31.1.13

Arcadio Mon fálanos de música e letras

Entre as actividades do Instituto “Perdouro” para celebrar a festividade de San Xoán Bosco, a Asociación Cultural “Os Matos” convidou ao Director da Escola Municipal de Música de Foz, Arcadio Mon García, a ter un encontro con alumnos de 4º de E.S.O. para falar da súa experiencia profesional dentro do mundo da música.

A experiencia resultou moi amena. Ao principio, Arcadio Mon faloulles aos rapaces da súa etapa formativa no mundo da música, continuando polo seu paso por distintas orquestras e grupos musicais dos que formou parte. Logo narrou a súa experiencia como Director de Banda de Música e como Director da Escola de Música Municipal de Foz, e rematou a súa exposición falando dos seus traballos editados.

No medio do seu relato, os asistentes puideron escoitar varias cancións do seu último CD “Sen seu amor”, concretamente as referidas ao poeta chairego, Manuel María.

Ao remate do encontro, varios alumnos entusiastas da música, aproveitaron a ocasión para charlar co convidado de forma distendida, cousa que Arcadio agradeceu e os rapaces quedaron moi satisfeitos coas súas palabras.

O acto foi moderado polo Presidente da A. C. “Os Matos”, Antón Niñe, e contou coa colaboración do Equipo Directivo do I.E.S. “Perdouro”.

30.1.13

Celebramos o día escolar da Paz e da non violencia

30 de xaneiro - Día da Paz 2013 - Concerto no recreo

Un ano máis, dende o IES PERDOURO, recordamos o día no que Gandhi foi asesinado a través de numerosas actividades nas que colaboraron diversos departamentos, entre os que cabería destacar o de Música, Inglés e Tecnoloxía. Nesta ocasión destacamos o Concerto pola Paz que tivo lugar no recreo o 30 de xaneiro.
Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO e 3º ESO trataron de facer honra á frase de Chavela Vargas: “Hay que llenar el planeta de violines y guitarras en lugar de tanta metralla”.

Os nosos alumnos deleitáronnos cun repertorio variado no que destaca o tema IMAGINE, de Jonh Lennon.


O Día Escolar da Non-violencia e da Paz foi declarado por primeira vez en 1964. Xurde dunha iniciativa pioneira, non gobernamental, independente, e voluntaria de Educación Non-violenta e Pacificadora do profesor Llorenç Vidal. O obxectivo é a educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. Neste día, os colexios e centros convírtense en instrumentos de paz e entendimento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión.

O día 30 de xaneiro conmemórase ademais a morte do líder nacional e espiritual da India, o Mahatma Gandhi, o 30 de xaneiro de 1948, asesinado a tiros por un fanático hinduista.

29.1.13

Cartel gañador dos V Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Aurélie Pello foi a autora do cartel gañador destes encontros de Banda Deseñada.

Podedes seguir as novidades dos encontros a través das redes sociais Twitter e Facebook de Banda Desexada.








28.1.13

San Xoán Bosco 2013

O alumnado de 1º e 2º de ESO participaron ao longo deste quince días nunhas competicións deportivas promovidas pola Asociación Cultural Os Matos en honor a San Xoán Bosco. 

Na modalidade individual, xogaron á Damas, Xadrez, na modalidade de parellas, construiron puzzles; e na modalidade colectiva competiron en baloncesto e fútbol sala.

A participación foi numerosa e os vencedores, que recibiron as súas correspondentes medallas, foron:
  • Xadrez: Ángel 2º ESO A
  • Damas: Cristofer 2º ESO B
  • Puzzles: Diego e Ángel

  • Baloncesto mixto: equipo de 2º ESO B (Noelia, Silvera, Iago, Andrés, Enrique, Álex e Cristofer)
  • Fútbol Sala Femenino: equipo de 2º ESO B (Tamara, Andrea, Silvera, Noelia, Katia, Carolina e Vanessa)
  • Fútbol Sala Masculino: equipo de 1º ESO A (Álex, Alberto, Andrés, Cristián, Hugo, Luismi, Miguel e José Eduardo)
Ao remate da competición o Director do I.E.S. Perdouro, Santiago Pérez Docobo, entregou as medallas aos gañadores. 
Esta actividade enmárcase dentro das actuacións que a Asociación Cultural “Os Matos” programou para o presente curso. 
Desta competición responsabilizouse o Seminario de Educación Física e o de Relixión, contando coa colaboración do Equipo Directivo do Instituto.

