27.6.14

Viaxe de fin de curso dos alumnos de 1º de Bach.

28 alumnos de 1º de Bach. desfrutaron dunha viaxe de fin de curso de 5 días por Portugal. (do 17 ao 22 de xuño). Foron acompañados por Toni Galdo, o seu profesor de inglés, e pola Vicedirectora do centro, Karina Parga.

Primeira parada no Porto. Os rapaces descobriron a cidade patrimonio da humanidade asi como os  lugares de interese máis chamativos: a fabulosa librería Lello, a Sé catedral, a Torre dos Clérigos, a avenida dos Aliados, o mercado do Bolhão, o Café Majestic, a estación S. Bento, o palacio da bolsa, a ribeira, o mirador do Morro.

Houbo unha parada no camiño de traslado a Lisboa en Nazaré. Foi un dos momentos onde a rapazada puido gozar do sol e dos xogos na praia.

En Lisboa, o grupo puido visitar o mosteiro dos Xerónimos asi como a Torre de Belén. (S. XVI). Tamén dende aí sacaron fotos do monumento aos descobrimentos e da ponte do 25 de abril. No parque das nacións, a expedición viu o Oceanario de Lisboa considerado o segundo acuario máis grande de Europa. Unha monitora lles explicou as características moi peculiares do acuario situado no estuario do río Teixo de auga doce e con máis de 15.000 especies de plantas e animais. Tamén foron testemuñas da gran obra de ingeñería portuguesa, a Ponte Vasco de Gama (cuns 17 km de lonxitude). Para desprazarse ata o centro histórico da capital portuguesa, a comitiva empregou o metro lisboeta. Empezaron o percorrido pola praza do comercio, a baixa, o elevador de Santa Justa, a praza do Rossio, Chiado, as ruinas do Carmo, a praza da figueira, a casa dos Bicos, a Sé Catedral, o mirador de Santa Luzia, e o castelo de San Xurxo.
Tamén viaxaron ata Cascais para coñecer unhas das cidades balnearias máis recoñecidas de Portugal e pegarse un chapuzón despois de contemplar a fantástica Boca do Inferno (vertixinoso acantilado onde rompen as ondas do mar).

Unha viaxe chea de probas gastronómicas e de boas lembranzas!!!! Para repetir!!

25.6.14

Macarena Ledo e Elena Valle son as gañadoras do concurso O galego na onda


Fallouse o concurso O Galego na Onda. O premio será a participación nun obradoiro de radio impartido na emisora local de Radio Burel.
As cuñas gañadoras foron 
  • 1º premio: Palabras que lembran a lingua: Macarena Ledo Vázquez (IES Perdouro)
    2º premio: Sorrisos e sentimentos: Elena Valle García (IES Perdouro)
Parabéns rapazas!!!

23.6.14

1º ESO - Educación viaria e visita ao centro deportivo de Foz

Nos últimos días de curso, o alumnado de 1º de ESO desprazouse ata Foz para recibir formación en Educación Viaria da man da Policía Municipal de Foz. Foron recibidos por José Cándido Lestegás Alonso, xefe e coordinador  da actividade, e pola axente Rosa María Varela Villasante. Durante a charla, os axentes explicáronlles as normas de circulación e como comportarse frente a accidentes. Despois da teoría, o alumnado puido poñer en práctica o aprendido no circuito subido aos carts, ás bicicletas e mesmos ás motocicletas.


Na segunda parte da mañá, o alumnado foi recibido no Complexo deportivo de Foz para efectuar un itinerario polas súas instalacións deportivas. A rapazada visitou a sala de máquinas da piscina, fixo exercicios cardiovascular, de musculación e aeróbic sempre baixo a supervisión e asesoramento dos técnicos, para rematar cun chapuzón na piscina.

20.6.14

100% de aprobados na PAU

Un ano mais o 100% dos alumnos do IES Perdouro que realizaron a proba de acceso a universidade (PAU) entre os días 11 e 13 de xuño lograron superala con éxito.

