24.2.18

Celebramos o Día de Rosalía na biblioteca do IES Perdouro

Pequeno adianto da celebración do Día de Rosalía na biblioteca do IES Perdouro.
#AbrideAFiestra. Deuse lectura ao manifesto da AELG. Contouse coa actucación musical en directo de Moreninhas, de Flávio e do Trío da Banda Dambara e coa proxección de videopoemas feitos polo alumnado. 

23.2.18

Recitando a Rosalía de Castro en francés

Os alumnos de 1º de Bach. de Francés grabaron o seguinte videopoema para lembrar o día de Rosalía. O Poema escollido por eles foi "Silence".

18.2.18

Abride a fiestra. Día de Rosalía no IES Perdouro

Recollemos da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) o seguinte comunicado: Conmemoración do Día de Rosalía de Castro. 

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. 

Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte manifesto.

Sumámonos as celebracións facendo un pequeno acto o venres 23 de 11:20 a 12:20 coa lectura do manifesto, a actuación musical en directo de alumnos e a proxección de videopoemas. 

Visita a Inditex

O pasado o venres 26 de xaneiro, alumnado do Ciclo Medio de Xestión Administrativa e do Ciclo Superior de Administración e Finanzas estivo  na sede central  de Inditex, en Arteixo.
Unha persoa encargada das relacións públicas da empresa atendeu o grupo de estudantes que estaba acompañado pola Xefa de Dpto e  a titora dun dos grupos. Aí tiveron a oportunidade de coñecer as actividades relativas ao deseño, fabricación,  loxística e distribución desta empresa punteira.  Explicoulles brevemente o funcionamento do grupo: as marcas, o modelo de negocio, a proxección internacional e do e-comercio.

Inditex es unha das maiores compañías de distribución de moda do mundo, con oito formatos comerciais (Zara, Pull & Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho, Zara Home y Uterqüe) e con 7.504 establecementos en 94 mercados dos cales 45 son mercados on-line. Traballan con 1.805 provedores e 6.959 fábricas en todo o mundo e ten contratado a 162.450 profesionais.

GOA foi a primeira marca de Amancio Ortega e abreu a primera fábrica en Sabón en 1977. De aí medrou esta multinacional que hoxe forma este xigante téxtil. A sede central do grupo en Arteixo agrupa Zara -incluido o negocio online- e Zara Home. Pull&Bear ten a súa sede en Narón e Massimo Dutti e Stradivarius están en Barcelona, con Bershka, Oysho e Uterqüe. En Arteixo hai máis de 4.000 traballadores de 140 nacionalidades diferentes. O inglés é a lingua oficial de comunicación da empresa.

A visita guiada iniciouse polas oficinas onde apostan por unha forma de traballo aberta. Hai tres secións: neno, cabaleiro e muller. Cada zona de traballo conta con deseñadores, comerciais para a compra aos provedores e con patronaxe. Levaron aos alumnos de IES Perdouro polos departamentos de creacción e confección, de fotografía, a área de venta on-line, de escaparatismo onde se crea o estilismo e imaxe dos escaparates das vindeiras temporadas. Logo os alumnos entraron nunha tenda piloto, a de Zara Home.
Continuou a visita pasando por un túnel que comunica a sede cunha das 11 fábricas de confección do grupo téxtil. Estas fábricas comunícanse a través de raíles manuaís e automáticos, 250 km en total, mediante códigos e lectores de códigos. Aí viron o centro de produción onde se realiza o corte, acabado e control de calidade dos artígos.
Finalmente rematou a visita no centro loxístico de distribución para todas as fábricas e tendas do grupo, uns 300.000 metros cadrados de instalacións. Contan con dous tipos de carruseles, uns que distribúen 10.000 unidades/hora e outros que teñen unha distribución aínda maior, 30.000 unidades/hora. A distribución faise de dúas maneiras. Se o transporte vai tardar menos de 30 horas en chegar ao seu destino, faise por camión, e senón por avión.
Como Inditex non ten transporte propio, subcontrata outras empresas. Dúas veces por semana, cada tenda do grupo Inditex recibe dous camións de mercancía.
Dende que a mercancía sale dos centros de distribución ata que chega á tenda, o tempo máximo que pasa son 50 horas. Normalmente sale o camión ata a plataforma do país donde vai levar a mercancía e unha vez aí, contratan camións máis pequenos que podan entrar nas cidades a deixar a mercancía.

