28.5.18

Intercambio co IES Terra de Xallas de Santa Comba - acollida en Burela

Venres, día 4 de maio. Alumnas e alumnos de 2º de ESO estabamos con inquietude porque iamos recibir o grupo dos nosos correspondentes do IES Terra de Xallas, de Santa Comba, cos que xa con antelación tiveramos contacto grazas aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos dous centros, dado que nos xa viaxaramos a Santa Comba.


Profesorado dos dous institutos colaborou para que isto fose posible e as actividades conxuntas que estaban programadas favorecían as relacións entre todas e todos nós.
A expedición convidada saíra pola mañanciña, ben cedo, de Santa Comba, e desprazáronse en autobús ata o noso centro, no que fixeron un pequeno descanso cando chegaron. A continuación, pouco antes do mediodía, foron coñecer a Real Fábrica de Sargadelos, situada no veciño concello de Cervo e alí recibiunos en forma de estatua D. Antonio Raimundo Ibáñez, creador da factoría alá polo século XVIII. En directo, contemplaron as cores das pezas creadas en Sargadelos que, tras unha crise importante, volve a rexurdir cunha grande expansión nacional e internacional. 
De regreso a Burela, non puideron facer unha parada no mirador do Monte Castelo por falta de tempo. Foi pena que deixasen de ver a vila como unha especie de alfombra estendéndose á beira do mar. 
Ás dúas da tarde na biblioteca celebrouse a recepción do grupo de Santa Comba. Participaron o alcalde (Alfredo Llano), o director (Santiago Pérez), Neves Cando e Miruca Parga, profesoras do noso centro implicadas neste intercambio no que compartimos diferentes formas de expresión e de comunicación. En fin: culturas diferentes en convivencia. Todos aprendemos de todos.
A iso das 14:30, fixémoslles calar ás nosas tripas, que xa comezaban a remexerse e a protestar, sentando a comer unha rica tortilla, un saboroso pastelón, croquetas, pizzas, milanesa con patacas e distintas sobremesas. Como despois de xantar había que alixeirar o estómago, levámolos coñecer a praia urbana, desde onde puideron observar o noso novo faro da Pena Burela.
Posteriormente, fomos á lonxa, onde nos ensinaron todo o peixe que estaba á venda. Ao final, fixemos unha camiñata ata a zona do Perdouro e encantados quedaron os nosos convidados de estaren cerquiña da chamada Igrexa de Coedo, importante xacemento arqueolóxico. Estando nun sitio así, aproveitamos para sacar fotos que invadiron o Instagram e que mostran o ben que o pasamos.

Accede ao albúm de fotos aquí.

Paula Enríquez Barcia– 2º ESO B

Obradoiro de escritura medieval

A mesma hora e o mesmo lugar, mais ese luns foi diferente. Non iamos ter as mesmas clases que de costume. Nas horas das materias de Física e Castelán, dúas relatoras convidadas explicáronnos as diferentes formas que tivo a escrita ao longo da historia e mostráronnos desde un pequeno taboleiro de cera até unha réplica do pergamiño Vindel. Que é o pergamiño Vindel? Eu tamén o preguntaba até que nos explicaron que se trata dun manuscrito que recolle as cantigas de Martín Codax, grande poeta do século XIII. 
As coordinadoras do obradoiro repartíronnos uns papeis con letras impresas e nós puxémolos encima dun anaco de madeira de balsa. A seguir, dando toques cun algodón impregnado con aceite de eucalipto, conseguimos que a imaxe do papel pasase á madeira. 
Fixemos un deseño nun folio. Posteriormente, debuxamos no outro lado da madeira e, cun punzón, dunha madeira máis dura e resistente, gravámolo. Ao manchar a nosa madeira cunha mestura de aceite de liñaza e óxido de ferro e poñelo encima dun papel, obtivemos un precioso selo similar a un ex libris (unha marca de propiedade dalgunhas bibliotecas, que normalmente está na tapa dos libros ou no seu reverso). 
Esta actividade fixo que puidésemos apreciar o moito que cambiaron os métodos de escritura. Na miña opinión, foi moi entretida. 

Accede ao albúm de fotos aquí.

Uxía Caldeiro Quintela 2ºA

Leonardo e os fontaneiros, adaptación teatral

Entrevista a Ana Carreira de Ubú Teatro

Laura Rodríguez, Laura García, María Lestao e Irene Basanta
Transcrición de Yaiza Rivas, Andrea Santos e Laura Rodríguez

Ana Carreira é actriz e dramaturga e é unha das protagonistas na obra Leonardo e os fontaneiros, adaptación ao teatro da obra narrativa do mesmo nome de María Victoria Moreno.
O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu á representación desta obra da Compañía Ubú Teatro e Laura Rodríguez, María Lestao e Irene Basanta, estudantes de 1º de ESO, aproveitaron para facerlle unha entrevista a Ana Carreira.

A idea desta obra era representar un pouco as trasnadas dos nenos, pero falando desde o futuro, porque vosoutros en realidade representades a Begoña e a Antón falando do que fixeron no pasado, cando eran nenos.
Pois si, moi ben visto. Nós facémolo así dende o principio porque, ao ser adultos, se nos vestísemos de nenos quedaría un pouco raro, non? Porque non parecemos nenos. Pero se nos presentamos así ao principio como Antón e Begoña no futuro, pois entón non pasa nada, basicamente xogamos a iso, a que imos cara adiante e cara atrás que é unha forma de facer teatro que está inventada hai moito tempo pero cun toque máis moderno. Non é tan lineal como outras formas de teatro e así tamén podemos utilizar outros recursos. Por exemplo, os bonecos que fixemos para que foran outros persoaxes, porque nos gustaría ter a toda a clase de Leonardo e os fontaneiros, pero era imposible.

Custouvos moito interpretar a obra?
Interpretala non tanto, decidir como facela moitisimo porque era moi difícil poñela en teatro, xa que hai moito monólogo. Eu, que fago moitas cousas destas, foi a obra que mais me custou facer. Eu sempre me encargo da dramaturxia e o meu compañeiro sempre se encarga da escenografía e foinos bastante complicado porque tampouco vos queriamos poñer bonequiños como se forades nenos pequenos. Entón tiñamos que xogar con outras cousas que se puideran mover porque nós imos por moitos sitios distintos de Galicia e era complicado.

Cantas representacións tedes que facer?
En total unhas 75.

Gústache moito o teu traballo?
Moitísimo. O que máis me gusta é escribir as obras aínda que interpretar tamén me gusta moito.

Desde onde vides? 
Nós somos de Lugo. Eu vivo en Lugo, normalmente, e el vive en Cangas do Morrazo. Eu nas épocas de xira ou estou en Lugo ou en Vigo ou onde lle cadra. Normalmente estamos pola zona do sur.

