28.2.23

Recollida do premio do I Concurso de RCP do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

O alumnado de 4º ESO B2 viaxou o día 27 de febreiro a Santiago para recoller o premio do I Concurso de Reanimación cardiopulmonar a nivel galego, no que resultou premiado o traballo feito por Shiva Eliska Alinda Nurhakim e os seus compañeiros. O traballo tiña como requisitos elaborar un cartel, un podcast ou vídeos. No seu caso, elixiron crear un cartel no que se amosaban as instrucións para realizar a RCP e unha gravación de audio na que todo o alumnado do grupo narraba os pasos para executar as manobras correspondentes. 

O grupo chegou a Santiago sobre as 11:00h. Estaban citados na sala Eisenman da Cidade da Cultura e alí foron recibidos por responsables do Colexio Oficial de Médicos da Coruña e por Manuel Vila, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

Antes da entrega dos premios, a nosa compañeira Shiva foi entrevistada por unha xornalista. Uns minutos despois, presentaron os distintos grupos premiados e os representantes de cada centro educativo foron chamados para recibir o premio e expoñer os seus traballos ás persoas presentes. 

Á parte do IES Perdouro, estaban presentes o CPI Isidro Parga Pondal de Oleiros, o CPI O Cruce de Cerceda e o Colexio Peleteiro de Santiago. Para finalizar a entrega, todos os centros educativos posaron para unha fotografía conxunta. 

A continuación, convidáronos a un almorzo con café, leite, pastas, froita... 

Logo, foron visitar a catedral e os seus arredores. O profesorado foi explicando datos sobre os lugares por onde foron pasando: a praza da Quintana, a do Obradoiro, a Acibechería... E xa dentro da catedral a exposición tratou sobre a cripta do apóstolo Santiago, os estilos arquitectónicos, o funcionamento do botafumeiro, a recente limpeza da pedra polo que agora se ve policromada... 

Para rematar, comeron no centro comercial As Cancelas antes de volver a Burela. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Alumnado de 4º ESO B2

24.2.23

Concursos AC Os Matos 2023

Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos. 

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo en torno a seguinte temática "Unha vida de emocións".

Tedes ata o 31 de marzo para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVI Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XIV Concurso de Imaxe

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°29.

Tedes ata o 20 de abril para participar.

Lembra: en lingua galega.


 



23.2.23

Día de Rosalía 2023

O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía xa que é a data do aniversario do nacemento da autora. 

A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) propón regalar nesta data un libro e unha flor e ademais anímanos a ler o manifesto que prepararon para este ano 2023. 

Podes lelo e publicalo nas túas RRSS. Esta é a parte final do manifesto de Carme Adán que nos fai reflexionar sobre a necesidade de denunciar as inxustizas do noso tempo: 

"Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma? 

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?" 

Podedes descargar ou ler o manifesto completo neste enlace

Animade ao voso alumnado a ler poemas de Rosalía ou a parte que máis lles guste do manifesto anterior. Se o facedes na aula e o gravades, enviade os vídeos á vicedirectora para publicalos. 

#cumpriuseaxustiza #rdc_2023


20.2.23

I Día da Literatura Caboverdiana

O Departamento de Portugués organiza un encontro de lectura comunitaria do romance caboverdiano "Chiquinho" que será celebrado o 14 de marzo na biblioteca da nosa escola.

Non é por acaso que teñamos decidido organizar este encontro de lectura do romance Chiquinho, pois en Burela existe unha comunidade caboverdiana moi importante e consideramos que este tipo de encontros constitúen unha ferramenta necesaria para traballarmos na aproximación á cultura caboverdiana.

É por iso que consideramos moi importante a participación. Somos conscientes de que a participación presencial non é posible en moitos casos, por iso decidimos combinar esa modalidade coa participación online. Así, os participantes que non poidan asistir á lectura de forma presencial poderán ler conectando por videoconferencia ou ben participar enviando um vídeo gravado a:  modeloburela@gmail.com ou pola mensaxería privada do facebook.

17.2.23

Entroido 2023

Este ano retomamos a celebración do Entroido todxs xuntxs no patio con desfile e exhibición. O xurado tívoo difícil. Todas as actuacións foron grandiosas e divertidas: baile e música de hoxe e de onte, video-xogos, xuízo, emocións, deportes: fútbol, baloncesto, natación, desfile de moda, debuxos animados, ...