O director do centro, Santiago Pérez, amosouse moi satisfeito do bo resultado acadado polos 15 alumnos e alumnas que se presentaron ás probas (remataron o curso en maio 16 dos 22 matriculados) e atribuíu este éxito ao intenso traballo do alumnado durante os dous anos de bacharelato coa axuda, por suposto, do seu profesorado.

Parabéns Daniel Arranz, Lara Bello, Sabela Blanco, Cristofer Canosa, Pablo Costa, Uxía Díaz, Tania Díaz, Begoña Fachal, Pablo Fernández, Daniel Sante, Azucena Fonteriz, Sara Gil, Laura López, Xabier Mazaira, Uxía Yáñez! Moita sorte nesta nova andaina que se abre!

O director manifestou tamén que este logro vén a culminar un moi bo ano académico no que o centro recibiu varios premios de importancia como o Premio de Robótica, o Premio Ás Boas Prácticas De Innovación Educativa, o Premio Exposición Letras Galegas 2014 ou, nestes últimos días, o 1º e 2º Premio De Emprendemento, acadado por alumnas do Ciclo Superior de Administración e Finanzas dentro do Proxecto “A Mariña Emprende” promovido pola Fundación Alcoa e a Consellería de Cultura e Educación.

Premios para as alumnas do CS de Administración e Finanzas

O pasado 19 de xuño, no acto de clausura do proxecto "A Mariña Emprende" promovido pola Fundación Alcoa e a Consellería de Cultura e Educación, tivo lugar a entrega dos premios aos mellores proxectos empresariais realizados polos alumnos dos oito centros educativos da Mariña participantes.

Alumnas do ciclo superior de Administración e Finanzas acadaron o 1º e 2º premio dunha dotación económica de 2.500€ e 1.500€ para financiar o proxecto da súa empresa. O 1º premio foi para as alumnas Andrea Pico Pena e Leticia Rodríguez Pérez. Cristina García López, Raquel Rouco Iglesias e Nuria Rodríguez Blanco levaron o 2º premio do concurso de proxectos da Mariña Emprende.

Parabéns rapazas!!!

19.6.14

O grupo vocal SondeNós ofrece na Vila do Medio de Burela unha nova edición do concerto “No camiño da lingua”

O Grupo Vocal SondeNós, dirixido por Plácido Travieso (do Conservatorio de Música de Viveiro) ofrecerá este domingo, día 22 de xuño, unha nova edición do concerto No camiño da lingua. A cita será na igrexa da Vila do Medio en Burela ás 19.30 horas e terá entrada libre.

Nesta ocasión SondeNós contará coa colaboración do escritor Séchu Sende (Premio Blanco Amor, 2003) e da profesora Teresa López. Textos de poetas do Rexurdimento como Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, de poetas da vangarda como Manuel Antonio ou o mesmo Séchu Sende, convivirán en harmonía con composicións de L. E. Batallán, Julio Domínguez e Plácido Travieso.

No camiño da lingua está enmarcado no Proxecto de intervención educativa Modelo Burela, que este ano celebra o seu Xº aniversario (2004-2014) e servirá como especial recoñecemento ao grupo de mozos e mozas (Simón Rodríguez Rouco, Maca Ledo, Helena Valle e Serxio Rivas) que protagonizaron a terceira etapa do programa radiofónico Proxecto Neo, que está a punto de chegar ás cen semanas en antena.

Premios para as alumnas do CS de Administración e Finanzas

O pasado 19 de xuño, no acto de clausura do proxecto "A Mariña Emprende" promovido pola Fundación Alcoa e a Consellería de Cultura e Educación, tivo lugar a entrega dos premios aos mellores proxectos empresariais realizados polos alumnos dos oito centros educativos da Mariña participantes.

Alumnas do ciclo superior de Administración e Finanzas acadaron o 1º e 2º premio dunha dotación económica de 2.500€ e 1.500€ para financiar o proxecto da súa empresa. O 1º premio foi para as alumnas Andrea Pico Pena e Leticia Rodríguez Pérez. Cristina García López, Raquel Rouco Iglesias e Nuria Rodríguez Blanco levaron o 2º premio do concurso de proxectos da Mariña Emprende.

Parabéns rapazas!!


