30.6.22

Visita a Sargadelos

O venres 10 de xuño o alumnado de 4º da ESO e parte do alumnado de 1º de Bacharelato fixemos unha viaxe á antiga e á nova fábrica de Sargadelos. A nosa primeira parada foi no conxunto histórico-artístico de Sargadelos, onde se atopan os restos da antiga fábrica de Sargadelos, fundada por Antonio Raimundo Ibáñez. Ibáñez quería fundar unha fábrica siderúrxica, unha cerámica, unha téxtil e unha de vidro en Sargadelos, pero só levou a cabo as dúas primeiras. 

Logo, seguimos o curso do río ata parar na presa, que proporcionaba a suficiente enerxía hidráulica para facer que a fábrica funcionase. Logo de ir polo Paseo dos Namorados, fomos ata a Casa da Administración. Alí explicáronnos que diante desta encontrábanse uns talleres, que grazas á forza do río, podíase moldear de maneira sinxela o ferro. Na Casa da Administración era onde se encontraba a sede da fábrica. Esta fábrica tivo que cerrar en 1875 debido á incapacidade para adaptarse ós novos cambios tecnolóxicos. Uns anos más tarde, grazas ó río, tamén houbo alí unha fábrica hidroeléctrica, iniciada polo empresario burelense Cucurny. Dita fábrica administraba electricidade a todo Cervo.  

Tras a explicación, chegamos andando ata a fábrica de cerámica de Sargadelos. Alí, dividímonos en tres grupos para ver o museo e o proceso produtivo. No museo recibiunos unha guía que foi a encargada de explicarnos todo o que podiamos encontrar nas diferentes salas. Xusto ao entrar, explicáronnos un pouco a cronoloxía desta industria e puidemos apreciar diferentes tipos de cerámicas existentes na época e comparalas coa de Sargadelos. Despois dirixímonos á biblioteca, onde puidemos atopar un mapa xigante de Galicia trazado a man por Domingo Fontán ademais de diferentes libros dunha editorial propia. A visita continuou cunha explicación de todos os diferentes tipos de cerámica que se fixeron ao longo da historia en Sargadelos e finalmente puidemos entrar no que fora a habitación de Antonio Raimundo Ibáñez e observar os mobles conservados. 

Finalmente, e tras un breve descanso, fixemos unha visita guiada pola fábrica de cerámica de Sargadelos, onde puidemos ver e entender o proceso de fabricación destas pezas dende o comezo ata o resultado final. Explicáronnos algunhas das técnicas que empregan, así como as dificultades de incorporar a cor vermella á cerámica, necesitando una capa a maiores. Alí fabrican pezas de todos os tamaños e formas, cunhas cores e patróns que fan á cerámica de Sargadelos unha das máis singulares e recoñecidas a nivel mundial.

Irene Basanta, Noa Saa e Lin Vizoso - 1º Bacharelato

Pódese acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

28.6.22

Celebramos o premio de Aulas Limpas nun parque de aventura

O luns 27 de xuño o alumnado de 2º ESO B puido desfrutar dun premio ben merecido despois de manter limpa e ordenada a súa aula durante todo o curso. 

Percorreron os circuítos do parque de aventuras localizado en San Roque, en Viveiro. Os máis rápidos e ousados foron quen de rematar os catro circuítos do parque cruzando complicadas pontes e deslizándose en divertidas tirolinas. 

Podedes ver as fotos AQUÍ

26.6.22

Visita a Lugo do alumnado de Cultura clásica e Latín

O pasado 10 de xuño, os alumnos de Cultura Clásica e Latín, acompañados das profesoras Efigenia e Sonia, fixeron unha saída a Lugo para visitar diferentes museos: o Centro Arqueolóxico San Roque –onde vimos restos de tumbas de época romana-, a Casa dos Mosaicos –na que comprobamos como era unha domus romana-, a Sala de Exposicións Porta Miñá –onde vimos distintos restos arqueolóxicos sobre o Lugo romano– e o Museo Provincial –no que nos fixeron un percorrido polas salas máis interesantes como, por exemplo, a sala de Sargadelos ou a sala de ourivaría, na que puidemos contemplar o noso Torque de Burela. Tamén paseamos por parte da muralla e polo centro da cidade e contemplamos as distintas recreacións da época romana de Lugo a través da festa do Arde Lucus. 