Os premios para os mellores grupos de Entroido foron para:


    

    1º premio: A granxa de 1º de bacharelato C
    2º premio: Indios e vaqueiros de 4º ESO A
    3º premio: KK Chanel de 1º de bacharelato B
  
Os premios para o mellor disfrace foron para:

    1º premio: Manuela e Gabriela de 1º de bacharelato B
    2º premio: Marina de 1º de bacharelato B
    3º premio: María de 4º ESO A 

O premio Entroido Sostible foi para: 

    Premio Sostible: 1º ESO A

O premio á elegancia foi para : 

    Elegancia: David de 4º ESO A 

O grupo Os malotes do Perdouro representados polos profes tamén tiveron o seu premio de grupo e Rosa, portadora do estandarte, levou o premio ao mellor disfrace de profe.

Finalmente temos tres agradecementos moi especiais: felicitamos o profesorado e alumnado dos ciclos de Mecanizado e Mecatrónica, Peiteado e Cosmética Capilar e de Instalacións de Telecomunicacións que se preocuparon de fabricar os trofeos, maquillar o profesorado, da instalación da megafonía e da xestión acústica do evento.

Parabéns a todxs pola vosa participación e moitas grazas por vivir o Entroido con tanta alegría!!
 
Podes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

15.2.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 15

Martin Seligman é o pai da psicoloxía positiva. 

Unha mañá, a súa filla Nikki, de 6 anos, estaba xogando no xardín cunhas follas. A rapaza berraba e corría por alí, chea de entusiasmo e vitalidade. O seu alboroto foi tal que o pai non puido concentrarse no traballo e acabou berrándolle e pedíndolle que calase.
Despois diso, a pequena, cunha madurez inusual para a súa idade, díxolle que lle apetecía berrar e chorar. Que a reprimenda recibida deulle ganas de chorar coma cando era máis nova, pero non ía ceder. Sabía que xa non era un bebé e, polo tanto, ía controlarse.
Tamén lle dixo que, como xa aprendera a non deixarse ​​levar polos choros, tamén el tiña que controlar o seu mal humor. Deste xeito, os dous, "serían un pouco maiores". Ese pequeno discurso da súa filla simplemente cambiou a vida de Martin Seligman.
A partir de aí pensou que igual que hai un manual que inclúa as patoloxías psicolóxicas máis frecuentes, por que non facer unha listaxe das virtudes que xeran benestar?
Dese xeito creou un inventario de 24 fortalezas persoais  organizadas en 6 virtudes ou categorías.
Estudou e demostrou que dominar esas fortalezas determina o benestar persoal e que todas elas poden traballarse e desenvolverse ao longo da vida.

A actividade que che propoño vai sobre iso. Sobre mirar para dentro e pensar as fortalezas que xa tes, en que grado as tes, e cales che gustaría mellorar ou desenvolver en maior medida.
Para iso invítote a:
- Colle a táboa das fortalezas e valora cada unha das 24 do 0 ao 10, sendo 0  “non teño nada desenvolta esa fortaleza” a 10 “teño totalmente desenvolta esa fortaleza”.
-  Unha vez feita a primeira valoración escolle as 4 fortalezas con puntuación máis alta; se hai empate na valoración das fortalezas e hai máis de 4 coa mesma puntuación alta, debes volver reflexionar e volver valorar esas fortalezas, ata que finalmente só queden as 4 fortalezas máis valoradas.
Son esas as fortalezas coas que brillas no mundo?
Mostras esas fortalezas en todos os teus círculos? en cales as mostras máis?, en cales menos?
Hai algunha fortaleza que non estea entre as máis valoradas que che gustaría desenvolver máis?

Descubre as túas fortaleza e atrévete a brillar con elas no mundo, será a túa carta de presentación.



14.2.23

Amigo invisible polo día da amizade

Esta mañá, 14 de febreiro, chegou o gran momento da semana. Os emisarios de Cupido repartiron as cartas de amizade, un amor necesario para o benestar emocional. 

Houbo cousiñas lindas, debuxos, poemas, etc...

Promovendo a empatía para o un mundo máis xusto.

Máis fotos por aquí.

13.2.23

Gañadores de Aulas Limpas do mes de xaneiro: 2º ESO A


No mes de xaneiro a aula máis limpa e ordenada foi a 116, a de 2º ESO A. 

Destacou polo mobiliario ordenado, a recollida selectiva de papel, os caixóns das mesas ordenados e a disposición correcta de persianas e ventás. 