18.6.14

Ampliando coñecemento no sector da maquinaria e ferramenta

Un grupo de alumnos do 2º ano do Ciclo Medio de Mecanizado do IES Perdouro de Burela visita a Feira internacional de Maquinaria e Ferramenta de Bilbao

Os días 3, 4 e 6 de xuño, os alumnos de 2º ano do Ciclo Medio de Mecanizado do IES Perdouro de Burela visitaron, acompañados polos seus profesores, á Feira Bienal da Máquina-Ferramenta de Bilbao co propósito de coñocer a oferta nacional e internacional das máquinas especiais. Foron testemuñas das exhibicións do mundo da industria máis punteira e do crecemento da competitividade das empresas. Esta feira engloba eventos altamente especializados onde se presentan as solucións e innovacións para toda a cadea de valor industrial. A Feira Internacional de Máquina Ferramenta de Bilbao referente a nivel nacional e terceira feira máis importante de Europa na súa especialidade, presentou todas as novidades en maquinaria, ferramentas, compoñentes e accesorios, automatización, metroloxía, control de calidade, soldadura, corte e oxicorte, e equipos hidráulicos e neumáticos. Foi a oportunidade para os alumnos do IES Perdouro, futuros profesionais do sector de mecanizado, de estar ao día en canto a innovación e desenvolvemento cos que se atoparán no seu próximo mundo laboral. 

16.6.14

4º ESO - charla afectivosexual coa sexóloga Beni Martínez

Esta tarde desenvolveuse un Obradoiro sobre Educación Sexual, destinado o alumnado de 4º ESO.

A experta en sexualidade, Benita Martínez García, e tamén matrona  - que durante moitos anos axudou a traer o mundo a maioría dos nenos da zona - foi a encargada de impartir este obradoiro coa finalidade de promover entre os nosos mozos a asociación entre sexualidade e afectividade (unha visión diferente do sexo no que este non apareza desvinculado dos afectos e dos sentimentos), así como reforzar os coñecementos sobre os Métodos Anticonceptivos.

Foron dúas horas nas que os nosos alumnos/as puideron aclarar conceptos e disipar dúbidas coa sexóloga que se mostrou próxima e comprensiva coas súas preocupacións e demandas.

13.6.14

Entrega de premio do concurso da A.C. Os Matos

Os premios do VIII Concurso de relatos curtos, poesía e debuxo convocado anualmente pola Asociación Cultural Os Matos cuxo lema nesta ocasión foi “As plantas da nosa paisaxe” foron entregados este venres 13 de xuño na biblioteca do IES Perdouro. O presidente da A.C. Os Matos, Antón Niñe;  a coordinadora do EDLG, Miruca Parga, e o director, Santiago Pérez, entregaron os diplomas e uns agasallos aos premiados. As obras gañadoras están publicadas na revista escolar.


Na modalidade de poesía, as composicións gañadoras foron “Flores de Primavera” de Itziar García Cruz (2º ESO A) como primeiro premio da categoría de primeiro ciclo da ESO e “As laranxas da laranxeira” de Arantxa Basanta Otero (2º ESO A) como segundo premio da categoría. Na modalidade de Relatos Curtos, as obras gañadoras foron “Non me esquezas, amapola” de Pedro Artai Fernández Padrón (1º ESO A) como premio da categoría de primeiro ciclo da ESO e “Casquiña” de Mario Cordido García (2º ESO B) como segundo premio da categoría; “As plantas da nosa paisaxe” de Laura Sofía Semedo Brito (4º ESO), como primeiro premio da categoría de relato curto do segundo ciclo da ESO, e “Un novo gran líder” de Mario Nieto Fraga (4º ESO PDC) como segundo premio do certame na categoría. Alexandra Granda Márquez (1º Bach. A) acadou o primeiro premio de imaxe e María Prieto Casares (1º Bach. B), o segundo.

Presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 20

A asociación cultural Os Matos, do IES Perdouro de Burela, presentou o nº 20 da publicación Maruxía

María Prieto Casares, alumna de 1º de Bacharelato e no nome dos seus compañeiros de clase, foi a encargada de  introducir o labor do alumnado no acto de presentación do número 20 da revista escolar Maruxía da Asociación Cultural Os Matos do IES Perdouro. Asistiron ao acto Santiago Pérez Docobo, director do centro educativo; Antón Niñe, Presidente da A.C. Os Matos e Miruca Parga, coordinadora do EDLG. Un ano máis, os principais responsables da elaboración dos contidos da revista foron alumnos de ESO, de bacharelato e docentes do centro. Miruca Parga traballou co seu alumnado de 1º de bacharelato de Tecnoloxía da Información e da Comunicación na maquetación da revista. Despois de 20 anos de publicación continuada en papel,  a revista escolar dos Matos segue recollendo unha mostra das actividades e traballos realizados no centro durante o curso académico.

10.6.14

Publicación da revista escolar Maruxía nº 20

O vindeiro venres 13 de xuño no recreo, os alumnos/as de 1º de Bach. TIC liderado pola súa profesora Miruca Parga convídannos a achegarnos ata a biblioteca para asistir ao acto de presentación do novo número da revista escolar dos Matos. Desvelarannos os contidos do nº 20 asi como os momentos gratificantes deste traballo colaborativo. Maruxía 20 recolle unha moi pequena mostra de todas e tantas actividades que se celebraron e desenvolveron durante este viguroso ano académico mais aí permanecerán plasmadas para o recordo algunhas delas.

9.6.14

Charla informativa de Médicos sen fronteiras - 4º ESO

Francisco Rodríguez, cooperante de Médicos sen fronteiras, informou aos alumnos de 4º ESO do labor desta ONG. Explicoulles as misións humanitarias e de cooperación desenvoltas pola organización médico-humanitaria internacional que asiste a pobos en situación precaria, e a víctimas de catástrofes e de conflitos armados, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política. Ademáis faloulles das súas recentes experiencias en Darfur (2008) no conflito e da crise de desprazados internos; en Zimbabwe (2008) coa epidemia de cólera; e en Haïti (2010) co post-terremoto e epidemia de cólera. Un encontro moi interesante que se fixo corto para poder contestar a todas preguntas que querían facer os alumnos.

Crónica da viaxe pola Mariña Oriental

María Basanta Rañón (1º ESO A)
Tania Valiña Eijo (1º ESO B)

O día 7 de maio os alumnos de 1º de ESO fomos de excursión pola Mariña Oriental. Ás 8,30 da mañá saímos nun autobús desde o Instituto cos titores, Toni e Charo, e o profesor de Relixión, Antón.

A primeira parada fixémola no Concello de Barreiros, preto da praia da Anguieira, onde puidemos ver a ría de Foz, na desembocadura do río Masma. De volta ao autobús continuamos a ruta vendo un ronsel de praias, que en marea baixa prolónganse varios quilómetros, e tamén vimos o exterior da Casa-Museo de Celso Dourado, un pintor que non ten mans e que pinta con dous nervios de cada muñeca.

Camiño de Ribadeo, paramos á altura da Praia das Catedrais onde soubemos que o nome orixinal deste lugar é “Praia de Augas Santas”.

Antes de entrar en Ribadeo, atravesamos a Ponte dos Santos para dirixirnos ao Concello de Castropol, en Asturias, onde fixemos unha breve parada para ver a fermosa ría de Ribadeo, desembocadura do río Eo.

O entorno do Cargadeiro chamounos a atención do ben conservado que está e a vista que desde alí se ve. Informáronnos que antigamente había unha línea de tren desde os fornos de A Pontenova que transportaba carbón ata este lugar e que aquí se cargaba nos barcos que logo os levaban aos altos fornos  de Asturias e do País Vasco. A carón do Cargadeiro vimos o Forte San Damián e o Albergue de Peregrinos.

Logo achegámonos ata a Illa Pancha para ver o Faro. Antón explicounos que na provincia de Lugo só hai tres faros: Illa Pancha (Ribadeo), A Atalaia (en San Cibrao) e Punta Roncadoira (en Xove). Os demais sinais reciben o nome de balizas. Tamén nos dixo que un faro transmite tres tipos de información: a través da pintura exterior, da luz intermitente, e do sonido da sirena (se a tén),  para cando hai néboa.