Foi un día entretido e moi divertido!
Efigenia Maseda e Sonia Rey

Podedes acceder ás fotos AQUÍ

23.6.22

Premio Aulas Limpas: a Aula Magnífica foi a de 2º ESO B

Neste curso 2021-22 o grupo que mantivo máis ordenada e limpa a súa aula foi 2º ESO B. 

Conseguiu: 

  • manter o chan, o encerado e o mobiliario limpos, 
  • os caixóns das mesas e os andeis da aula ordenados,
  • o ordenador, o proxector e as luces apagadas ao final da xornada, 
  • as cadeiras subidas a última hora, 
  • o taboleiro da clase organizado. 
Daba gusto entrar na aula; estaba todo impecable. 

Polo voso traballo constante ao longo do curso conseguistes a puntuación máis alta e teredes o voso premio o luns 27 de xuño. Vades pasar unha xornada lúdica ao parque de aventuras de San Roque en Viveiro. Parabéns! Esperamos que o pasedes moi ben! 

Felicitamos a 3º ESO A, 2º ESO A e 3º ESO B, que tamén o fixeron xenial!

Moitas grazas aos titores e profesorado que fixeron que Aulas Limpas servira para que os rapaces se preocuparan por manter a orde e a limpeza. 

22.6.22

E conseguimos as mil grúas!!!


Parabéns, equipazo do Perdouro!!

Moitas grazas a todo o alumnado, profesorado e persoal non docente que colaborou para conseguir facer mil grúas de papel!

A proposta partiu de Sergio, representante do alumnado no Consello Escolar. E puxémonos mans á obra. Ao principio tiñamos que ir vendo un videotitorial, pero fomos collendo soltura e conseguimos facer 

MÁIS DE 1000!

Esperamos que o desexo se cumpra! Esperamos que gañe a esperanza!

Fixémolo por esa persoa que loita e quere saír adiante e, con este xesto, queremos animar tamén ao resto do noso alumnado que ten algún familiar cunha enfermidade grave. Aquí estamos para escoitalos, para ter en conta as súas emocións e para apoialos no que poidamos. 

Agora, tócavos descansar. Que sexades moi felices no verán!!

Podedes ver máis fotos AQUÍ

21.6.22

Acto de presentación do nosa revista Maruxía 28 e entrega de premios

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 28 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Hoxe, 21 de xuño, celébrase o 40 aniversario do día europeo da música mais tamén celebramos a nosa festa anual das letras: a presentación da revista escolar Maruxía. Para abrir e clausurar o acto, Gabriela, Nerea, Roi e Samuel, músicos de 4º de ESO, deleitáronnos cunha actuación musical da súa elección.  A continuación, Simón Chao, Paula López M. e Félix Pérez, alumnado de 4º de ESO TIC, conduciron o acto e encargáronse de explicar como tiveron que traballar en equipo para poder sacar adiante unha nova edición da revista. Nela recóllense unha mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro así como os premios do XV Concurso de relato curto e poesía e do XIII Concurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos".

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos; Antón Niñe, presidente honorífico, e Natalia Irimia, coordinadora do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Jairo Vivero Varela  de 1º de ESO (portada) e Ana Lestao Ben de 2º ESO (contraportada)

Accede á reportaxe AQUÍ.


Presentación dos resultados do programa "Educando na sostibilidade" da UDC e Fundación Alcoa

Onte, luns 20 de xuño de 2022, presentáronse no centro os resulados do programa "Educando para a Sostibilidade’ que a Vicerrectoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu este curso 2021-22 co patrocinio de Fundación Alcoa, ampliando a súa cobertura a centros educativos da Mariña lucense. 

No acto, ao que asistiron alumnos e persoal docente, interviñeron o director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Manuel Soto Castiñeira; o director da planta de aluminio de San Ciprián, Manuel Fernández Alonso en representación de Alcoa e Fundación Alcoa, e a directora do IES, María José Pardiñas. 

Durante o curso 2021-2022, o programa ‘Educando para a sostibilidade’ excedeu os límites do campus universitario coa organización de 15 novos talleres en 6 centros educativos no marco do proxecto 'Mariña Ambiental UDC - Fundación Alcoa'. Grazas a unha dotación económica de Fundación Alcoa de 49.800 dólares, os ciclos contaron con máis de 400 beneficiarios directos dos centros CEIP Castro de Ouro (Alfoz), CEIP Cervo (Cervo), CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), CPR Plurilingüe Martínez Otero (Foz), IES Enrique Murais (A Pontenova) e IES Perdouro (Burela). 

