18.6.15

Limpando a praia do Cantiño

Para conmerorar o día mundial dos océanos, os rapaces de 4º de ESO coidaron da nosa ribeira. Por motivo de calendario, tivemos que atrasar dita convocatoria mundial da limpeza simultánea das praias, iniciativa á que seguimos sumados. Acompañados por Begoña e Mª José Cao, as monitoras de Gaia e por Montse e Miruca e Manuel, os alumnos limparon a praia do Cantiño.
Recolléuse unha cantidade significativa de residuos: 2 rodas e 2 sacos de lixo (un con envases de plástico, latas  e bolsas e o outro con boias, restos de redes, restos de caixas de plástico)


17.6.15

Viaxe ás Médulas

O pasado martes, día 16 de xuño, os alumnos de 4ºESO collimos un autobús na estación de Burela ás sete e media da mañá para dirixirnos ás Médulas. Chegamos alí sobre as dez e media e tivemos tempo para dar unha volta polo lugar ata chegar ao Centro de información e recepción de visitantes. Alí explicousenos que os romanos  obtiñan ouro das Médulas para facer as moedas e o método que utilizaban para obtelo (ruina montium).
Principiamos o camiño onde nos explicaron que había moitos castiñeiros, a maioría cun tronco non moi alto pero sí moi groso e oco por dentro. Durante o camiño tivemos a oportunidade comer unhas cereixas moi ácedas e uns amorodos silvestres. Puidemos entrar nunha das galerías onde antigamente se extraía o ouro, pero non entramos demasiado xa que  podían producirse derrumbes. Cando saímos,  dirixímonos ao mirador de Orellana. Para chegar ata ese lugar tivemos que subir cerca de 1 km por unha ruta costa arriba, onde moitos case nos quedamos a medio camiño, pola calor que facía e polo cansancio que tíñamos. Pero,  finalmente chegamos !! Mereceu a pena, xa que as paisaxes desde o mirador son espectaculares. Despois baixamos pola mesma senda e dirixímonos ao autobús. Puxemos rumbos ao lago Carucedo, onde comimos e tivemos un rato libre. Máis tarde, explicáronnos que o lago formouse polos  residuos e a auga  que utilizaban os romanos para extraer o ouro. No lago hai moitas especies  que están en perigo extinción, porque se están introducindo novos animais invasores. Despois visitamos  a Casa do Parque, que é un museo didáctico, onde nos mostraron as actividades e outras cousas que se fan nesta contorna. Cando saímos e tras facer unha parada en Villafranca del Bierzo, collimos o bús e volvimos para Burela.
Andrés Quiroga Rivas - 4ºB

16.6.15

Aprendendo artes plásticas na praia

Lavilson Rodrigues Monteiro

Coincidindo co final do curso 2014-2015, o alumnado de 3º de ESO participamos nunha clase de Expresión Plástica na praia do Cabaliño. A escapada para encontrar as nosas habilidades como escultores organizouna o profesor da materia, Jose Díaz, que estivo acompañado por Bernardo, Toño e Montse.

Saímos do instituto ás once e media e pouco despois das doce xa estábamos no areal. Primeiro distribuímonos en sete grupos e cada un deles debería facer a súa propia escultura de area. Uns fixeron sereas, outros barcos e outros o faro de Burela. Álex, Mohamed e eu decidimos facer unha tartaruga que nos recordase o noso Cabo Verde.

O noso traballo estivo realmente moi ben. Tivemos moitísimo éxito. Os profesores estaban encantados. Ao final da actividade decidimos meternos na auga, aínda que estaba fría.

Esta singular sesión didáctica acabou ás dúas da tarde.

15.6.15

Convivium

O día 12 de xuño , os alumnos de Latín de 4º de ESO ofreceron un convivium con comidas típicas da cociña grega e romana cociñadas por eles mesmos. As receitas tomáronas do blog “ De re coquinaria”, inspirado na obra do autor romano Apicio.
Aproximadamente ás 10 da mañá trasladámonos a unha clase do instituto onde colocamos todos os pratos preparados coas súas respectivas receitas. Había de todo, desde panis nauticus (pan), melopepo (melón cunha salsa de viño de pasas ) e diferentes  dulcia romana  (milfollas recheos de froitos secos )
A decoración realizámola nas clases con cartóns e pinturas. Fixemos algúns miliarios, que colocamos polo instituto para sinalizar o lugar do convivium. As alumnas de 1º de bacharelato de Latín axudárnos a rematar todo o traballo a tempo e realizaro, ademáis, un vídeo con música típica graga para amenizar a comida.
Pasámolo moi ben e todos comimos moito. Algúns profesores tamén se achegaron á clase para probar as nosas receitas.
Grazas pola boa acollida y grazas ás alumnas de 1º de Bac. pola súa axuda 
Marta Porto, 4º ESO B