Dentro das obras que facedes, á parte do guión tedes partes inprovisadas?
Cando ensaiamos, improvisamos cousas para ensaiar pero despois aquí, as cousas falas mellor ou peor, pero en realidade aquí non improvisamos, eso da xente que di: “Eu improviso”. Non, a improvisación está ben para crear, antes dos ensaios ou para solucionar un problema, porque ás veces pasan cousas e para que vós non vos decatedes, temos que improvisar, pero polo xeral non está improvisado.

Que foi o que máis vos gustou da obra Leonardo e os fontaneiros? 
A min as trasnadas, eu era peor ca iso e non era moi traste. Pero así entre nós, as trasnadas foi o que máis nos gustou, e poder cambiar de personaxe. Ao facelo desta maneira: estar facendo agora un personaxe, despois outro e outro, é cansado pero é moi divertido. Pero sobre todo iso, as trasnadas.

Porque así resulta ademais máis divertido porque, efectivamente, algunhas partes do libro son tristes.
Claro, porque está a parte triste, pero está todo. A vida ten todo, tristeza e alegría. Eu prefiro quedarme coa alegría. 
Moi boas preguntas.

Moitas grazas

Accede ao albúm de fotos aquí.

24.5.18

Viaxe a Lugo - 4º ESO

CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO EXPOSICIÓN DE INSTRUMENTOS

O mércores 4 de abril os alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Perdouro fomos de viaxe de estudos ao centro de artesanía e deseño de Lugo. A exposición de intrumentos do Centro de Artesanía e Deseño está formada por fondos da antiga sección do Museo Provincial de Lugo e de producción propia a través de traballos de investigación, doazóns e adquisicións de particulares, principalmente. Abarca pezas tanto do patrimonio musical galego como procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos e obxectos sonoros, e réplicas de iconografía musical.
A Sala Antón de Marcos recrea o obradoiro histórico musical fundado en 1951, onde se mostran as ferramentas de traballo da fabricación de instrumentos e a traxectoria formativa de artesáns e intérpretes.
A Sala Pórtico da Gloria mostra as réplicas dos intrumentos representados no pórtico da Catedral de Santiago de Compostela e copias de manuscritos de Leonardo da Vinci, ademais dunha importante colección de zanfonas. 
A Sala Xelmírez reúne réplicas dos instrumentos representados nunha das salas anexas da catedral compostelá, xoguetes sonoros e unha colección de trompas de boca, entre outros.
A Sala Faustino Santalices e Paulino Pérez, en honor aos fundadores do obradoiro, recolle instrumentos relacionados coa música tradicional galega e unha sección dedicada aos instrumentos mecánicos e de corda de diferentes partes do mundo.

Crónica de Carolina Basanta Val, 4º ESO B

En canto á olería do Centro de artesanía e deseño faláronos sobre os tipos de recipientes que se utilizaban na vida cotiá, como por exemplo xarras para gardar o viño e a auga, utensilios para facer o pan e o queixo e tamén outro tipo de recipientes que se utilizaban mesmo para ouriñar.
Explicáronnos tamén o relativo aos tipos de cerámica que había: a cerámica de Buño, que é propia de Buño con cores oscuras e que se utiliza principalmente en utensilios de cociña; a cerámica de Gundivós, que ten un cor negro e unha gran calidade; a cerámica de Sober, que se asimila moito á de Gundivós e, por último, a cerámica de Bonxe, que ten orixe romana e a cal ten cores máis claras que os anteriores tipos de cerámica.

Crónica de Alex Gómez Sixto, 4º ESO B

Fundación TIC

O mércores 4 de abril os alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Perdouro fomos de viaxe de estudos á Fundación TIC en Lugo. Nesta escola, que depende da Deputación de Lugo, impártense dous ciclos superiores, o de produción e o de realización. Un dato moi importante é que a matrícula para poder acceder a estes cursos é gratuíta. 
Á parte das instalacións que nós visitamos, tamén dispoñen dun edificio onde imparten as clases. Ademais, contan cun pequeno estudio de radio para todos aqueles que queiran ser locutores, imparten clases para as persoas maiores, xa que moitas delas non saben como utilizar o móbil, etc. Traballan con esta xente sobre todo con ordenadores e de vez en cando coa Wii para que aprendan que coas tecnoloxías tamén poden facer exercicio sen ter que saír da casa.
Na nave principal o que nos ensinaron foi un pequeno vídeo onde nos explicaban un pouco o que facían nesa escola, tamén nos ensinaron un pequeno plató que utilizan para gravar algún programa breve. Unha curiosidade sobre ese espazo é que as paredes son de ladrillo que non está pintado nin nada para que cos ocos cara a fóra non haxa eco e o son quede perfecto.
Esta vez non nos puideron ensinarnos a unidade móbil porque a estaban remodelando; foi unha mágoa.

Crónica de Yaiza Rivas Rivas, 4º ESO B

Antes de entrar no control de son, estivemos no control de realización.
Alí explicáronnos como funcionaba todo iso. Faláronnos das dúas pantallas principais e a función de cada unha. Nunha móstrase o que o espectador ve e, na outra, á parte de mostrar isto, móstrase o que está gravando cada unha das distintas cámaras.
Déronnos a coñecer a función de cada un dos ordenadores e aparellos da sala e, por último, expuxéronnos o duro que é traballar nunha unidade móbil, na que traballan o mesmo número de persoas que no centro de realización, pero con desventaxas, como por exemplo, a falta de espazo.
A visita estivo xenial e foi moi entretida!

Crónica de Nicolau Vizoso López, 4ºESO

No control de son da Fundación TIC, explicáronnos como se recibe e emite o son en programas televisivos en directo con distintos exemplos. 
Antes de comezar, o técnico explicounos que é unha sala normalmente individual e illada da sala de realización, xa que nesta sala fai falta gran concentración e silencio para que saia todo ben.  Tamén nos explicaron como é traballar con múltiples micrófonos conectados e como deberiamos facer para que non se acoplen e como dar entrada e saída a distintos micrófonos. Á parte, ensinounos os distintos tipos de micrófonos usados e en que casos se usan. Por último, amosounos distintos efectos de son que se poderían empregar en directo nun programa televisivo.