Os talleres, eminentemente prácticos, baseáronse nun triplo eixo estratéxico para a xestión sostible dos residuos, a auga e a enerxía. Ademais, o asesoramento científico e técnico do programa, así como o apoio económico, permitiron a implicación especial de tres centros: o IES Enrique Muruais, que instalará un sistema de recollida selectiva de residuos intracentro; o CPR Plurilingüe Martínez Otero, que mellorará unha zona de compostaxe e un proxecto sobre eficiencia enerxética preexistentes; e o IES Perdouro, que implantará unha zona de compostaxe xunto a equipos complementarios para que toda a comunidade educativa poida practicar a recollida selectiva de residuos orgánicos e producir un abono de alta calidade. 

Pódese acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

20.6.22

Proxecto interdisciplinar

O alumnado de 4º da ESO confeccionou uns taboleiros de xogo construíndo e programando un robot dende cero así como as estratexias do xogo. 
O alumnado de Tecnoloxía encargouse do deseño, impresión, programación, cableado dos robots. 
O alumnado de Francés ideou as estratexias dalgúns taboleiros retando o robot a desprazarse polo taboleiro, a parar diante dun obstáculo e mesmo a bailar cando o xogo llo requiría. As tarxetas dos xogos están redactadas en varios idiomas: galego, castelán e francés.
Seguindo co traballo interdisciplinar, en Matemáticas, en Bioloxía, en Xeografía e en TIC, axudaron na creación das misións dos taboleiros para avaliar os coñecementos nestes campos. O departamento de Lingua Galega colaborou na revisión lingüística.

Foron moitos días de traballo en equipo con reparto de tarefas e respectando os prazos para que finalmente todo saíra listo para a súa divulgación na I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro celebrada nos días 14 e 15 de xuño. Foi todo un éxito. Pasaron polas mesas de xogo o alumnado de ESO e de 6º de primaria e foron quenes - non sempre - de completar o xogo.

Se queres ver o proceso, accede aquí á reportaxe fotográfica.  

Artigo publicado na Revista escolar Maruxía 28.


19.6.22

Coñece a FP da Mariña

O luns 20 de xuño de 10:00 a 14:00h celébranse unhas xornadas en Ribadeo para dar a coñecer a oferta educativa de Formación Profesional na Mariña. 

Consulta o díptico para ver o programa da mañá e os centros participantes

O IES Perdouro asistirá con mostras de todas as súas familias profesionais. 

17.6.22

Parabéns polo 100% de aprobados nas ABAU

Un ano máis o 100% do alumnado de 2º de Bacharelato que realizou a proba para acceder á universidade logrou superala con éxito. 

Todo o equipo de profesorado se mostrou moi satisfeito porque ademais do anterior, unha das nosas alumnas, Eva Blanco Ferreiro, asistirá ao acto de recoñecemento aos mellores expedientes de Galicia. Á parte disto, sete persoas de entre o noso alumnado obtiveron cualificacións superiores ao 12. 

Como centro, estamos 2.177 puntos por encima da media de Galicia na fase Xeral. 

Queremos felicitar publicamente o noso alumnado e o noso profesorado polo esforzo realizado este curso para obter estes meritorios resultados.

Maruxía nº 28 lista para a súa impresión

O equipo de maquetación de Maruxía composto polo alumnado de 4º de ESO TIC e liderado por Natalia Irimia rematou o número 28 da revista. Xa está na imprenta tras a revisión feita coa axuda do alumnado de Comunicación do Ciclo Medio de Xestión Administrativa.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro Martes 21 de xuño ás 10:10h na biblioteca.

16.6.22

Iª edición de TecnoCienciArte: grazas pola vosa participación

Acabou a primeira edición de Tecnocienciarte e queremos agradecervos o voso esforzo. 

O papel do numeroso alumando que explicou o seu traballo aos compañeiros estivo á altura. Expuxeron con moita claridade os seus proxectos e pensamos que os visitantes se divertiron e aprenderon. 

Cremos que foi unha boa experiencia e que é moi positivo para todos os departamentos poder sacar fóra da aula o resultado do seu labor durante o curso. O profesorado expositor acertou plenamente nos poñentes, sobre todo nalgúns, e o resto de profes tamén fixeron unha gran tarefa vixiando os grupos e repartíndoos para que todo funcionase sen acumulacións nas mesas. 