Exposición de maquetas de pontes - 2º ESO

No segundo trimestre, os alumnos de 2º de ESO do IES Perdouro tivemos que construir unhas maquetas dunha ponte, como proxecto de tecnoloxías. A profesora decidiu que o mellor era ir por parexas que ela mesma elixía, e así fixemos.
Nosoutros elixíamos a ponte que queríamos e continuaríamos construíndoa. A dificultade do proxecto era que a ponte tiña que ter unas medidas límites, e tiña que estar deseñada e fabricada por nós mesmos, con material reciclado. O material non podía ser comprado, a non ser que nos existise un material reciclable que fixera a función que lle dábamos.
Tivemos unhas cantas clases desa materia para construir a ponte, e se non a rematábamos nese período de tempo, poderíamos rematala na casa.
Ao rematar a ponte, a profesora contounos que iban a estar expostas na entrada do instituto, no pabellón central, nunhas estanterías cubertas con cristáis. Pareceunos una boa idea.
Para o meu gusto, fabricar unha ponte non é moi doado, xa que hai que ter moita idea sobre os temas que dito traballo abarca. Aínda así, eu paseino moi ben nese período temporal no que estábamos traballando conxuntamente co noso compañeiro, xa que temos que saber colaborar todos para chegar a conseguir un reto conxunto. Parece doado,  pero non o é.

Tania Valiña Eijo, 2º ESO B

14.6.15

Entrega de premios Torneo de Xadrez 2015

Santiago Pérez e Manuel Vilariño entregaron os trofeos aos premiados do torneo de xadrez 2015 do IES Perdouro

Resultado da clasificación:
Alex Liñán - 1º posto
Álvaro Crego - 2º posto
Jacobo Moreda - 3º posto
Efrén Rouco - 4º posto




13.6.15

Entrega de premio do concurso da A.C. Os Matos

O pasado venres 12 de xuño,  entregáronse na biblioteca do IES Perdouro os premios do IX Concurso de relato curto e do VII Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos" cuxo lema foi “Xogos e xoguetes”. Karina Parga, en representación da AC Os Matos, foi a encargada de felicitar aos premiados desta novena edición do certame. Miruca Parga, coordinadora do EDLG e Santiago Pérez, Director, entregaron os diplomas e uns agasallos. As obras gañadoras pódense ler no número da revista escolar “Maruxía” deste curso.


Na modalidade de relato curto, as composicións gañadoras foron “Xogos e xoguetes” de Marta Porto Rodríguez (4º ESO B) como primeiro premio e “O neno e os xogos do xogueteiro” de Pablo García Cobas (4º ESO A) como segundo premio. Na modalidade de imaxe, as obras gañadoras foron "A praia dos recordos” de Sara López Alvariño (1º Bach. A) como primeiro premio e "Escapada da infancia” de Lourdes López Pérez  (1º Bach. B) como segundo premio.

12.6.15

Acto de presentación de Maruxía 2015

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro de Burela presentou o nº 21 da publicación Maruxía

Noa Expósito e Eva Pernas, alumnas de 1º de Bacharelato e no nome dos seus compañeiros de clase, foron as encargadas de introducir o labor do alumnado no acto de presentación do número 21 da revista escolar Maruxía da Asociación Cultural Os Matos do IES Perdouro. Asistiron ao acto Santiago Pérez Docobo, director do centro educativo; Karina Parga, Vicedirectora e Miruca Parga, coordinadora do EDLG.

Un ano máis, os principais responsables da elaboración dos contidos da revista foron alumnos de ESO, de bacharelato e docentes do centro. Este ano contouse cunha colaboración especial: Luis Ramilo, exprofesor do centro, foi o responsable da portada. Miruca Parga traballou co seu alumnado de 1º de bacharelato de Tecnoloxía da Información e da Comunicación na maquetación e elaboración da revista de publicación anual que recolle algunhas das moitas actividades realizadas no centro durante o curso académico.


