29.4.19

Exposición de maquetas celulares

No hall de entrada do instituto están expostas unhas fantásticas maquetas celulares realizadas polo alumnado de 1º de ESO, resultado dun traballo expositivo na aula dirixido pola súa profesora de bioloxía, Alba Monteagudo.
Nas maquetas están representadas células eucariotas animais e vexetais, procariotas.
Serías capaz de diferenciar todos os tipos celulares?? Anímate e inténtao!
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

26.4.19

Actuación dos Clásicos no IES Perdouro

O día 8 de febreiro viñeron facernos unha demostración verdadeiros gaiteiros de Galiza. Esta visita foi con motivo do vixésimo quinto aniversario da Asociación Cultural Os Matos. Nesa actividade participamos todos os alumnos de 1º e 2º ESO e os alumnos de Música de 4º ESO. 
Un grupo de gaiteiros veteranos de zona das terras da Fonsagrada e zonas limítrofes entre Asturias e Galicia (Oscos, A Pontenova...) fanse chamar "Os Clásicos" e os seus nomes son: Nela de Bres (Taramundi), Modesto de Murias (A Fonsagrada), Ilario  (Taramundi), Antón e Vicente de Lourenzá. Non son profesionais da música, pero podemos consideralos como grandes músicos. 
Estes cinco homes, catro deles máis maiores, ensináronos varias pezas tradicionais moi coñecidas e populares na nosa comunidade. Explicáronnos como aprenderon eles a tocar, que foi autodidacticamente. Ninguén lles ensinou nada. Eles cando ían ao campo sempre levaban o instrumento con eles e tocando, e desafinando de vez en cando, conseguiron ser o que son hoxe en día: uns dos mellores gaiteiros de pezas galegas.
Para clausurar o concerto didáctico uns alumnos de 1º de ESO (Andrea P. e Roi) e outro de 4º ESO (Marcelo) animáronse a tocar con eles unhas pezas.
Todos eles foron moi amábeis con nós; non tiveron reparo en contestar as nosas preguntas e contarnos vivencias propias para que aprendamos.
Persoalmente, gustoume moito. Non moita xente sabe tocar tan ben os instrumentos propios da nosa terra e é unha moi boa forma de mostralos a rapazas e rapaces que non os coñezan ou non se decidan a tocalos.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Nuria Ramos Cuba de 2º ESO B

23.4.19

Premio Imaxiña 2018

Na tarde do luns 22 de abril fíxose entrega dos premios dos concursos de fotografía e vídeo do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2018 na sede da Fundación Eu Son en Burela. 

A nosa alumna de 4º ESO, Anny Larissa da Silva, resultou gañadora. O seu compañeiro de clase, Luis Pernas Maseda, foi finalista. As fotografías premiadas foron feita na saída A Mariña ten historia na Pena Abaladoira en Alfoz. 

O xurado composto polos artistas mariñáns Sabela Blanco e Xaime Miranda tamén premiaron as fotografías de César Piñeiroa e David Bouza da Fundación Eu Son e o vídeo de Nerea Yáñez e Adâh Guisasola, do IES Alfoz-O Valadouro.

Ler a nota de prensa de Imdecum aquí.

Accede ás fotografías aquí.

11.4.19

Ruta pola Mariña Central

O día 26 de marzo as rapazas e rapaces de segundo da ESO e PMAR saímos facer unha ruta histórica. Xa saímos directamente hacia o castro de Fazouro. Alí explicáronnos que era moi antigo e que  actualmente ten moita importancia. Despois fomos ver a catedral de San Martiño de Mondoñedo, tamén moi antiga e que tiña un bispo. Cando acabaron de explicar os profesores tivemos que cubrir unhas fichas sobre esta catedral e o castro. Por último visitamos Mondoñedo e a súa catedral que recibe o nome de “catedral axeaonllada” porque cando se construíu a praza quitoulle espazo e parece máis baixa.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.
Yoselín Manchego Ballesteros.- 2º ESO B

