Mostrar mensagens com a etiqueta Gaia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Gaia. Mostrar todas as mensagens

9.10.17

Charla sobre a emisión de CO2

María José Cao, monitora de GAIA, veu o xoves 21 de setembro á biblioteca do IES Perdouro, e falou da contaminación, fundamentalmente da que producen os vehículos, porque o uso de combustibles emite gases como o CO2. Afirmou que é moito mellor para o medio ambiente usar o transporte público ou ir andando ou en bicicleta. En todo caso, de usar un coche contaminaría menos un híbrido, por exemplo. Explicou as vantaxes e desvantaxes de trasladarse a pé ou en coche.  Animou a usar máis a bicicleta porque se aparca máis preto e é máis san e cando preguntou como se viña ao instituto, a resposta foi que a maioría do alumnado se desprazaba en coche.

No caso concreto de Burela, calcúlase que hai un coche por cada 2,21 habitantes. Polo tanto, hai arredor de 5870 coches. Isto significa que en Burela hai 725 coches por km2 e que no 80% dos fogares disponse de vehículo. A continuación, explicou os gastos que supoñía ter un coche, unha moto, unha bicicleta...
Todo o alumnado asistente cubriu un cuestionario sobre os gastos que supón trasladarse en automóbil.
En conclusión, o uso do coche privado produce o 15% do gasto de enerxía en España. Debemos usalo menos e, deste xeito, coidaremos máis o medio ambiente.

Isaura Varela, Noemy Tavares, Cintia Montoya e Ádila Pereira de 1º ESO A e B.


26.10.16

Charlas sensibilización medioambientais : Xestión eficiente dos residuos

As monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia do Concello de Burela impartiron aos alumnos de 4º da ESO unha charla sobre Xestión Eficiente dos Residuos, que acompañaron dun vídeo educativo de Sogama a este respecto. “Grazas a dita actividade os alumnos puideron visualizar o gran problema que é para a sociedade a xestión dos residuos. Nos últimos anos converteuse nun dos maiores desafíos aos que se enfronta o planeta. É non é só un problema ambiental, senón tamén económico e de saúde”, explican as monitoras de Gaia. Os rapaces aprenderon tamén a regra das 3 erres: reducir, reutilizar e reciclar, e comprenderon a necesidade de levalas a cabo para garantir unha correcta xestión dos residuos.

Noelia Mª Ben, concelleira de Medio Ambiente, destaca “a necesidade de mudar o modelo de economía lineal que temos actualmente e avanzar cara a unha economía circular onde os residuos se visualicen como recursos de utilidade. Unha xestión eficiente dos residuos permitiralle á sociedade reducir os custos de eliminación do lixo e ao mesmo tempo obter un beneficio adicional coas materias primas recuperadas. Dende aquí gustaríame animar a todos os veciños e veciñas a facer dende os seus fogares unha correcta separación do lixo e así poñer o seu gran de area para acadar unha xestión eficiente dos residuos”.

18.10.16

Charlas sensibilización medioambientais : Xestión Sostible da auga

As monitoras do Centro Gaia, pertencentes á Delegación de Medio Ambiente do Concello burelés, impartiron onte pola tarde no IES Perdouro (4º ESO), unha charla baixo o título Xestión Sostible da auga.

A través dunha charla ilustrativa en power-point explicaron que “a auga é un dos bens máis prezados dos que dispón o ser humano, pero en ocasións parece que a tod@s se nos esquece a súa importancia e non a valoramos como se merece. A dispoñibilidade da auga, a incidencia do ser humano no ciclo hidrolóxico da auga, a auga virtual, o consumo doméstico, a instalación de sistemas economizadores, etc... foron algúns dos temas tratados. A actividade completouse coa visualización dunha proxección titulada "O ben vital da auga".

As monitoras remataron a actividade analizando os comportamentos do alumnado a través dun cuestionario con preguntas sinxelas sobre os minutos que tardan aproximadamente en bañarse, se pechan a chave da auga para enxaboarse e a abren cando se enxaugan, se mentres lavan os dentes manteñen a chave aberta todo o tempo; así como cuestións relativas a se teñen algún dispositivo tecnolóxico aforrador de auga, etc.