Foi unha visita de grande interese para o alumnado do Ciclo de Administación onde puideron ver o funcionamento dunha das empresas máis importantes do mundo e a impresionante plataforma loxística que mellor funciona en España.

Artigo de interese: El interior de Zara: un viaje a la sede central de Inditex en Arteixo


17.2.18

Concerto didáctico en Santiago - As Lollipops a ritmo de swing

O pasado mércores, día 24 de xaneiro, o alumnado de 3º de ESO e 4º ESO de Música fomos de viaxe a Santiago e alí fixemos unha parada no Museo do Pobo Galego, anteriormente convento e igrexa (igrexa e convento Santo Domingo de Bonaval), para ver o Panteón de Galegos Ilustres e, mais tarde, fumos ao auditorio de Galicia para escoitar o concerto didáctico  de "As Lollipops”. Finalizadas as dúas actividades do día, pasamos algo de tempo libre no centro comercial “As Cancelas”. 

A primeira parada foi no Panteón, que é unha obra de estilo renacentista que comezou cando era unha simple capela da igrexa en desuso; para darlle utilidade e importancia, reconstruíuse xunto co covento e igrexa e foi inaugurado como un panteón para acoller os restos dalgúns dos máis importantes e ilustres galegos. Todo comezou en 1891 co traslado da famosa escritora Rosalía De Castro; seguida de Alfredo Brañas, escritor e filósofo; Ramón Cabanillas, poeta; Domingo Fontán, ilustrado, filósofo e tamén político e topógrafo; Francisco Asorey, escultor; e, o máis recente, Castelao, político e escritor, artista e médico. 

Na segunda parada no Auditorio vimos a tres mulleres chamadas “As Lollipops”, que cantaban ao son dun pianista, Cristian Leggiero, cancións da época dourada do swing dos anos 50 con elegancia e espírito da década máis glamourosa do século XX, a ritmo de pop, blues... e cunha fermosa vestimenta ao “pin-up” moi característica dos anos 50. O trío musical  está formado polas coñecidas cantantes  galegas Paula Romero, Marian Ledesma e Paty Lesta. Cada unha delas tiña un tipo de voz que as caracterizaba: unha con voz soprano, galega; outra forte, estadounidense; e a última, mezzoforte, arxentina. 

Xa rematadas as dúas visitas fomos dirección ao centro comercial “As Cancelas” onde disfrutamos de tempo libre para xantar e pasar polas tendas.

Ver o albúm de fotos aquí.

Yaniss dos Santos - 3º ESO

16.2.18

STEM - Que ten que ver a química con nós? Fármacos, plásticos, biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía...

A terceira conferencia sobre STEM do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" centrouse sobre o Que ten que ver a química con nós? Fármacos, plásticos, biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía... e foi destinada ao alumnado de 3º ESO e 4º ESO de Tecnoloxía. Celebrouse na biblioteca o pasado venres 16 de febreiro.

Ricardo Riguera Vega, profesor de Química Orgánica da USC e do CIQUS, faloulles brevemente do papel da Química, como parte das ciencias da natureza, na nosa vida, con exemplos do que son os produtos naturais, os fármacos e os plásticos, a súa orixe e usos na vida corrente. Así mesmo, describiu o significado da biotecnoloxía, a ecoloxía, a química verde, a nanotecnoloxía, e a súa relación coa química e as outras ciencias, ilustrándolo con exemplos da publicidade, a necesidade entender "de ciencias " para saber o que comprar.

15.2.18

A Mariña ten Historia (II): Ruta pola Mariña Oriental e Central

Os alumnos de 4º da ESO A fomos desde Burela ata os arredores de Ribadeo para facer fotografías co obxectivo de coñecer a Historia da Mariña e, posteriormente, elaborar con elas o calendario do centro para o 2018.

Comezamos o percorrido na igrexa de Cangas. Alí explicáronnos que é unha igrexa do s. XVII. Diante dela, atópase unha vella moreira, que é unha das poucas árbores da Mariña que está inscrita no Catálogo galego de árbores senlleiras. Esta igrexa e o seu cemiterio están construídos sobre un castro.