A mediodía chegamos á Praza de España. No tempo libre que nos deixaron comimos o bocadillo e, como acabamos rápido, tivemos tempo para xogar no parque, onde o pasamos moi ben.

Despois do descanso vimos desde fóra a Torre dos Moreno e paramos diante da Casa do Concello, antiga residencia do Marqués de Sargadelos, onde puidemos ver unha estatua súa nas escaleiras.

Por último entramos na Igrexa do Mosteiro de Santa Clara, un edificio que conserva rasgos de estilo gótico. Antes de saír puidemos falar cunha monxa que nos dixo que se dedicaban á repostería e a facer bordados.

Xa de volta ao Instituto, os profesores déronnos unas galletas que mercaron no mosteiro das monxas e que estaban moi ricas.

Como chegamos antes de tempo, estivemos xogando no patio antes de marchar para as nosas casas.

8.6.14

Burela Xoga Recíclase - Proxecto interdisciplinar 2013-2014

http://burelaxogareciclase.blogspot.com.es/
Chegou o momento de rematar. Non deixedes de botarlle unha ollada ao blogue do proxecto interdisciplinar do Perdouro. Mirade canto traballaron!!!!

7.6.14

Visita empresarial - Prodipel e Balneario de Guitiriz -Loida

O día 4 de xuño as alumnas de primeiro curso de Peiteados e Cosmética Capilar, tras partir do centro as 8.30h, chegaron a Lugo ás 10.00h ao centro Prodipel, un centro de formación privado que imparte cursos profesionais. No centro o grupo de alumnas acompañadas polos seus profesores recibiron información técnica profesional das cabinas dedicadas a Spa e Perruquería. Entre outras cousas ensináronlles o funcionamento de cabinas de chorro, maderoterapia para manicura e pedicura, therapy cool para activar a circulación de pernas cansas, etc.

Despois de xantar nas Termas dirixíronse ao balneario de Guitiriz-Loida. As 16.30 foron recibidas polo doutor Salvador Ramos, director médico do balneario, do que escoitaron unha conferencia maxistral que versou sobre o cancro e atención emocional e psicolóxica que se debe ofrecer a todos os clientes que acudan a un salón de perruquería en demanda dunha perruca. A continuación, Loida, explicoulles os tipos e características das perrucas que hai no mercado, mostrándolles como deben colocalas. O encontro rematou ás 21.00h con preguntas e unha animada charla cos poñentes da actividade.

Exposición "Os peiteados a través da historia"

As alumnas de 1º do Ciclo Medio de Peitados e Cosmética Capilar realizaron unha mostra de recollidos e peitados que se exhibe estes días na entrada do instituto.

A exposición que leva por título "Os peitados a través da historia" recolle a variedade dos recollidos do cabelo a través do tempo, dende a idade precolombina, pasando polos anos 50 ata aos nosos días.

Felicitamos as alumnas por un traballo ben feito e moi especialmente as súas profesoras que idearon e coordinaron a mostra. Noraboa!!!

6.6.14

35 anos xuntos!!!

Karina Parga Chao

O Instituto de Ensino Secundario Perdouro de Burela celebra o seu XXXVº aniversario. Nestes 35 anos, sen dúbida, coñeceu moitos cambios de mellora. Sendo inicialmente unha escola de Maestría, converteuse nun centro dinámico de ensino integrado, caracterizado pola calidade: a aposta pola cultura do esforzo e excelencia académica, a innovación nas prácticas docentes, o uso das TIC, a convivencia escolar, a estreita relación coas familias e a internacionalización.

Probas da excelencia son os resultados moi satisfactorios acadados ano tras ano nas probas de acceso á universidade con 100% de aprobados así como as cualificacións por encima da media galega nas probas de avaliación de diagnóstico.

Premiado en sucesivas ocasións polo seu labor en innovación lingüística, o IES Perdouro xa é un referente en innovación educativa e na mellora da calidade do ensino. Este curso destacou novamente en materia de boas prácticas na mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega.

