26.6.17

Campaña informativa para 2º de ESO: “QUÉROTE +: De que vai isto?”

Como remate de todas as actuacións desenvolvidas co alumnado de 3º ESO, dentro do Programa Quérote +, os nosos alumnos e alumnas convertéronse en directores/as, produtores/as, guionista, actores e actrices, ... Tratábase de ensinar aos seus compañeiros/as de 2º ESO que van facer o próximo curso en relación ao Quérote +, e aquí está o resultado:

25.6.17

Xornada de convivencia 1º ESO en Foz

O alumnado de 1º ESO desfrutou dun último día de clase peculiar. Así pois os seus titores organizáronlles unha pequena excursión a Foz. 

Tiveron a oportunidade de facer un roteiro medioambiental pola ría de Foz guiados por unha bióloga especialista de Maremasma. Coñeceron así a fauna e flora da Ría de Foz, unha área ornitolóxica protexida; aprenderon a identificar especies e a entender o impacto humano na nosa costa. 
Logo foron recibidos no Complexo deportivo de Foz para efectuar un itinerario polas súas instalacións deportivas. A rapazada visitou a sala de máquinas da piscina, fixo exercicios cardiovascular, de musculación e aeróbic sempre baixo a supervisión e asesoramento da monitora-técnica, para rematar cun chapuzón na piscina.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

Practicando volei praia na praia de Areoura

José Fernández decidiu trasladar as súas clases de Educación Física a unha contorna inmellorable. Porque? Para practicar volei praia
O xoves 22 de xuño, alumnos de 4º de ESO con todo aprobado e xa sen exames finais enfrontáronse en equipos mixtos na praia da Areoura. O tempo estivo nublado e ideal para esta competición improvisada. Gozaron da actividade física ao máximo.

Accede o noso albún fotográfico aquí.

22.6.17

Entrega de Premios Concursos OS MATOS


O xoves 22 de xuño,  entregáronse na biblioteca do IES Perdouro os premios do XI Concurso de relato curto e do IX Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos" cuxo lema foi “O leite e a vida”. Antón Niñe, presidente da AC "Os Matos", felicitou aos premiados desta undécima edición do certame. Alfredo Llano, alcalde de Burela, Santiago Pérez, Director, Miruca Parga, coordinadora do EDLG e Karina Parga, encargada da biblioteca, entregaron os diplomas e uns agasallos. As obras gañadoras pódense ler no número da revista escolar “Maruxía” deste curso.

Parabéns rapaces!!!!!!Accede o noso albún fotográfico aquí.

"XI Concurso literario" da As. Cultural Os Matos - Tema "O leite é a vida”

CATEGORÍA 1º e 2º ESO:   
  • 1º premio: Diego Ferreira Martín (2º ESO A)
  • Accedits: Daniel Piqueras Valle (2º ESO A) e Alejandra Alonso Fernández (2º ESO A)
CATEGORÍA 3º e 4º ESO: deserto

CATEGORÍA 1º e 2º Bach.: deserto

"IX Concurso de Imaxe" da As. Cultural Os Matos - Tema "O leite é a vida”

CATEGORÍA 1º e 2º ESO:
  • 1º premio: Alba Geada Bernal (1º ESO A)
  • Accedits: Hugo Cobas Linares (1º ESO A) e Adrián Fernández Casas (2º ESO A)
CATEGORÍA 3º e 4º ESO:
  • 1º premio: Carmen Pernas Pernas (3º ESO B )
  • Accedits: Raisa Rivera Chonate (3ºESO B) e Laura Pernas Pérez (3º ESO B)
CATEGORÍA 1º e 2º Bach.:
  • 1º premio: Mario Cordido García (1º Bach. A)
  • Accedits: María Areán Maseda (1º Bach. A) e Itziar García Cruz (1º Bach. B)

Acto de presentación Maruxía 23

Para clausurar o curso, esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro a Festa das palabras e das letras, o acto anual de presentación da revista escolar "Maruxía" da Asociación Cultural "Os Matos".  Asistiron ao acto Santiago Pérez Docobo, director do centro educativo; Antón Niñe, Presidente da A.C. "Os Matos" e Miruca Parga, coordinadora do EDLG. 