11.6.15

COGAMI achegou a discapacidade ao alumnado de 4º de ESO

O alumnado de 4º da ESO asistiu hoxe na biblioteca a unha charla de sensibilización sobre discapacidade impartida pola Asociación de persoas con discapacidades A Mariña - COGAMI.

Un dos obxectivos transversais do IES Perdouro de Burela, sinala a vicedirectora Karina Parga, é concienciar e sensibilizar ó seu alumnado sobre a saúde, a consecución de hábitos de vida saudables e prevención en educación viaria. Cada ano miles de persoas morren e outras quedan con lesións irreversibles (lesións medulares – traumatismo craneoencefálico) como consecuencia de accidentes de tráfico, laborais, deportivos, domésticos e agresións. Tódolos días podemos observar como os novos rapaces (sobretodo entre 16 e 25 anos) son os fatais protagonistas en accidentes de tráfico e deportivos, que poderían ser facilmente evitados se se cumpriran unhas mínimas medidas de precaución.

Elena Miragaya, traballadora social da asociación, impartiu a parte teórica onde explicou ao alumnado a importancia de empregar o cinto de seguridade nos vehículos, o uso dos cascos nas motos, e a perigosidade dos mergullos nas praias e ríos. Ademais, falou das barreiras arquitectónicas, psicolóxicas e sociais que hai en torno ás persoas con discapacidade. A continuación, dous voluntarios, Ángel López e Iván Lindín, compartiron cos rapaces unha tertulia animada onde lles explicaron a súa forma de vida diaria e a súa motivación deportiva pola natación.

10.6.15

‘Descubre o fútbol sala’ despediu o curso no IES Perdouro

visita-perdouroO CD Burela FS Pescados Rubén despediu o seu programa de promoción da práctica deportiva en igualdade, "Descubre o Fútbol Sala", onte no IES Perdouro de Burela, xunto ao alumnado de 2º da ESO. Os rapaces/as compartiron dúas divertidas sesións cos porteiros Jozi, Edu e Erik, así como con Peque, recoñecida como Mellor Xogadora na recentísima Copa de España Navalcarnero 2015, e Iago Míguez, ademais dos técnicos Juanma Marrube, Alfonso Mera e Christian Fustes.

Dende comezos de maio, máis dunha decena de centros de ensino da Mariña, e preto de 600 estudantes, tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto o fútbol sala e as experiencias e anécdotas do CD Burela FS xunto a xogadores, xogadoras e adestradores dos equipos sénior, de Primeira División, así como do profesorado da escola laranxa.

Alumnas de Perruquería visitan o centro da Fundación Eu Son

O pasado 3 de xuño a profesora Laura de Formación e Orientación Laboral a proposta das alumnas de 1º do Ciclo Medio de Peiteado e Imaxe Persoal saíron a coñecer as diferentes institucións de Burela a onde se debe acudir para levar a cabo os diferentes tramites administrativos e burocráticos que tod@s nos temos que facer ao longo da nosa vida en diferentes momentos e circustancias como o Concello, a Oficina de Emprego, Instituto Nacional da Seguridade Social, etc.

Pero debemos destacar dentro da saida a visita a Fundación EU SON de Burela, referente na Mariña Lucense pola súa labor de acollemento as persoas con discapacidade intelectual proporcionadolles coidados e actividades as mesmas, na procura dunha mallor autonomía e independencia. As mozas do Ciclo Medio de Peiteado e Imaxe Persoal tiveron a ocasión durante tres días de coñecelos a tod@s xa que como todolos anos acuden ao taller de peiteado para poñerse guapos e guapas. Ao chegar o centro da Fundación poidemos ver como traballaban no taller de artesania e como recordaban as alumnas mostrandose moi afectuos@s e agradecid@s pola visita ao igual cas alumnas que recordaban os nomes de tod@s, maravilladas coa labor que se fai na Fundación e coa promesa de formar parte do voluntariado da fundación para seguir mantendo ese contacto e cariño con tod@s"

Laura del Río

9.6.15

Charla sobre educación sexual co Dr. Cristóbal R. Garfia

Cristóbal Rodríguez Garfia, médico xinecólogo, estivo esta mañá no instituto para impartir unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 1º de Bach.

