Mostrar mensagens com a etiqueta ciencia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta ciencia. Mostrar todas as mensagens

19.6.23

IIª edición de Tecnocienciarte

O luns 19 e o martes 20 de xuño celebramos a segunda edición de Tecnocienciarte, a feira de tecnoloxía, ciencia e artes, na que están incluídas por suposto as linguas, como vehículo de comunicación e como materia prima das artes. 

Durante estes dous días o alumnado do IES Perdouro, as familias e o alumnado do CEIP  Virxe do Carme poden visitar 17 postos nos que se mostrarán traballos, proxectos, experimentos... de Lingua francesa, Electrónica, Tecnoloxía, Mecatrónica, Xeografía e Historia, Lingua castelá, Plástica, Música, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Lingua galega etc. 

Fixádevos ben para saber cando vos toca visitala e tamén cando vos tedes que dirixir á biblioteca para asistir ao recital. 





30.5.23

Charla Xurxo Mariño

O mércores 10 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato recibimos unha charla informativa sobre o desenvolvemento do cerebro humano. Esta foi impartida polo polifacético biólogo, investigador, divulgador, escritor e actual profesor en excedencia do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña, Xurxo Mariño. 

En primeiro lugar, Xurxo expuxo, a modo de introdución, unha serie de aspectos moi interesantes acerca da electrofisioloxía, especialidade investigada por el e polo seu equipo. Ademais de aportar infinidade de datos sobre as neuronas e as súas características, tamén nos mostrou vídeos de abraiantes técnicas para medir a carga e funcionamento destas. 

Posteriormente, explicounos dunha maneira moi didáctica a evolución do sistema nervioso: dende a súa existencia e predición, ata a súa representación interna e o pensamento simbólico. Para isto, proporcionounos datos e exemplos moi curiosos, sempre interactuando con nós, facendo a charla moito máis amena. Persoalmente, creo que un dos aspectos que fixeron da charla unha experiencia divertida e práctica foron as ilusións ópticas (como o taboleiro de xadrez de Edward H. Adelson) e sonoras (como o do efecto McGurk) que nos propuxo Xurxo. Foi capaz de xogar totalmente coas nosas mentes e sentidos. Todos pensabamos que non era posible pero, cando o demostraba, quedamos sen palabras! 

Con esta charla, Xurxo Mariño foi capaz de facernos reflexionar sobre detalles do noso cerebro que quizais coñeciamos, pero que nunca nos pararamos a pensar. Foi unha experiencia amena, enriquecedora e moi interesante que, sen dúbida, nos encantaría repetir! 

Podes ver máis fotos AQUÍ.

Nerea Francos Cornide 1º BAC-A

31.3.23

Disección dun corazón

O martes 7 de marzo, os alumnos de 1º de Bacharelato de Anatomía Aplicada, xunto cos profesores Fernando Losada, do Departamento de Bioloxía, e Sol Galdo, a nosa profesora de Anatomía, disecamos uns corazóns de cocho. Esta foi unha actividade complementaria dentro da unidade didáctica sobre o sistema cardiovascular, na cal estudamos o funcionamento do noso corazón e de todo o sistema circulatorio. 

Para a disección dividímonos en catro grupos de 4 ou 3 integrantes, para posteriormente distribuírnos o traballo (cortar, examinar, sacar fotos…). Primeiro identificamos as caras do corazón (anterior e posterior), as aurículas, os ventrículos e os vasos sanguíneos situados na parte superior do órgano. Logo, coa axuda dun bisturí, realizamos dous cortes paralelos ao tabique interauricular, para comezar coa observación interna. Así, puidemos distinguir as cavidades internas do corazón, as válvulas que as separan e comparar o grosor das súas paredes. Desta maneira, comprobamos como están comunicadas as distintas cavidades para comprender mellor o circuíto. Ademais, a maiores, tivemos a gran sorte de contar cun corazón de terneira, non tan semellante ao humano, pero realmente impresionante polo seu tamaño. 

Esta actividade resultou do máis didáctica e entretida e as sensación foron realmente boas. Serviunos para coñecer máis de cerca o funcionamento do noso corazón (pois o corazón de cocho é moi semellante ao dos humanos). Unha experiencia que moitos de nós sen dúbida repitiriamos.

Podes ver as fotos AQUÍ 

Nerea Francos, Ramón Real, Ivana López - 1º Bacharelato

16.6.22

Iª edición de TecnoCienciArte: grazas pola vosa participación

Acabou a primeira edición de Tecnocienciarte e queremos agradecervos o voso esforzo. 

O papel do numeroso alumando que explicou o seu traballo aos compañeiros estivo á altura. Expuxeron con moita claridade os seus proxectos e pensamos que os visitantes se divertiron e aprenderon. 