Crónica de Yago Montenegro, 4º ESO

Telexornal de TICODIARIO na Fundación TIC

Durante a visita na Fundación TIC leváronnos a un plató, que anteriormente viramos a traves das cámaras, onde había montada unha mesa semellante as do telexornal de calquera informativo real, un croma e repartidas pola sala había seis cámaras.
No plató, os guías fixeron un sorteo, no cal, as persoas que saíran elixidas terían que participar nun telexornal que sería emitido na súa páxina web. Os compañeiros e profesores elixidos tiveron que seguir as pautas que os guías lles amosaron para que saira o máis natural posible e para que non estiveran nerviosos á hora de que as cámaras os gravaran. Dúas persoas tiñan que ser os presentadores do telexornal e dar paso aos reporteiros, outra compañeira fixo de reporteira dando unha noticia sobre Monforte de Lemos, un compañeiro fixo unha enquisa a algún de nós sobre os nosos gustos persoais no referido ao deporte e, finalmente, unha das nosas profesoras de a información do tempo. Entre as noticias facían paradas para meter uns vídeos que tiñan eles nos seus ordenadores para indicar mentres o que debiamos facer ou como nos debiamos posicionar para evitar problemas, aínda que o telexornal tivo que ser gravado dúas veces, xa que na primeira saían unhas marcas de auga e non estaban aptas as gravacións para ser emitidas.
Ao finalizar o telexornal fomos a unha sala na que nos amosaron o vídeo xa maquetado, como se fose un telexornal como os que vemos cada día no noso televisor e como agasallo regaláronnos unha memoria USB na cal viña o vídeo gravado como recordo da nosa visita na Fundación TIC. 

Crónica de Lorena Regil Álvarez, 4ºESO TIC

O NACEMENTO DO MIÑO

O Miño é o río máis longo de Galicia, cunha lonxitude de 307,5km. Pasa polas cidades de Lugo e Ourense e polas vilas de Rábade, Portomarín, Ribadavia, Melgaço, Monção, Tui e Valença do Minho. 
No seu nacemento contén unha masa de pedras que se estenden máis de 600 metros montaña abaixo en forma de embude. A natureza, hai entre uns 20.000 e 10.000 anos, encargouse de colocalas e baixo as mesmas pode escoitarse a auga que baixa pola ladeira. A súa extensión é de aproximadamente 700 metros e ao final deste embude apréciase un pequeno regato de auga, do que se pode dar coñecemento se alguén sobe as pedras e escoita con atención o borboriñar da auga, xa que non se ve correr debido ao taponamento das pedras.
Esta auga nace de numerosas fontes repartidas ao longo de toda a Serra de Meira e, en concreto, unha delas situada no alto do Pedregal, lugar onde a auga de todas elas se xunta, formando xa o comezo do Miño que abastece de auga a Meira e a practicamente toda Galicia.
Durante moito tempo existiu unha gran polémica sobre se o nacemento do Miño se encontraba no Pedregal de Irimia ou na lagoa de Fonmiñá, no concello da Pastoriza.
Esta laguna é unha afloración de augas profundas, vinculada a procesos cársticos e/ou hidrotermais que surxe máis abaixo do nacemento do Miño. Esta é a conclusión a que chegaron expertos en hidrografía, despois de introducir medidores para comprobar a profundidade das fontes e así conclúen que, tanto a serra coma o val de Meira, están situados sobre unha gran balsa de auga e que, debido a isto, nace auga en diferentes puntos, un deles, a lagoa de Fonmiñá.
Situarse no Pedregal de Irimia proporciona ao visitante unha sensación especial, de puro contacto coa natureza. Xunto ao Pedregal está a Área Recreativa de Porto de Pena, que conta con mesas baixo tellado para sentar a comer nunha zona agradable, pois non vai demasiada calor debido a altitude, e tamén hai vento, de feito máis arriba hai un parque eólico.
Crónica de Gabriel

Viaxe a igrexa de Meira

O mércores día 4 de abril o alumnado do IES Perduro de Burela de 4ºESO foron de viaxe de estudos a Meira. Alí viron o mosterio de Santa María de Meira. Antón Niñe, antigo profesor de relixión do instituto, achegouse ata Meira para poder explicarlles aos alumnos e as alumnas sobre a igrexa. Contando tamén coa colaboración da técnica de turismo de Meira.
A fundación da igrexa de Meira, establecese no século XII, arredor do ano 1143. O rei Afonso VII doou as terras aos condes de Sarria. Estes, á súa vez, ven a rápida expansión da orde relixiosa do Císter por España e Europa, polo que entregan a esta congregación as terras doadas polo rei. 
Para os monxes, este sitio era o seu obxectivo, xa que estaba apartado dos núcleos de poboación e con boas condicións para os traballos agrícolas e industriais. O seu fundador é San Bernardo, de Claraval, Francia. Co obxectiuvo de construír conventos e establecer unha vida relixiosa coa orde. A principal premisa é  “ora et labora”. Unha das principais regras de San Bernardo era o rexeitamento das pinturas, dos adornos, das esculturas e das riquezas. Polo cal a súa decoración non era tan chamativa, para que os sacerdotes que vivían alí evitasen a distracción visual e se centraran no rezo, na meditación e no traballo diario. A pobreza absoluta axudaba a enriquecer o espírito e dedicarse a Deus. 
Despois das expicacións de Antón e da concelleira, puideron achegarse ata ao altar maior para poder pasar por un túnel que ten detrás del. Alí, na sancristía, consérvanse unhas pinturas do século XVII.
Por último, os alumnos agradecénronlle Antón e á concelleira que lles dedicaran o seu tempo  e marcharon para Burela de volta.

Crónica de Andrea Santos

Accede aquí á reportaxe fotográfica.

23.5.18

Charla sobre lesións medulares de Cogami

    O venres 18 de maio, os alumnos de 4º ESO tivemos unha charla sobre lesións medulares e unha campaña de prevención das mesmas, impartida pola Asociación COGAMI. Unha das persoas que nos deu esta charla foi Helena Miragaya, que traballa en dita asociación, e Ángel López, que nos veu explicar a súa experiencia persoal.

