28.10.16

Mares de Cultura: Granxa de coral, Carpintería de ribeira e Museo do mar

O mércores 26 de outubro, o alumnado de 2º de ESO iniciou a campaña de educación ambiental MARES DE CULTURA OS NENOS E O MAR, promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal.

O Dpto. de Tecnoloxía do IES Perdouro deseñou a ruta da saída con varias visitas de grande interese.

A primeira parada foi en Viveiro no barrio de Magazos, onde o grupo de alumnos foi acollido nunha casa indiana para descubrir no seu vestíbulo un magnífico acuario de arrecife asi como unha granxa de cultivo de corais ubicada nun bungalow. Reef Water é o nome desta empresa pioneira dedicada ao cultivo, á reprodución e a distribución destes delicados animais mariños.
Vanesa Rodríguez e o seu marido, Luis Vigo, explicaron a súa afección pola acuarofilia mariña. Hai 2 tipos de coral: os blandos e os duros (con esqueleto de carbonato de calcio) que teñen pólipos largos e pólipos curtos. Comen fitoplanctón e zooplanctón. Fan fotosintese.
Primeiro hai que asentar o acuario coa auga e as rochas antes de nada. As rochas son alimentos para os corais. Hai que esperar sete meses antes de poder introducir no acuario, fiel reprodución do ecositema natural mariño (é dicir telo estabilizado en auga e rochas) un fillo de coral. O control de algas ten que ser moi estricto nun acuario de arrecife. Vanessa dinos que os corais segregan velenos para defenderse. Os peixes nun acuario son moi importantes. Os chamados ciruxanos (Dori) comen as algas que poden. Os peixes cocheros, os desparasitadores comen os vermes. A carola e a estrela son desparasitadores de peixes.
Nos traslados, estes peixes tropicais sufren moito estrés durante as 30 horas que pode durar a viaxe. Hai que aclimatalos antes a comer comida artificial.
As rochas veñen da barreira coralina da illa de Fidxi, Indonesia. Para o traslado de coral, animais protexidos, fai falla moito papeleo e esperar ata 2 ou 3 meses para a súa aprobación. Unha vez cheguen ao territorio español, hai un control veterinario. Tamén hai que aclimatalos en temperatura. Reciben en 24 horas os corais importados de Indonesia e Australia.
Na granxa dedicada á cría de corais mariños en tanques especiais onde se reproducen as condicións do mar nas que viven estos delicados animais, os corais prodúcense por fragmentación; a partir dunha colonia suficientemente grande (nai) córtanse fragmentos que se fixan con pegamentos especiais e estructuras plásticas ou bases realizadas con cemento e grava coralina. Reef Water pretende dar asi suministro de corais criados en cautividade, de maneira que se protexa e non se dane o entorno mariñon natural destes seres.

Máis info no artigo da Voz de Galicia.

Para ver a completa reportaxe fotográfica, pica aquí.

Ficha didáctica Reef Water

A segunda visita foi na carpintería de ribeira de Francisco Fra Rico, en San Cibrao, un pobo costeiro do concello de Cervo. Francisco Fra, único carpinteiro de ribeira  na Mariña, recibiu o grupo de alumnos no seu estaleiro. Paco pertence á sétima xeración de carpinteiros na súa familia. O seu tataravó fundou en 1806 a carpintería de ribeira de San Cibrao. Hai moitas fotos antigas e chama a atención unha de 1940 onde o seu avó fabricou a máis grande embarcación de 38m de eslora e de 13 toneladas de carballo. O carpinteiro explicou os tipos de madeira e o seu uso: o carballo para as pezas curvas e para a estrutura; o eucalipto para as pezas rectas e longas e o pino. Tamén indicou que escolle el a madeira no monte na época de corte, baixante de xaneiro, cando a sabia está baixa de todo. A vantaxa da madeira na construción dunha embarcación é o feito de que non contamina. Segundo uns estudos de CSIC, a fibra emite 100 toneladas de CO2 mentres que a madeira 10 toneladas. O aluminio ten un impacto 10 veces maior. A madeira non se esgota, é renovable. Logo explicou como deseña os planos e fai as maquetas antes da fabricación dun barco. No seu taller enxebre, ensinou as ferramentas do carpinteiro de ribeira que usa (garlopas, cepillos, etc...) e fixo demostracións para ver o seu manexo e resultado. Falounos da fibra de cáñamo alquitranada chamada estopa que serve para tapar os furados entre as madeiras. Paco foi capaz de transmitir o amor que lle ten a súa profesión.

Para ver a completa reportaxe fotográfica, pica aquí.