6.4.19

Obradoiro con Carlos Negro

Este luns día 1 abril tivemos un obradoiro na biblioteca do noso instituto, con Carlos Negro. Nesta actividade participaron os alumnos do club de lectura do IES Monte Castelo e a clase de 2º ESO A do IES Perdouro. En primeiro lugar, fixo unha pequena introdución falándonos dos distintos tipos de poesía que existen e leu diversos poemas de diferente temática, como por exemplo: amorosos, agresivos, humorísticos, melancólicos... Logo, por grupos, creamos uns poemas a partir duns carteliños que nos daba onde se mostraban ideas que podiamos tomar para o poema. Estes textos servíronnos de inspiración. Deixounos uns minutos para poder redactar o poema. Previamente díxonos que non tiña por que rimar nin por que ter sentido e un tempo despois, diante de todos, lemos os poemas. En xeral, todos os poemas estaban xenial. Na miña opinión, o obradoiro foi moi interesante e divertido.

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

Saray Barro Rodríguez – 2º ESO A

4.4.19

Obradoiro de xogos de mesa

A biblioteca organizou uns obradoiros de xogos de mesa destinado ao alumnado de 1º de ESO. Foron impartidos polas amigas da xoguetería Xogando nas Nubes de Burela, Iria e Paloma. Houbo demostración de varios xogos tanto de axilidade como rapidez mental e lingüística. O alumnado pasou un rato moi divertido na biblioteca facendo proba de agudeza. Soupolles a pouco!!!

Os xogos que trouxeron foron: 

Dixit: xogo de cartas que fomenta a capacidade de creatividade, dedución, imaxinación e empatía.
As tarxetas teñen ilustracións e imaxes fantasiosas. O propósito do xogo é adiviñar a carta escollida polo "narrador da quenda" por medio dunha descripción genérico-creativa feita previamente por el.

Imagine: xogo de cartas transparentes que fomenta a creatividade no que podes superpoñelas e movelas para aclarar o término que se esconde detrás da tarxeta.

Timeline: xogo de cartas que ten como propósito adiviñar a orde cronolóxica dos eventos históricos, inventos ou descubrimentos.

Código Secreto: xogo de mesa de espionaxe. O obxectivo é adiviñar onde están os espías do noso bando co axuda dunha única palabra.

Virus: xogo de cartas no que tes que construir un corpo humano mentras evitas que os teus rivais infecten, destrúan ou rouben os teus órganos. Sé o primeiro xogador en completar o teu corpo, un corpo o forman 4 órganos, un de cada cor. Se logras reunir sobre a mesa os teus 4 órganos diferentes, gañas a partida.

Fantasma Bliz: xogo de rapidez visual. Un xogador xira a carta superior da baralla de tal maneira que quede visible para todos. Entón os xogadores deben intentar coller o objecto que coincida, en todo incluso na cor, co mostrado na carta. Se non hai objecto que cumpra os requisitos, os xogadores deben coller o que nin se mostre na carta nin comparta cor con ningún dos objectos que aparezan nela.

Speed CupsCada xogador recibe un xogo de 5 cubiletes en 5 cores diferentes. Os xogadores deben colocar o máis rápido posible os seus cubiletes na mesma secuencia de cores que aparece na carta de objectivo.

Rhino Hero: xogos de cartas no que os xogadores deben ser hábiles para construir un edificio, resistir o ataque dos monos araña e tratar de escalar ao máis alto, enfrentándose se é necesario contra outros superhéroes para, cando chegue o momento no que o edificio se derrumbe, ser aquel que teña escalado máis alto para gañar.

Accede aquí á reportaxe fotográfica.

ExpoCosmética en Porto - Portugal

As alumnas e alumnos do CM de Peiteados e Cosmética Capilar estiveron no Porto para asistir á feira ExpoCosmética, a maoir feira do sector da beleza e ben-estar a nivel ibérico. Coñeceron novos produtos e tendencias deste Salón Internacional de Cosmética, Estética e Cabelo. Tiveron a oportunidade de asistir a varias presentacións de traballos realizados en directo por profesionais.

