Mostrar mensagens com a etiqueta Saúde. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Saúde. Mostrar todas as mensagens

19.4.24

Obradoiro de gominolas saudables

O día 3 de abril, María José e Begoña -integrantes de Gaia- viñeron ensinarnos como facer larpeiradas sen azucre. Comezaron presentándose e de seguido ensináronnos unhas breves e importantes informacións sobre os ingredientes malos das lambetadas. Cando remataron de explicar, fixemos un divertido taller de como preparar as nosas propias lambetadas de maneira saudable. 

O taller comezou coa explicación dos ingredientes das larpeiradas: neste caso en concreto usamos a mandarina e unha xelatina chamada agar-agar. De seguido, explicáronnos o proceso de elaboración que iamos seguir. Os pasos foron moi sinxelos: primeiro de todo había que espremer a mandarina e despois escoala. Cando xa a tíñamos líquida, puxémola ao lume coa xelatina. Unha vez feito isto, baleiramos o contido nuns moldes con formas e deixámolos arrefriar ao redor duns vinte minutos. Como último paso, deleitámonos con elas. 

Podedes acceder as fotos aquí.

Antía Domínguez Piñeiroa - 1º ESO AB

25.4.23

Aprendendo primeiros auxilios

O martes 28 de febreiro, o alumnado do IES Perdouro tivo a oportunidade de asistir a unha charla tan interesante como necesaria sobre primeiros auxilios. As explicacións correron a cargo de José Palacios, experto en primeiros auxilios e afogamentos, xunto con Juan e Chisco, expertos en reanimación cardiopulmonar (RCP) e embarcacións. 

Eles explicáronnos como actuar e poder auxiliar unha persoa que estea a sufrir un paro cardíaco ou que facer se atopásemos unha persoa inconsciente. Tras a explicación teórica, puxémonos por parellas para practicar o aprendido. A continuación, formáronse grupos de catro para poder simular con bonecos especiais a manobra da RCP. 

Máis tarde, explicáronnos como funciona un desfibrilador, ademais de recordarnos que dispoñemos de un no noso centro, situado na entrada principal. 

Para rematar esta charla, José Palacios contounos unha pequena anécdota dun caso de afogamento que viviu durante unha estancia en México. 

Todos quedamos encantados con esta experiencia, que desexamos que se repita de cando en vez, para que estes coñecementos sempre queden con nós e nos poidan ser útiles chegado o caso. 

Podes ver máis fotos AQUÍ

Uxia Oroza Combarro 2º ESO A

8.3.23

Alimentación e saúde

SOBRE SAÚDE, DIETAS E AZUCRES 

O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.

Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.

De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos. 

Para representar a cantidade de azucre que teñen os alimentos que consumimos habitualmente amosáronnos un taboleiro onde colocaron os envoltorios de cada un dos produtos xunto cunhas bolsas onde estaba a cantidade de azucre correspondente a 100 gramos do alimento en cuestión. Sorprendeume que alimentos tan comúns coma o Cola Cao, que moitos dos meus compañeiros e compañeiras declararon consumir para almorzar, puidesen conter tanto azucre.

A segunda metade da presentación tratou sobre os diferentes trastornos alimentarios. Falaron de algúns coma a vigorexia, a anorexia, a bulimia, a obesidade ou o sobrepeso e explicaron as diferenzas entre eles. Despois de recibir información sobre todas elas, eu destacaría o rol que teñen as redes sociais e a publicidade como causas de moitos dos trastornos. No que atinxe á obesidade e ao sobrepeso, falaron do IMC (índice de masa corporal), que serve para clasificar o tipo de obesidade segundo o resultado dunha operación matemática.

Pareceume interesante a mención ás diferentes aplicacións que existen hoxe en día para coñecer o valor nutricional dos produtos dun supermercado, pois eu descoñecía que puidesen chegar a xerar adicción nos seus usuarios e, moito menos, a afectarlles aos seus hábitos alimentarios. A parte referente ás dietas milagre foi moi interesante, pois a pesar de oír falar delas nunca fora consciente das consecuencias que poden traer a quen as realiza.