Cremos que foi unha boa experiencia e que é moi positivo para todos os departamentos poder sacar fóra da aula o resultado do seu labor durante o curso. O profesorado expositor acertou plenamente nos poñentes, sobre todo nalgúns, e o resto de profes tamén fixeron unha gran tarefa vixiando os grupos e repartíndoos para que todo funcionase sen acumulacións nas mesas. 

Intentaremos repetir a experiencia e mellorala tendo en conta as suxestións que fostes facendo. 

Podedes ver imaxes destes días AQUÍ


12.6.22

Escape room do Club de Ciencia do IES Perdouro

O mércores 8 e o xoves 9 de xuño o alumnado de 1º, 2º e 3º ESO puido desfrutar dunha actividade de Escape Room. Tiveron que resolver varias probas para poder salvar o mundo como lles pedía unha doutora nunha mensaxe inicial na que lles encomendaba a misión de buscar as chaves para saír da sala na que se atopaban antes de que todo voara polos aires. 

Para a caracterización das personaxes, o Club de Ciencia contou coa axuda do departamento de Imaxe Persoal. 

Foi unha divertidísima actividade da que teremos en breve unha crónica máis pormenorizada. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ


1.4.22

Gañamos a fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española

Gañamos por segunda vez consecutiva a fase autonómica da Olimpíada Científica Xuvenil Española.

A III Olimpíada Científica Xuvenil Española, unha apaixoante competición onde desmostrar habilidades de razoamento e resolución de problemas do ámbito científico.

Na fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española que se celebrou entre os días 24 e 25 de marzo de forma telemática, participaron 2 equipos do IES Perdouro. A proba telemática consistiu nun único exame de 45 preguntas a resolver en equipos de 3 alumnos. As preguntas requirían coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía; dun nivel correspondente a un 3.º da ESO «avanzado».

O equipo formado por Nacho Andía López, Alexandre García Pousa e Hugo  Gorgojo Basanta de 3º da ESO resultou gañador da fase autonómica.


Sendo o mellor equipo de Galicia, participarán na final nacional da Olimpíada Científica Xuvenil Española, que se celebrará en Valencia os 11, 12 e 13 de xullo de 2022. Aí competirán xunto a outros 17 equipos por representar a España na fase internacional.

Para saber máis: https://quintescience.es/ijso

21.5.21

Gañamos a fase autonómica da II Olimpíada Científica Xuvenil Española

II Olimpíada Científica Xuvenil Española, unha apaixoante competición onde desmostrar habilidades de razoamento e resolución de problemas do ámbito científico.

Na fase autonómica da II Olimpíada Científica Xuvenil Española que se celebrou entre os días 6 e 7 de maio de 2021 de forma telemática, participaron 3 equipos do IES Perdouro. A proba telemática consistiu nun único exame de 45 preguntas a resolver en equipos de 3 alumnos. As preguntas requirían coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía; dun nivel correspondente a un 3.º da ESO «avanzado».

O equipo formado por Paula López Martínez, Nerea Francos Cornide e Raúl Cayón Fernández de 3º da ESO resultou gañador da fase autonómica.

Sendo o mellor equipo de Galicia, participarán na final nacional da Olimpíada Científica Xuvenil Española, que se celebrará en Oviedo a principios de setembro. Aí competirán xunto a outros 17 equipos por representar a España na fase internacional.

https://quintescience.es/ijso

8.1.21

Doce mulleres galegas na ciencia

Este ano o alumnado de 4º da ESO foron os encargados de elaborar as fichas informativas de 12 mulleres galegas que destacaron na ciencia e que protagonizan o noso calendario anual. 

Unha vez recollida e resumida a información de cada científica, o alumnado de TIC maquetou os carteis informativos que aquí achegamos. 

Damos as grazas e parabéns a Lidiana de Pina Sanches polas impresionantes ilustracións feitas por ela e a Cecilia García López pola súa caligrafía no título do proxecto.



9.6.19

Innovacións tecnolóxicas no laboratorio

Estes días en Bioloxía e Xeoloxía de 1º Bacharelato, estivemos probando no laboratorio as innovacións tecnolóxicas que os alumnos de 3º ESO deseñaron e fabricaron coa axuda de Pablo en Tecnoloxía. Concretamente observamos mostras de tecidos vexetais na pizarra dixital grazas a unha cámara instalada no microscopio. Tamén fabricaron adaptadores para poder utilizar os teléfonos xunto aos microscopios, permitindo ampliar as imaxes das mostras e tomar fotos. Unha experiencia de traballo en equipo enriquecedora entre alumnos, alumnas e docentes de diferentes cursos, que puidemos levar a cabo grazas ao contrato-programa de Ciencias.