3.4.19

Ruta xeolóxica por Burela

O mércores 25 de marzo os alumnos e alumnas de 4º ESO fomos de ruta xeolóxica pola nosa localidade, por Burela, acompañados das profesoras de Bioloxía, Alba e Charo, e un guía chamado Fran Canosa, que nos deu fantásticas explicacións en cada unha das paradas que fixemos ao longo da mañá.
A primeira ruta a pé saía dende o Instituto e chegaba ata a praia da Marosa, onde, á parte das queixas polo frío e polo vento que se prolongaron ao longo da mañá, tamén se escoitaron as explicacións que o guía ofreceu.
Burela, a pesar do seu reducido tamaño, é unha zona de gran interese xeolóxico a nivel internacional pola gran variedade de materiais que presenta (rochas metamórficas e graníticas) e polas estruturas xeolóxicas que se poden atopar; ao redor de 600 persoas cada ano visitan Burela interesadas pola xeoloxía da vila.
Despois, entre a praia da Marosa e a praia de Ril, fomos ver unhas estruturas rochosas chamadas “tableta de chocolate”, nome un tanto peculiar pero que acerta totalmente coa forma das rochas. Tamén nese lugar, vimos unha liña de cuarzo producida polo enfriamento de auga quente, algo que nos causou bastante impresión.
Xa chegando á zona da praia de Ril, encontramos os chamados “bolos”, unhas estruturas rochosas grandes que se formaron pola erosión, non no exterior senón no interior da terra por distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar, tales como a formación de fallas. Sobre esta estrutura, tamén observamos as chamadas “pías”, afundimentos na parte superior da rocha que se formaron pola erosión da auga.
Na seguinte parada chegamos ata Castrelo e o Perdouro, onde se alzan unha serie de rochas erosionadas con pregamentos (deformacións causadas por esforzos de compresión). Estas rochas, sorprendentemente, foron capas de fango e area que se transformaron en lousa e cuarzo a causa da presión e a temperatura. A partir de aquí o granito é inexistente ata Gran Bretaña.
A seguinte parte da ruta, que discorreu polo Cantiño, foi a que máis queixas provocou por parte do alumnado ao ter que pasar por unha zona rodeada de rochas esvaradías a causa da auga e das algas. Pero, ao final mereceu a pena: vimos os arcos, resultado da erosión do mar e o vento nas rochas, rodeados polo mar; foi unha imaxe moi fermosa.

Acceda á reportaxe fotográfica aquí.

YANISS DOS SANTOS MÉNDEZ 4º ESO

Concerto A Coruña

O mércores 20 de marzo os alumnos e alumnas de Música de 4º e todo o alumnado de 3º da ESO fixemos unha viaxe á Coruña.
Saímos de Burela ás 8:30h e chegamos, aproximadamente, ás 10:45h. Xa alí, fomos directamente ao Palacio da Ópera, pero aínda non era hora de entrar e puidemos aproveitar para visitar a zona, mercar algo etc.
Entramos ao Palacio e, despois de sentar nas butacas, presentaron a todas as persoas que participaban no espectáculo Palabras con corazón. Trátase dunha montaxe didáctica no que a directora Lydia Botana mistura distintos estilos musicais coa danza, a pintura e a poesía para poñer de relieve o poder que poden ter as palabras. Trata temas como o respecto polas persoas, a empatía e a compasión, a solidariedade entre mulleres e a loita por defender os dereitos. Mistura idiomas e fusiona xéneros musicais dende o tradicional ao moderno a ritmo de Rap – inicialmente acrónimo de “Ritmo e Poesía” (en inglés “ Rhythm And Poetry”)- e outros subxéneros como o Dancehall pasando pola impresionante técnica do Beatbox.

