre a seguinte cuestión: Sofren as novas xeracións un retroceso sexista e na tolerancia ás diferenzas persoais?

Nesta competición de debate os estudantes de centros educativos de toda Galicia empregarán a oratoria para defender un determinado posicionamento (a favor ou en contra) acerca do tema proposto pola organización. Cada equipo estará composto por catro alumnos e alumnas e un profesor-coordinador. Os mozos e mozas deberán investigar sobre os temas propostos (distinto na fase preliminar e na final) e, o día do encontro, defender no debate a postura que lles toque por sorteo.

Desexámoslle moita sorte!!!!!!




12.2.14

Alcoa doa 725 kilos de aluminio a Fabricación Mecánica do IES Perdouro

Miembros de Alcoa y del centro. Como cada ano agradecemos a fábrica Alcoa por contribuir á formación do alumnado do ciclo medio de Fabricación Mecánica, doando 725 quilos de aluminio. Deste xeito os alumnos poden realizar prácticas de mecanizado de torno e fresadora.

11.2.14

Concurso de Robótica 2014

Este martes 11 de febreiro os alumnos de 4º ESO, 4º PDC e os alumnos do Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicación participaron no Concurso de Robótica organizado pola Fundación Barrié. 

Consultar as clasificacións Diarias

Con esta actividade preténdese achegar aos nosos alumnos e alumnas o campo da robótica e aproveitar a súa "maxia" para promover a cultura científica na nosa sociedade galega.

O obxectivo deste obradoiro "A maxia da robótica" é participar en grupo na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO, de maneira sinxela e divertida en tan só unha hora. A fase de preparación previa dura tamén outra hora e nela apréndense a linguaxe da robótica e o manexo dos robots.
A competición dura cinco días, do luns 10 ao venres 14 de febreiro, e nela participan equipos de toda Galicia

Que gañen os mellores! A competición está servida!

Para a semana, o xurado dictaminará os equipos gañadores. Paciencia.

7.2.14

Encontro con Carlos G. Reigosa

Nado en Lagoa da Pastoriza en 1948, escritor e xornalista, Carlos G. Reigosa protagonizou esta mañá un encontro cultural e literario na biblioteca do Instituto Perdouro co alumnado de ESO e Bacharelato.

O autor de Crime en Compostela (Premio Xerais), Os homes de Tras da Corda, Pepa a Loba ou Intramundi, repasou cos lectores e lectoras a súa traxectoria xornalística e literaria, falando especialmente de Intramundi, obra centrada na transformación socioeconómica das terras comprendidas entre Mondoñedo, Meira e Abadín.

Ao rematar o encontro o alumnado tivo ocasión de pedirlle ao autor convidado a dedicatoria dos seus exemplares.




6.2.14

Conferencia de Vicente Peña Saavedra - Comisario da exposición Luces de Alén Mar

Crónica de María Prieto - 1º Bach B

O venres 31 de xaneiro, na casa do concello de Burela, o alumnado de 4º de ESO e 1º BAC do IES PERDOURO acudimos á presentación da exposición Luces de alén mar.  O encargado de explicarnos o seu contido e significado foi Vicente Peña Saavedra, que nos achegou un chisco máis ao seu traballo sobre as achegas dos emigrantes americanos para a educación galega.

O título da exposición fai referencia ás axudas que chegaban para Galiza, de tan lonxe como é o outro lado do gran océano Atlántico. Entendemos que esas luces non son, polo tanto, máis que unha metáfora: o brillo que iluminaba Galiza de sabedoría grazas a estes americanos, que non só aportaban os cartos senón tamén a experiencia de marcharen tan lonxe e nunca esqueceren de onde eran, nunca esquecer a súa terra, a súa nai Galiza.
A deusa Minerva, deusa da sabedoria, das ciencias e do coñecemento  representa, no cartel desta exposición, aos americanos que traían os libros por unha parte, e a luz da ilusión por outra, para enriquecer ao pobo galego, ás xentes rurais da época que vivían totalmente afastadas desa vida cosmopolita das Américas. A poboación galega móstrase representada tanto polo anxo (neno en idade de aprender) coma pola deusa Ceres (deusa da agricultura).

Un dos aspectos que máis axudaron a que nos achegásemos ao contido desta exposición foi  o propio Vicente Peña Saavedra, xa que coa súa paixón explicóunolo todo co máximo detalle. E é que ese agarimo e interese pola emigración vénlle de familia, xa que é descendente de emigrantes, de feito, o seu avó materno fundou unha das sociedades de instrución de Ortigueira na emigración.