Antón Niñe, presente da AC "Os Matos", abriu o acto manifestando con orgullo e celebrando o novo formato da revista Maruxía 23, o formato xornal por ter acadado o premio no certame Escuela de Prensa de EL  Progreso. Este ano as alumnas de 3º PMAR foron as encargadas de maquetar e elaborar os contidos da revista coa axuda dos compañeiros. Miruca Parga explicou como traballaron areo coas súas alumnas para entregar a revista a tempo para o certame. Foi todo un reto onde todas elas se comprometeron totalmente pasando tardes enteiras para facer un traballo ben feito. Maruxía 23 recolle unha moi pequena mostra de todas e tantas actividades que se celebraron e desenvolveron durante este vigoroso ano académico. Tamén conta con varias seccións: alimentación, vida sa, voluntariado, deportes, xogos.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.


21.6.17

Gran ano xadrecístico no IES Perdouro

No curso 2014/15 comezamos cunha iniciativa de promoción da cultura xadrecística no IES Perdouro co obxecto de  darlle unha certa estructura á práctica que deste xogo/ciencia se facía nos períodos de lecer. O condutor deste proceso sería un torneo aberto a todo alumnado que se disputaría durante o 2º trimestre do curso.

Aproveitamos a convocatoria dos contratos-programa para financiar o novo material de xogo que substituiría o escaso, envellecido ou incompleto dispoñible nese momento na biblioteca. Inscribíronse 23 alumnos e 1 única alumna entre a ESO e o Bacharelato.

Dous cursos despois a semente prendeu, e o xadrez entrou a formar parte como materia de libre configuración de 2º da ESO no currículo do IES Perdouro. Incluíuse tamén como actividade semanal do grupo de alumnado estranxeiro, utilizando o xadrez como ferramenta de integración social, nunha experiencia moi enriquecedora que deu pé a este outro artigo. Convocamos a 3ª edición do noso Torneo con 42 participantes, 34 rapaces e 8 rapazas e organizamos o I Encontro Xadrecístico co IES María Sarmiento de Viveiro, unha actividade moi divertida consistente nun torneo a 5 rondas con partidas a 5 minutos que resultou ser de gran valor educativo.

Hoxe o noso centro conta con taboleiros de xadrez nas aulas de 2º da eso para seren utilizados tanto para uso didáctico como lúdico (o próximo ano extenderase ás de 3º), abundante material na sala onde se desenvolve o torneo e se dan aulas da materia de Xadrez e varios reloxos de competición e bibliografía especializada que se foi incorporando progresivamente á biblioteca do noso centro.

III Torneo de Xadrez do IES Perdouro

Na edición deste ano, na que concorreron 42 persoas, o torneo foi canalizado como novidade polo chamado “Sistema Suízo” de emparellamentos, sistema polo cal os/as participantes tenden enfrentarse a outros/as do seu nivel. O peso da organización do torneo caeu sobre o alumnado de Xadrez de 2º da ESO, poñendo en práctica aspectos propios do currículo da dita materia. O seu traballo foi excelente, facendo especial mención á entrega, constancia e boa xestión de Sergio Alonso e Alejandra Alonso.


Chegouse a 5º ronda con Paula Enríquez Barcia, Luís Carlos Graça Silva e Efrén Rouco Valea como únicos xogadores imbatidos, polo que se armou unha ronda final entre os 3 que coroaría ao vencedor ou vencedora do torneo.


A primeira partida da final foi unha homenaxe a Paula Enríquez. É unha gran noticia que unha rapaza de 1º da ESO dobregara a xogadores máis expertos do bacharelato e consiga chegar en cabeza á última fase do torneo. Como recoñecemento, Luís Carlos achegouse a aula de Paula para disputar a partida final diante dos seus compañeiros/as. Nesta partida Paula gozaba de vantaxe no medio xogo, mais a experiencia de Luís Carlos púxolle en bandexa a execución dun truco táctico cunha trampa agochada, trampa na que Paula caeu. O final foi espectacular debido ao pouco tempo que lles restaba aos dous. A falta de 8 segundos, a clase xa en pé, asistía ao xaque mate que daba a victoria ao portugués


A segunda partida entre Efrén e Paula tamén foi de ida e volta. Parecía que Efrén tiña vantaxe clara de material, pero Paula aguantou moi ben a presión e cunha gran remontada conseguiu a victoria.