 

O concerto comezou: unha das artistas ía cun cesto cheo de palabras "con corazón" para que unha persoa aleatoria do público collera unha, a apuntara nunha pizarra e con ela interpretaban unha canción.
Un tema do que se falou foi a regueifa e Cristian Gómez e Sergio Alonso (dous alumnos de 4º) saíron a regueifar ao escenario.
De seguido, cando Sergio e Cristian sentaron, os artistas cantaron cancións tradicionais cos distintos estilos de música. Antes de despedirse, todos nos ensinaron a súa especialidade e, para rematar, cantaron unha última canción. Todo isto mentres que outra artista facía un mural ao fondo do escenario.
Logo de saír do Palacio, leváronnos ver unha casa moi especial: a "casa Vitur", escenario da novela Senlleiras de Antía Yáñez, unha escritora de Burela. Despois de acabar esa visita, fomos xantar e facer unhas compras.
Reunímonos ás 15:30 h na Praza de María Pita e alí explicáronnos a súa historia. Tamén visitamos máis edificios: o da Real Academia Galega, o teatro Rosalía de Castro, a casa onde viviu Rosalía, a parte vella da Coruña e a rúa Rego da Auga.
Saímos da Coruña aproximadamente ás 17 h, fixemos unha parada en Guitiríz e, finalmente, chegamos a Burela ás 19:45h.

DANIELA ENRÍQUEZ CANOURA 3º ESO

2.4.19

Intercambio Radio Escolar A Voz da Mata - Proxecto Neo

O pasado 28 de abril un autobús con procedencia do Rosal chegou ao Porto de Burela. Nel viñan trece alumnos e alumnas do CPI Manuel Suárez Marquier acompañados de dúas profes: Loli, coordinadora da radio escolar, e Bea, responsable da biblioteca. A chegada produciuse sobre as 21.00h e aí os estábamos esperando uns cantos anfitrións do IES Perdouro.
Logo de volver a vérmonos e falar un anaquiño, os alumnos/as do Rosal foron para o hostal en que se aloxaban. Ao día seguinte, ás 9.00h, chegaron ao IES Perdouro, onde foron recibidos por Karina, Santiago, e tres alumnos de 4°ESO (Sergio, Cristian e Alejandra), que nos encargamos de facerlles unha presentación do centro, de Burela e da contorna.
Ao longo da mañá foron visitar o conxunto histórico de Sargadelos, a nova fábrica e, máis tarde, foron recibidos no concello polo alcalde, Alfredo Llano. A mediodía tivemos unha visita sorpresa: Marica Campo veu de visita a Burela e aproveitou para nos saudar e nós para facernos unha foto con ela.
Á hora da comida, os participantes de ambos os dous institutos subimos á zona recreativa do Monte Castelo. Comemos e disfrutamos dunha xornada de xogos tradicionais. De novo na vila, fixemos unha xincana polo centro urbano e tivemos tempo de lecer.
Despois dunha cea conxunta, chegou o momento da festa. Gaiteiros do Rosal e do Perdouro, acompañados dun tamborileiro, amenizaron a festa con música tradicional e baile galego. A despedida fíxose sobre a unha da madrugada, porque os estudantes do Rosal debían erguerse cedo para visitaren a Praia das Catedrais e  Mondoñedo.
Logo destas visitas, puxeron marcha para o Rosal. Esperamos que o pasaran moi ben e que non tardemos en vernos de novo!

Accede a completa reportaxe fotográfica aquí.

Ler aquí o artigo publicado no blogue da da biblioteca A quinta dos Libros sobre a viaxe do grupo da Voz da Mata.
Alejandra Alonso 4° ESO
#FantasticasExperiencias
#RadioEscolar
#Convivencia
#MasaCoral
#ProxectoNeo
#RadioBurela.
#AVozDaMata



1.4.19

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Carlos Negro estivo impartindo esta mañá na biblioteca do IES Perdouro de Burela un obradoiro de creación poética destinado ao alumnado dos institutos de Burela. Asistiu alumnado de 2º de ESO do IES Perdouro e alumnado do clube de lectura do IES Monte Castelo.
O poeta abriu o obradoiro cunhas lecturas dramatizadas de diferentes poemas co obxectivo de que o alumnado reflexionara sobre o que entende por poesía. En definitiva, a poesía emociona, comunica algo moi persoal e de xeito máis fermoso. O alumnado tivo logo que compoñer o seu propio poema a partir dalgunhas pautas: petiscos, medo, fórmulas maxistrais, haikus ...
O alumnado foi capaz de dar sentido as palabras grazas a escritura poética.

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...