Mostrar mensagens com a etiqueta Encontros BD. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Encontros BD. Mostrar todas as mensagens

21.2.24

Obradoiro de banda deseñada con Cristian F. Caruncho

O xoves 22 e o venres 23 de febreiro o alumnado de 1º ESO e o de 4º ESO de Proxecto Competencial participará nun obradoiro de banda deseñada impartido por Cristian F. Caruncho. 

Cristian Fojón Caruncho (Ortigueira, 1997) gañou a edición do ano 2011 do concurso de Banda Deseñada na Mariña convocado pola Asociación Cultural Os Matos e a biblioteca do IES Perdouro na categoría aberta. A obra gañadora foi a primeira parte de O home que liberou a fraga, a cal se incluíu na terceira revista Banda desexada. 

Recibiu, entre outros recoñecementos, o premio Carlos Casares-Kristina Berg en 2020 e o premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña en 2023. 

Este historietista, faneditor e ilustrador ten publicado xa numerosas obras de banda deseñada e participado en campañas gráficas e clips musicais. 


28.4.15

Obradoiro de Banda Deseñada da man de Pepe Carreiro

O debuxante galego, Pepe Carreiro, visitou a biblioteca do IES Perdouro para impartir un obradoiro de iniciación á banda deseñada destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO. Primeiro, Antón e Teresa encargáronse de presentar o autor dos Bolechas, unha familia peculiar coa que creceron todos os alumnos de Galicia. Despois, Pepe Carreiro ensinoulles trucos para debuxar, proporción, caricaturización, faloulles da linguaxe dos bocadillos e do poder do trazado para enfatizar as letras dos diálogos. Antes de rematar, o debuxante contestou á preguntas interesadas do alumnado e asinou os libros dos rapaces. E como ginda final, agasallounos cun debuxo para a nosa biblioteca. Un encontro fantástico!!

8.7.14

Premios entregados en Pontevedra

Como Daniel Noya Pintos e Alicia Martínez Abal, gañadores na categoría escolar ata 18 anos do noso concurso de BD dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña,  non puideron asistir ao acto de clausura e entrega de premio o pasado 27 de maio, Flora García enviounos dende o IES Xunqueira de Pontevedra as seguintes fotos como mostra de gratitude.

27.5.14

Acto de entrega dos premios do Concurso de creación de banda deseñada - VI Encontros de BD na Mariña

A continuación da conferencia do debuxante Fran Bueno, procedeuse á entrega dos premios aos gañadores e gañadoras das distintas categorías no concurso de creación de banda deseñada que se convoca cada ano. 


Abriu o acto de entrega o director do IES Perdouro, Santiago J. Pérez. O Tenente Alcalde do Concello de Burela, Manuel Fernández, a edila de Cultura, Mónica Pedre, xunto co debuxante foron os encargados de entregar os premios e diplomas aos gañadores do certame de Banda Deseñada que nesta ocasión foron para os alumnos e alumnas do CEIP de Cervo, do IES María Soliño de Cangas do Morrazo, do IES Xunqueira I de Pontevedra e, na categoría libre, para participantes de Pontevedra e A Coruña. Pechou o acto o Tenente Alcalde felicitando e agradecendo iniciativas educativas de índole creativa como esta.

Acto de clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña 2014

O martes 27 de maio tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña asi como a entrega de premios.

O debuxante santiagués Fran Bueno foi o invitado de excepción na clausura dos sextos Encontros de Banda Deseñada na Mariña que se celebraron no IES Perdouro de Burela.

Fran Bueno é un debuxante con gran proxección internacional xa que foi o primeiro autor galego en traballar profesionalmente no sector comercial do cómic estadounidense. Ademais ten no seu aval o prestixioso premio Castelao de cómic 2013 convocado pola Deputación da Coruña.
Durante a súa intervención, Fran Bueno falou do seu día a día como debuxante de cómic e explicou ao seu público a importancia da lectura da imaxe. Falou da relevancia do trazo, do grosor das liñas, das sombras. Repasou o proceso de creación dunha viñeta dende o debuxo, o entintar, o feito de colorear e sen esquecer os globos, ferramenta que intensifica en moitos casos os tonos en que falan os personaxes. En resumidas contas, unha imaxe é un conxunto de curiosidades que ten como único obxetivo emocionar os lectores de banda deseñada. O artista soupo captivar a atención de todo o público que se viu inmerso no apaixoante mundo da viñeta. Como broche final, o recoñecido debuxante fixo un simpático debuxo dedicado ao alumnado do centro.


23.5.14

Clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada 2014

franbueno2.jpgContaremos para clausurar os encontros de BD na Mariña con Fran Bueno, recoñecido debuxante con gran proxección intercanional, o primeiro autor galego en traballar profesionalmente no sector comercial do cómic estadounidense e recentemente galardonado co Premio Castelao 2013 de Banda Deseñada da Diputación da Coruña.  

O martes 27 de maio ás 12h20 na biblioteca abrirán o acto, o director, Santiago Pérez, a Vicedirectora, Karina Parga, a concelleira de Cultura, Mónica Pedre e o tenente alcalde, Manuel Fernández.

Fallo do xurado do concurso de Banda Deseñada 2014

Foron fallados os premios do concurso de creación de BD no marco dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña.