    A charla comeza con Helena explicándonos que a medula espiñal non é o mesmo que a medula ósea, xa sexa pola súa situación no corpo ou pola función que cumpren. Tamén dixo que non se pode transplantar se se rompeu completamente e unha persoa que tivo unha lesión medular non vai poder volver a camiñar, é dicir, ten que utilizar unha cadeira de rodas. Unha lesión medular é unha lesión que ocorre cando se estropea, rompe ou lle pasa calquera cousa á medula que se encontra por dentro da columna vertebral (dixéronnos que para ter unha lesión medular non fai falta romper a columna ou algunha vértebra, senón que se pode lesionar a medula sen romper a columna, aínda que, se se rompe a columna ou calquera vértebra, córrese máis perigo de ter dita lesión). Explicáronnos que o termo “minusválido” non se debe usar senón que debe empregarse “discapacitado” ou, mellor, “persoa con diversidade funcional”.
    Hai dous tipos de lesión: tetraplexia (só se pode mover e ter sensibilidade de pescozo para arriba e na maioría dos casos precísase a axuda doutra persoa) e paraplexia (pódese mover e ter máis sensibilidade, nun principio, de cadeira cara a arriba e pérdese mobilidade nas pernas). Dependo do lugar onde se rompa a medula, pódese ter un deses dous tipos, porque a columna divídese en cervicais (tetraplexia), dorsais ou torácicas (unha paraplexia alta), lumbares (unha paraplexia baixa), sacro e cóccix. O límite entre eses dous tipos está na C7, dela cara a arriba é unha tetraplexia e da C7 cara a abaixo, unha paraplexia. Unha lesión na C2 pode chegar a afectar os pulmóns e ter que levar un respirador. Dentro diso distínguese unha lesión total (medula rota de todo) e unha parcial (non está fracturada de todo); tamén, se é completa denomínase -plexia e se é incompleta, -persia.
    Os efectos que pode xerar unha lesión medular son unha baixa mobilidade intestinal, é dicir, menos movemento na zona abdominal; a perda de control dos esfínteres ao non ter sensibilidade ou control dos músculos ou ningunha das dúas; espasticidade ou rixidez muscular, que é algo semellante a cando a nós nos dan algúns tiróns nas pernas aínda que eles non o poden controlar; tamén poden ocasionar úlceras por presión ao pasar tanto tempo sentados ou na mesma posición (estas son feridas moi extremas).
    As causas destas lesións poden ser de dous tipos: traumáticas e non traumáticas (como as enfermidades). As traumáticas poden ser laborais (accidentes no traballo, como caídas...), accidentes de tráfico (as que máis se repiten), caídas, violencia (nunha pelexa, un golpe mal dado ou unha caída pode custar moito), nos deportes ou orixe descoñecida (os dous cun índice baixo de lesionados medulares).
    As persoas con diversidade funcional teñen uns especialistas, chamados terapeutas ocupacionais, que son os que lles facilitan a vida, axudándoas coa rehabilitación.
    En España hai 20 casos anuais disto e 1100 persoas afectadas ao ano. Segundo un estudo, o 75% dos afectados son homes e o 25% mulleres, pero esta última porcentaxe está subindo. Actualmente en España existen entre 30000-35000 afectados. Na meirande parte dos casos soen ser persoas de entre 15 e 35 anos, maiormente por accidentes de tráfico. En Galicia hai 2000 persoas afectadas e, sobre todo, por tirarse das rochas ao mar sen saber ben o que hai aló abaixo. Noutro estudo dise que un 30,32% dos casos ocorren na provincia de Pontevedra, un 28,73% en Lugo, un 27,44% na Coruña e un 13,51% en Ourense. Galicia ten 26 novos lesionados ao ano, o que lle fai superar a media nacional.
    Na última parte da charla Ángel falounos da súa propia experiencia: ten tetraplexia pero é un caso estraño pois pode mover os brazos e ten sensibilidade nalgunhas zonas onde, en principio, non podería tela. El, antes do accidente, era militar e fora socorrista. Aos 19 anos sufriu o accidente de coche que deu lugar a unha lesión medular e estivo mes e medio ingresado na UVI. Leva 15 anos en cadeira de rodas,  aos 7 anos do accidente volveu  a conducir, primeiro nun coche normal, pero agora nun coche con algunhas adaptacións para que sexa máis doado conducir. Grazas á rehabilitación, puido facer el só as cousas da casa, xa que daquela vivía só. Agora está practicando triatlón. El demostrou ter moito afán superación.

MARTA LESTAO - 4º ESO

Visita ás Terras de Miranda

O mércores 16 de maio, os alumnos e alumnas de 2º da ESO e de PMAR, fomos ás Terras de Miranda. Tivemos a oportunidade de ver un castro celta, en Pastoriza; o nacemento do Miño, o Pedregal de Irimia; os restos do mosteiro de Santa María en Meira e unha fraga en Riotorto.
Poidemos ver o funcionamento dun mazo de auga para traballar no ferro os ferreiros e logo fabricar os coitelos de forma artesanal.
Tamén tivemos tempo para descansar e comer todos xuntos. 
Foi unha saída e viaxe moi positiva xa que poidemos aprender e ao mesmo tempo pasalo ben, polo que é unha experiencia a repetir.  
Manuel Pumares (2º ESO)
Accede a reportaxe fotográfica aquí.

21.5.18

Despedida 2º Bach 2018

Chegou o momento da despedida despois de 6 anos de convívio. Sorte rapazas e rapaces!!

María B, Pablo B, Andrea, Alba, Rubén, Mario, Alejandro, Iria, Sara G, Itziar, Tania, Diego, Antía, Manuel, Luis Miguel, Víctor, Leticia, Andrés, Alberto, Edu, Pablo V, Santi, Claudia A, María A, David, Iria, Sara F, Álvaro, Marta, Clara, Lara, Ana L, Jorge, Ana N,Claudia, Miguel, Romina, Rocío, Floricia, Aitana, Hugo.

Antía e Iria levan matrícula de honra. Parabéns!

Accede ao albúm de fotos da cea aquí.

19.5.18

II Certame de Videopoemas da Casa Museo Manuel María

Laura e Gabriel entre os finalistas!!!!
Esta mañá fíxose entrega dos premios na Casa Manuel María en Outeiro de Rei. De 120 alumnos/as de toda Galiza participantes, o xurado felicitou os 17 mellores traballos finalistas e entregou os premios.

17.5.18

Acto Letras Galegas


Visita ao CINBIO

O pasado martes 24 de abril, o alumnado de Tecnoloxía e Bioloxía-Xeoloxía fomos de viaxe de estudos a Vigo para visitar o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), situado na Universidade desa cidade.

Debido ao longo traxecto, saímos do Instituto ás 8 da mañá e chegamos ao noso destino sobre as 12:30, facendo antes unha parada en Santiago de Compostela para comer ou tomar algo.

O autobús deixounos na entrada do Centro e alí xa nos estaba agardando África González -a Directora do Centro- quen nos deu a benvida e despois deixounos cunhas compañeiras súas para facer a visita; pero antes déronnos unha pequena charla explicándonos todo o que alí facían. Contáronnos que o Centro está composto de 11 módulos e conta con 5 áreas de investigación: cancro (traballan por exemplo no  desenvolvemento de biosensores), obesidade e metabolismo (inmunoterapia da diabetes), inmunidade e inflamación (centrado principalmente en vacinas), neurociencias (especialistas na técnica Patch Clump) e biosaúde (termalismo); ademais tamén ten 3 transversais: bioinformática, bioestatística e innovación. Composto por 200 investigadores e 14 líderes de grupo, o CINBIO conta cun servizo de bioexperimentación, con laboratorios comúns, animalario e un laboratorio de biocontención de nivel 3, para as especies patóxenas.

Logo desta breve explicación puxéronnos un vídeo que nos ensinaba como era o centro e as instalacións que tiña. Despois dividímonos en grupos de cinco persoas para ir visitando distintos laboratorios onde estaban traballando desde estudantes de ciclos superiores ata investigadores; visitamos os laboratorios de histoloxía, neurofisioloxía, inmnunoloxía e microscopía, facendo diversas actividades en cada un deles.

