26.2.24

Curso AFD de Mecanizado por arranque de labra

Se es unha persoa desempregada e queres formarte, con este curso ampliarás as túas saídas profesionais podendo dedicarte ás construcións metálicas e a fabricación e reparación para o sector industrial, eólico e naval.

Contacta co centro para reservar a túa praza. 

Maratón de lectura do Día de Rosalía

Todo o alumnado de 2º ESO participou no maratón de lectura do Día de Rosalía organizado en colaboración do Concello de Burela. 

Aquí tedes as imaxes das rapazas e rapaces que leron de forma entusiasta poemas rosalianos durante 45 minutos seguidos. Coa coordinación do seu profesor, Noé Vázquez, o alumnado recitou algunhas das composicións intimistas, sociais e costumistas máis coñecidas da autora da que se conmemoraba o día do seu nacemento. 


21.2.24

Obradoiro de banda deseñada con Cristian F. Caruncho

O xoves 22 e o venres 23 de febreiro o alumnado de 1º ESO e o de 4º ESO de Proxecto Competencial participará nun obradoiro de banda deseñada impartido por Cristian F. Caruncho. 

Cristian Fojón Caruncho (Ortigueira, 1997) gañou a edición do ano 2011 do concurso de Banda Deseñada na Mariña convocado pola Asociación Cultural Os Matos e a biblioteca do IES Perdouro na categoría aberta. A obra gañadora foi a primeira parte de O home que liberou a fraga, a cal se incluíu na terceira revista Banda desexada. 

Recibiu, entre outros recoñecementos, o premio Carlos Casares-Kristina Berg en 2020 e o premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña en 2023. 

Este historietista, faneditor e ilustrador ten publicado xa numerosas obras de banda deseñada e participado en campañas gráficas e clips musicais


AULAS LIMPAS e CONCURSO PILABOT

A mellor aula de decembro e xaneiro foi a 204. O alumnado de 4º ESO B destacou por manter a orde e a limpeza na clase. Tamén tivo especial coidado en apagar ordenador e proxector, ventilar, colocar as persianas na posición correcta e, sobre todo, recolleu material escolar gastado e pilas. 

Recordamos que estamos participando no concurso PILABOT e que temos de prazo ata o 25 DE MARZO para recoller o máximo número de pilas que poidamos. A partir dese día virán pesar e recoller os colectores de pilas. Por favor, TRAEDE TODAS AS QUE POIDADES CONSEGUIR. 

Parabéns para o grupo gañador e moito ánimo para os restantes. Se cada membro da comunidade educativa colabora en non tirar lixo e ordenar, o centro será un lugar máis agradable para todos. Aínda estades a tempo de conseguir o premio final!

20.2.24

Teatro, visita a El Progreso e ao Museo Provincial de Lugo

Este mércores, 17 de xaneiro, todo o alumnado de 3º ESO realizamos unha saída á capital da nosa provincia, Lugo. 

Primeiro asistimos ao auditorio Gustavo Freire, onde puidemos gozar da obra de teatro Entre pasos y zancadas interpretada pola produtora MIC producciones. Foi unha representación de tres obras do século XVI: dous pasos de Lope de Rueda (A terra de Jauja e As Olivas) e un entremés de Cervantes (O vello celoso). 

Tras o espectáculo puidemos interactuar cos actores e resolver as nosas dúbidas sobre a obra ou sobre a súa profesión. Máis tarde, fixemos outra parada no diario El Progreso onde nos explicaron o proceso de elaboración do periódico, dende a redacción ata a impresión do mesmo. Tamén nos falaron sobre a historia dos xornais. Posteriormente, fixemos un percorrido polas súas instalacións, onde puidemos ver toda a maquinaria que se emprega diariamente para a súa impresión. 

Tras facer unha breve parada para xantar nas Termas, continuamos a nosa viaxe cara ao Museo Provincial de Lugo. Alí explicáronnos datos sobre a Idade dos Metais, vimos algúns mosaicos e tamén entramos nunha sala dedicada a unha colección de torques atopados en Galicia, entre eles o de Burela. Finalmente, observamos unha colección de retratos e autorretratos. 

Ata aquí a nosa saída! 

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Noa Burgos Pernas - 3º ESO A

Visita do xornalista Marco Pereira

O día 8 de febreiro tivemos unha grata sorpresa: visitounos Marco Pereira Oliveira, un home de 30 anos de idade que padece unha minusvalía visual desde que naceu e que o deixou cego. 

Nacido no concello de Xove, estudou o ensino primario e secundario en Xove, o bacharelato en San Cibrao e o ciclo superior de Administración e Finanzas no IES Perdouro. Titulado en Xornalismo pola Universidade de Santiago, agora está ampliando estudos a través dun Mestrado en Comunicación. 

Desde 2016 dirixe un programa radiofónico de contidos musicais: o Grandes Vozes. O alumnado de 1º de ESO participou activamente no coloquio e posteriormente fixemos exposicións escritas sobre a actividade. 

En conxunto, coincidimos nas nosas valoracións. Para Luís Méndez "Marco é unha persoa que ten moito mérito; é un exemplo a seguir. A pesar de que padece un glaucoma que case non lle deixa ver, foi capaz de completar os estudos e é capaz de levar unha vida case normal, sen renderse nunca". 

Pola súa parte, a Andrea Maseda o que máis a sorprendeu foi que "xa nacera cego e que lograse obter o título de Bacharelato en catro anos". Outros compañeiros e compañeiras fixéronse máis na aplicación do programa "Voice over", na sesión práctica sobre o código braille e mesmo na súa oratoria brillante. 

Adrián Piqueras / Raúl Neira - 1º ESO A

14.2.24

Semana dos afectos igualitarios

AVISO ESPECIAL: Ábrese o servizo postal para enviar cartas de agarimo a quen queiras, compañeirxs, noivxs, profesores, persoal non docente. 

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas a semana pasada para avisar que o seu servizo de mensaxería estará operativo a partir do xoves 15. 

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o nome completo do/a destinatario/a e o seu curso e envíao nun sobre.

Poderanse dirixir as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 19 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

9.2.24

Entroido 2024

O venres 9 de febreiro celebramos o festival de Entroido. Pasou o temporal e a choiva permitiunos rematar as actuacións. 

Puxestes moita ilusión e creatividade neste festival. Foi un bo traballo de coordinación entre os grupos tanto para a coreografía como para os disfraces e decorados. 

AQUÍ tedes as imaxes dun gran día!

Os gañadores foron: 


5.2.24

Premio na Olimpíada Informática Galega para Hugo Gorgojo

Hugo Gorgojo Basanta, alumno de 1º de Bacharelato A, conseguiu quedar no 4º posto na Olimpíada Informática Galega despois de superar os seis retos que a organización propoñía. Foi só cuestión dun segundo que o seu programa non fora tan rápido como desexaba. 

É un posto supermeritorio, Hugo. Transmitímosche os nosos parabéns!



Preparando o festival de Entroido

O venres 9 de febreiro celebraremos o Entroido no Perdouro. 

Vade ensaiando as vosas coreografías e entregando a música para que todo estea preparado para as actuacións. 

Participarán 15 grupos de alumnado, 2 participantes individuais e un grupo de profesorado. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...