Intentaremos repetir a experiencia e mellorala tendo en conta as suxestións que fostes facendo. 

Podedes ver imaxes destes días AQUÍ


15.6.22

Visita do alumnado de 6º de EP do CEIP Virxe do Carme

O mércores 15 de xuño visitounos o alumnado de 6º de EP do CEIP Virxe do Carme. Foi recibido na biblioteca pola directora, Mª José Pardiñas, e polo xefe de estudos, Toni Galdo. Tiveron oportunidade de ver as instalacións do centro e de pasar por Tecnocienciarte, feira de tecnoloxía, ciencia e arte, que se celebrou estes días no IES Perdouro. Alí puideron conversar co alumnado da ESO e de Ciclos Formativos que lles explicaron os proxectos nos que estiveron traballando neste curso. 

Esperamos que lles gustara o centro e que desfrutaran moito da visita!

Podedes ver máis fotos AQUÍ





12.6.22

Escape room do Club de Ciencia do IES Perdouro

O mércores 8 e o xoves 9 de xuño o alumnado de 1º, 2º e 3º ESO puido desfrutar dunha actividade de Escape Room. Tiveron que resolver varias probas para poder salvar o mundo como lles pedía unha doutora nunha mensaxe inicial na que lles encomendaba a misión de buscar as chaves para saír da sala na que se atopaban antes de que todo voara polos aires. 

Para a caracterización das personaxes, o Club de Ciencia contou coa axuda do departamento de Imaxe Persoal. 

Foi unha divertidísima actividade da que teremos en breve unha crónica máis pormenorizada. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ


Grupo gañador de Aulas Limpas no mes de maio: 3º ESO A

A aula gañadora no mes de maio foi a 119, a do grupo de 3º ESO A. Este mes a aula estivo perfecta: sen un só papel no chan, co mobiliario moi ordenado, cos caixóns ben organizados, coas persianas e as cadeiras colocadas da forma correcta ao final da xornada... Daba gusto vela!! Moitos parabéns para 3º ESO A e para o profesorado que contribuíu a manter a limpeza e a orde!

Felicitamos tamén a 2º ESO B, que quedou no segundo posto mantendo a súa liña constante de organización e pulcritude. E en hora boa ao grupo de 4º ESO B2, que quedaron no terceiro posto este mes, logrando ter o laboratorio de Física e Química máis limpo e ordenado. 

Parabéns, rapaces!!

I Feira de Tecnoloxía, Ciencia e Arte: Tecnocienciarte

O martes 14 e o mércores 15 de xuño terá lugar a I Feira de Tecnoloxía, Ciencia e Arte do IES Perdouro. 

Tecnocienciarte pretende visibilizar o moito traballo que o alumnado e o profesorado desenvolven ao longo dun curso. Ten como obxectivo mostrar o resultado de traballar de forma interdisciplinar e por proxectos. Ademais, a mesma exposición dos proxectos serve tamén de aprendizaxe. Queremos que a tecnoloxía, a ciencia, a arte (e, por suposto, a lingua) saian das aulas e que coñezades as distintas experiencias explicadas polos seus propios artífices. 

Este é o horario de visitas da I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro. 

Haberá 11 mesas expositoras nas que o alumnado mostrará máis de 25 traballos repartidos por departamentos: 

  • Mesas 1, 2 e 3: Dpto. de Tecnoloxía e Dpto. de Francés
  • Mesa 4: Dpto. de Electrónica 
  • Mesa 5: Dpto. de Imaxe persoal 
  • Mesa 6: Dpto. de Lingua e Lit. galega/PT 
  • Mesa 7: Dpto. de Lingua e Lit. galega 
  • Mesa 8: Dpto. de Plástica 
  • Mesa 9: Dpto. de Administrativo 
  • Mesa 10: Dpto. de Historia 
  • Mesa 11: Dpto. de Bioloxía


11.6.22

Construbot_Comeza a partida

En francés, a raíz do éxito televisivo e tirón da serie Lupín en Netflix, estivemos lendo unha versión adaptada das aventuras de Arsène Lupin e xogamos a un escape game da casa de edición francesa Marabout que nos serviu de inspiración para confeccionar as estratexias de 5 xogos bilingües de mesa articulados con robots preprogramados polo alumnado de tecnoloxía.