Como conclusión, pareceume unha actividade moi interesante pero, sobre todo, diferente. Hoxe en día as conferencias sobre nutrición son habituais á miña idade, e adoitan dicir o mesmo cunhas ou outras palabras. Como en tantas outras cousas, a xente non dá datos reais, e iso quítalles veracidade. Non obstante, nesta actividade achegáronse datos obxectivos, ademais doutros aspectos importantes coma as causas e as consecuencias dos diversos trastornos. En definitiva, foi unha experiencia que creo que nos axudou a concienciarnos sobre a relevancia que ten, a curto e longo prazo, unha alimentación sa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Ana Lestao Ben - 3º ESO B



1.3.23

Doa sangue o xoves 4 de marzo no aparcamento do IES Monte Castelo

Mostra a túa solidariedade e colabora dedicando 10 minutos a doar sangue. 

Achégate ao aparcamento do IES Monte Castelo o xoves 4 de marzo. 

28.2.23

Recollida do premio do I Concurso de RCP do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

O alumnado de 4º ESO B2 viaxou o día 27 de febreiro a Santiago para recoller o premio do I Concurso de Reanimación cardiopulmonar a nivel galego, no que resultou premiado o traballo feito por Shiva Eliska Alinda Nurhakim e os seus compañeiros. O traballo tiña como requisitos elaborar un cartel, un podcast ou vídeos. No seu caso, elixiron crear un cartel no que se amosaban as instrucións para realizar a RCP e unha gravación de audio na que todo o alumnado do grupo narraba os pasos para executar as manobras correspondentes. 

O grupo chegou a Santiago sobre as 11:00h. Estaban citados na sala Eisenman da Cidade da Cultura e alí foron recibidos por responsables do Colexio Oficial de Médicos da Coruña e por Manuel Vila, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

Antes da entrega dos premios, a nosa compañeira Shiva foi entrevistada por unha xornalista. Uns minutos despois, presentaron os distintos grupos premiados e os representantes de cada centro educativo foron chamados para recibir o premio e expoñer os seus traballos ás persoas presentes. 

Á parte do IES Perdouro, estaban presentes o CPI Isidro Parga Pondal de Oleiros, o CPI O Cruce de Cerceda e o Colexio Peleteiro de Santiago. Para finalizar a entrega, todos os centros educativos posaron para unha fotografía conxunta. 

A continuación, convidáronos a un almorzo con café, leite, pastas, froita... 

Logo, foron visitar a catedral e os seus arredores. O profesorado foi explicando datos sobre os lugares por onde foron pasando: a praza da Quintana, a do Obradoiro, a Acibechería... E xa dentro da catedral a exposición tratou sobre a cripta do apóstolo Santiago, os estilos arquitectónicos, o funcionamento do botafumeiro, a recente limpeza da pedra polo que agora se ve policromada... 

Para rematar, comeron no centro comercial As Cancelas antes de volver a Burela. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Alumnado de 4º ESO B2

28.6.21

Receita saudables, unha publicación do alumnado de 2º ESO 19-20

Receitas saudables, un traballo feito durante o confinamento polo alumnado de 2º ESO. 
Esta mañá fíxose entrega da publicación ao alumnado implicado polo seu profesor de Educación física, Benxa Soto. 
A publicación conta con 39 receitas repartidas en varias seccións: verduras, arroces, carnes, peixes e mariscos, menús vexetarianos, cociña internacional e sobremesa. 
En cada receita clasifícanse os ingredientes empregados en 3 grandes tipos seguindo o modelo de “My Real Food” de Carlos Ríos, quen divide de forma sinxela os alimentos en 3 grupos: comida real, bos procesados e ultraprocesados.
Como se trata de receitas saudables, neste libro predominan os alimentos reais e os bos procesados, mentres que os ultraprocesados serán reducidos na medida do posible.
Esperamos que este libro vos sexa útil e que contribúa a unha alimentación saudable, completa, variada, equilibrada e saborosa. 
Agradecemos a colaboración da alumna Laura  González Freire na ilustración da portada.

18.1.21

Charlas Covid para 4º ESO e 1º Bach.

O día 22 de decembro, os alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º de BAC tivemos unha charla sobre normas básicas para non contaxiarnos do Covid-19, que foi impartida por Teresa Meitín Canoura, unha enfermeira do Hospital da nosa vila.

