5.7.19

Acto de recoñecemento ao mellor alumnado 2019 USC

4 alumnos do IES Perdouro de Burela recoñecidos entre os mellores expedientes académicos nas probas de acceso á universidade de Galicia.


Antón Mazaira López, Teresa Crego Deán, Angel Cayón Fernández e María Basanta Rañón,  foron os 4 alumnos de 2º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela que superaron a media dun nove nas probas de acceso á universidade deste ano. Os futuros universitarios recolleron nun acto celebrado en Santiago o pasado 4 de xullo o diploma acreditativo do froito do seu esforzo nos estudos.
Mediante este acto de recoñecemento a Universidade de Santiago felicitou aqueles estudantes galegos que acadaron a puntuación de 9 ou máis entre o Bacharelato e a fase xeral da proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).
Entre os 719 estudantes pertencentes a 212 centros de toda Galicia (258 rapaces e 461 rapazas), 4 son do IES Perdouro de Burela!!!!!

O director do centro, Santiago Pérez, comprácese deste recoñecemento ao que se suma toda a comunidade educativa e atribuíu este éxito o esforzo do alumnado ao longo destes últimos dous anos e do bo facer do profesorado do centro.

Parabéns rapaces!!!!

3.7.19

Nova sección de literatura africana na biblioteca

A Presidencia da República de Cabo Verde acaba de enviarnos un lote de libros. Antes mesmo de que a profesora Karina Parga supervise o rexistro e a localización definitiva, os libros xa comezaron a facer novas amizades.


Recital poético Especial Paco Rivas

O pasado luns 17 de maio tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura de Burela un acto poético adicado á poesía de Paco Rivas.

Paco Rivas vive moi preto de Burela, na parroquia de Nois, no concello de Foz. El é poeta, pero tamén narrador, lexicógrafo, docente, locutor... 

A nosa profesora Miruca Parga contounos que o escoitara en varias presentacións dos seus libros, pero que foi na Feira do Libro de Foz, cando comprou a escolma que logo nós lemos. Ela vainos explicar por que esta tarde nos acompaña Paco Rivas. 

Foi efectivamente na Feira do Libro de Foz onde comprei esta escolma na que se fusionan cinco poemarios do autor que nos acompaña. E alí o escoitei recitar. E que ben recita Paco!!

Cando a súa intervención rematou, como amante da poesía, sentinme verdadeiramente en débeda con el. Parecíame que debiamos aproveitar a posibilidade de coñecer máis en profundidade a obra dun poeta que tiñamos tan preto. Lin con moitas ganas a súa obra e pareceume tan próxima a nós e tan directa ao corazón, falando do mar, da paisaxe, do amor… que quixen que os rapaces tamén a coñeceran.

Hoxe, Paco, queremos saldar esa débeda contigo e non queremos só escoitarte a ti, senón que desexamos que escoites a túa poesía na nosa voz. Queremos, deste xeito, renderche unha pequena homenaxe, porque aos grandes poetas, é a nosa obriga homenaxealos en vida e non esperar a que morran para loar a súa grandiosa obra e o súa polifacética traxectoria vital. Espero que che agrade este sinxelo acto e que despois poidas compartir con nós uns momentos de charla.

O recital compoñíase de 13 poemas que eliximos de entre os do libro "Escolma poética" do autor.Esta selección trata temas como o mar, o noso mar; o amor, identificado como un afecto sincero, a natureza, representada pola paisaxe propia de Galicia; a vida, marcada polo paso do tempo, e, por último, tamén escribe para os nenos a quen lles dedica arrolos e aloumiños.

Podería dicirse que en todas as pezas se fala de amor: de amor ao mar, de amor á namorada, de amor á paisaxe, de amor á vida e de delicado e tenro amor cara aos nenos.

O alumnado de 4º e 2º de ESO preparamos a declamación dos poemas non só coa voz, senón tamén con imaxes e música.

Os nosos compañeiros de 4º de ESO ocupáronse de elaborar un vídeo composto de imaxes acompañadas dunha melodía. Cada un dos vídeos foi elaborado para que se axuste a cada unha das composicións.

E nós, as alumnas e alumnos de 2º, puxemos voz viva no acto ás 13 poesías que eliximos.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Vídeo do acto:



Saray Barro e Alejandro Fernaández, 2º ESO

2.7.19

Lapbook - Todos migramos para buscar unha vida mellor

Baixo o título TODOS MIGRAMOS PARA BUSCAR UNHA VIDA MELLOR, o alumnado de 1º de ESO de Reforzo de Lingua plasmou un traballo colaborativo e de investigación nuns lapbooks interactivos segundo as orixes de cada un deles. Trazaron a súa viaxe dende a orixe ata o destino final, Burela.

Son vivencias persoais recompiladas nestres libros despregables en tres categorías:
  1. do mundo rural ao mundo urbano, 
  2. dentro dun país
  3. dun continente ao outro.
Con mapas, liñas do tempo, fichas e versos, cada alumno explicou a súa viaxe así como os seus sentimentos a través da súa propia historia vivida.
Magnífico traballo de creatividade, contruíndo a aprendizaxe coas mans!!!!

Podedes ver o vídeo a continuación:



                                                               


1.7.19

Iniciación ao surf - 1º ESO

Agora tocóullle ao alumnado de 1° ESO despedirse ao grande da materia de Educación Física. O xove 20 de xuño viaxaron ata Esteiro para asistir a unha clase de iniciación ao surf da man dos monitores da escola de Surf de Viveiro.
Pasáronno moi moi ben salvo Raúl ao que lle picou unha faneca.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...