Ao rematar a nosa visita leváronnos ata o paseo marítimo da Praia de Samil, onde nos deixaron tempo libre para poder xantar e para dar un paseo disfrutando das vistas. Saímos cara a Burela sobre as cinco da tarde e chegamos arredor das 9, facendo antes unha breve parada en Guitiriz.

RAISA RIVERA - 4º ESO

Accede ao albúm de fotos aquí.

16.5.18

Con Gloria Fuertes, celebrando a poesía

Por fin están expostos os poemas de Gloria Fuertes e as ilustracións personalizadas, un traballo plástico realizado polo alumnado de 1° ESO en lingua castelá e debuxo para celebrar o día da poesía e a chegada da primavera.  


Vitrina Letras Galegas 2018

No hall de entrada están expostos algúns dos libros da escritora homenaxeada deste ano nas Letras Galegas, María Victoria Moreno, unha muller comprometida polo ensino e polo galego.
Tamén acompánaa as únicas 3 mulleres homenaxeadas neste 55 anos das Letras. 
1963 - Rosalía de Castro
1987 - Francisca Herrera Garrido
2007 - María Mariño

15.5.18

Carteis Letras Galegas 2018

A iniciativa partiu do noso Equipo de Dinamización de Lingua Galega e traballou co alumnado de TIC de 4º de ESO empregando unha ferramenta gratuita de deseño web, Canva.
As citas da autora homenaxeada das nosas Letras que titularon "As leccións de vida de María Victoria Moreno" foron sacadas das lecturas de Leonardo e os fontaneiros e Anagnórise.


Tamén podes acceder ao albúm dos carteis aquí

12.5.18

Correlingua 2018

O xoves 10 de maio, os rapaces de 1º de ESO acodiron á convocatoria anual do Correlingua baixo o lema "A lingua non para", iniciativa que xa vai pola 18. A carreira en prol da lingua celebrouse, nesta ocasión, en Mondoñedo, dende o Campo dos Remedios ata a Praza da Catedral. 
A festa final estivo a cargo de Cé Orquestra, houbo lectura do manifesto, actuacións de centros e das Moreninhas que cantaron No niño novo do vento de Álvaro Cunqueiro e do gañador do Cantalingua, Cuarta Xusta, así como entrega de premios aos gañadores da carreira.
Unha mañá ben aproveitada !!!

Accede ao albúm de fotos aquí.



11.5.18

Falan das actividades da Microrrede da Mariña na prensa

A prensa recolle as actividades dinamizadoras entorno a exposición conxunta "A Mariña pensando en feminino"
 
El Progreso (04/05/2018)

 
El Progreso (05/05/2018) 

 
 La Voz de Galicia (07/05/2018)

El Progreso (08/05/2018) 

 La Voz de Galicia (08/05/2018) 



 La Voz de Galicia (11/05/2018) 

La Voz de Galicia (11/05/2018)

Acto de clausura da Exposición "A Mariña pensando en feminino"

Na tarde do xoves, 10 de maio, tiveron lugar, na Praza Maior de Viveiro, os actos de clausura da exposición de traballos artísticos elaborados por escolares dos catorce centros que forman parte da Microrrede A Mariña de Bibliotecas Escolares.

As mestras de cerimonia Karina Parga e Eva Lastra, do IES Perdouro e do CEIP de Alfoz respectivamente, fixeron a lectura da clausura e presentaron as diferentes actividades dinamizadoras. Fixeron agradecementos ás familias participantes felicitándoas polos fantásticos traballos presentados en todos os centros.

Asemade tamén agradeceron a asistencia das diferentes autoridades: a inspectora Branca Nazaré Guerreiro e o inspector Faustino Martín, a asesora das Bibliotecas Escolares da zona norte Chelo Guntín.
Como actividades dinamizadoras contamos con:
  • Actuación do coro formado por alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Primaria, de Alfoz, Celeiro, Galdo, Lois Tobío de Viveiro e o EEI de Viveiro. Cantaron a canción do Maio de Viveiro e A saia da Carolina. Fixéronno moi ben!
  • Actuación das Moreninhas, Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes, tres rapazas caboverdianas afincadas en Burela.
  • Encontro coa escritora Rita Morrigan.
  • Visita da escritora Olalla Cociña
Accede ao albúm de fotografías aquí.

10.5.18

Discurso de clausura das xornadas "A Mariña pensando en feminino" da Microrrede de bibliotecas escolares

Aprender a pensar coa biblioteca escolar : isto foi o que fixemos dende as bibliotecas dos 14 centros educativos que compoñemos a Microrrede da Mariña. Aprendemos a pensar en torno ao feminismo, á muller e ao xénero feminino en xeral. Conseguimos mostralo claramente esta semana nesta exposición conxunta que hoxe clausuramos.

Nas nosas bibliotecas escolares naceron moitas iniciativas durante o curso. A Mariña pensando en feminino é o resultado dunha delas. Unha exposición de traballos escolares cun claro componente de xénero. 

Neste proxecto colaborativo das B.E. PLAMBE da Mariña os traballos dos escolares coas súas familias son os protagonistas e o obxectivo principal é o fomento do hábito lector no alumnado. Pero o hábito lector, coma moitos outros hábitos e afeccións hai que alimentalo; hai que mantelo vivo. Todos os recursos son benvidos para este fin e este proxecto é un máis.

Consideramos que estes espacios de aprendizaxe fora do colexio son un compoñente importante dentro do seu proceso de formación integral.

Queremos rendir homenaxe á labor silenciosa e abnegada da muller que asumeu secularmente moitas das función masculinas dada a ausencia dos homes mariñáns en ocupacións lonxe da terrra  ademais das tarefas domésticas, da educación dos fillos, dos traballos do campo, de xestión e finanzas… Son mulleres fortes, valentes, decididas, con espíritu emprendedor como o das escritoras que hoxe coas súas obras literarias nos acompañan neste evento.

Pretendemos dar visibilidade á muller e empoderar a súa figura. Nesta exposición vimos mostras preciosas de profesións ligadas ao mar como as mariscadoras, as conserveiras, as redeiras, e outras como as costureiras ou as lavandeiras; vimos traballos sobre mulleres mariñás das letras, da cultura e da música. Lemos interesantes entrevistas ás mulleres de hoxe que destacan en sectores esencialmente masculinos. Lembramos as cancións das nosas avoas e das nosas madriñas. Elas continúan a ser  as superheroínas dos nosos alumnos e alumnas.

Neste 2018 en que celebramos o ano do patrimonio cultural, non quixemos esquecernos do patrimonio e da historia local da Mariña. Así temos traballos como o da Mariña en 100 palabras, as nosas alfombras florais, romarías, lendas e festas. E viaxamos ao pasado a través da recompilación de fotografías antigas do século pasado. Descubrimos que a Mariña como o seu propio nome indica ten moito de feminino. E temos que estar orgullosas e orgullosos do noso: da nosa fala, da nosa terra, da nosa cultura.