25.1.13

Fomentando lectores comprometidos coa lingua

Séchu Sende comezou facendo un repaso breve a súa traxectoria literaria e nada máis empezar soubo cativar o alumnado coas súas propias vivencias coa lingua galega. Contou anécdotas que lle sirviron para escribir Made en Galiza e conseguiu en máis dunha ocasión as risas do alumnado, que permaneceu fascinado ao longo da intervención do autor. Este continuou falando da súa viaxe ao Curdistán e terminou afirmando que no caso da lingua do país - sexa cal sexa este - é tan importante falala como saber escoitala. Antes de rematar o coloquio, unha lectura multilingüe feita por alumnos dos catro continentes dun fragmento de Made in Galiza converteuse na pinga intercultural do evento. O rematar o encontro o alumnado aproveitou a ocasión para pedirlle a Séchu asinar os seus exemplares.
Esta actividade de animación á lectura dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato foi unha experiencia maravillosa, e Séchu Sende enfeitizou os corazóns de todos nós.


 

24.1.13

Unha escritora de Literatura Infantil e Xuvenil na Real Academia Galega

RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

23.1.13

Séchu Sende, escritor "Modelo Burela" por un día

O autor de Made in Galiza participa nun encontro co alumnado do Instituto Perdouro

O mesmo que xa fixeron no seu día Xosé Neira Vilas, Mini e Mero, Ramón Blanco ou o sociolingüista bengalí Anik Nandi, o escritor Séchu Sende será protagonista dun encontro cultural “Modelo Burela”. O evento celebrarase entre as 11:00 e as 14:00 horas do próximo venres, día 25 de xaneiro, na biblioteca do Instituto Perdouro e nel participará alumnado de ESO e Bacharelato.

O autor de Orixe e Made in Galiza chegará a Burela á primeira hora da mañá e será recibido no IES Perdouro polas coordinadoras da área de Innovación Educativa, Maria José Andión Fontela, e do Equipo de Normalización, Miruca Parga. Posteriormente, reunirase coa Vice-directora do centro, Karina Parga, e coñecerá os alumnos e alumnas participantes no programa radiofónico Proxecto Neo, dedicado á integración das persoas chegadas doutras latitudes.

Ás 11:30, na Biblioteca do centro educativo, Séchu Sende disertará sobre a súa traxectoria literaria e asinará exemplares das súas obras ao alumnado de 3º e 4º de ESO. Unha hora máis tarde participará nun coloquio co estudantado de Bacharelato.

Séchu Sende (Padrón, 1972), profesor no IES de Vila de Cruces, realizou os estudos de Bacharelato no Instituto Vilar Ponte de Viveiro, onde adquiriu o Galego como segunda lingua e recibiu a base para chegar a ser neofalante. Na cidade do Landro iniciou a súa carreira literaria ao conseguir gañar na mesma convocatoria os primeiros premios nas modalidades de poesía e narrativa do prestixioso certame literario Minerva, nun xurado presidido polo escritor Suso de Toro. Posteriormente, conseguiu alzarse co Blanco Amor de novela longa pola obra Orixe e o Ánxel Casal ao mellor libro do ano 2007 por Made in Galiza.

Apretada axenda na Mariña

Aproveitando a viaxe á Mariña, o día 26 (sábado) ás 8 da tarde o escritor presentará en Viveiro a súa última publicación: un libro de viaxe ao Curdistán. O acto celebrarase no Conservatorio de Música de Viveiro e nel o escritor contará coa presentación de Plácido Travieso e Bernardo Penabade. Os beneficios desta publicación están destinados a financiar un intercambio educativo entre unha escola infantil de Santiago de Compostela e outra do Curdistán, onde a literatura de Sende foi moi ben acollida nas traducións aos idiomas curdo e turco.

