25.11.14

Macarena Ledo premiada no concurso de microrelatos contra a Violencia de Xénero

Felicitamos a nosa alumna de 1º de bach, Macarena Ledo, polo premio acadado no concurso de microrelatos contra a violencia de xénero convocado polo concello de Burela!!!! Parabéns Maka!!!!!



24.11.14

'A escola, camiño de futuro' - exposición

O IES Perdouro acolle do 24 de novembro ao 5 de decembro a exposición da ONGD Educo 'A escola, camiño de futuro', un conxunto de 32 cubos de cartón pluma, que plasman diferentes proxectos educativos en países de África, América do Sur, América Central e Asia por mediación do Programa de Atención a Inmigrantes da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e en colaboración coa Ong Educo, coa finalidade de divulgar e sensibilizar á poboación da realidade social do mundo que nos rodea.

14.11.14

1º ESO - A MIRADA MÁXICA DO QUE ACONTECE NA PANTALLA.

José Díaz Moscoso, profesor de plástica

Durante os pasados días 5 e 6 de Novembro os grupos do primeiro curso da ESO participaron nun obradoiro lúdico e creativo sobre a imaxe en movemento: “ANIMÁNDOTE”.
Tivo lugar na aula de Plástica en sesións de 3 horas polas mañás, e impartidos pola artista audiovisual Belén Montero, do equipo DSK.

A actividade estaba programada dentro dos talleres e proxectos de Desenvolvemento Creativo do MAC (Museo da Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa)

Os tres obxectivos principais do mesmo foron:
- Achegarnos  á animación: coñecementos básicos acerca dos procesos da mesma.
- Tomar conciencia das tecnoloxías e elementos creativos ao noso alcance.
- Recoñecer a importancia da mirada creadora do autor e do equipo.

Na presentación inicial puidemos coñecer ideas xerais do audiovisual e da animación en particular. Aclaramos conceptos como: pixelación, pixilación, videoinstalacións, videoclips, curtametraxes...
Para esta parte, Belén axudouse de imaxes das súas obras coma un “Tetris físico“ xigante no Centro Pompidou , os seus traballos profesionais con actores e cantantes como Alaska. E mesmo descubrimos o antigo destas técnicas a través de obras como “O hotel eléctrico” ( dirixida por Segundo de Chomón en 1908 ).

Resultou curiosa a analoxía que fixo entre o concepto dixital do píxel e a linguaxe do punto de cruz das nosas avoas, identificando cada puntada coa cuadratura do píxel.
Ademais quedounos claro a importancia do tempo para a elaboración de ideas e a execución destes traballos.

Unha vez exposta a parte formativa iniciamos unha práctica de gravación para o noso exercicio de pixilación, axudándonos da técnica do stop-motion.

Participaron como actores, e experimentaron inspirándose no xogo “Plants vs Zombies”. Actuaron todos os alumnos en papeis como: plantas lanzachícharos, zombies bailaríns, cogomelos, xirasois...e como non, un equipo de efectos especiais.

Estamos a esperar pola montaxe e post-produción de Belén.

13.11.14

Segundo obradoiro radiofónico para os nosos premiados no certame o Galego na onda

Durante toda a tarde do mércores 12 de novembro, un grupo de alumnos/as do IES Perdouro recibiu o segundo obradoiro de comunicación radiofónica impartida polo actor Rubén Riós e o técnico e produtor Andrés Rozados nos estudios de Radio Burela. Nesta segunda fase do certame O Galego na Onda convocado pola Rede de Dinamización Lingüística., Maka Ledo, Elena Valle, Simón Rodríguez, Sergio Rivas, Safu Housni, Laura Semedo e Viviane Furtado gravaron unha emisión especial para presentalo ao concurso. Xa estamos impacientes por coñecer o fallo do 30 de novembro.

12.11.14

Viaxe ao Cebreiro - Unha crónica de Clara e Alba

Alba Carreiras e Clara Iglesias
3º E.S.O. - A -

Os cursos de Relixión de 3º de E.S.O. tivemos unha viaxe de estudos o xoves 16  de outubro. O obxectivo era coñecer varios lugares vinculados ao Camiño de Santiago (Camiño Francés): O Mosteiro de Samos e o Poboado de O Cebreiro. 

Despois de viaxar dúas horas en autobús, chegamos ao pequeno pobo de Samos. Logo de coñecer un poco o centro da vila fumos visitar o Mosteiro de San Xiao. 

Ao pouco de comezar o percorrido encontrámonos cun monxe, coñecido dos nosos profesores Antón e Bernardo, que se ofreceu para explicarnos algúns aspectos da vida dos monxes. Quedamos en vernos ao chegar á igrexa, antes de rematar a visita.

Antón, que foi o noso guía ao longo da xornada -xa coñece estes lugares dende hai anos- foinos explicando as diferentes estancias do edificio: claustros, refectorio, biblioteca, celas, pinturas, sancristía, igrexa...

Na igrexa deste mosteiro, que tamén é a igrexa parroquial de Samos, os monxes Gregorio María e Leandro explicáronnos cómo era a súa rutina diaria e as razóns que os levaron a unirse a este tipo de vida.   

Despois de xantar na vila saímos cara O Cebreiro. Ao chegar a este poboado, dirixímonos ao Santuario de Santa María onde nos explicaron varios aspectos históricos, artísticos e lendarios. Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi a exposición de biblias en diferentes idiomas. Como é un lugar onde pasan moitos peregrinos procedentes de diversos países, o santuario ofrécelles a posibilidade de ler e rezar no seu idioma nativo. 

Tíñamos previsto percorrer a pé un tramo do Camiño de Santiago, ata o límite con Castela-León, pero debido ás inclemencias do tempo tivemos que suspendelo.