Logo, chegamos á Casa de Reimunde en San Martiño. Trátase dunha casa grande dos s. XVIII-XIX con numerosas chemineas e unha gran galería. Pertence á casa un eucalipto de gran porte que tamén consta no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Na Frouxeira vimos os restos da fortaleza baixomedieval (s. XV) do mariscal Pardo de Cela. Este baluarte foi atacado polos Reis Católicos e o seu dono foi executado na praza da catedral de Mondoñedo.

A seguinte parada foi no Santo Estevo do Ermo, enclave rico en lendas e en mananciais. Estivo habitado por mulleres eremitas posiblemente na Alta Idade Media. O seu labor tiña que ver seguramente coas propiedades cuativas da Fonte das Rosas e da Fonte de Ferro que se atopan neste lugar.

Logo dirixímonos á Casa do Penelo, que é unha casa indiana, é dicir, ten a construción propia das vivendas que mandaban levantar os emigrantes adiñeirados despois de chegar dende América. O xardín ten árbores de gran tamaño que foron traídas tamén de América.

Despois disto, fomos ver A Roda que é un círculo lítico que podería ser un henge (área circular ou esférica de grandes pedras en torno a unha superficie plana) que pode datarse arredor de 1500-1000 a.C.

Visitamos tamén as cetarias de Rinlo, que son unhas instalacións realizadas no s. XIX aproveitando furnas escavadas polo mar para a cría de marisco.

En penúltimo lugar, pasamos polo Castro das Grobas que é un castro que destaca pola súa estrutura defensiva de parapetos e foxos de grandes dimensións

Por último, fomos ver as Pisadas do Encanto que son uns petróglifos podoformos (inscricións en forma de pé ou de dous ou máis pés xuntos) escavados en lousa. Son representacións de pegadas humanas e de oso datadas arredor do 1000 a.C. e situadas nas Anzas, no concello de Ribadeo.

Accede o albún de foto picando aquí
Crónica de Damaris Gabriela Popovici, 4º ESO - Maruxía

11.2.18

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Feliz Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia!
#Científicas11F
#MulleresEnCiencia
👩🏻‍⚕️👩🏼‍🔬👩🏽‍🚀👩🏽‍💻 

O 11 de febreiro é o Día internacional da muller e a nena na ciencia, unha iniciativa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de promover a participación equitativa e plena de mulleres e nenas na ciencia. 

A AC Alexandre Bóveda quixo contribuír ao espallamento desta efeméride dando visibilidade ao traballo realizado por científicas galegas. Fixeron unha moi breve escolla de media ducia de mulleres que co seu traballo lograron avances importantes no mundo científico e/ou nos dereitos das mulleres.

Recollemos de GCiencia
👩‍🔬Elena Vázquez é decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e dirixe o programa de estimulación de talento matemático Estalmat. Con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, reflexiona sobre o que queda por facer. #MulleresenCiencia #11febreiro

9.2.18

Entroido 2018

Video do Entroido no Perdouro.

Exposición fotográfica "A Mariña ten historia"

No hall do pabellón central, ubícase a exposición fotográfica chamada "A Mariña ten historia", resultante do traballo de campo do alumnado de 4º ESO para elaborar o calendario anual do EDLG. 
Como o 2018 é Ano Europeo do Patrimonio Cultural, o Equipo de Dinamización quixo por en valor a riqueza patrimonial da Mariña e así aumentar a concienciación dos alumnos en torno á historia local. Para o calendario escolléronse só 13 fotografías.  A través desta mostrar podemos ver moitas outras fotografías dos lugares visitados a raíz das dúas saídas educativas pola Mariña Oriental e pola Mariña Occidental así como ler unha pequena descrición do lugar.
Aínda se aprende/descobre moitas cousas da nosa contorna!!

Que viva o Entroido!

Que viva o Entroido!!!! Se queres coñecer as distintas tradicións do Entroido en Galicia, os diferentes tipos de gastronomía así como as festas e desfiles que se celebrarán pola Mariña, achégate á entrada do pavillón central e verás uns murais moi ilustrativos que o alumnado de 1º ESO estivo facendo coa súa profesora, Miruca Parga, para informarnos de xeito ameno.
Ver a exposición neste albúm de fotos.
E ti canto sabes do Entroido? Xoga aquí

8.2.18

STEM - Intelixencia artificial

A segunda conferencia sobre STEM do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" verteu sobre a "Intelixencia artificial e xeración automática de linguaxe natural: unha palabra vale mais ca un millón de datos" e foi destinada ao alumnado de tecnoloxía de 4º ESO, 1º Bacharelato e do 2º Ciclo Medio de IT. Celebrouse na biblioteca o pasado martes 6 de febreiro.  