A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, destaca que “o obxectivo desta actividade é sensibilizar e educar ao alumnado sobre a necesidade dun modelo de xestión sostible da auga, xa que fomenta o seu aforro, asegura que a auga devólvese ao medio ambiente coa calidade axeitada e garante o subministro da demanda mediante fontes alternativas de auga”.

22.9.16

1º ESO - Semana Europea da Mobilidade - Charla sobre emisión CO2 "Elixe a mobilidade que impulsa a nosa economía"

En qué consiste a Semana Europea da Mobilidade (SEM)?

É unha iniciativa que persegue impulsar ás autoridades locais no desenvolvemento de accións planificadas, probando novas medidas de  transporte cos seus cidadáns.
A SEM da á xente a oportunidade de pensar acerca de para qué son realmente as nosas rúas e para debater solucións concretas de cara a afrontar os retos urbáns, tales como a contaminación do aire e o ruido.
Dentro das actividades organizadas polo Concello de Burela para celebrar a Semana Europea pola Mobilidade "Elixe a mobilidade que impulsa a nosa economía", impartiuse unha charla sobre mobilidade sostible co próposito de reflexionar sobre o uso abusivo que, en moitas ocasións facemos, dos desprazamentos en vehículos a motor.
Así pois, o día 22 de setembro, Begoña Conde Rondo, técnico de Medio Ambiente, sensibilizou o alumnado de 1º de ESO co fin de coñecer o impacto ambiental do uso indiscrimado do coche, comparar o impacto ambiental dos distintos medios de transporte, concienciar da necesidade de utilizar o transporte público e promover o desprazamento a pé en traxectos curtos.

19.9.16

1º ESO -Semana Europea da Mobilidade - Karts e xogo da mobilidade

Co motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade, o alumnado de 1º de ESO formouse en educación viaria nun circuito de karts instalado no pavillón dos institutos e a través dun xogo de preguntas sobre o tema. A finalidade é que os rapaces aprenden a desprazarse correctamente como peóns e en diferentes medios: coche, bicicleta, patíns. 
A actividade organizada polas monitoras de GAIA tivo lugar o luns 19 pola tarde. O lema desta edición foi “Elixe a mobilidade que impulsa a nosa economía”. 
Unha boa maneira de aprender xogando e de favorecer a mobilidade sostible”. 

3.12.15

Obradoiros medioambientais de GAIA

Eficiencia enerxética con Gaia no IES Perdouro


g-pAs monitoras do Centro Gaia do Concello burelés levan a cabo no IES Perdouro actividades de sensibilización sobre o aforro enerxético e a eficiencia enerxética para alumn@s de 4º de ESO e PDC. Este martes 1 de decembro foi a primeira das tres charlas que se desenvolven ao longo desta semana. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, “estas actividades pretenden sensibilizar á sociedade en relación co aforro como camiño para avanzar cara un escenario de consumo enerxético responsable que contribúa a asegurar un sistema enerxético sustentable en liña cos obxectivos europeos”.

24.11.15

Semana Europea da prevención de residuos - GAIA

Con motivo da celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra entre 21 ao 29 de novembro, as monitoras do centro GAIA de Burela programaron unhas charlas co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia de controlar os residuos que se producen no día a día das persoas.
Os alumnos de 4º de ESO e PDC atenderon onte as explicacións das monitoras en canto a prevención e xestión de residuos nos nosos fogares tratando diferentes temas (exceso de residuos mellorando os hábitos de vida, o consumo responsable á hora de facer a compra, prolongar a vida dos produtos impulsando a reparación e a reutilización,etc). A través destas actividades preténdese sensibilizar e concienciar á sociedade sobre prevención de residuos, reutilización de produtos e a reciclaxe de materiais.

24.9.15

Semana europea da mobilidade - charla de educación viaria - 4ºESO

Outra das actividades levadas a cabo dentro da semana europea da mobilidade foi unha charla de educación viaria impartida pola Policía Local de Burela destinada ao alumnado de 4º da ESO, centrada na seguridade tanto en desprazamentos a pé, en bicicleta como en ciclomotor. 