Entre estas normas estaba o lavado correcto das mans xa que moitas veces esquecémonos de lavar ben as uñllas e os pulsos; tamén é moi importante lavar as mans con auga e xabón (é preferible ao xel hidroalchólico).

Hai que ter moito coidado tamén coas máscaras porque é onde quedan gran parte dos xermes: para retiralas hai que collelas polos cordóns e non tocar a tea. A máscara é o elemento de protección que se elixiu contra este virus porque nos protexe das gotículas que expulsan as persoas infectadas; para isto a nosa máscara ten que estar perfectamente axustada. É moi importante o seu correcto uso xa que as gotas grandes de saliva poden chegar ata dous metros de distancia e canto máis alto se fala máis gotas se expulsan.

Dentro das máscaras hai tres tipos: as de tea, que son para estar en contacto con xente sá; as cirúrxicas, que se utilizan para protexer o resto da xente (a ti non te protexen pero por iso é importante que todos as levemos) e as EPI, que son as máis seguras porque te protexen a ti máis ao resto.

Tamén se falou dos pros e contras que o alumnado lles viamos ás medidas contra o virus; entre os contras, o máis habitual son os contaxios, as mortes e todas as restrincións que tiñamos para relacionarnos coa xente; e entre os pros estarían a diminución de enfermidades como a gripe, a posibilidade do teletraballo e ter a materia escolar máis accesible en todo momento e unha mellora xeral da hixiene.

MANUEL REY, 1º BAC - B

16.1.21

Charlas Covid

O 14 de outubro tivemos unha charla sobre a COVID-19* impartida por Manuela, profesora do centro que antes traballou como enfermeira. Como é importante ter claro de onde provén este virus que nos comezou a afectar no 2020, ela explicounos que o virus constaba de dúas ou máis cepas que, dependendo de cada persoa e tempo do brote, sería máis agresiva e duraría máis tempo no organismo.
Para protexernos de todo isto, Manuela ensinounos a diferenza entre as máscaras cirúrxicas, as hixiénicas, as caseiras de tea, as de tipo FFP2 e, por último, as de válvula. Estas últimas son as únicas que non se poden levar a centros educativos xa que a protección que garanten é mínima e o risco de contaxiarse é maior debido ao CO2 que expulsamos pola válvula. En cambio, todas duran entre 4 e 8 horas diarias, aínda que no caso das de tea habería que lavalas a diario.
Outra das medidas importantes é a hixiene de mans, que xunto á anterior, son as máis efectivas. Cada vez que queremos tocar a cara, o pelo ou deixarlle algo a alguén, o lavado de mans e o xel hidroalcohólico son cousas indispensables, igual que a distancia de seguridade de dous metros ou metro e medio que debemos manter tanto na rúa como nos hospitais, centros educativos, etc.
En canto á vacina, Manuela non confía en que se desenvolva para este ano, pero para o seguinte si. Primeiro vacinaríase o persoal sanitario, logo as persoas maiores con máis risco de ser contaxiadas e, por último, a xuventude, os nenos e os adultos.
Ata a chegada da vacina, debemos seguir facéndoo o mellor posible coas medidas explicadas anteriormente, porque cada xesto individual significa unha gran axuda a nivel colectivo.

Xoel Iglesias Fernández – 1º BAC A

*Esta charla foi dada a todos os grupos do centro para concienciar a todo o alumnado de respectar rigurosamante as normas de hixiene e distanciamento.

22.1.16

Obradoiros Ciclos de vida adolescente do programa "Quérote+"

Dentro do Plan Proxecta no mes de xaneiro o alumnado de 3º da ESO, ca colaboración do QUÉROTE +,  participou en tres obradoiros do programa “CICLOS DE VIDA ADOLESCENTE” na modalidade COÑECENDONOS. Estes obradoiros desenvolvéronse en seis sesións de clase onde se traballaron aspectos relacionados coa convivencia, valor de diversidade, a imaxe corporal e a autoestima, a afectividade e a sexualidade.