Ficha didáctica Carpintería de ribeira

A terceira visita foi no Museo Provincial do Mar de San Cibrao. Alí faláronnos dos aparatos de navegación, da colección de cunchas e da pesca á balea.
D. Francisco M. Rivera Casás foi o fundador do actual museo, antes escola. Foi mestre e gran coleccionista de obxectos mariños. O museo ten catro salas. Na entrada, hai moitas fotografías de San Cibrao, da flota galega de principios do século XX e unha máquina de vapor.
Na primeira sala á dereita, a exposición céntrase no instrumental de navegación como compases, sextantes, cartas náuticas, faros e outros instrumentos marítimos interesantes.
Na segunda sala hai unha amplía colección de moluscos e crustáceos así como algúns aparellos de pesca e unha goleta.
A última sala está dedicada á caza das baleas así como aos utensilios utilizados para a súa captura. Hai uns cantos restos óseos de baleas capturadas en San Cibrao.

Para ver a completa reportaxe fotográfica, pica aquí.

Ficha didáctica Museo do mar

Nesta travesía puideron coñecer un pouco máis a cultura mariñeira e as artes e tradicións pesqueiras relacionadas coa pesca artesanal, co obxectivo de poñer en valor os recursos do mar.

26.10.16

Charlas sensibilización medioambientais : Xestión eficiente dos residuos

As monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia do Concello de Burela impartiron aos alumnos de 4º da ESO unha charla sobre Xestión Eficiente dos Residuos, que acompañaron dun vídeo educativo de Sogama a este respecto. “Grazas a dita actividade os alumnos puideron visualizar o gran problema que é para a sociedade a xestión dos residuos. Nos últimos anos converteuse nun dos maiores desafíos aos que se enfronta o planeta. É non é só un problema ambiental, senón tamén económico e de saúde”, explican as monitoras de Gaia. Os rapaces aprenderon tamén a regra das 3 erres: reducir, reutilizar e reciclar, e comprenderon a necesidade de levalas a cabo para garantir unha correcta xestión dos residuos.

Noelia Mª Ben, concelleira de Medio Ambiente, destaca “a necesidade de mudar o modelo de economía lineal que temos actualmente e avanzar cara a unha economía circular onde os residuos se visualicen como recursos de utilidade. Unha xestión eficiente dos residuos permitiralle á sociedade reducir os custos de eliminación do lixo e ao mesmo tempo obter un beneficio adicional coas materias primas recuperadas. Dende aquí gustaríame animar a todos os veciños e veciñas a facer dende os seus fogares unha correcta separación do lixo e así poñer o seu gran de area para acadar unha xestión eficiente dos residuos”.

Viaxe a Ourense

O martes 25 de outubro un grupo de alumnos de 1º Bac e 2º do CM de Imaxe Persoal visitaron a cidade de Ourense.

Ás 8:00 saímos do IES Perdouro e antes de chegar a Ourense, fixemos unha paradiña nos Peares, onde Antón, o profesor de Relixión, nos explicou que alí se xuntaban os ríos Miño e Sil. Tamén vimos, un pouco máis adiante, a central hidroeléctrica coa súa enorme presa.

Unha vez que chegamos a Ourense, o grupo dividiuse. Os alumnos e profesores de Imaxe Persoal tiñan preparado un intercambio no IES 12 de outubro para visitar as súas instalacións de Estética.

Ao grupo de Bacharelato, esperábaos o guía nas Burgas. Alí comprobaron que a auga subterránea afloraba a 67ºC e que moita xente se achegaba a recollela en recipientes polas súas propiedades curativas.

A continuación, realizamos un roteiro literario, no que o guía, José Ramón, nos deu a coñecer a vida e a obra dalgún dos numerosos literatos ourensáns: Valentín Lamas Carvajal, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda… entre outros.

Ás 14:00 comemos no centro comercial Ponte Vella e pola tarde o alumnado e profesorado de Bacharelato realizou o intercambio co IES 12 de outubro.

Vimos como os rapaces do ciclo medio de Estética realizaban maquillaxes de Samaín, facían micropigmentación (algo semellante ás tatuaxes) ou usaban o circuíto termal que teñen instalado nunha das aulas.

Mentres tanto, o grupo de Imaxe Persoal visitou as instalacións termais da Chavasqueira.

Despois de que nos despedimos deles e do seu profesor Luis Ramilo, que xa traballou tamén no IES Perdouro, voltamos para a casa.

Miruca Parga Valiña

Campaña escolar "Separemos ben, reciclemos mellor"


Co fin de promover unha conciencia de reciclaxe entre os rapaces, participamos na campaña “Oportunidades Galicia. Separemo ben, reciclaremos mellor” que ten como obxectivo facer partícipes da reciclaxe a alumnos, profesores e pais, e alcanzar así os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.