Alberto J. Bugarín Diz, enxeñeiro da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) adentrou ao alumnado no mundo da Intelixencia Artificial e no BigData.

No mundo actual, máis que sobrecargado de datos, fanse precisos métodos para extraer información e facela comprensible aos usuarios de aplicacións ou servizos. Por un lado, a intelixencia artificial (IA) proporciona moitos métodos, coma o “data mining” ou o “machine learning,” para facer a análise de datos e a extracción de información. Por outro, a IA combinada coa lingüística computacional, da lugar aos sistemas de Xeración de linguaxe natural, que transforman os datos para transformalos en textos producidos automáticamente en linguaxe natural que conteñen a información más relevante desde datos e a transmite aos usuarios humanos dun xeito comprensible. Nesta conferencia presentaranse as bases xerais dos sistemas Data-To-Text que, dentro da Xeración de Linguaxe Natural, refírse a sistemas nos que os datos de partida son numéricos. Amosouse un bo número de exemplos reais de aplicación destes sistemas en problemas da vida diaria, coma os robots-xornalistas, as predicións meteorolóxicas, os navegadores GPS, os sistemas de supervisión médica ou industrial, entre outros moitos.

7.2.18

STEM - Obradorio de Modelado 3D

O programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" ofreceunos unha charla-taller de Modelado 3D destinado ao alumnado de tecnoloxía de 4º ESO, de 1º Bacharelato e do 2º Ciclo Medio de IT que se celebrou o pasado xoves 1 de febreiro. 

O ponente da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Juan Pedro Ortiz Sanz, explicou brevemente a elaboración de modelos 3D a partir de obxectos reais para dar paso ao obradoiro Modelado 3D. Faloulles das ferramentas gratuitas existentes na actualidade para modelado 3D a partir de fotos tomadas con calqueira dispositivo móvil/tablet, o que permite xa a calqueira alumno/a modelar en 3D o que desexe.
Para dita manipulación o alumnado utilizou a aplicación gratuita de móbil SCANN3D (android) ou TRNIO (Apple) para escanear en 3D un obxecto co seu propio móbil. Fixeron un montón de area que fotografiaron todo ao redor (12 imaxes). Resultado abraiante!!!! 

Os modelos 3D son figuras virtuais tridimensionais, a escala, que representan fielmente a realidade e que empréganse en multitude de campos (medicina, veterinaria, urbanismo, arquitectura, moda, automoción, aeroespacial, motos, videoxogos, deportes, conservación do patrimonio, accesibilidade e moitos máis). Xa constitúen unha potente ferramenta de rexistro de información utilizada por moitos escolares, universitarios e profesionais de todo tipo en todo o mundo, pois, entre outras cousas, os modelo 3D virtuais son os arquivos dixitais que empregan as impresoras 3D. Sen dúbida ningunha, esta técnica difundirase nos próximos anos entre a poboación igual que o fixeron no seu día a fotografía e o vídeo.

6.2.18

E-Dixgal: chegaron os portátiles para o alumnado

Cinco meses despois de formar parte do proxecto E-Dixgal a Xunta entregoulle ao centro os ultraportátiles para os alumnos. E-dixgal é unha iniciativa que leva á aula unha contorna virtual de aprendizaxe que permite a profesorado e alumnado acceder a contidos dixitais.
Os novos equipos do alumnado poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e levan integrados aplicacións educativas agrupadas por categorías como táboas periódicas, editores de moléculas, dicionarios e aplicacións de circuítos electrónicos, entre outros.

5.2.18

Finais Campionatos San Xoán Bosco 2018

Os Campionatos de San Xoán Bosco, organizados pola A.C. “Os Matos”, é unha das actividades anuais do I.E.S. Perdouro. Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 1º e 2º de E.S.O. participou en diversas modalidades lúdicas e deportivas, que remataron na mañá do luns 5 de febreiro.