CATEGORÍA ESCOLAR ATA 14 ANOS

    o 1º premio foi obtido por Carolina Cordido García do CEIP de Cervo coa obra "Piricadas"

    o 2º premio foi para Laura Herbello Piñeiro do IES María Soliño coa obra "Anna nunha aventura submarina"

CATEGORÍA ESCOLAR ATA 18 ANOS

    o 1º premio recibiuno Daniel Noya Pintos do IES A Xunqueira 1 de Pontevedra pola banda deseñada "Fálame do Mar"

    o 2º premio foi para unha obra titulada "Albor" presentada por Alicia Martínez Abal, alumna do IES A Xunqueira 1 de Pontevedra.

CATEGORÍA ABERTA

    o 1º premio foi obtido por Inés Vázquez Ramallal coa obra "Sempre Abril"

   o 2º premio foi para José Miguel Martínez García (Guionista) & Óscar López Gómez (Debuxante) coa obra "A eternidade dun intre"

A organización quere mostrar o seu agradecemento a todos os participantes e especialmente aos docentes e alumnado dos centros educativos que amosaron o seu interese por estes Encontros.

21.5.14

Obradoiro de BD por Primitivo Marcos - sesión 2

O debuxante e guionista lucense, Primitivo Marcos, impartiu a segunda sesión do obradoiro de Banda Deseñada iniciado no pasado mes de abril ao alumnado de 1º de ESO.

Primitivo deixoulles unha tarefa que desenvolver por equipo, reto que supervisou  o seu profeosr de debuxo, José Díaz. Os alumnos tiveron que recrear unha historieta a partir dun guión, duns diálogos e  duns debuxos. O primeiro paso era ordenar as viñetas segundo o guión e colocar os bocadillos. En cada equipo, cada quen tiña determinada unha función. Logo de consensuar entre eles a ordenación da historieta, cada quen tiña asignado a tarefa de ordenación das viñetas, colocación dos diálogos, colorear os debuxos. Unha vez terminado este primeiro paso, se lles propuxo aos alumnos rematar a historia con un par de viñetas segundo a súa imaginación. Houbo de todo, o clásico final feliz ata o final máis vingativo!! Foi un obradoiro de moito proveito!!

Agasallos dos premios do Concurso de creación de BD - VI Encontros de BD





20.5.14

Reunión do xurado do Concurso de Banda Deseñada - 2014

Continúan as actividades relacionadas coa Banda Deseñada organizadas polo IES Perdouro de Burela.

O xurado do concurso reuniuse hoxe para comezar a valoración das obras participantes nesta sexta edición. 

Farase público o fallo do xurado o vindeiro venres 23 de maio.

24.4.14

O labor do tradutor

Dentro das actividades desenvolvidas en torno aos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña, a biblioteca do IES Perdouro de Burela contou coa visita de Isabel Soto e Xavier Senín, os tradutores ao galego da voz dos irredutibles galos Astérix e Obélix. O alumnado de francés de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistiu a unha charla que tivo por título "O labor do tradutor".
Isabel Soto iniciou a conferencia repasando a historia dos autores e personaxes da banda deseñada francesa así como das súas primeiras versións en galego e incidiu na importancia de traballar en equipo para os tradutores. Pola súa banda, Xavier Senín contounos as dificultades idiomáticas coas que se atopan para trasladar os textos ao galego. Ámbolos dous manifestaron que traballaron con gran secretismo para a estrea mundial -o pasado mes de outubro- do último número da BD, Astérix e os Pictos. Alén do labor de Isabel e Xavier, o equipo de Uderzo leva a cabo unha rigorosa supervisión de todas as traducións das súas obras.
Transmitiron con esta charla interesantísima a paixón polo sétimo arte e espertaron entre o alumnado o interese  pola profesión de tradutor, moitas veces esquecida.


Artigos de prensa relacionados coa saída da BD en galego: 

Entrevista a Xavier Senín en CRTVG:
A tradución ao galego. Entrevista a Xavier Senín

Cartel dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Agradecemos a colaboración desinteresada do ilustrador Daniel Vilas por ceder unha das súas ilustracións para o cartel dos encontros deste ano. (Imaxe do personaxe Pingüino de Batman)

7.4.14

Parabéns Mafalda!!!!! - VI Encontros de BD 2014

Mafalda está de noraboa!!! Festexa este ano o seu 50 aniversairo.

Esta nena a quen non lle gusta a sopa creada por Quino ten 6 aniños, é de clase media arxentina, é posue unha actitude comprometida ante o mundo, preocupada pola humanidade e a paz mundial.

Dentro das actividades dos VI Encontros de BD, os alumnados de 1º ESO do proxecto interdisciplinar quixeron implicarse e coñecer de cerca esta figura do mundo da historieta de fama internacional facendo un mural conmemorativo do seu 50 aniversario.

2.4.14

Obradoiro de BD por Primitivo Marcos - sesión 1

O debuxante e guionista lucense, Primitivo Marcos, impartiu este mércores 2 de abril a primeira parte dun obradoiro de Banda Deseñada no I.E.S. Perdouro.

Dentro dos VI Encontros de BD na Mariña, esta actividade dirixíase, neste caso, ó alumnado de 1º de ESO que tivo a oportunidade de coñecer en persoa o autor de recoñecidas publicacións de BD como O Mariscal Pardo de Cela, María Castaña, Aventura no Camiño de Santiago I (actualmente está a traballar na segunda parte), ou Os Fernández (na revista Golfiño), entre outras moitas.

Primitivo Marcos iniciou o alumnado no mundo da viñeta e amosoulles como dar os primeiros pasos para crear unha BD sen desesperarse por mor de que o debuxo e a historia se resistan a saír da imaxinación. E púxolles un reto: crear as primeiras personaxes dunha breve historieta. Conseguírano?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...