11.2.18

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Feliz Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia!
#Científicas11F
#MulleresEnCiencia
👩🏻‍⚕️👩🏼‍🔬👩🏽‍🚀👩🏽‍💻 

O 11 de febreiro é o Día internacional da muller e a nena na ciencia, unha iniciativa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de promover a participación equitativa e plena de mulleres e nenas na ciencia. 

A AC Alexandre Bóveda quixo contribuír ao espallamento desta efeméride dando visibilidade ao traballo realizado por científicas galegas. Fixeron unha moi breve escolla de media ducia de mulleres que co seu traballo lograron avances importantes no mundo científico e/ou nos dereitos das mulleres.

Recollemos de GCiencia
👩‍🔬Elena Vázquez é decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e dirixe o programa de estimulación de talento matemático Estalmat. Con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, reflexiona sobre o que queda por facer. #MulleresenCiencia #11febreiro

14.1.16

Viaxe á Coruña - 2º ESO : Obradoiro de matemática e pista de xeo

O pasado martes 12 de xaneiro os alumnos dos cursos 2º de ESO e 4º PDC desprazámonos á Coruña para realizar unha viaxe de estudos. Fomos acompañados das profesoras de Física e Química (Cándida), de Tecnoloxía (Mª José) e de Educación Física (Susi).
A primeira visita que fixemos foi ao Muncyt (Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía) onde nos saudaron uns simpáticos robots. Amosáronnos algunhas patentes da historia e grandes inventos da antigüedade, ademais dun avión de pasaxeiros dos anos 80. Tamén realizamos un obradorio de matemáticas en papel donde nos explicaron a proporción aúrea ou númenro de ouro.
Logo tivemos un pequeno decanso para xantar antes de pasar a seguinte actividade: patinamos sobre xeo! Esta resultou moi divertida para a grande maioría aínda que algúns saíron accidentados.... 

Carmen Pernas - 2º ESO B

1.6.15

Cova do Rei Cintolo

O pasado venres 29 de maio os alumnos de 1º de bacharelato que cursamos a materia de bioloxía desprazámonos ata Mondoñedo para visitar a Cova do Rei Cintolo, acompañados por Montse Freire, profesora de bioloxía; Manuel Vilariño, profesor de matemáticas e Mª José Fernández, profesora de educación física. Esta cova é a máis grande de Galicia, con case sete quilómetros explorados e máis de quince quilómetros de galerías. Trátase dun sistema cárstico, formado como consecuencia da disolución das rochas calcarias.
Nada máis chegar tivemos que vestir uns traxes apropiados para a ocasión, un casco con luz e unhas luvas de coiro. Xa estabamos listos! O noso guía chamábase Abel Vigo, foi quen nos instruíu sobre a nosa seguridade alí dentro e sobre as curiosidades máis destacables da cova. Ensinounos ringleiras de estalactitas, algunhas estalagmitas, columnas, coadas, bandeirolas e incluso gours. Foi realmente interesante toda a información que nos contou. Falounos tamén do noso antepasado do paleolítico que foi atopado alí e, ademais, da actual entrada á cova, que se supón máis recente aos restos atopados, polo que sabemos que antigamente se entraba por outros lugares que, actualmente, están sepultados.
Estivemos dentro da cova por máis dunha hora e media e percorremos en total 300 metros. Adentrámonos por unha galería na que tivemos que descender unhas impresionantes baixadas para chegar á sala de choivas, onde comezamos o camiño de volta, xa máis doado, probablemente debido a que xa nos acostumáramos a camiñar pola zona.
Cando rematou a visita e chegamos fóra, decatámonos de todo o que nos ensuciáramos, estabamos cheos de lama! Algúns chegaran a romper o traxe que nos fora dado anteriormente, mais mereceu a pena polo ben que o pasamos e todo o que aprendemos. Unha viaxe extraordinaria que, sen dúbida, nos encantaría repetir!

 Eva Pernas – 1º Bach B

12.5.15

Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo por Xurxo Mariño

Dentro da programación anual da A.C. “Os Matos”, visitou hoxe o I.E.S. Perdouro o científico Xurxo Mariño Alfonso para impartir unha charla sobre “Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo”. O Doutor en Ciencias Biolóxicas da Universidade Compostelá relatou a súa viaxe de once meses polos cinco continentes. O alumnado de 4º de E.S.O. e 1º de Bacharelato puido ver imaxes e escoitar comentarios sobre desertos, glaciares, volcáns, ríos, selvas e montañas, que serviu de complemento ao estudado nas aulas. Os nomes de Kalahari, Atacama, Cabo de Fornos, Amazonas, Os Andes, Illas Galápagos… deron pé a diversos comentarios que lograron captar atención dos alumnos e profesores asistentes, saíndo da Biblioteca do centro agradecidos pola exposición do Profesor Mariño.

http://vagamundeando.com/

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...