Mostrar mensagens com a etiqueta Ledicia Costas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Ledicia Costas. Mostrar todas as mensagens

28.5.22

Entrevista a Ledicia Costas

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, e os seus libros son constantemente reeditados, entre eles Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter, Escarlatina, a cociñeira defunta etc. Os últimos galardóns que conseguiu foron o Premio da Cultura Galega e gañou o Premio Merlín de Literatura coa novela O neno de lume (Xerais 2022). 

O 7 de abril visitounos no IES Perdouro e realizamos a seguinte entrevista. 

 Ádila: Ti xa querías ser escritora desde pequena? 

- Sempre quixen ser escritora, desde pequena. 

Daniel Varela: Con cantos años escribiches a túa primeira historia que recordes? 

- A miña primeira historia escribina cando tiña 13 anos e menos mal que non a publiquei porque me dá moita vergonza. 

Daniel Varela: Houbo algunha persoa na que te fixaras ou que te apoiara desde o principio para ser escritora? 

- Eu penso que a persoa que me apoiou desde o comezo foi miña nai, que me tivo que levar a todos os eventos cando eu era menor de idade. 

Ádila: Como cres que foi evolucionando a túa maneira de escribir? 

- Fun aprendendo pola miña conta lendo moito e corrixindo os meus propios erros. 

Pablo: Vimos que publicabas máis dun libro por ano. Cantas horas dedicas a escribir? 

- Escribo menos do que me gustaría, xa que non teño moito tempo. Dedícolle unhas 6 horas ao día. 

Gerson: Cantos premios gañaches en total?

- Nunca os contei porque non me gusta falar moito diso. Dáme un pouco de vergoña, pero podes buscalo no wikipedia que alí chos pon todos. 

Daniel Varela: Canto podes gañar cando publicas un libro? 

- Eu gaño pouco mais de 70 céntimos por cada libro vendido. Os que máis gañan co libro son os das editoriais e os da empresa de distribución. 

Daniel Pernas: Escribiches algunha vez poesía? 

- Si, Xardín de inverno. Proximamente publicarei outro libro de poemas. 

Daniel Pernas: Habería algunha profesión que che gustaría desempeñar á parte de ser escritora? 

- Gustaríame facer audiovisuais ou algún podcast. Antes traballaba na avogacía, pero deixeino porque non me gustaba. 

Sofía: Cal dos teus é o teu libro favorito? 

- Escarlatina, a cociñeira defunta. 

Daniel Pernas: Cal é o teu libro favorito sen ser dos teus?  

- Poderían ser Drácula e Cartas de Inverno. 

Lidiana: Cal foi o libro que máis che custou escribir? 

- O libro que máis me custou escribir foi Un animal chamado néboa. Tiven que facer moito traballo de investigación e foi moi duro ver todas as atrocidades que se fixeron por culpa do nazismo. 

Lidiana: En que autoras ou autores te inspiraches para escribir? 

- Inspireime en autores que escriben historias infantís. 

Lidiana: Ti escribes o que che gusta ou o que demandan os lectores? 

-Eu escribo o que me gusta. 

Maira: Por que che gustan os cemiterios ? 

- Porque a miña avoa me levaba cando tiña entre 3 e 6 anos poñer flores. Eu ía vendo todas as lápidas que por alí había. Agora cada vez que vou a un sitio, gústame visitar os cemiterios. 

Andresa: Escoitas música mentres escribes? Que tipo de música? 

- Si, gústame moito a música de Ólafur Arnalds, “Particles ft. Nanna Bryndís Hilmarsdóttir”, por exemplo. É un músico islandés, pero cando vou no coche escoito outro tipo de música. É que a de Ólafur Arnalds reláxame. 

David: En que te inspiraches para escribir O corazón de Xúpiter

- En que un rapaz lle falaba por Facebook a unha rapaza e intentaba chantaxeala con fotos dela desnuda. Facíalle ciberbullying. 

Elian: Coñeciches a alguén a que lle pasara o mesmo ca a Isla? 

- Coñecín o caso desa rapaza. Tiña 15 anos; chamábase Amanda Todd. Uns días despois de escribir o libro, vin ese caso, que era parecido ao do libro O corazón de Xúpiter. Un home ameazaba a unha rapaza con subir as súas fotos núa e ela acabou suicidándose. 

Enol: Tiñas algunha intención ou finalidade á hora de escribir ese libro? 

- Para alertar as rapazas e rapaces do que pode pasar cando quedas cun descoñecido. 

Álex: Por que escribes libros cun final tan tráxico? 

- Escribo tamén libros sen finais tráxicos pero os que máis vos atraen coa vosa idade son libros dese tipo.  

Leydi: Pensaches algunha vez en facer unha segunda parte de Unha estrela no vento

- Non, pero vou publicar en breve unha novela xuvenil parecida a Unha estrela no vento e O corazón de Xúpiter. Espero que vos guste moito. 

Ledicia Costas foi moi agradable con todo o alumnado que puido conversar con ela. É unha persoa moi próxima e moi amable. Interesouse moito polos nosos gustos e encantoulle ver na biblioteca exemplares de todos os seus libros en galego. Xa coñecía o noso instituto porque fora entrevistada hai anos polo equipo de Proxecto Neo, programa radiofónico realizado por compañeiras e compañeiros do IES Perdouro. 

Podedes ver as imaxes da súa visita AQUÍ. 

Alumnado de 2º PMAR e 4º ESO B2

8.4.22

Ledicia Costas no IES Perdouro

Este xoves 7 de abril a escritora Ledicia Costas visitou a biblioteca do IES Perdouro. O alumnado de 2º, 3º, 4º de ESO e de 1º de Bacharelato tivo ocasión de coñecer a autora en persoa. Era un encontro moi esperado porque Ledicia ía estar no centro no mes de maio de 2020 e debido á pandemia non puido viaxar a Burela. 

Ledicia foi recoñecida co Premio da Cultura Galega en 2021 e gañou o Premio Merlín de Literatura coa novela O neno de lume (Xerais 2022), entre outros galardóns. Ten decenas de novelas publicadas e tamén algún poemario. Foi traducida a varios idiomas, entre eles o portugués ou o coreano.

A escritora mostrouse moi próxima aos rapaces e moi interesada polos seus gustos como lectores. Relatou como foi evolucionando como escritora desde que publicou o seu primeiro libro, Unha estrela no vento, aos 16 anos. Faloulles de que lle gustaría dedicar moitas máis horas a escribir porque é o que máis lle gusta facer e que publicará para o outono unha nova novela xuvenil. Estamos desexando lela!!

Podedes ver as fotos AQUÍ.

6.4.22

Coñece a Ledicia Costas

O alumnado de 2º ESO de Investigación e Tratamento da Información elaborou esta pequena presentación sobre a traxectoria de Ledicia Costas, autora tan lida no noso centro e que estará connosco este xoves 7 de abril.
 

5.4.22

Encontro con Ledicia Costas

Este xoves recibiremos á escritora Ledicia Costas. É un encontro moi agardado, pois hai dous anos, antes da pandemia, iamos reunirnos con ela e non puido ser. 

Agora, despois destes dous cursos, por fin poderemos compartir con ela as nosas impresións sobre as súas novelas: O corazón de Xúpiter, Unha estrela no vento, Escarlatina, a cociñeira defunta...

Estamos desexando que chegue o día!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...