Tendo en conta os éxitos nas pantallas, o alumnado escolleu aventuras e persoeiros próximo ao seu recente mundo da infancia para elaborar os xogos de mesa.

Así pois a primeira elección foi as aventuras dun polo moi coñecido e algo desafortunado, Calimero. Máis para ir avanzando no xogo, había que resolver retos: compoñer quebracabezas, adiviñas, cálculo e unhas cantas preguntas sobre os tipos de mamíferos.

A segunda escolla, foi Xulio Vernes, autor de moitas das mellores aventuras. O libro escollido foi A volta ao mundo en 80 días para medir os coñecementos en xeografía e astucia dos xogadores. Houbo que lembrar o debuxo animado de Willy Fog e ler a versión adaptada do libro para idear as misións do xogo.

Outro xogo máis exótico inspirouse dun debuxo animado de Disney. O protagonista ía ser Stitch. Nos retos e enigmas para pasar de etapa había que saber idiomas, nomes de froitas e verduras, matemática e ter astucia e enxeño.

Un xogo polo que todos pasaron de novo é Super Mario. Neste taboleiro, Gomba, un fungo inimigo de Mario, está en busca da princesa. Gomba ten que ir levantando tarxetas para tratar de conseguir obxecos que lle permitirá seguir ou non o xogo.

Finalmente, o circo foi outro mundo que non podía faltar. O mono "patillo" tiña como misión atopar os plátanos agochados. Para iso tivo que seguir unhas pistas e descifrar enigmas: adiviñas, código morse, etc....

Como traballamos despois de acordar os equipos de traballo:
1º) Idear un mínimo de 5 retos / adiviñas / pistas / recompensas sobre o tema escollido: granxa, planisferio, illa deserta, circuíto, circo.
2º) Definir a situación de partida e o propósito/misión do xogo, e o premio final.
3º) Definir a puntuación: ganar puntos e/ou perder puntos.
4º) Crear as tarxetas do xogo: tarxetas narrativas, tarxetas pistas/falsas pistas, tarxetas recompensa, tarxeta retos/enigmas. O alumnado deseño as tarxetas en Canva cunhas medidas especiais que logo montaron nun documento odt para a súa impresión a dobre cara.
5º) Deseñar e fabricar o taboleiro nunha cartolina con elementos impresos en papel e plastificados. Algúns taboleiros teñen elementos 3D para que pare o robot e poñer a proba os seus sensores. O alumnado tivo que buscar por internet os debuxos que ía utilizar para ambientar o seu taboleiro. Tivo que escoller imaxes dunha certa calidade de resolución e redimensionalas á escala da súa impresión.

O alumnado ademais de ser competente en linguas (Francés, Galego e Castelán) tivo que empregar as TIC para a elaboración do material dos taboleiros e botar man dos seus coñecementos en cálculo, xeografía, bioloxía e cultura xeral para redactar as enigmas e adiviñas. Evidentemente demostraron moita creatividade tanto no deseño do taboleiro e tarxetas como na redacción das narracións de cada taboleiro.

Antes do último reto colectivo, estivemos xogando aos xogos dos compañeiros/as para probar que todo funcionarse e/ou corrixir algunha proba algo difícil de resolver.

Finalmente, chegará o gran día da Feira TecnoCienciArte. O alumnado de Francés será o mestre do xogo e poñerá a proba aos seus compañeiros de ESO.