Tamén queremos agradecer moi expresamente a participación voluntaria das familias nestes traballos de creación literaria e/ou plástica. Neste sentido, recollo as palabras da nosa compañeira Belinda felicitándovos : «vaia se son artísticos, e creativos, e orixinais… cada ano nos sorprende a imaxinación e creatividade das nosas familias, a calidade dos traballos, o cariño con que os fan, a súa participación...»

O resultado deu moito que pensar. Grazas a esta actividade colaborativa conseguimos empoderar a palabra, a figura, a cultura, as profesións, as voces, as letras, a historia dende o punto de vista máis feminino.

Os nenos e nenas, os rapaces e rapazas son o noso máis valioso tesouro para garantir un futuro mellor, un mundo máis respectuoso, máis equitativo, máis solidario, máis empático, máis honrado. máis compromido e máis intercultural.

As bibliotecas escolares son un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formular preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.

Para ir acabando nós, compañeiras e compañeiros da Mircorrede da Mariña, queremos agradecer a todas as persoas que fan posible este proxecto xa que a labor que se desempeña dende as B.E. é unha labor silenciosa pero tremendamente entusiasta, e actividades coma esta supoñen un recoñecemento e impulso importantes para continuar con esta tarefa con máis ilusión. Esta humilde labor hoxe máis que nunca vese recompensada.

Queremos agradecer a nenos e nenas, mozas e mozos, o seu esforzo. Pasiño a pasiño faise o camiño, así que fagamos todas e todos, acompasadamente, o camiño en prol da igualdade!!

Moitas grazas. 

Karina Parga do IES Perdouro e e Eva Lastra do CEIP de Alfoz.

8.5.18

Arranca o IVº torneo de xadrez do IES Perdouro

Para todos/as aqueles/as que queirades medir as vosas destrezas e habililades mentais, faise saber que comeza o IVº Torneo de Xadrez do IES Perdouro. 

Tedes ata o 11 de maio para inscribirvos. 

Acto de inauguración "A Mariña pensando en feminino"

E chegou o gran día!, todo estaba preparado e a praza chea de familias dos diferentes centros que conformamos a MICRORREDE.

Este ano a mestra de ceremonias foi Rebeca Rivas do CEIP Santa Rita de Galdo; ela foi presentando as diferentes actividades e en nome de todos os centros agradeceu ás familias a participación no proxecto. Asemade tamén se deron as gracias ás autoridades alí presentes:

  • Xefa Territorial de Educación: Mariña Gueimunde.
  • Asesora das Bibliotecas Escolares, zona norte: Chelo Guntín.
  • Representante do Equipo de Dinamizacións Lingüística: Pilar Teijeiro.
  • Alcaldesa de Viveiro: María Loureiro.
No seguinte vídeo podemos ver un pequeno resumo:

Discurso inaugural; actuación do coro formado por uns 160 nenas e nenos dos centro de Alfoz, Cervo, Celeiro, Galdo, Covas e María Sarmiento de Viveiro; lectura dun manifesto a cargo da alumna do IES Perdouro, Andrea Rivas; rematando coa actuación de Guadi Galego e a performance de LAG na canción de Matriarcas.

Accede a reportaxe fotográfica aquí  

7.5.18

Reportaxe audiovisual da xornada inaugural da exposición a "Mariña pensando en feminino"

Pepa Losada, fotógrafa na Voz de Galicia, fixo este pequeno resumo da xornada inaugural da exposición a "Mariña pensando en feminino" da Microrrede de bibliotecas escolares Plambe da Mariña. Grazas Pepa.

Obradoiro da Prehistoria

O pasado 23 de abril os alumnos de 1º de ESO baixamos á biblioteca do instituto para aprender moitas cousas interesantes sobre a Prehistoria. 
Dúas arqueólogas da GaliPat Servizos Culturais foron as encargadas de explicarnos a evolución do home ao longo da prehistoria e as etapas polas que foi pasando. 
Ensináronos como se alimentaban os nosos antepasados, os tipos de lanzas. Monstráronnos as ferramentas destes primeiros homínidos, os materiais que utilizaban e de que xeito podían facelo, os materiais que utilizaban para elaborar as lanzas e métodos para que foran máis efectivas. Soubemos como pasaban dunha lanza con punta de madeira a unha de pedra, unha de óso e despois ás frechas. Vimos diferentes pigmentos que manchaban moito e que tiñan diferentes usos. 
Na segunda parte do obradoiro subimos á pista de fútbol e alí imitamos á caza dun cervo cunha lanza e un propulsor.  Case ninguén o conseguiu porque era moi dificil.
Foi un obradoiro moi divertido.

Accede ao albúm de fotos aquí.

Cloe Vizoso Rocha & Nicolás Sixto Guisasola 1ºESO C

6.5.18

Visita á Coruña - 1º Bach.

VISITA Á FACULTADE DE INFORMÁTICA


    O día 26 de abril o alumnado de 1º BAC do IES Perdouro saímos de viaxe cara á Coruña co fin de visitar a Facultade de Informática, o Arquivo do Reino de Galicia e o Castelo de San Antón.
    Despois dunha viaxe de dúas horas en autobús, chegamos á entrada da Facultade. Os profesores deixáronnos unha media hora para integrarnos e observar un pouco pola nosa conta o interior do edificio, ou para, se queriamos, comésemos algo.
    O noso guía ese día foi Óscar Pedreira, Vicedecano de Organización académica. Explicounos un pouco en que consistía o grao de Informática e desmentiunos algúns prexuízos que se teñen sobre os informáticos cun pouco de humor.
    Despois, fixemos un percorrido pola Facultade e puidemos entrar nunha aula e en dous laboratorios de investigación, nos cales os alumnos nos explicaron en que estaban a traballar (por exemplo, en arquitectura de ordenadores ou aspectos relacionados coa óptica).
    Unha vez rematada esta visita, agradecémoslle a Óscar que nos permitise experimentar ese ambiente universitario e partimos cara á nosa seguinte parada.