5.2.14

Mostra literaria da obra de Carlos G. Reigosa na biblioteca municipal

A biblioteca municipal de Burela dirixida por Anxo Fernández Rubiños, técnico cultural, preparou unha mostra das obras de Carlos G. Reigosa co propósito de sumarse a iniciativa de animación á lectura que se levará a cabo o vindeiro, venres 7 de febreiro, coa visita do autor no noso centro. A mostra estará exposta ata o día 15.

3.2.14

San Xoán Bosco - Finais

Os Campionatos de San Xoán Bosco, organizados pola A.C. “Os Matos”, é unha das actividades anuais do I.E.S. Perdouro. Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 1º e 2º de E.S.O. participou en diversas modalidades lúdicas e deportivas, que remataron na tarde de onte

Os participantes puxeron ilusión e gañas nas distintas  modalidades que se ofertaban:
  •     Individuais:  Xadrez e Damas;
  •     Parellas: Construcción de Puzzles;
  •     Grupos: Baloncesto e fútbol sala.
As primeiras eliminatorias, e as finais individuais e de parellas, desenvolvéronse nas instalacións do centro durante os recreos, ata o día 31 de xaneiro. As finais de grupos disputáronse no pavillón polideportivo dos institutos o día 3 de febreiro pola tarde, rematando a xornada cunha sesión de aerobic na que participou todo o alumnado. 

Da organización e coordinación dos Campionatos encargáronse as profesoras de Educación Física e o profesor de Relixión, contando co apoio do Equipo Directivo do Instituto.

Os vencedores das distintas modalidades, que recibiron as súas correspondentes medallas, son:
  • Xadrez: Artai Fernández (1º ESO A)
  • Damas: Enrique Cortiñas (2º ESO A)
  • Puzzles: María Basanta e Laura Fernández (1º ESO A)
  • Baloncesto Feminino: Equipo de 2º ESO  (Floricia, Iria, Telma, Mirella, Antía, Ana, Sara e Katia)
  • Baloncesto Masculino: Equipo de 2º ESO B (Andrés, Alberto, Pablo, Christian e Jordane)
  • Fútbol Sala Feminino: Equipo de 1º ESO A/B (Claudia, Laura, Antía, Lucía, Andrea R, Tania e Andrea S.)
  • Fútbol Sala Masculino: Equipo 1º ESO A (Cleiton, Edmilson, Aarón, Jairo, Edilson e Adilson)

1.2.14

Exposición Luces de Alén Mar












Acto de inauguración da exposición "Luces de Alén Mar"

Venres, 31 de xaneiro, na Casa da Cultura de Burela tivo lugar a inauguración da Exposición “Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega. 

A iniciativa de traer esta mostra a Burela partiu da Asociación Cultural “Os Matos”, con motivo de celebrar este mes de febreiro os 20 anos da súa creación. O I.E.S. Perdouro, que neste curso escolar conmemora o XXXV Aniversario, apoiou a idea, e o Concello de Burela presta a súa colaboración nesta Exposición, onde se fai referencia á antiga escola da vila.

A Exposición “Luces de Alén Mar – As escolas de americanos en Galicia”, que estará aberta durante o mes de febreiro, consta de 41 paneis con información e fotografías sobre a vida das escolas promovidas polos emigrantes galegos en América. Está dividida en 15 apartados: 1) Os piares humanos do éxodo (con imaxes de emigrantes embarcados rumbo á América); 2) Pioneiros: a filantropía docente dos indianos galegos (facendo referencia a persoas vinculadas á Mariña de Lugo: Pedro Murias, Manuel Candia López, Manuel Seara Martínez...); 3) Asociacionismo e intrución en destino: do prealbar á actualidade; 4) Cos ollos na Terra. O compromiso colectivo nacente.  Panorama do ensino en Galicia; 5) Xénese e floración das sociedades microterritoriais; 6) Semente educativa para tempos novos; 7) As raiolas alumean a aldea; 8) Templos de saber (mencionando escolas da nosa comarca); 9) Enxoval, programas e textos; 10) O día a día nas clases; 11) Algo máis que centros escolares; 12) Voces e reaccións coetáneas; 13) Polo ben público e do Estado; 14) Actualidades e porvires; 15) Final sen fin: as derivas dun patrimonio comunitario. 

Como complemento aos paneis informativos tamén se poderá ver  enxoval relacionado coas escolas dos anos 1920-1950, cedido polo MUPEGA (pupitres, tinteiros, mapas, libros...) 

Temos que agradecer a colaboración das persoas e institucións que colaboran coa mostra e, dun xeito especial, ao alumnado e profesorado do I.E.S. Perdouro que cede material escolar utilizado polos nosos avós na súa etapa escolar (pizarra individual, libros, revistas da emigración...), así como novas de prensa relacionadas con escolas da Mariña. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...