A actividade tratou sobre a Convivencia en xeral entorno aos seguintes obxectivos: fomentar o uso do diálogo como alternativa a outras respostas menos construtivas ante os conflitos como a agresión, a violencia ou a sumisión, fomentar a potenciación de contextos cooperativos nas relacións persoais, potenciar o desenvolvemento de actitudes de asertividade e empatía, nos procesos de interacción persoal, fomentar as relacións de apoio entre os iguais e distinguir entre as distintas técnicas de mediación nun conflito.

Os contidos versaron sobre as seguintes temáticas: as habilidades sociais, a comunicación, a resolución de conflitos, a empatía e a asertividade dos rapaces/as para fomentar relacións sociais satisfactorias libres da posible presión exercida polo grupo de iguais e de discriminación ante a toma de decisión individual ante imposicións sociais existentes. E a confianza nun mesmo/a, rompendo cos estereotipos que os medios de comunicación e a publicidade poden exercer sobre os/as rapaces/as e que pode levar nalgúns casos a realizar condutas irresponsables ou perxudiciais coa única finalidade de ser aceptados polo grupo de iguais. A autoestima é importante porque o feito de sentirnos ben con nós mesmos pode influír sobre a nosa forma de actuar, nas nosas relacións persoais, e en xeral, no desfrute que teñamos da nosa vida. Tamén se abordou a reflexión sobre opinións, crenzas e sentimentos de cada persoa en relación aos modelos que ás veces veñen impostos desde a sociedade ou entorno en si, a potenciación das cualidades de cada un/unha, sendo conscientes das limitacións que poidamos ter, a forma en que cada un/unha se sinte con un mesmo/a repercute sobre a percepción de si mesmo/a e a calidade das relacións co resto; e por último tratouse a dicotomía modelos únicos vs diversidade.

30.11.15

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela imparten uns obradoiros sobre Saúde 

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela están impartindo uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Son cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizará aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sas e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social. Esta semana, toca o segundo obradoiro dos cinco programados donde se fala da nutrición, da alimentación sá e equilibrada e dos trastornos na conduta alimentaria.

1.11.15

Obradoiro de educación para a Saúde da Cruz Vermella

Nos meses de novembro e decembro nas sesións (5) de titoría os alumnos e alumnas de 3º da ESO, ca colaboración de técnicos da Cruz Vermella de Burela, traballarán a “Educación para a saúde”, co obxecto de promover o desenvolvemento de hábitos e condutas saudables a través da promoción de actitudes de responsabilidade fronte ás drogas, a sexualidade, bulimia e anorexia.

2.6.15

Mediterraneamos, aprendemos a comer, aprendemos a cociñar

Alumnos de 1º e 2º de ESO participaron este martes, día 2 de xuño, nunha actividade que conxuga dieta e exercicio físico que Mª José, a súa profesora de Educación Física, propuxo levar a cabo.   
"Mediterraneamos, aprendemos a comer, aprendemos a cociñar" é unha acción impulsada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente que pretende fomentar a dieta mediterránea e a importancia dunha boa nutrición para o correcto desenvolvemento das nosas actividades diarias.
Nicolas Piedrafita e Nuria Callejo, monitores especializados en nutrición e dietética, expuxeron a parte teórica e falaron dos beneficios dunha alimentación variada e equilibrada. Logo da explicación, os rapaces puxeron en práctica o aprendido e elaboraron receitas con ingredientes pertencentes á dieta mediterránea (pan, aceite, olivas, froitos secos, hortalizas, froitas e xamón).  Remataron a actividade cunha sesión de zumba, coa que introducir a importancia da actividade física como hábito saudable.

19.1.15

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela imparten uns obradoiros sobre Saúde 

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela están impartindo uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Serán cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizará aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sas e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social. Esta semana, toca o segundo obradoiro dos cinco programados donde se fala da nutrición, da alimentación sá e equilibrada e dos trastornos na conduta alimentaria.

6.6.13

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela remataron de impartir uns obradoiros sobre Saúde

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela remataron de impartir uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Foron cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizou aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sás e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social.  Ademais nas intervencións traballouse sobre todo o concepto de saúde, o uso de métodos anticonceptivos, a adición ás drogas, os trastornos na conduta alimentaria e a autoestima.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...