Na terceira e última partida Luís Carlos e Efrén xogaron para determinar o campionato. Se gañaba o primeiro, el sería o campión, senón habería un triple empate entre os tres finalistas. Finalmente Luís non deu opción a Efrén. O III Torneo IES Perdouro xa tiña vencedor.


O campión e subcampioa deste ano foron 2 casos moi especiais. O primeiro por ser un alumno recén chegado ao instituto procedente do país veciño, para o que o xadrez constituiu un espazo favorecedor da a súa integración, onde coñeceu xente e fixo amigos.



A segunda por se tratar da máis nova das participantes e por situar no máis alto a valía competitiva das rapazas nun contexto historicamente masculinizado como é o do xadrez. Para el e para ela buscamos un recordo fotográfico coa súa clase.





I Encontro Xadrecísitico IES Perdouro vs IES María Sarmiento

O IES María Sarmiento incluíu este ano o xadrez como materia de configuración de 1º da ESO o que permitía organizar unha actividade compartida entre dous institutos mariñaos que tivera como centro o noso xogo. A iniciativa xurdiu xa co curso bastante avanzado e procuramos simplificar a actividade o máximo posible. Finalmente acordamos deseñar un torneo de partidas rápidas de 5 minutos a 5 roldas, co alumnado mesturado no que houbera un recoñecemento  aos gañadores/as de cada centro e ao gañador/a absoluto/a.

O venres 2 de xuño, xornada previa ás festas de Burela, o alumnado do IES María Sarmiento achegouse ata a nosa vila para disputar este encontro xadrecístico. Cómpre destacar o clima de compañeirismo e deportividade que se mantivo durante todo o torneo. A xestión do tempo cumpriuse á perfección e restaron os 10 minutos necesarios para a entrega de premios e agasallos.


Desde un punto de vista educativo, a experiencia foi moi completa. Tocamos dunha ou outra forma aspectos fundamentais do currículo da materia. Coa formalidade dada o evento, o alumnado puido aprender como funciona un torneo oficial Blitz, regras básicas de tempo, alternancias de brancas e negras, desenvolvemento dun Sistema Suízo de emparellamentos, criterios de desempate, etc.

Por último agradecemos a colaboración do árbitro do Torneo, o noso campión local Luís Carlos Graça Silva, que levou moi ben a súa función con atención cercana, independencia e imparcialidade.


Xa dentro da competición, o alumnado burelao demostrou unha maior experiencia (son dun curso superior) e copou as primeiras posicións, coa excepción de Luís Takeshi Rosanes e Jorge Fanego que quedaron 2º e 6º respectivamente. De feito, Luís Takeshi puido loitar pola victoria, de non ser porque na 3ª rolda cometeu a 2ª xogada ilegal cando tiña táboas simplemente deixando que o tempo se esgotara.

O Torneo decidiuse na mesa 1 da 5ª rolda coa partida entre Sergio Alonso e Borja Lorenzo, que finalmente conquistou o título sendo o único xogador que fixo pleno de victorias.

Para determinar o campión do IES Perdouro, houbo que recorrer a un desempate entre Luis Pernas, Sergio Alonso e Raul López, os tres con catro victorias, saíndo favorecido Luis que finalmente levou o trofeo.

19.6.17

Acto presentación Maruxía nº 23

O vindeiro xoves 22 de xuño no recreo, as alumnas de 3º PMAR coordinadas pola súa profesora Miruca Parga, convídannos a achegarnos ata a biblioteca para asistir ao acto de presentación do novo número da revista escolar dos Matos. Desvelarannos os contidos do nº23 así como os momentos gratificantes deste traballo colaborativo de Escola de Prensa. Maruxía 23 recolle unha moi pequena mostra de todas e tantas actividades que se celebraron e desenvolveron durante este vigoroso ano académico. Tamén conta con varias seccións: alimentación, vida sa, voluntariado, deportes, xogos.
Ademais farase entrega dos premios dos concursos literario e imaxe da A. C. Os Matos coa temática deste ano "O leite é a vida".