22.9.15

1º ESO - Día europeo da mobilidade

Co motivo da celebración da Semana europea da Mobilidade, o alumnado de 1º de ESO formouse en educación viaria nun circuito de karts instalado no pabellón dos institutos e a través dun xogo de preguntas sobre o tema. A actividade organizada polas monitoras de GAIA tivo lugar o luns 21 pola tarde. O lema desta edición foi “Elixe, cambia, combina, a túa mobilidade”. 

16.4.15

Gotas para Níxer, carreira solidaria

O venres 27 de marzo, alumnos e alumnas de  1º da  ESO, participamos nunha carreira solidaria baixo o lema “GOTAS PARA NIXER”,  e que formaba parte da campaña  de movilización escolar en apoio da supervivencia infantil neste país. Días antes as monitoras de GAIA do Concello de Burela impartíronnos unha charla para sensibilizarnos e explicarnos este proxecto.

O percorrido ía desde o Perdouro ata o Cantiño e participaban os centros de secundaria da localidade. Na meta agardábannos xogadores/as do Burela  F.S: que nos fixeron entrega de dez balóns firmados por toda a plantilla do Burela, previamente sorteados, ademais de asinarnos camisetas, dorsais e fotografarse con nós.


Carolina Basanta Val
Marta Lestao Fernández

18.3.15

IV Carreira Solidaria - sesión preparatoria

Alumnos de 1º de ESO reciben información por parte das monitoras de GAIA sobre a importancia da auga potable no mundo co propósito de sensibilizalos de cara a carreira solidaria Gotas para Níxer promovida por Unicef.

As monitoras do Centro de Educación Gaia impartiron unha charla informativa destinada ao alumnado de 1º de ESO na que explicaron a situación de Níxer en canto a saúde, educación, hixiene e a carencia de auga potable nas escolas.

26.11.13

Obradoiro de xabón con Gaia - Proxecto Interdisciplinar de 2º ESO

Actividades do Proxecto interdisciplinar BurelaXogaRecíclase:

Esta semana, Mª José e Begoña ensinan ao alumnado de 2º de ESO a facer xabón empregando a aceite usado co propósito de motivar aos rapaces na importancia da reutilización dos recursos. 

Obradoiro de xabón "lagarto"


Obradoiro de xabón cosmético de glicerina


25.11.13

Charla sobre reciclado do aceite - GAIA

Actividades do Proxecto interdisciplinar BurelaXogaRecíclase:

Hoxe, as monitoras de Gaia impartiron unha charla ao alumnado de 2º de ESO sobre a importancia de separar o aceite  de cociña nos colectores previstos para tal efecto e explicáronnos como reutilizar o aceite para facer xabón como aquel que facían as nosas avoas para branquear a roupa.

18.11.13

Gaia - Semana Europea da Prevención de Residuos

Do 16 ao 24 de Novembro celébrase a Semana Europea da Prevención de Residuos. O seu obxetivo é difundir o concepto de prevención de residuos e evidenciar o seu impacto no medio ambiente e na loita polo cambio climático.
Hoxe as monitoras de Gaia impartiron unhas charlas ao alumnado de 3º e 4º da ESO sobre a xestión dos residuos, intentando deste xeito aportar o noso graniño de area nesta tarefa na que todos debemos implicarnos.

21.10.13

Xestión sostible da auga - GAIA

Mª José e Begoña, monitoras de GAIA (a aula mediombioental do Concello) deron comezo a un ciclo de charlas sobre educación medioambiental no Perdouro destinadas ao alumnado de 3º e 4º de ESO.

Esta semana, trataron a temática da auga e da súa xestión sostible co obxectivo de informar sobre a cantidade de auga apta para o uso humano no noso planeta, reflexionar sobre os usos que facemos da auga e informar sobre as diferentes medidas de aforro da auga.
Puntos tratados:
- Distribución da auga na terra.
- Consumo de auga ( procesos industriais,actividade mineira,agricultura e ganadería,actividades recreativas,extinción de incendios,etc.
- Consumo por sectores.
- Distribución do consumo de auga nos fogares.
- Ciclo da auga ( captación,Etap,Rede de saneamento,Edar,Emisario).
- Problemas da falta de auga.
- Instalación de perlizadores e reductores de caudal.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...