27.12.16

Entrevista en Proxecto Neo

22-12-2016 PARTICIPACIÓN DO GRUPO MARUXÍA DO CONCURSO “ESCOLA DE PRENSA EL PROGRESO” EN PROXECTO NEO, PROGRAMA ESCOLAR DE RADIO BURELA, Laura Fernández GalánO día 21 de decembro as alumnas de 3º ESO PMAR do IES Perdouro participaron no programa Proxecto Neo de Radio Burela que se emite os mércores de 5 a 6 da tarde. Os condutores do programa son os profesores Bernardo Penabade e Karina Parga. O técnico que fai posible a gravación é Matías Nicieza e colaboran no programa varios alumnos de 2º ESO do IES Perdouro. Semanalmente, Lucía Rivas é a encargada de realizar a reportaxe gráfica de cada emisión.
Segundo as propias rapazas, o comezo da súa intervención desenvolveuse do seguinte xeito: “Cando chegamos, o primeiro que nos explicaron foi cando debiamos entrar para poder falar e tamén nos deron o guión do programa dese día para que soubésemos a orde e os contidos que se ían tratar, á parte das nosas entrevistas”.
Laura, Yaiza, Andrea, Damaris e Zaira foron convidadas a Proxecto Neo pola súa participación no concurso Escola de Prensa de El Progreso. Durante este primeiro trimestre, dedicáronse a cubrir distintas actividades que se realizaron no IES Perdouro de Burela, onde cursan 3º de ESO.
Laura Fernández explicounos en que consistiu a súa intervención e a das súas compañeiras: “Cando saímos en antena, comezaron a preguntarnos polas noticias que cubriramos, as entrevistas que fixeramos, quen nos propuxera formar o equipo para elaborar un periódico, etc..”
Andrea Santos, tamén participante no concurso Escola de Prensa El Progreso, expuxo como todas as integrantes do equipo puxeron o seu gran de area na gravación do programa: “Para que as cinco alumnas falásemos, cada unha escolleu unha viaxe ou charla dos cales deberían comentar o que máis lles gustou e contestar diversas preguntas que os locutores lles tiñan preparadas”. Foron así narrando as súas saídas escolares á igrexa de Vilar de Donas, ao Camiño de Santiago etc. Tamén informaron sobre o contido dalgunhas conferencias coma a de Xulio Xiz na biblioteca do IES Perdouro ou a da sensibilización sobre a violencia de xénero o 25 de novembro.
Despois diso, en palabras de Laura Fernández “tivemos o pracer de falar con Manel Freire, redactor xefe de El Progreso e unha das persoas encargadas do seu proxecto “Escola de Prensa”. El informounos da ilusión con que afrontan este reto e de que estes concursos son interesantes para que os rapaces vexan o traballo que leva a cabo un periodista na redacción, as características textuais que presenta cada xénero xornalístico ou como funciona o programa para poder darlle a forma ao periódico, etc”.
Manel Freire continuou preguntado ás alumnas se xa tiñan alguna reportaxe sobre o leite debido a que o patrocinador que lle deu vida a este concurso que ten El Progreso é Leyma.
Despois dalgunha outra pregunta, rematou o programa, non sen antes sacar unha foto de todos os que aquel día estiveron alí para recordar o momento en que participaron en Proxecto Neo.
Este programa de Radio Burela, o número 178, e outros máis, están dispoñibles en internet na páxina web proxectoneo.blogspot.com para os que non puideron escoitalo o mércores ou queiran escoitar outros programas.