O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela, ampliou os seus coñecementos adquiridos en clase de Bioloxía grazas a intervención de Cristóbal R. Garfia, recoñecido especialista, que sempre se ofrece a contribuír á educación afectivosexual dos adolescentes e a informalos sobre a utilización dos métodos anticonceptivos. Como cada ano, o xinecólogo incidiu nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento.
A Vicedirectora, Karina Parga, manifesta o particular interese do centro na prevención e recalca a importancia de informar convenientemente ao alumnado para previr enfermedades de transmisión sexual asi como embarazos non desexados.

8.6.15

Acto presentación Maruxía nº 21

O vindeiro venres 12 de xuño no recreo, os alumnos/as de 1º de Bach. TIC liderado pola súa profesora Miruca Parga, convídannos a achegarnos ata a biblioteca para asistir ao acto de presentación do novo número da revista escolar dos Matos. Desvelarannos os contidos do nº 21 asi como os momentos gratificantes deste traballo colaborativo. Maruxía 21 recolle unha moi pequena mostra de todas e tantas actividades que se celebraron e desenvolveron durante este viguroso ano académico mais aí permanecerán plasmadas para o recordo algunhas delas.
Ademais farase entrega dos premios dos concursos de relato curto e imaxe da A. C. Os Matos coa temática deste ano "Xogos e Xoguetes".

5.6.15

Visita dos alumnos de 6º do Virxe do Carme

Hoxe recibimos a visita dos alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Virxe do Carme. Foron acollidos na biblioteca do centro polo director, Santiago Pérez, e polo xefe de estudos, Fausto López. Visitaron as instalacións do centro e pasaron o recreo cos seus futuros compañeiros.

4.6.15

Maruxía 2015 na imprenta

Xa está na imprenta a nosa Maruxía!!! Este ano os alumnos e as alumnas de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía da Información e da Comunicación confeccionaron a conciencia unha nova edición da revista anual do centro. Será o numéro 21 e conta coa colaboración de Luis Ramilo, exprofesor do centro. Foi o responsable da portada. A revista recolle algunhas das moitas actividades reflectidas neste blogue, artigos propios dos alumnos redactores da revista e varios premios acadados. En breve, Miruca Parga, coordinadora do Equipo de Dinamización de LG, informará da data do acto de presentación da revista Maruxía.

Obradoiro de papiroflexia

Continuando coas actividades para celebrar o día das matemáticas, levouse  a cabo o mércores 20 de maio un obradoiro de papiroflexia destinado ao alumnado de 1º de ESO e dirixido por Antón Cortizas.

Antón Cortizas empezou o obradoiro definindo a papiroflexia como a arte de crear figuras fácilmente recoñecibles a partir dunha folla de papel, sen cortar nin pegar, simplemente dobrándoa. Os alumnos de 1º de ESO tiveron que armarse de paciencia para dominar esta nova disciplina que estimula a habilidade manual, a concepción volumétrica, e a coordinación de movementos e a psicomotricidade fina. Tamén lles ensina aos rapaces a seguir instrucións e axuda a desenvolver a sociabilidade e o traballo en equipo.
En 2 sesións, os alumnos tiveron tempo de facer un soplamosca, un comecoco, unha frauta e unha bandeixa.
No tocante as matemáticas, axuda ao uso e comprensión de conceptos xeométricos e á visualización de corpos xeométricos. O proceso de creación e execución dunha figura de papiroflexia tridimensional é un exercicio único para o razonamento espacial. Fomenta a axilidade mental e desenvolve estratexias para enfrentarse e para resolver problemas de lóxica ou matemática. 

A papiroflexia nace en Oriente a principios da nosa era. Estaba reservada orixinalmente á nobreza e aos samurais xaponeses. Grazas aos contactos comerciais, introduciuse lentamente en Europa e posteriormente en América, tomando un novo impulso no século XIX. Actualmente utilízase a papiroflexia como medio de representación de obxetos xeométricos.

Fallo premio Concurso Os Matos 2015

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos:

IX CONCURSO LITERARIO – Tema: “Xogos e xoguetes”

Categoría 1º e 2º de E.S.O. – deserto

Categoría 3º e 4º de E.S.O. 