Estivo seguida moi de preto pola aula 101, a de 3º ESO PDC, que sempre está moi ordenada e limpa tamén. Este grupo destacou sobre todo pola recollida de pilas e rotuladores, ademais de ter sempre o mobiliario moi ordenado e as cadeiras sempre subidas ao final da mañá. 

A terceira mellor aula foi a 208, a de 4º ESO B2, na que os responsables de ter a aula limpa e recollida cumpren ben co seu cometido. 

Moitos parabéns! Seguide así!

Animamos aos demais a ser os próximos gañadores. Se cada persoa do grupo se encarga de que todo estea limpo e ordenado a vosa aula pode ser a mellor do próximo mes. 

10.2.23

Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

En plena semana dos afectos, contaremos na biblioteca do centro coa escritora Antía Yáñez. Aí foi onde Antía sendo nena medrou e iniciouse no mundo da escritura. Estará co alumnado de 1º ESO impartindo un obradoiro de escritura creativa.
 
Educando en valores.

9.2.23

Plan Director: O acoso escolar

O alumnado de 3º ESO participou no mes de febreiro nunha charla que ofreceu a Garda Civil sobre o acoso escolar. Nela, para empezar, proxectouse un vídeo onde se explicaba, de maneira resumida e clara, en que consiste esta forma de maltrato. 

A continuación, o axente encargado de impartir a charla, Héctor, que ademais de garda civil é psicólogo, presentou máis detalladamente en que se traduce o acoso escolar cunha serie de exemplos e definiu os principais conceptos que se relacionan con este tipo de violencia. Así, por exemplo, afondou no perfil do agresor e nos motivos que poden levar a alguén a acosar unha persoa. Segundo explicou o axente, unha das causas do acoso é a envexa cara a un compañeiro ou compañeira, o que pode motivar que se empece con agresións, tanto verbais como físicas. Isto, maiormente, acontece na adolescencia. Ademais, nesta etapa danse casos de mozos e mozas que sofren acoso escolar e que incluso poden chegar a suicidarse. 

Para finalizar, proxectouse outro vídeo onde se explicaba que, por moito que te machaquen ou te pisen, segues sendo unha persoa valiosa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Castro García - 3º ESO

8.2.23

Pílula sobre educación emocional: 14

Nova entrega dos mércores de Emocións: n°14
Cantas veces te sentaches a pensar en ti?, o que es…, o que fas ben…, o que lograches por ti mesma na vida…
Este mércores imos facelo debuxando “a nosa árbore”.
Colle unha folla de papel, ou unha cartolina e debuxa unha árbore. Ten que ter raíces, ramas e flores ou froitos.
Unha vez feito o debuxo da árbore complétao da seguinte maneira:
1. As raíces sempre sosteñen ás árbores, así que canto máis fortes sexan, mellor asentada estará e mellor poderá facer fronte aos fenómenos meteorolóxicos adversos que se dean ao longo da vida. E, por isto, nas raíces escribirás as virtudes que tes. Non uses frases, busca os termos adecuados. Douche algúns exemplos: reflexiv@, empátic@, paciente, voluntarios@, constante, etc…
2. Nas ramas recollerás todas esas actividades que fas ben (non as actividades que che gustan, senón as que se che dan realmente ben).  Se pensas que non hai nada que fagas ben pregunta ás persoas que te coñecen ben, elas poderán axudarche a descubrir todo iso que fas xenial. Pode ser dende cociñar, a escoitar, a redactar, debuxar, bailar, a organizar viaxes, etc.
3. Nos froitos ou flores recolle todos os logros acadados ata este momento, entendendo por logros aquilo que querías alcanzar e para o que te esforzaches, intentaches e lograches.
Unha vez debuxada a árbore pona nun lugar visible, tena presente e toma conciencia dela desa maneira; a medida que pase o tempo, cando descubras novas virtudes en ti ou outras cousas que fas ben, ou acades novos logros podes ir completando a túa árbore e desa forma poñer en valor todo o que forma parte de ti.

7.2.23

Acto de presentación do programa do I Día da Literatura Caboverdiana en Burela

Mañá mércores na biblioteca do IES Perdouro preséntase o programa do I Día da Literatura Caboverdiana. Ás 11:00h esperámosvos para explicarvos en que consistirán as actividades, preparadas principalmente pola profesora de Lingua portuguesa Vanesa Vilaverde. 

Estades convidados ao acto de presentación e axuntamos o cartel coas datas de febreiro e marzo nas que se desenvolverá o programa.