Laura Fernández Galán, 3º PMAR
Maruxía

18.12.16

Visita a El Progreso do IES Perdouro de Burela

Descubrimos como se elabora un xornal provincial moi completo e actual. Nun intervalo de poucas horas, cóbrense as noticias, redáctanse, maquétanse, imprímense e distribúense os xornais por toda a provincia e algúns puntos de Galicia e España. 
O día 25 de novembro fomos de visita á rotativa de El Progreso en Lugo. Cando chegamos, o primeiro que fixemos foi sentar nun moderno auditorio que había nada máis entrar. Alí atendeunos María, unha traballadora de El Progreso, que nos explicou cal era o seu labor e o que iamos ver a continuación, que era un vídeo onde se nos ía amosar como transcorría un día para os xornalistas de El Progreso. O primeiro que se fai é asignar o número de páxinas a cada reportaxe, entrevista, etc… Despois colócase a publicidade para calcular tamén o espazo do que dispoñen para as noticias. Constatamos que un exemplar custa moi pouco para todo o que ofrece: moitas páxinas, moitos artigos e incluso outras publicacións que veñen como encarte no seu interior. Durante todo o día vaise traballar recollendo datos sobre os diferentes sucesos que vaian pasando ao longo da xornada e, ata as doce da noite, elabóranse os textos nas distintas redaccións (tamén nas comarcais), para enviar os planillos coas noticias xa maquetadas. Deste xeito, o xornal queda rematado para que se imprima na rotativa do polígono do Ceao. No proceso de impresión, o primeiro que se elaboran son unhas plantillas de aluminio para logo poder imprimilas. Cando rematou o vídeo, María mostrounos unha copia do primeiro periódico que se imprimiu, en agosto de 1908, data na naceu El Progreso, aínda que nun principio abranguía só o ámbito da cidade de Lugo. Foi máis tarde, cando alcanzou o seu carácter provincial. Despois de explicarnos alguns aspectos sobre os xornais daquela época, vimos unha presentación na que se expoñían os distintos tipos de texto que aparecen nun xornal, a estrutura dunha noticia, etc. Ademais, recibimos información sobre a distribución: como se ordenan os exemplares do xornal empaquetados, que saen antes os que teñen que ir a puntos máis afastados, que se calcula o número de periódicos para enviar máis a onde poida existir máis demanda etc. Todo está moi ben organizada para que en poucas horas durante a tarde e a noite se poida elaborar e repartir un xornal que pode ter máis de cen páxinas. A continuación, cando rematamos a quenda de preguntas, fomos directos a ver onde se imprimía o xornal. María, dentro da rotativa, mostrounos as planchas de aluminio onde se imprimían as páxinas dos periódicos e dependendo da tinta que se debía empregar, así se sacaban tantas planchas dunha mesma folla como se necesitase. Logo, procedimos a ver a parte onde almacenan os rolos de papel, os cales son moito máis lisos antes de pasar pola rotativa e engadirlles a tinta. As máquinas de impresión son enormes ao igual que os “cartuchos” de tinta que se utilizan para a impresión e que pesan arredor dunha tonelada. Cando xa rematamos a visita pola rotativa, a modo de obsequio, déronnos una bolsa cun xornal do día, entre outras cousas. Ao saír fóra fixemos unha foto para o periódico do sábado, así que puxemos a nosa mellor cara para, ao día seguinte, saír ben guapos no xornal. 
Laura Fernández Galán, 3º ESO PMAR


2.12.16

Aprendendo facendo con TELEVÉS

O mércores 9 de novembro, os alumnos do CM de Instalacións de Telecomunicacións recibiron a visita da empresa Televés. No seu camión, preparado coas últimas tecnoloxías, recibiron explicacións sobre a normativa da ICT2 (Normativa das Infraestructuras Comúns de Telecomunicacións) e os cambios que supuxo. Tamén fixeron diferentes prácticas con fusionadoras de fibra óptica e outros equipos.

1.12.16

Día da Sida - mesa informativa no Perdouro

Co propósito de conmemorar o día da Sida, cabe concienciar ao alumnado da importancia que ten a prevención. Todo canto fagamos para conter a propagación do VIH será importante e por este motivo, instalamos unha mesa informativa no patio do instituto co material enviado pola Unidade de drogodependencia de Burela asi como da Xunta de Galicia. Tamén estiveron axudándonos dous voluntarios de Cruz Vermella repartindo preservativos e folletos informativos entre o alumnado de bacharelato e Ciclos Formativos.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...