OUTRAS REFERENCIAS:

20.1.13

V Encontros de Banda Deseñada da Mariña

O pasado 16 de xaneiro na Biblioteca do IES Perdouro presentáronse os Vos Encontros de Banda Deseñadada Mariña, uns encontros que comezaron no ano 2009 e que teñen dous obxectivos básicos: por un lado, a posta en coñecemento do apaixoante mundo do cómic e, por outro, dinamizar a vida da Biblioteca, xa que o cómic é un bo recurso para fomentar a lectura entre o máis novos. A adquisión de moitas obras novas para os fondos da Comiteca posibilita a consulta e a lectura de calidade, o que fai que o noso alumnado mostre interese por este tipo de obras.

Nesta edición dos Encontros, como en anos anteriores, adicamos tres meses, ata finais de marzo, a esta tipoloxía de narrativa a través de OBRADOIROS de guión, de iniciación á BD, de caracterización de personaxes de cómic, de bonecos… e, tamén, EXPOSICIÓNS. Por exemplo, citar que xa teñen pasado en anos anteriores por estes Encontros artistas da categoría de Miguelanxo Prado, Manel Cráneo, Carlos Portela, Kiko da Silva ou David Rubín, entre outros.

Durante estes tres meses, o Instituto transfórmase: as aulas, as paredes, as ventás… todo serve de soporte para os debuxos dos rapaces que decoran todo o centro coas súas personaxes preferidas.

Outra das actividades habituais dos Encontros é a proxección de películas e curtas de animación. Así, os rapaces poden acceder a películas ás que, doutro xeito, lles resultaría difícil achegarse.

Ademais de todas estas actividades, os Encontros de BD na Mariña convocan un concurso de creación de BD en tres categorías: ata 13 anos, de 14 a 18 anos e unha categoría aberta. As bases deste concurso pódense consultar no propio blogue dos Encontros (bandadesexada.blogspot.com). Asimesmo, os Encontros contan cunha revista propia, chámase “Banda Desexada” e  presentouse o nº 4 que vimos de editar e nel aparecen os cómics dos primeiros e segundos premios da anterior edición, entrevistas…

Para rematar, queremos agradecer a axuda que para estas actividades recibimos do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto e tamén do Concello de Burela, así como a colaboración de todo o profesorado e alumnado que participa nelas.

18.1.13

3º ESO - Concerto didáctico no Auditorio de Galicia


O alumnado de Música de 3º e 4º de ESO asistíu a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

Puideron escoitar 3 danzas eslavas de Dvorak, a obertura de A arpa máxica de Schubert e The Typewriter de Leroy Anderson interpretadas pola Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela en colaboración coa Real Philarmonía.

Pola tarde, o grupo de alumnos entrevistouse con Manolo Maseda e Séchu Sende.

Aquí tedes a reportaxe fotográfica da visita...

16.1.13

Vº Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Hoxe inauguramos, ás 11 h., na Biblioteca do I.E.S. Perdouro, os V Encontros de Banda Deseñada da Mariña.


Nesta primeira xornada dos V Encontros, o Centro encheuse, unha vez máis, cos personaxes da banda deseñada que daban a benvida a todo o alumnado. Xa na Biblioteca, presentáronse estes encontros aos nosos alumnos e alumnas máis novos: os de 1º e 2º da ESO. A través dun percorrido polas actividades feitas ao longo destes últimos catro anos, fóronse presentando os distintos proxectos que se levarán a cabo este ano: proxeccións de cine de animación (xa comezamos hoxe mércores pola tarde con Tintín…), obradoiros de banda deseñada “tradicional” e banda deseñada sonora e moitas máis sorpresas que haberá ao longo dos seguintes meses.

Igualmente presentouse o número catro da nosa revista “Banda Desexada”, que recolle todo o feito nos encontros do ano pasado así como os traballos premiados na anterior edición.

E xa para rematar, todas aquelas persoas que elaboraran unha careta de personaxe de cómic para tal día coma hoxe foron agasalladas cun chocolate quentiño e un anaco de lambona.

Bases do Concurso de creación  de banda deseñada

Toda a información sobre as bases do Concurso de BD do IES Perdouro no blogue Banda Desexada. O prazo de presentación remata o 14 de marzo. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...