  • Primeiro Premio: “Xogos e xoguetes” – Marta Porto Rodríguez (4º E.S.O. B)
  • Segundo Premio: “O neno e os xogos do xogueteiro” – Pablo García Cobas (4º E.S.O. A)
Categoría Bacharelato e Formación Profesional – deserto

VII CONCURSO DE IMAXE – Tema: “Xogos e xoguetes”

Categoría E.S.O. – deserto

Categoría Bacharelato e Formación Profesional 
  • Primeiro Premio: "A praia dos recordos” – Sara López Alvariño (1º Bach. A)
  • Segundo Premio: "Escapada da infancia” – Lourdes López Pérez  (1º Bach. B)

3.6.15

Estadías formativas en The Beauty Culture Group - Malta

Entre o 30 de abril e o 13 de maio, Tania Trigo, profesora do Departamento de Imaxe Persoal do IES Perdouro de Burela, tivo a oportunidade de viaxar ata Malta para visitar unha escola de peiteado, "International hairdressing school".
O obxetivo desta visita formativa da docente galega era asistir diariamente a centro para facer un estudo dos diferentes recursos e metodoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe na profesión. A escola é un centro de examinación "City and Guilds", unha empresa dedicada dende 1878 a educación técnica e profesional de millóns de estudantes en todo o mundo cunha marcada metodoloxía para facilitar a aprendizaxe e fomentar a creatividade. A nosa compañeira recomenda este tipo de estadías formativas a todo ao profesorado, xa que considera que o resultado da análise do funcionamento doutras escolas pode ser moi interesante para  a actualización e o deseño de novas pedagoxías.

2.6.15

Mediterraneamos, aprendemos a comer, aprendemos a cociñar

Alumnos de 1º e 2º de ESO participaron este martes, día 2 de xuño, nunha actividade que conxuga dieta e exercicio físico que Mª José, a súa profesora de Educación Física, propuxo levar a cabo.   
"Mediterraneamos, aprendemos a comer, aprendemos a cociñar" é unha acción impulsada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente que pretende fomentar a dieta mediterránea e a importancia dunha boa nutrición para o correcto desenvolvemento das nosas actividades diarias.
Nicolas Piedrafita e Nuria Callejo, monitores especializados en nutrición e dietética, expuxeron a parte teórica e falaron dos beneficios dunha alimentación variada e equilibrada. Logo da explicación, os rapaces puxeron en práctica o aprendido e elaboraron receitas con ingredientes pertencentes á dieta mediterránea (pan, aceite, olivas, froitos secos, hortalizas, froitas e xamón).  Remataron a actividade cunha sesión de zumba, coa que introducir a importancia da actividade física como hábito saudable.

1.6.15

Cova do Rei Cintolo

O pasado venres 29 de maio os alumnos de 1º de bacharelato que cursamos a materia de bioloxía desprazámonos ata Mondoñedo para visitar a Cova do Rei Cintolo, acompañados por Montse Freire, profesora de bioloxía; Manuel Vilariño, profesor de matemáticas e Mª José Fernández, profesora de educación física. Esta cova é a máis grande de Galicia, con case sete quilómetros explorados e máis de quince quilómetros de galerías. Trátase dun sistema cárstico, formado como consecuencia da disolución das rochas calcarias.
Nada máis chegar tivemos que vestir uns traxes apropiados para a ocasión, un casco con luz e unhas luvas de coiro. Xa estabamos listos! O noso guía chamábase Abel Vigo, foi quen nos instruíu sobre a nosa seguridade alí dentro e sobre as curiosidades máis destacables da cova. Ensinounos ringleiras de estalactitas, algunhas estalagmitas, columnas, coadas, bandeirolas e incluso gours. Foi realmente interesante toda a información que nos contou. Falounos tamén do noso antepasado do paleolítico que foi atopado alí e, ademais, da actual entrada á cova, que se supón máis recente aos restos atopados, polo que sabemos que antigamente se entraba por outros lugares que, actualmente, están sepultados.
Estivemos dentro da cova por máis dunha hora e media e percorremos en total 300 metros. Adentrámonos por unha galería na que tivemos que descender unhas impresionantes baixadas para chegar á sala de choivas, onde comezamos o camiño de volta, xa máis doado, probablemente debido a que xa nos acostumáramos a camiñar pola zona.
Cando rematou a visita e chegamos fóra, decatámonos de todo o que nos ensuciáramos, estabamos cheos de lama! Algúns chegaran a romper o traxe que nos fora dado anteriormente, mais mereceu a pena polo ben que o pasamos e todo o que aprendemos. Unha viaxe extraordinaria que, sen dúbida, nos encantaría repetir!

 Eva Pernas – 1º Bach B

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...