A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, e co apoio de distintos sistemas integrados de xestión (Ecovidrio, Ecopilas, Ecolec, ERP, Ecotic, Ecoraee, Ecoasimelec, Ecofimática, Tragamóvil, Ambilamp e Ecolum), adéntrase nas aulas co principal obxectivo de promover as boas prácticas ambientais no principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe). 

Así pois, o martes 25 de outubro, o alumnado de 1º e 2º ESO recibíu unhas charlas informativas impartidas por un educador ambiental que lle explicou en que consiste unha xestión sostible do lixo, proporcionándolle ao alumnado as claves para reducir a xeración de refugallos, para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e para facilitar a súa transformación en novos recursos mediante a recollida selectiva, depositando cada fracción no colector correspondente. Explicou a necesidade de contar coa participación de todos a través da práctica das tres erres "3R": Reducir as cantidades de lixo producidas, Reutilizar os produtos o maior número de veces posible ata esgotar a súa vida útil, e Reciclar separando as distintas fraccións que conforman o lixo.

25.10.16

Novidades de outuno en BiblioPerdouro

Xa chegaron as novidades en literatura xuvenil, en narrativa, libros divulgativos sobre mitoloxía. Esperamos que algún destes libros sexa do teu interese. A desfrutar!!

Viaxe polo mar

O IES Perdouro iniciou a campaña de educación ambiental MARES DE CULTURA OS NENOS E O MAR, promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, e que persegue ademáis, provocar na poboación escolar un cambio de perspectiva cara o respeto do medio mariño e uns hábitos de consumo responsable dos produtos do mar.

O luns, día 24 de outubro, Carlos Gil, biólogo mariño, impartíu unha charla de sensibilización e divulgación dos valores e dos recursos do mar, destinada ao alumnado de 2º de ESO. 
Explicounos a min e aos meus compañeiros moitas cousas interesantes sobre o mar: as correntes mariñas, o clima de diferentes zonas entre outras cousas. Tamén falounos da fauna e da flora mariña das zonas máis importantes do litoral para concienciarnos da cultura mariñeira, dos recursos naturais e das artes e tradicións pesqueiras relacionadas coa pesca artesanal. Tamén fixo fincapé no valor sustentable das actividades económicas do sector do mar.

Alejandra Alonso Fernández - 2º ESO A


Día das bibliotecas escolares

Lembrando a Agustín Fernández Paz no día das bibliotecas escolares.

23.10.16

"Atlantis, a ciencia do mito" Emilio Varela

O xornalista Emilio Varela, especialista en temas medioambientais, achegouse ao IES Perdouro o pasado xoves, día 20 de outubro, para impartir ao alumnado de 4º de ESO e os de 1º de Bacharelato unha conferencia de divulgación titulada "Atlantis - a ciencia do mito" co obxectivo de sensibilizalos sobre a actividade volcánica. Dende un enfoque científico explicou o mito da "Atlantida" de Platón, historia da illa de Thera, xoia xeolóxica.
O xornalista centrou a súa exposición sobre a gran erupción minoica da illa de Thera, actualmente Santorini, fai máis de 3000 anos, intensidade 7, a maior que puido coñecer o mundo antiguo e que acabou con toda unha civilización. Falounos das catro fases da erupción: 1) fase precursora que cubriu as illas con 15 cm de cinza, 2) a erupción pliniana que alcanzou os 20 km de altura, liberou fluxos piroclásticos, gases peligosos, azufre, pedras pómez (240 km/h e máis de 700ºC), e deixou unha densa capa de tefra 3) a erupción freatomagmática, a auga do mar entrou na caldeira do volcán volvéndose o magma explosivo, 4) os tsunami, varias olas de máis de 18 m de alto tardaron 20 minutos en chegar ata a illa de Creta. 30.000 persoas morreron neste desastre de proporción inimaxinable. Esta erupción foi 4.000 veces máis potente ca bomba de Hiroshima.
Durante o coloquio final, o conferenciante, activista medioambiental, falou tamén do impacto do cambio climático no Mediterráneo, da pesca extractiva, do turismo de masa e da contaminación que conleva a actividade humana nese entorno.


21.10.16

8 de outubro: Día da Ciencia en Galicia: Ignacio Ribas


O Día da Ciencia en Galicia celebrase cada 8 de outubro, data do nacemento do célebre ourensán Padre Feijoo, considerado o primeiro científico galego.
A Real Academia Galega das Ciencias adica este ano 2016 o Día da Ciencia en Galicia a  D. Ignacio Rivas Marques.
Químico e galego de adopción, centrou as súas achegas no eido da química orgánica, sustancias coma santiaguina, pontevedrina, ourensina ou coruñina foron algunhas das súas achegas a partir da flora autóctona galega.