Os participantes puxeron ilusión e gañas nas distintas  modalidades que se ofertaban:
  •     Individuais:  4 en liña e Damas;
  •     Parellas: Construcción de Puzzles;
  •     Grupos: Baloncesto e fútbol sala.
As primeiras eliminatorias, e as finais individuais e de parellas, desenvolvéronse nas instalacións do centro durante os recreos, ata o día 29 de xaneiro. As finais de grupos disputáronse no pavillón polideportivo dos institutos o día 5 de febreiro pola mañá e foron arbitrados por Antón Niñe e Benxa Soto.
Da organización e coordinación dos Campionatos encargouse un grupo de profesores contando co apoio do Equipo Directivo do Instituto.

Os vencedores das distintas modalidades, que recibiron as súas correspondentes medallas, son:

  • 4 en liña: Laura Quiroga Rivas (2º ESO B)
  • Damas:  Álvaro Fernández Prado (1º ESO B) e Laura Quiroga Rivas (2º ESO B)
  • Puzzles: Raúl Fernández Fernández e Pablo Alonso López (1º ESO B) e Anxo Díaz Fernández e Hugo Cobas Linares (2º ESO A)
  • Baloncesto: Equipo de 2º ESO A (Hugo Cobas Linares, Anxo Díaz Fernández, Pablo Fernández Rubal, Martín González Cabanas, Julia Iglesias Fernández e Marta Rodríguez López)
  • Fútbol Sala: Equipo 2º ESO A (Hugo Cobas Linares, Anxo Díaz Fernández, Pablo Fernández Rubal, Martín González Cabanas e Julia Iglesias Fernández)
Felicitamos aos participantes e ao público polo bo ambiente creado nestes días! Moi boa afición!!

Accede ao álbum de fotos aquí.

4.2.18

Viaxe á neve

“Algo máis que unha viaxe á neve”
Excursión de tres días dun grupo de 26 alumnas e alumnos de 1º de ESO do IES Perdouro de Burela.
O propio título creo que resume o que foi esta viaxe á estación de esquí de San Isidro. Isto é así porque ademais de experimentar unha nova forma de realizar actividade física nun entorno diferente e de iniciarse nunha nova modalidade deportiva, este grupo tivo a oportunidade de desfrutar dos efectos positivos a nivel físico, mental e emocional que ten o feito de estar convivindo e realizando xogos cooperativos, de imitación, representación, xogos baseados na intuición e/ou razoamento,... e outras actividades lúdicas que fortalecen os lazos de unión, a solidariedade, a autoestima, a relaxación, así como a capacidade para comunicarse e relacionarse cos demais.
Todo elo foi propiciado polo ambiente idóneo afastado de teléfonos móbiles, de internet, de televisores reproducindo programas lixo ou telexornais repletos de novas negativas, e de calquera aparello que puidera interferir nos obxectivos principais destas xornadas de convivencia educativa.
Pero a grande clave do éxito desta experiencia multidisciplinar foi a actitude exemplar e as gañas de divertirse destes rapaces e rapazas de Burela, que permiten intuír un bo traballo educativo por parte das súas familias.
Benxa Soto, profesor de Educación Física
Accede aquí para ver as fotos.

1.2.18

Charla sobre a Lei do Menor

O xoves 18 de xaneiro os alumnos de 4º da ESO e de FP básica acudimos na Biblioteca do Instituto para asistir á charla KTORCE-18 (Programa de prevención de condutas infractoras) promovido pola Asociación ARELA e a Fundación Barrié.

Un educator social da Asociación Arela presentounos este proxecto, que aposta pola prevención de condutas infractoras, dando a coñecer a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores, e por facernos conscientes das consecuencias que pode supoñer incumprir a lei.
Durante as súas explicacións ía poñendo casos reais para que entenderamos mellor os castigos que tiñan as diferentes maneiras de incumprir a lei. Por exemplo: un rapaz que estaba enfadado co seu pai e que lle tirou un ‘cóctel molotov’ tanto a el como á policía cando chegou… algúns rapaces e rapazas que reenviaron unha fotografía dunha rapariga espida por WhatsApp... 
As consecuencias destes exemplos poden ser varias, dende estar en liberdade vixiada, ata entrar nun centro de día que intenta reformalos. Tamén pode haber sancións de diñeiro como no caso duns rapaces que fumaban droga na vía pública. 
Nesta charla aprendimos moito sobre o que non debemos facer e as consecuencias se o facemos, algo que nos vai servir tanto agora coma no futuro para non infrinxir esta lei tan importante para os menores. 

CRISTIAN REQUEIJO 4º ESO
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...