6.2.23

Traede todas as pilas que poidades. Remata o prazo do concurso Pilabot.

En todas as aulas debe haber unha caixa ou recipiente para depositar as pilas usadas. 

Durante esta semana recollede todas as pilas que poidades e vádeas depositando na caixa da aula. 

O venres 10 de febreiro, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levalas á entrada do edificio 1. A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado. 


Campaña de distribución de froita fresca

Durante 10 días repartirase froita fresca ao alumnado da ESO grazas ao programa de distribución de froitas frescas e castañas do Fondo Galego de Garantía Agraria. 

Esta axuda finánciase con fondos europeos. 

3.2.23

Entrega de premios do Campionato San Xoán Bosco 2023

O pasado xoves, Día da Candeloria, celebráronse as finais dos Campionatos San Xoán Bosco 2023 de fútbol e baloncesto no pavillón. Fixemos entrega de medallas, diplomas e premios aos campións e subcampións de cada modalidade na biblioteca e ao final das competicións en equipo no pavillón. O resultado foi o seguinte:

Xadrez 

  • 1° premio: Diego López Otero / 1º Bac A
  • 2° premio: Alexandre Cancio Rico / 2º ESO B

Damas 

  • 1° premio: Ramón Real González / 1º Bac B
  • 2° premio: Carlos Monteiro Lopes / 4º ESO B

Puzzle 

  • 1° premio: Félix Pérez Álvarez & Pablo Rivas Romo / 1º Bac B
  • 2° premio: Carmela Fernández García & Carla Paz Trelles  / 3º ESO A

Fútbol

  • 1° premio: Ciclo Básico de Fabricación Mecánica e de Servizos Administrativos
  • 2° premio: 1º ESO A

Baloncesto

  • 1° premio: 1º Bac A
  • 2° premio: 4º ESO A

Parabéns a todxs aqueles que participastes con deportividade nestes campionatos.  

Accede ao álbum de fotos dos medallistas AQUÍ. E se queres repasar todos os campionatos podes facelo AQUÍ.

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez, Cristian de Burela

O luns 30 de xaneiro, día escolar pola paz, celebramos un obradoiro de regueifa destinado ao alumnado de 1º de ESO. Contamos con grande Cristian de Burela, ex-alumno do centro, laureado en varios certames de regueifa e membro da comunidade Enregueifate que promove o certame do mesmo nome. O improvisador explicoulles que é unha regueifa e unha vez entendido o mecanismo, en seguida compuxeron coplas e houbo moita creatividade e diversión nas propostas.

Pode acceder á reportaxe de fotografías aquí.

1.2.23

Entrega de premios dos torneos de San Xoán Bosco de xadrez, damas e puzzles

Mañá xoves no recreo entregaranse os premios aos campións e subcampións de xadrez, damas e puzzles. 

O acto terá lugar ás 11:00h na biblioteca. 

Estades convidados!

Entrega de premios e finais de fútbol e baloncesto do torneo de San Xoán Bosco

Mañá xoves 2 de febreiro terán lugar as finais de fútbol e baloncesto do torneo de San Xoán Bosco 2023. 

A 4ª e a 5ª hora os grupos que pasaron á final disputarán os partidos no pavillón e os seus compañeiros de clase acompañaranos como público. Asemade o profesorado que teña clase a 4ª hora encargarase de levar o grupo co que está ao pavillón e o profesorado que teña clase co grupo a 5ª hora será o responsable de traelo de volta á aula. 

Se se necesita toda a 5ª hora para a entrega de premios collerase e se non fai falta na súa totalidade, volveremos ao centro para continuar coas clases normalmente. 

Pílula sobre educación emocional: 13

Este mércores empezamos a traballar o autocoñecemento.

Coñecernos a nós mesmos é o punto de partida para desenvolver unha boa autoestima, para acadar os nosos obxectivos e para lograr boas cotas de benestar.
En post futuros traballaremos de forma práctica o autocoñecemento, pero hoxe toca un pouco de teoría.
Sabes o que é 

  • a autoimaxe?
  • o autoconcepto?
  • a autoeficacia?
  • a autoestima?

Bótalle unha ollada ás súas definicións.

Estes conceptos entrelázanse pero non son exactamente o mesmo. Traballar cada un deles é valioso para desenvolver altos niveis de autoestima e axúdanos a mellorar a nosa autonomía emocional.

 





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...