LUCÍA LÓPEZ - 1º BACHARELATO

VISITA AO ARQUIVO DO REINO DE GALICIA



    Ás 12:45h comezamos a nosa seguinte visita ao Arquivo do Reino de Galicia, que se atopa na cidade da Coruña. Foi creado no ano 1775 e é o arquivo galego máis importante ao contar con 25 km de estantes.
    As funcións principais deste Arquivo son recoller a documentación que xera a Administración, organizar ese material e mantelo en bo estado. Para isto conta con varios métodos de almacenaxe: “Galiciana”, unha plataforma na que se mete a información coa web correspondente para acceder a ela; mobles compactos para aproveitar ben o espazo; e unha cámara frigorífica, única nun arquivo en Galicia. Contan con medidas de seguridade en caso de incendio. No lugar onde están gardados os documentos, quitarían o osíxeno da sala en vez de usar auga, para que o papel non se estrague.
    Este Arquivo do Reino de Galicia, nun principio, ubicouse en Betanzos e chegou ao edificio actual en 1957, comezando as súas funcións nos anos 80.
    Manéxanse aquí moitos tipos de documentos: textos, planos, mapas… e máis de 300.000 fotografías, contidos en diversos soportes (pergamiños feitos con pel de animal, papel de trapos, CDs, DVDs, disquetes e microfilmes) e escritos con distintos tipos de letra (visigótica, carolina e gótica cortesá, procesal ou humanística; esta última é a que usamos hoxe). Estes documentos están datados dende o s.XV ata hai cen anos de antigüidade.
    Mostráronnos alí tamén documentos da nosa zona, como unha causa xudicial por bruxería, a aparición dun espírito en 1830 e unha extradición dende Nova Iorque nos anos 30.
    Despois ensináronnos o laboratorio de restauración onde nos explicaron como se facía o papel antigamente (cando foi inventado polos chineses e cando foi perfeccionado polos árabes ao introducirlle algodón e fío que botaban na auga e mazaban cuns batáns). O papel actual é de lignina, que vén da madeira e non ten apenas celulosa, polo que é de peor calidade (ademais, moitas cousas poden danar o papel: a auga, os fungos ou a composición da tinta que se use).
    O proceso de restauración do papel consta de varias fases: primeiro fáiselle unha fotografía e unha ficha moi detallada; a continuación, desmóntase as follas e dáselles un baño con auga e outro con hidróxido cálcico; despois destes baños, póñense nun tendedoiro a secar (para reestablecer as pontes de hidróxeno) e, máis tarde, reintégrase con liño e algodón, que quedan unidos ao resto do papel grazas ás ditas pontes de hidróxeno; por último, ese papel vai aos secantes e logo á prensa.
    Foi esta unha visita moi entretida e soubemos que todo isto se pode estudar na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

MIRELLA RAMOS - 1º BACHARELATO

VISITA AO CASTELO DE SAN ANTÓN


    Pola tarde dirixímonos ao Castelo de San Antón.
    Na baía da Coruña hai un illote chamado “A Pena Grande” onde se construíu unha fortaleza. Antes do Renacemento foi un hospital cunha capela dedicada a San Antón onde se atendían enfermos ou navegantes con enfermidades infecciosas.
    Durante o reinado de Filipe II comezou a construírse o castelo para a defensa da baía. Dende finais do século XVII até mediados do século XX a fortaleza foi utilizada como cárcere no que había tanto delincuentes comúns coma presos políticos.
    Máis tarde, este illote foi unido a terra por un dique e instalouse alí o Museo Arqueolóxico Provincial no 1964. Neste museo poden verse pezas da prehistoria e da historia. Ten tres seccións: a primeira ten arte relixiosa e funeraria medieval e heráldica, a segunda trata sobre arqueoloxía e prehistoria e a última, sobre historia da cidade.
    No castelo vimos todo tipo de restos daquela época, como xoias, xerras, restos de ósos, etc. Vimos tamén o faro, subimos alí e contemplamos as vistas e unha borna que fixo a Universidade de Santiago. Trátase dunha embarcación semellante á que utilizaron os primeiros navegantes que visitaron as nosas costas provenientes das illas Británicas.

ELENA ENRÍQUEZ - 1º BACHARELATO

Accede ao albúm de fotos aquí.

5.5.18

Exposición "A MARIÑA PENSANDO EN FEMININO" - video da montaxe

Na tarde do venres, 4 de maio, os equipos dos diferentes centros que formamos a MICRORREDE PLAMBE A MARIÑA, realizamos a montaxe da exposición deste curso:

 

Na tarde do luns, 7 de maio, daremos comezo coas diferentes actividades que programamos en torno a esta exposición e que rematarán o xoves, 10 de maio.
A exposición estará aberta en horario de 18:00 a 20:00 horas para o público en xeral; tamén haberá horarios especiais para aqueles colexios e colectivos que o soliciten.


Ruta Mariña Occidental

Os nenos e nenas de 1º ESO do IES Perdouro, acompañados por Maribel, Begoña, Rafa e Antón, realizamos unha viaxe pola Mariña Occidental o día 18 abril.
Visitamos dúas vilas: Viveiro, onde analizamos a Porta de Carlos V e a igrexa de San Francisco; e O Barqueiro, o límite entre as provincias de Lugo e A Coruña. Para chegar ao Barqueiro pasamos pola nova ponte que conecta a estrada xeral, que pasa por encima do río Sor. Este mesmo río forma a fermosísima ría do Barqueiro. Tamén cabe dicir que vimos un vídeo sobre a Semana Santa de Viveiro, que foi declarada no 2012  de Interés Turístico Internacional.
A viaxe foi divertida e aprendimos moitas cousas novas.

Accede ao albúm de fotos aquí.  

Álvaro Fernández Prado 1ºESO B

4.5.18

Montaxe da exposición "A Mariña pensando en feminino"

Hoxe fomos pola tarde ata Viveiro montar a exposición "A Mariña pensando en feminino" da Microrrede de bibliotecas escolares Plambe da Mariña.


A nosa aportación leva por título "A Mariña en cen palabras" e foi feita polo alumnado de 1º de ESO. Para iso contamos coa colaboración de Maribel, de Antón, de Bernardo, de Miruca, de Mª José A. e do alumnado de 2º ESO para a selección das cen palabras que recollen a nosa Mariña en nome de muller en dezaseis categorías. O alumnado tivo que facer unha pequena explicación da palabra e unha foto da mesma. Unha vez terminada a tarefa da procura e das correccións da expresión escrita polas profesoras, Miruca e Mª José, o alumnado pasou a limpo o textiño nunha plantilla deseñada para tal efecto, debuxou o título dun xeito algo máis artístico e pegou a fotografía horizontal.

Logo o alumnado de 3º de ESO axudounos pegando as cartulinas entre si para compoñer o mural definitivo de algo máis de 5 metros de longo!!! O alumnado de 1º de Bach fixo o cartel presentativo da nosa exposición.

Parabéns porque o resultado mereceu a pena. A nosa Mariña ten moito de feminino e non debemos esquecernos deste patrimonio tan valioso. 

Accede aquí ao albúm de fotos da montaxe.