O IES Perdouro é un centro moderno. Integra as Tecnoloxías da información e da comunicación na súa práctica diaria. Desde hai cinco anos é centro Abalar con varias aulas equipadas de ordenador, proxector e encerado dixital interactivo. Nelas cada alumno de 1º e 2º ESO ten ao seu dispor un ultraportátil para traballar os contidos da aula virtual do Perdouro grazas á liña de 100Mb. No seu labor de comunicación e difusión, o centro publica diariamente as novas de interese na súa web “iesperdouro.es” e tamén a través das redes sociais. Ademais as familias do Perdouro xa poden consultar as calificacións dos seus fillos/as a través da aplicación gratuíta para móbiles AbalarMobil.

As actividades complementarias e extraescolares forman parte da práctica docente, son unha fonte de coñecemento que permite unha formación integral do alumnado. Tense que entender que un centro como o Perdouro debe achegar a cultura e o enriquecemento do coñecemento a todos os alumnos/as. Así pois, o dinamismo da biblioteca do centro pretende a mellora da lecto-escritura e a compensación das desigualdes sociais a través das moitas actividades de animación á lectura así como dos Encontros de BD na Mariña. O fondo de lectura xuvenil é moi actual e conta con libros electrónicos, cunha videoteca e unha sección de Banda Deseñada moi completa.

O compromiso por Europa do IES Perdouro maniféstase nos proxectos europeos en que participa cos que fomenta a proxección internacional do seu alumnado. A clara aposta pola inmersión lingüística está patente nos dez anos de intercambios a Francia, nos varios proxectos Comenius realizados, na colaboración con Alemaña nas prácticas en centros de traballo, na sección bilingüe de Tecnoloxía Industrial, nas viaxes a Londres, a Portugal e na participación nos programas de inmersión lingüística. En materia de Formación Profesional, o alumnado do IES Perdouro xa pode realizar as súas prácticas en empresas europeas grazas ao acordo Erasmus + que permite a mobilidade do alumnado dos ciclos formativos de grao medio e superior.

Nestes últimos anos o IES Perdouro demostrou os seus dotes de centro competitivo sendo gañador de varios certames como por exemplo Euroscola, Consumópolis, o concurso de robótica, o mellor proxecto do Plan Proxecta con “Doces meses, moitas paisaxes”, entre outros moitos.

Son 35 anos de traballo e esforzo conxunto entre o equipo de docentes e as familias, un traballo en constante evolución e mellora que ten como único obxectivo o éxito do alumnado.

4.6.14

Charla sobre a auga - Día mundial do medioambiente

Coincidindo coas celebracións do Día mundial do medioambiente, o alumnado de 1º de Bach. recibiu a visita do especialista e técnico de Espina y Delfín, Juan Moreno, para falarlles da auga. 

A profesora Charo Fernández, como medio de chamar a atención sobre a importancia da agua e da xestión sostible dos recursos da auga, organizou esta charla para sensibilizar aos seus alumnos de de Ciencia para o Mundo Contemporáneo sobre un uso sostible deste ben tan preciado e imprescindible para a vida. Juan Moreno explicoulles con datos contundentes o consumo moitas veces excesivo, os tratamentos para potabilizar ou para depurar, os impactos dunha simple fuga de auga co obxetivo de promover en eles unha boa práctica da súa utilización no día a día. O aproveitamento da auga empeza pola participación de todos nós.

3.6.14

Charla sobre sensibilización afectivo-sexual - 1º Bach

Cristobal Rodríguez Garfia, médico xinecólogo, imparte unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Perdouro

O alumnado de 1º de bacharelato recibiu información en materia de educación afectivo-sexual da man de Cristobal R. Garfia, recoñecido especialista, que sempre se ofrece a contribuír a sensibilizar aos adolescentes e informalos sobre a utilización dos métodos anticonceptivos. Como cada ano, o xinecólogo incidiu nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento. A Vicedirectora, Karina Parga, manifesta o particular interese do centro na prevención e recalca a importancia de informar convenientemente ao alumnado para previr enfermedades de trasmisión sexual asi como embarazos non desexados.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...