14.6.17

Premio do xurado para o IES Perdouro


O equipo Maruxía composto por Andrea, Damaris, Laura, Yaiza, Zaira e liderado por Miruca Parga recibe o premio do xurado no concurso Escola de Prensa de El Progreso na categoría de 3º e 4º ESO. Soubemos pola prensa de hoxe a boa nova onde destacan o seguinte:

"Na categoría 3º e 4º de ESO o primeiro premio foi acadado polo IES Perdouro de Burela. É moi meritorio o traballo realizado por este grupo de rapazas da Mariña, con acertadas remaquetacións de páxinas orixinais para adecualas aos temas abordados, imaxes silueteadas e infografías. A temática tamén é moi interesante, con entrevistas e reportaxes que sen dúbida podrían ter cabida nas páxinas de calquera xornal elaborado por profesionais. Dende o principio as autoras organizáronse e empezaron a traballar nun ilusionante proxecto que agora recibe o merecido premio do xurado."

Ademáis do premio do xurado as rapazas tamén acadaron outros dous premios: á mellor entrevista e á mellor infografía e maquetación.

O vindeiro martes, día 20 de xuño, os gañadores das tres categorías (primaria, 1º e 2º ESO, 3º e 4º ESO) recollerán os seus xornais impresos na rotativa de El Progreso no Ceao de Lugo. Todos os traballos publicaranse nun suplemento especial o xoves 22 de xuño. 

Accede aos recortes de prensa aquí. El Progreso 14/06/17

11.6.17

Prácticas de laboratorio: Como facer unha crema hidratante

Os alumnos de 3º ESO participaron na elaboración dunha crema hidratante axudados polas súas profesoras de Física e Química (Cándida Campos e Ana Vázquez) e Tecnoloxía (Mª José Pardiñas), asesoradas á súa vez, por Elena Canay, profesora do CM de Peiteado e Cosmética Capilar.
Este traballo forma parte do Contrato Programa destinado á mellora das competencias clave en ciencia e tecnoloxía, no que se pretendía que o alumnado se introducise no mundo da biotecnoloxía.

Para acadar este fin, intentouse que coñecesen de primeira man como se elaboran os medicamentos, neste caso, un tratamento para a pel, integrando os coñecementos químicos e tecnolóxicos simulando o que se fai na realidade na industria farmacéutica e cosmética.
A crema elaborada conta, entre outros compoñentes, con aceite de árnica, manteiga de Karité, urea, auga e unhas gotas de esencia para conseguir un olor agradable. Non contén ningún conservante nin colorante.
 Accede ao noso albúm de fotos aquí.

10.6.17

Tarefa de limpeza da ribeira - Día dos océanos - 4º ESO

Para conmerorar o día mundial dos océanos, os rapaces de 4º de ESO coidaron da nosa ribeira o venres pola mañá.

Un ano máis sumámonos a esta cita mundial da limpeza simultánea das praias e este ano facémolo da man da campaña #15díaporlosoceanos. Acompañados por Mª José Cao, monitora de Gaia, e por Óscar García de Coge3, os alumnos limparon o tramo da ribeira que vai dende a igrexa de Coedo ata a Pasada das Cabras. Recolléuse unha cantidade significativa de residuos do litoral (14 bolsas e 2 neumáticos) esencialmente restos de botellas de plástico, redes, botas, neumáticos, farrapos mais tamén había latas e aerosoles. Non podemos consentir que algúns convirtan a nosa ribeira nun vertedoiro salvaxe!!!! Temos que contribiur ao coidado do noso medio natural.

Accede ás fotografías no noso albúm.

Ficha didáctica.