A MARIÑA PENSANDO EN FEMININO
INDUSTRÍA 1. Fundición de Sargadelos 2. Cetaria 3. Lonxa de Burela 4. Mina da Silvarosa 5. Alcoa GASTRONOMÍA 6. Torta de Mondoñedo 
ARTE 7. Cerámica de Sargadelos 8. Cerámica de Gudín 9. Cerámica de Regal 
HISTORIA 10. Catedral de Mondoñedo 11. Basílica de San Martiño 12. Igrexa da Vila do Medio 13. Casa indiana 14. Cova da Doncela 15. Casa de Pedrosa 16. Casa da Administración 17. A Roda 18. Porta Carlos V 19. Praza da Mariña 20. Pía de Cabo Burela 21. As tetas da Vinculeira 22. Pena Abaladoira 23. Pena da Roda 24. Cornería 25. Mámoa de Guillán 26. A Bañeira do Mariscal 27. Finca galea 28. A Mariscala 29. A Paula 
MONTAÑAS 30. Fraga Vella 31. Fraga da Vilapena 32. Fraga da Becerreira 33. A Frouxeira FESTAS 34. Festa indiana 35. Festa normanda 36. Festa castrexa 37. Maruxaina 38. Xira de Santa Cruz 39. Festa da Faba 40. Festa da Tortilla 41. Festa da Queimada 42. As San Lucas 43. As Quendas 44. Alfombras do Carme 45. Festa da Palabra 
FONTES 46. Fonte Vella 47. Fonte das Rosas 48. Fonte de Area 49. Fonte da Zapata
ILLAS 50. Illa Pancha 51. As Portelas 52. As Chaciñeiras 53. As Salseiras 54. Illa Coelleira 55. Illa Gabeira 56. A Insúa
PONTES 57. Ponte da Misericordia 58. Ponte da Cazolga 59. Ponte da Marisma 60. Ponte dos Santos 61. Ponte do Pasatempo 
PUNTAS 62. punta da Atalaia 63. Punta Roncadoira 64. Península da Paz 
PRAIAS 65. Praia de Augas Santas 66. Praia da Rapadoira 67. Praia de Covas 68. Praia da Marosa 69. Praia de Anguieira 70. Praia das Pasadas 71. Praia de Lóngara 72. Praia de Area
PROFESIÓNS 73. Redeiras 74. Palilleiras 75. Mariscadoras 76. Xogadoras de fútbol sala 77. Percebeiras 78. Batukeiras 
MULLERES 79. Almudena Rodríguez Fernández 80. Marina Mayoral 81. Antía Yáñez 82. Olalla Cociña 83. Rebeca Maseda 84. Olga Castro 85. Rosalía Castro 86. Laura Blanco 87. Paz Rodríguez Silva 88. Faustina Sollosa 89. María Sarmiento 90. Mercedes Rodríguez Moreda 
VILAS 91. Vilanova de Lourenzá 92. Burela 93. Foz 
PALABRAS 94. Xógara 95. Rasa Cantábrica 96. Furna 
PESCA 97. Pescada 98. Sardiña 99. Confraría 100. Conserveira

Adrián Canoura presentou a súa produción cinematográfica e musical no IES Perdouro

O cineasta Adrián Canoura retornou este xoves ás aulas do IES Perdouro e esta vez para presentar ao alumnado do bacharelato de Humanidades as súas creacións de vangarda artística nos ámbitos do cinema e a música. 
No capítulo da formación, Canoura explicou a súa experiencia na Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC e insistiu diante do alumnado na necesidade de completar a formación  básica con cursos específicos. Neste sentido, mostrouse tamén moi satisfeito da aprendizaxe que adquiriu na Escola de Ficción de Voz Audiovisual e no Máster LAV, realizado en Madrid. 
Centrado na súa obra de creación, o cineasta de Burela lembrou diante do alumnado o proceso de realización do seu primeiroo traballo: Escamas, Sangue!, feito en 2014, con Breixo Llano, cando aínda era estudante na Fundación TIC. A seguir, expuxo as características de Salitre nas Veas (de 2017, ambientada no Vicedo) e de  Caerán Lóstregos do Ceo (de 2018, e baseada nos ensaios antropolóxicos de Vicente Risco), ambas presentadas nestes días pasados no festival PLAY DOC de Tui. 
Antes de finalizar o coloquio, abordouse o tema da creación musical. Por un lado, Canoura evocou o Nistra Batuko Exploration (2015), que recupera imaxes da convivencia  intercultural en Burela durante os anos 90 -con imaxes de vídeo gravadas naquel momento-; e, por outro, coa presentación da música de Baiuca, o proxecto músico-adiovisual co que está colleitando moito éxito e que terá a próxima cita co público especialista no decurso do Festival de Cans.
Recorte de prensa El Progreso 04/05/18

3.5.18

"A Mariña pensando en feminino" - exposición da Microrrede da Mariña

"A Mariña pensando en feminino" 

Entre os días 7 e 10 de maio de 2018, ambos inclusive, está aberta ao público unha exposición titulada “A Mariña pensando en feminino”, preparada polas bibliotecas escolares que integran a MICRORREDE DA MARIÑA e resultante dun proxecto colaborativo.

Somos 14 centros integrados nesta microrrede que xa leva uns 7 anos en funcionamento.

A exposición dos traballos poderá verse na biblioteca municipal así como no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h.

Os traballos que aí se presentan teñen un claro componente de xénero e teñen como obxectivo principal dar visibilidade á muller e ao empoderamento da palabra, da figura, da cultura, dos oficios, das voces, das letras, do patrimonio dende o punto de vista máis feminino.

A inauguración de dita exposición terá lugar o luns 7 de maio ás 18h na praza do Concello de Viveiro.

Contaremos coa actuación da cantante galega GUADI GALEGO, coñecida por unirse à loita contra a violencia machista. A súa canción 'Matriarcas' é unha homenaxe ás mulleres fortes que loitan contra a morea de obstáculos que lles impón a vida só por nacer de sexo feminino.

Teremos unha performance do ColectivoLAG. Son Lara Buyo e Ana Corujo, dúas curiosas mentes inquietas graduadas en Belas Artes e cun Máster en Arte Contemporánea. Dedican a súa traxectoria á performance defendendo a arte en parella baixo unha liña que reivindica a igualdade de xénero.


 Cartaz dos 14 centros educativos implicados



2.5.18

Premiados no Enreguéifate!!!!

A agrupación Patacas Bravas composta por Cristian, Érica, Sergio, Eliane e Noé foi recoller esta mañá no Auditorio de Santiago o premio á regueifa mellor cantada no certame Enreguéifate. 
Máis fotos aquí.



1.5.18

Concerto didáctico de Abraham Cupeiro.

O pasado día 11 de abril os alumnos de 2° e 3° de ESO fumos a un concerto didáctico impartido polo musicólogo Abraham Cupeiro.

Neste concerto percorrimos unha viaxe dende a prehistoria ata a actualidade a través de diferentes instrumentos de vento. Vimos aerófonos de todo tipo: metal, madeira, mecánico, boquilla, bisel…

Un concerto moi entregado no cal adquirimos moita cultura musical.

Podes acceder ao albún de fotos e vídeos aquí.   

Alejandro Bermúdez - 2º ESO A
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...