Neste vídeo da Fundación Barrié resúmese a importancia deste científico que sin ser galego, centrou o seu traballo de investigación en Galicia:


18.10.16

Charlas sensibilización medioambientais : Xestión Sostible da auga

As monitoras do Centro Gaia, pertencentes á Delegación de Medio Ambiente do Concello burelés, impartiron onte pola tarde no IES Perdouro (4º ESO), unha charla baixo o título Xestión Sostible da auga.

A través dunha charla ilustrativa en power-point explicaron que “a auga é un dos bens máis prezados dos que dispón o ser humano, pero en ocasións parece que a tod@s se nos esquece a súa importancia e non a valoramos como se merece. A dispoñibilidade da auga, a incidencia do ser humano no ciclo hidrolóxico da auga, a auga virtual, o consumo doméstico, a instalación de sistemas economizadores, etc... foron algúns dos temas tratados. A actividade completouse coa visualización dunha proxección titulada "O ben vital da auga".

As monitoras remataron a actividade analizando os comportamentos do alumnado a través dun cuestionario con preguntas sinxelas sobre os minutos que tardan aproximadamente en bañarse, se pechan a chave da auga para enxaboarse e a abren cando se enxaugan, se mentres lavan os dentes manteñen a chave aberta todo o tempo; así como cuestións relativas a se teñen algún dispositivo tecnolóxico aforrador de auga, etc.

A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, destaca que “o obxectivo desta actividade é sensibilizar e educar ao alumnado sobre a necesidade dun modelo de xestión sostible da auga, xa que fomenta o seu aforro, asegura que a auga devólvese ao medio ambiente coa calidade axeitada e garante o subministro da demanda mediante fontes alternativas de auga”.

16.10.16

Visita a Samos e o Cebreiro

O día de 13 de outubro fomos de viaxe a Samos e ao Cebreiro. A esta viaxe fomos todo o alumnado de 3º da ESO. Fixemos un percorrido dunhas dúas horas en autobús dende Burela a Samos.


Cando chegamos a Samos, o primeiro que fixemos foi visitar un albergue onde a xente que está alí “traballando” son voluntarios que non cobran por facer eses servizos. Esas persoas soen ser xente doutros países e sóense quedar preto dun mes ou incluso menos. Despois de ver o albergue, tivemos un descanso dunha media hora para tomar a comida de media mañá e dar unha volta.

Primeiro, fomos ver a Capela do Ciprés. Logo disto, fomos ao Mosteiro de Samos que é SÓ masculino. Este mosteiro sufriu dous incendios nos anos 1558 e 1951.  Os monxes que están neste mosteiro teñen todo o que necesitan alí. Obteñen ganancias do que cultivan, do diñeiro que ganan coas visitas guiadas e das persoas que se hospedan alí. Tanto peregrinos como estudantes que acabaron os seus estudos van alí para reflexionar ou preparar as súas oposicións xa que é un lugar moi tranquilo e silencioso.
Por último, fomos á Igrexa de Santa María a Real do Cebreiro. Ao entrar na igrexa, ao lado esquerdo, nunha estancia separada, atópase o baptisterio, onde hai unha pía bautismal feita dunha soa peza de pedra no século IX onde os bautizos se facían por inmersión do bautizado. Ao saír do baptisterio, na parte principal encóntrase un Xesús Crucificado. Na ábsida da dereita está a Capela do Milagre. Alí están o cáliz e a patena que os Reis Católicos lles deron aos monxes cando foron recibidos na Igrexa. E na ábsida da esquerda atópase a Capela de San Bieito onde tamén se pode ver a lápida do que foi párroco da igrexa e gran impulsor do Camiño Francés e destas terras, don Elías Valiña Sampedro, que debuxou as frechas do Camiño para que os peregrinos non se perderan.
Cando saímos da Igrexa xa non puidemos ir polo Camiño de Santiago, xa que o tempo non axudou, así que fomos ata Lugo para facer un descanso do autobús antes de volver para Burela.

Damaris Gabriela Popovici

14.10.16

Formación de usuario na biblioteca

Alumnos de 1º de ESO aprenden a desenvolverse grazas a formación de usuarios que lle da a súa profesora de lingua castelá, Juani Bernardez. Nesta primeira sesión entregámoslle o seu carné da biblioteca para formar parte da comunidade de BiblioPerdouro.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...