Parabéns polo segundo premio en Generación ECO

O IES Perdouro é merecedor do segundo premio de Generación ECO de Galicia, tras responder aos nove retos que a entidade sen ánimo de lucro Ecovidrio colgou na súa páxina web. Segundo os seus datos, o IES Perdouro é un 74,46 % eficiente, fomos quen de evitar a emisión de 7529,16 Kg de CO2 e aforramos 2629,91 litros de auga, o que permitiu ese segundo posto con 395 puntos. Este premio foi posible grazas á implicación de todo o instituto, xa que os diferentes Departamentos e o alumnado de ESO, Bach, FP Básica e Ciclos puxeron o seu gran de area de moi diversas maneiras: 
• O noso alumnado de 4º ESO fixo murais con materiais reciclados para concienciar sobre a crecente ameaza dos microplásticos. 
• Demos instrucións ao alumnado para evitar o emprego de materias que xeren microplásticos para a celebración do Samaín. 
• Realizamos diversas gravacións de audios co alumnado de 4º ESO e 2º Bach para o programa Proxecto Neo (de Radio Burela); unha delas, por exemplo, foron as propostas medioambientais para os gobernos local, autonómico e estatal. 
• Estas propostas continuaron coa posterior visita ao noso centro de Alfredo Llano, Alcalde de Burela, ao que o noso alumnado de 3º ESO solicitou a creación dun carril-bici. 
• Colaboramos como centro educativo na recollida de roupa e xoguetes para os nenos e nenas de Cabo Verde. 
• O alumnado de FPBásica de Fabricación e Montaxe e o Ciclo Medio de Mecanizado deseñaron unha Árbore do Nadal, que foi cuberta con adornos feitos polo alumnado de 2º ESO de Relixión, 3º ESO de Matemáticas, 4º ESO de EPeV e 4º ESO de Tecnoloxía; e meses despois, démoslle un novo uso, como Árbore da Diversidade no Día Mundial contra a LGTBIfobia. 
• Organizamos un Concurso de Decoración das portas do Nadal (con materiais reciclables), outro de Aulas Limpas. 
• Participamos no Concurso Pilabot, no que recollimos arredor de media tonelada de pilas. Tamén no certame artístico #EuSonPilabot, con moi bo resultado. • Xa aparecemos como punto de recollida de material de escritura usado. 
• A Oficina de Medio Ambiente da UDC realizou co noso alumnado de 1º ESO un Obradoiro de Compostaxe, e co de 1º Bach, unha Auditoría Ambiental dos residuos do noso centro. 
• O alumnado de FPBásica elaborou etiquetas que permiten identificar que restos van nos distintos colectores para as súas casas. 
• Potenciamos a diminución do emprego dos coches, e animamos ao emprego de bicicletas ou mesmo a camiñar para vir ao instituto, a toda a comunidade educativa. Nunha das iniciativas, o alumnado de FPBásica de Administrativo dunhas fichas para compartir coche de xeito gratuito. 
• Implicamos ao noso alumnado de diferentes cursos para a medición de parámetros do noso acuario (pH, nitratos, fosfatos), para medir a calidade da auga. 
• O alumnado de 1º ESO elaborou unha guía de receitas de aproveitamento culinario para reducir os residuos. • O alumnado de 2º PMAR realizou un lapbook de 7 árbores do noso patio, para describir a súa evolución ao longo do ano. Paralelamente, o de 4º ESO realizou un álbum botánico dalgunhas das plantas do instituto. 
• Para traballo sobre o vídeo de QuantumFracture sobre o Compromiso2030, tivemos a participación de alumnado de 4º ESO e 3º PMAR. 
• Pasamos enquisas sobre diversos parámetros medioambientais. 
• Finalmente, o inicio dunha horta escolar, que foi aproveitado de diversas formas: 
◦ As plantas aromáticas foron aproveitadas no Ciclo de Peiteado e Cosmética Capilar; e polo alumnado de 2º PMAR, que fixeron un glosario.
◦ O Departamento de Mecanizado instalou un depósito conectado ao canalón máis próximo á nosa horta, para aproveitar o auga da chuvia.

O premio que gañamos consiste precisamente en materiais para un horto educativo (mesas de cultivo de madeira tratada. substrato ecolóxico, regadeiras, palas, xogo de ferramentas, canas de bambú, anciño, sementes, compostadora e aireador de compost). Non temos dúbida de que esta mellora do horto servirá para poñer en práctica nos vindeiros cursos moitos outros proxectos educativos. Finalmente, queremos enviar dúas felicitacións: 

• Primeiro, á TODA a nosa comunidade educativa, pola participación como equipo para a consecución destes retos, dos que nos estivo informando a nosa profesora de Bioloxía e Xeoloxía Charo Fernández. 

• Segundo, a todos os centros educativos participantes, non só aos outros gañadores galegos, o do primeiro premio, o IES Xograr Afonso Gómez (Sarria); e o do terceiro, o CPI Arquitecto Palacios (Nigrán), senón a todos os centros participantes nos concursos de Galicia, Andalucía e a Comunidade de Madrid, porque estes retos contribúen a crear nas futuras xeracións unha conciencia ecolóxica máis que necesaria. 

