Mostrar mensagens com a etiqueta dinamización. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta dinamización. Mostrar todas as mensagens

12.3.21

Acto festivo dos 21 días co galego e máis

Como actividade de peche desta edición do programa "21 días co galego e máis", o alumnado de 3º ESO xuntámonos nas pistas de deporte. 

Iniciamos o acto escoitando "Vento nas velas" que é a sintonía da edición deste ano, composta e cantada por Naomi Rey do IES Ramón Cabanillas de Cambados. Ademais de broche final, intentamos que este acto fose tamén unha unión por e para o galego e coa nosa cultura.
De seguido, escoitamos a dous dos nosos compañeiros interpretando no violín unha versión acústica de "Camariñas" para, a continuación, desfrutar da "Cantiga de Santa María" na voz doutro grupo de alumnas e alumnos de 3º. Como non hai dous sen tres, rematamos esta serie con outra interpretación do grupo de corda, a da cantiga popular "A saia da Carolina".
Seguidamente, un grupo de alumnos e profesores empezaron a inchar o fol das gaitas, colocaron o tamboril e o bombo mentres se escoitaban as ferreñas das pandeiretas para xuntos interpretar o pasodobre de Mallou e as rumbas da Buxaina e de Cuba. A actuación foi estupenda e, aínda que empezaron a caer unhas pingas de auga, non nos impediron bailar a todos xuntos ao son da muiñeira "Loliña".
Foi un remate fabuloso: como bos galegos, debaixo do barruzo, coa nosa música e cultura, para promocionar o uso da lingua e animar a xente que non é galega a coñecer o noso idioma, querelo e, por suposto, non ter medo a falalo, como ben dixo Natalia, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. 
 
Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

Carmen Fraga Posada - 3º ESO A

6.3.21

Saímos no Galicia por diante

Se non puideches escoitar a Eva, Daniel -alumnado de 1º de bacharelato- e a Miruca Parga - profesora de Galego- no programa de Galicia por diante do pasado xoves 4, podes oír a intervención despois do minuto 15'.

Falaron do universo literario de Antía Yáñez e reflexionaron sobre o impacto dos 21 días co galego e máis.
 

4.3.21

Encontro cos do "Dígocho eu!"

Os 21 días co galego e máis téñennos preparado un encontro en liña cos xornalistas do Dígocho eu! Esther Estévez & Carlos Amado & Rocío Pérez.

Será mañá venres a partir das 10h.


 

23.2.21

Día 2 - Repartimos camisetas dos 21 días co galego e máis

Hoxe fixo un día soleado ideal para facer unhas boas fotos. Os profesores de Lingua Galega están recollendo as primeiras reflexións.

Accede ao blog dos 21 días co galego e máis AQUÍ: Día 2 IES Lama de Abade, Santiago



22.2.21

Día 1 - 21 días co galego e + "Acto inaugural"

Hoxe 22 de febreiro de 2021 iniciamos os 21 días co galego e + e repartimos camisetas (ver aquí)

Este é un programa que pretende aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego así como a reflexión persoal sobre a relación que cada persoa ten co galego e co resto das linguas que coñece.

Ao longo de 21 días, no blog dos 21 días atoparemos propostas diversas para achegarnos ao galego e á súa cultura.

Somos máis de trinta profesores e profesoras do Perdouro de secundaria e ciclos formativos participando neste programa, un total de 280 alumnos e alumnas aproximadamente e contamos tamén co persoal non docente.

Esta mañá, asistimos ao acto inaugural dende a aula de 3º ESO A emitido por videoconferencia. Aínda que a conexión por momento non foi óptima, puidemos escoitar as palabras de ánimo de Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingca.) e de Víctor Freixanes (Presidente da Real Academia Galega). Pilar Ponte (Coordinadora dos 21 Días co galego) retounos a facer a seguinte reflexión:

REFLEXIÓN 1

Hoxe vas ter que realizar a túa primeira gravación de reflexión.

Lembra que, nestes vídeos que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise. Non necesitamos que nos contes o marabilloso que é o galego; ben o sabemos!

  •     Que usos fas ti habitualmente do galego?
  •     Que che parece a proposta dos 21 Días co Galego e +?
  •     Pensas que che será moi doado ou moi difícil para ti?
  •     Se non falas galego de forma cotiá. Veste capaz de chegar a falar 24 horas en galego desde o primeiro día?
  •     Cres que o lograrás antes do último día?
  •     Que reaccións percibiches entre o resto da túa clase ou na casa?
  •     Que pasos deches xa hoxe para seguires a proposta?
  •     Pensas ampliar progresivamente os usos ou tentas xa falar galego sempre?
  •     En que ámbitos (escola, amizade, familia, lecer…) ou con que tipo de persoas cres/sabes que che custará máis?
  •     Agora establece 3 retos concretos para o teu avance como galegofalante. Lembra que se ti xa es galegofalante os teus retos serán de que 3 maneiras lle vas axudar ao resto das túas compañeiras e compañeiros.

21.2.21

Atención: Imos comezar os 21 DÍAS CO GALEGO E MÁIS!

O luns, 22 de febreiro, comezamos os 21 DÍAS CO GALEGO E+.

O acto de inauguración terá lugar ás 10h30 e asistirán Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingca.), Víctor Freixanes (Presidente da Real Academia Galega), Pilar Ponte (Coordinadora dos 21 Días co galego) e todos os centros participantes.

A aula de 3º ESO A conectarase en directo en representación do IES Perdouro e acompañaránnos representantes do equipo directivo e do EDLG.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...