8.6.17

Visita dos alumnos de 6º do Virxe do Carme

Hoxe recibimos a visita dos alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Virxe do Carme. Foron acollidos polo director, Santiago Pérez, pola xefa de estudos, Mª José Andión e pola orientadora, Loly Chas. Visitaron as instalacións do centro e pasaron o recreo cos seus futuros compañeiros.

Pica aquí para visualizar o albúm de fotos. 

Guía histórica da Mariña

O alumnado de 1º de FP Básica fixo unha guía histórica da Mariña moi completa. Aquí veredes o resultado deste traballo en equipo de investigación e composición histórica.

6.6.17

Partidas finais e entrega de Premios - III Torneo de Xadrez IES Perdouro

Aí van as finais entre os 3 finalistas Paula (1º ESO), Luís Carlos (2º ESO) e Éfren (1º Bach.).
 
A primeira partida xogouse entre Paula e Luís Carlos, vencedor do duelo. 
 
 
A segunda partida foi disputada entre Paula e Efrén quen resultou gañador.
 
 
 
Na terceira partida rivalizaron Efrén e Luís Carlos calificándose este último como gran campión do III Torneo de Xadrez 2017.


Noraboa rapaces!!

O director foi o encargado de entregar o trofeo o campión e os subcampións así como un agasallo deste terceiro certame.

 Luís Carlos, campión 2017

 Paula, finalista 2017

Queremos felicitar a todos os e as participantes neste torneo polo bon entusiasmo e bon ambiente que crearon durante estes dous meses. Grazas por participar. Vémonos o ano que ven para a 4ª edición!

Desafío xadrecístico co IES María Sarmiento de Viveiro

O alumnado de 2º ESO e GAE  participou no I desafío de xadrez, iniciativa dos profesores de xadrez de ambos centros educativos, Manuel e Jorge. 
O pasado venres, día 2 de xuño, recibimos un grupo de alumnos de 1º de ESO do IES María Sarmiento cos que íamos competir no primeiro encontro xadrecístico intercentros. Luís Carlos Graça Silva fixo de árbitro do torneo. As partidas xogáronse a 5 roldas de 5 min. Houbo un bo clima de deportividade entre os participantes.
Finalmente o gañador do IES María Sarmiento foi Luís Takeshi Rosanes, o do IES Perdouro foi Luis Pernas, e o gañador absoluto foi Borja Lorenzo.

Accede ao noso álbum de fotos aquí.

Charla sobre educación sexual co Dr. Cristóbal R. Garfia

Cristóbal Rodríguez Garfia, médico xinecólogo, estivo esta mañá no instituto para impartir unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 3º de ESO e GAE.

O alumnado de 3º de ESO do IES Perdouro de Burela, ampliou os seus coñecementos adquiridos en clase de Bioloxía grazas a intervención de Cristóbal R. Garfia, recoñecido especialista, que sempre se ofrece a contribuír á educación afectivosexual dos adolescentes e a informalos sobre a utilización dos métodos anticonceptivos. Como cada ano, o xinecólogo incidiu nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento.
A Vicedirectora, Karina Parga, manifesta o particular interese do centro na prevención e recalca a importancia de informar convenientemente ao alumnado para previr enfermedades de transmisión sexual asi como embarazos non desexados.

5.6.17

Letras Galegas - A galiña azul

Durante o mes das letras o alumnado de 1º de ESO fixo unhas tiras cómicas a partir da obra a Galiña azul de Carlos Casares!
Aquí tes o resultado nunha ben bonita exposición. Parabéns rapazas e rapaces!

3.6.17

Modelo Burela, innovación pedagóxica para o fortalecemento democrático

Bernardo Penabade Rei interviu nunha mesa redonda sobre innovacións pedagóxicas no marco dunha xornada formativa organizada entre o Centro de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago e o CAFI que tiña como tema condutor o Fortalecemento democrático. Na mesa redonda moderada por Manuel Vila López, Vicedirector Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, falaron ademais de Bernardo, Mar Lorenzo Molelo, membro do Grupo de Investigación ESCULCA, Josefa Izquierdo Alberca, do Instituto Español de Estudos Estratéxicos do Ministerio de Defensa, e Hafdallah Menni da Asociación Diversidades de Vigo.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...