Na viaxe de regreso fixemos unha parada en Lugo, onde aproveitamos para merendar e facer unhas compras nun centro comercial. 

Pouco antes das oito da tarde chegamos a Burela. Nas nosas casas falamos do vivido durante o día e da posibilidade que tivemos de saber algo máis da nosa provincia, unha zona de montaña diferente ao lugar onde vivimos nós, que tamén ten lugares que merece a pena coñecer.

6.11.14

Charla informativa sobre bolsas “high school” para estudiar en EEUU

O alumnado de 4º de ESO recibiu información sobre a 6ª edición das bolsas “High School” para estudar en EEUU. 

A Fundación Amancio Ortega xunto ca Fundación Barrié convocan as bolsas “high school”, un Programa de Bolsas para realizar estudos dun ano académico en Estados Unidos.

Nesta edición hai 75 prazas para cursar 1º de Bach. en EEUU no curso escolar 2015/2016

Estas bolsas van dirixidas a estudantes de 4º da ESO cunha nota media de 3º ESO igual o superior a 7,5 e cun 7 en inglés.


5.11.14

1º ESO - Charla sobre perigos de seguridade nas novas tecnoloxías e as redes sociais

Dentro do  Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado luns, día 3 de novembro.

O axente Peña explicoulles a necesidade de implantar na súa rutina diaria en Internet unha serie de consellos para protexer a súa persoa e intimidade e evitar a comisión de delictos. Incidíu en que é necesario educar no intercambio e usos propios e alleos de imaxes íntimas e persoais. Fixo tamén fincapé no perigo de facilitar datos persoais e íntimos a descoñecidos e na necesidade de que comenten cos seus pais, titores ou profesores calquera contido estrano e/ou ameazante que detecten en Internet.

Día da ciencia en galego - todo un éxito!!!

Nota de prenda da Coordinadora 

Máis de 4.200 alumnos de 75 centros escolares achegaranse mañá en galego á programación de ordenadores a través dunha videoconferencia organizada pola CGENDL

Manuel Caeiro Rodríguez, Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo e responsable da rede TELGalicia sobre innovación educativa e da aplicación, falará sobre “A ciencia de programación de ordenadores (tamén en galego)” para o alumnado de Secundaria, que terá a posibilidade de interaccionar co relator a través dun chat.

A Coordinadora Galega de ENDL organiza un ano máis este evento que se enmarca nos actos do Día da Ciencia en Galego, instaurado hai cinco anos para reinvindicar o uso da lingua galega no ensino non universitario tras a súa eliminación das áreas científico-técnicas pola Consellería de Educación.
Participarán uns 75 centros escolares, e máis de 4200 alumnos e alumnas, este mércores 5 de novembro.

 
Con motivo do V Día da Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística convocou aos centros de ensino non universitario a participar nunha videoconferencia que conta coa colaboración da Área Multimedia da Universidade de Vigo.
Na videoconferencia, que dará comezo ás 12:00 e terá unha duración dunha hora, Manuel Caeiro Rodríguez, Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación e profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo, ofrecerá una charla para o alumnado do 2º ciclo da ESO e o Bacharelato baixo o título “A ciencia de proramación de ordenadores (tamén en galego)”. Nela, o profesor Caeiro introducirá a historia da programación de ordenadores dende a orixe do algoritmo dos árabes pasando por Ada Lovelace e Alan Turing para chegar á estrutura dos ordenadores actuais e aos paradigmas de computación máis empregados. O relator amosaralle ao alumnado ferramentas coas que é moi doado programar, como Scratch e Squeak, para que poidan facer, tamén en galego, os seus programas.
Como nas anteriores edicións, este evento ten unha moi boa acollida nos centros escolares e a inscrición supera os 4200 alumnos e alumnas de máis de 75 colexios e institutos de todo o país. Estes rapaces e rapazas poderán seguir en vivo a intervención do conferenciante e dirixirlle preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.
Esta videoconferencia, xunto con numerosas actividades presenciais que se desenvolven estes días nos centros educativos, nas universidades e noutras institucións, pretenden que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma. Os colectivos convocantes (AGAPEMA, APETEGA e ENCIGA) e as institucións e entidades que se suman a esta data reinvindicativa, como a CGENDL, queren expresar deste xeito que as linguas, neste caso o galego, se aprenden usándoas en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar de que a Consellería de Educación a excluíse como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos coa aplicación do Decreto para o Plurilingüismo.

4.11.14

Macarena Ledo e Elena Valle grabarán un programa en Radio Burela

o-galego-na-ondaO pasado mércores, 29 de outubro, iniciouse a segunda parte do proxecto O Galego na Onda, desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ese día houbo un obradoiro de radio impartido polos profesionais Rubén Riós e Andrés Rozados e dirixido a un grupo de alumn@s entre os que se atopaban as gañadoras da primeira fase do concurso consistente na elaboración de cuñas, Macarena Ledo e Elena Valle. A última fase do proxecto levarase a cabo o vindeiro 12 de novembro coa grabación dun programa de radio na emisora Radio Burela.

3.11.14

Facendo prevención sobre drogas - 4º ESO e FP Básica

O luns 3 de novembro, o alumnado de 4º de ESO e Formación Profesional Básica recibiu na biblioteca do centro unha charla preventiva sobre Alcool e outras drogas impartida por Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo. Esta actividade forma parte do Plan Director para a convivencia e a cellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, e ten como obxectivo informar aos rapaces sobre as diferentes drogas legais e ilegais, os seus efectos e consecuencias na saúde e penal. En definitiva, o axente impulsou a reflexión entre o alumnado entorno adiccións e outros mitos.

Para información, consulta a web do Plan Nacional sobre Drogas  e descárgate a App.

Ver ademais La locura de las drogas en Documentos TV de RTVE
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...