Deixamos aquí a ligazón aos nosos 9 retos:


Podes acceder a algunhas das fotos AQUÍ

8.6.22

Lapbook : As árbores do IES Perdouro

Se queredes aproximarvos ás arbores que se encontran no recinto escolar, o alumnado de 2º ESO PMAR  estivo observándoas durante todo o curso e facendo un traballo de campo da evolución das árbores segundo ás estacións do ano. Aquí tedes en formato lapbook o resultado: AQUÍ

Cada un dos sete alumnos escolleu unha árbore e observouna como mínimo unha vez ao mes. Nese momento, fixeron unha foto e foron vendo como a árbore cambiou coas estacións.

Os obxectivos desta actividade eran:
- Coñecer nomes de árbores.
- Comprobar os cambios que se van producindo neles ao longo dos meses.
- Constatar se teñen algunha peculiaridade ou enfermidade para saber como coidalos.
- Coñecer as utilidades de cada árbore: froiteira, forestal, ornamental...
- Relacionarse co contorno natural.

Con todos os datos recollidos, o alumnado elaborou un lapbook cunha descrición da árbore, explicando como cambiaron as súas follas, flores, froitos, etc. Pegou as imaxes tomadas desde o mes de setembro ata o mes de abril e pegou tamén no traballo follas ou elementos recollidos das árbores, como as cocas ou bugallas que lle saen ao carballo e que non son froitos senón protuberancias esféricas creadas por un insecto.

O alumnado tivo oportunidade incluso de probar os froitos dalgunha das árbores, como o castiñeiro ou o albedro (arbutus unedo). Deste último nunca probaran os froitos.

7.6.22

Taller de técnicas de decoración de uñas con esmaltado permanente

O martes 7 de xuño o alumnado de 1º e 2º do CM de Peiteado e Cosmética Capilar recibiu formación sobre decoración de uñas con esmaltado permanente en horario intensivo de 8:30 a 18:30h, cunha parada entre as 14:00 e as 16:00h. 

A poñente Alessandra Costa da empresa Arte Uñas de Ribadeo ensinou ao alumnado distintas técnicas decorativas con esmaltado permanente, semipermanente, xeles e acrílicos estimulando a súa capacidade creativa: 

a) stamping: aplicación de deseños a través de moldes. 

b) xel-paint a man alzada inspirándose na elaboración de elementos florais e da natureza (creación de bolboretas, animal print etc). 

c) técnica de nivelación con xel. 

Ampliaremos a información coa crónica do propio alumnado. 

Podedes acceder ao álbum AQUÍ


3.6.22

Premios de Edutec Emprende ás ideas innovadoras

Esta semana entregáronse os premios ás ideas innovadoras do proxecto Edutec Emprende do Departamento de Economía. 

O primeiro premio foi para Alejandro Fernández de 1º de Bacharelato pola súa idea "reloxo intelixente". Consistía nun espertador con sensores que se asegura de que realmente te levantas da cama. 

O segundo premio foi para Lin Vizoso de 1º de Bacharelato co seu "ximnasio futurista" con todo tipo de aparellos innovadores para realizar exercicio físico. 

E o terceiro premio foi para Iria Jacomé pola súa idea "carro calculador", que consistía nun cuarto pregable que se pode transportar e ao que se lle pode cambiar facilmente a decoración. 

Parabéns!! Que as vosas ideas vos fagan emprender un fermoso camiño!!



Felices festas Burela



1.6.22

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos:

XV Concurso literario da As. Cultural Os Matos

RELATO CURTO, Tema "Cara a un planeta mellor"

Categoría 1º e 2º ESO:
  • 1º premio: Ana Lestao Ben (2ºA)
Categoría 3º e 4º ESO:
  • 1º premio: Iria Calveche Barranco (4ºA)

POESÍA: Tema "O poder da palabra"

Categoría 1º ESO:

  • 1º premio: Sergio Gómez Couto (1ºB)
  • 2º premio: Julia Martínez Casas (1ºB)

Categoría 2º ESO:

  • 1º premio: Elian Sanches Tavares (2ºD)
  • 2º premio: Ana Lestao Ben  (2ºA)

 Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Iria Calveche Barranco (4ºA)

XIII Concurso de Imaxe da As. Cultural Os Matos - Tema "Cara a un planeta mellor"

Categoría 1º ESO:
  • 1º premio: Julia Martínez Casas (1ºB)
Categoría 2º ESO:
  • 1º premio: Carla Paz Trelles (2ºC)
  • 2º premio: Ana Lestao Ben (2ºA)
Categoría 3º ESO:
  • 1º premio: Shiva Eliska Alinda Nurhakim (3ºB)


 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...