29.1.19

Día escolar da paz e da non violencia

Este ano imos conmemorar o Día da Paz cun acto no recreo a cargo do alumnado de 1º de ESO. Farán un recital poético e cantarán pola paz. 

Ademais o alumnado de 3º de ESO B fixo unha lista de reprodución moi completa para todos os gustos e para todas as idades.

Ligazón á playlist de Spotify.

23.1.19

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL



Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

Alicia Lago: A emigración galega a Arxentina

O mércores 16 de xaneiro ao noso instituto veu Alicia Lago, unha profesora arxentina, para contarnos a súa historia coa emigración, as vivencias que ela experimentou nas súas propias carnes. O que máis recalcou foi que a xente que marchaba para Arxentina conseguía o seu traballo grazas á xente da súa aldea que marchara antes, aos veciños propios de alí.
Non había teléfono e ao mellor se ti mandabas cartas en busca de traballo tardaba tres meses en chegar a resposta para que alguén te reclamara e che buscara traballo ou para que a familia recibira novas de alguén que marchara. O modo de emigrar era moi diferente do que é agora, antes íaste e non sabías se ías volver.
A xente saía da aldea con 14 e 15 anos só sabendo falar galego e en Arxentina fálabase castelán. Moitas das persoas que emigraban eran analfabetos, non sabían nin ler un cartel para saber a onde tiñan que ir. A maioría da xente que viaxa eran nenos e só fuxían da miseria.
Hai 40 anos atrás, as viaxes eran moito máis caras que agora e ao mellor teus pais tiñan que vender as súas terras e pagar co seu soldo de anos un billete para Galicia. A maioría da xente que emigrou a Arxentina quedou alí, e falamos de millóns.
“Aínda que eu nacín alí, eu sabía que o meu sitio estaba aquí” -contounos Alicia emocionada. En Arxentina hai moitos problemas económicos, como, por exemplo, que os prezos non paran de subir. “Non se poden facer plans, porque nunca podes estar segura de cantos cartos recibirás como xubilación a causa da inflación”.
Alí non podes camiñar pola rúa co móbil, pódencho roubar, e incluso as zapatillas!! “O que vexo é que aquí hai un mellor reparto na sociedade, podedes camiñar con tranquilidade, hai pouca delicuencia”.
No ano 2008 tiveron a súa primeira profesora de galego alí en Arxentina; ninguén dos alumnos sabía falar o idioma. “A lingua é unha cousa que levamos dentro, queiramos ou non, e para falar unha lingua hai que perder a vergoña”, dicía chea de orgullo. “E tamén hai que ter ben amoblada a cabeza xa que é cousa de lóxica” -dicía ríndose.
Despois non tiveron máis profesores de galego. Os alumnos que quedaron crearon un grupo chamado “O Terzo da Fala.” Dende aquela época o Terzo segue alí funcionando e xuntándose para falar galego todos os mércores catro horas.
E volvendo ao tema da emigración afirmaba: “A historia da xente que subía a un barco e non sabía se ía volver ou non, esa historia non a conta un libro”, e tamén nos dicía que esa xente enviou moito diñeiro para que construíran escolas en Galicia. Aínda que o que importa é a calidade da xente que ensina nas escolas, non o edificio onde se ensina, como dixo Castelao.
Daquela había que educar a xente, pero educala cos coñecementos que lle facían falta (sumar, restar, multiplicar e dividir, ler e escribir) e de cada cen ao mellor unha persoa ía con algunha formación.
E, ao final, contounos que nun colexio de Bos Aires con boa reputación no que se ensina galego hai matriculados moitos coreanos, xa que está situado nun barrio onde viven moitas persoas desta procedencia. Nese centro, cando acaban o que aquí é o Bacharelato, fan unha viaxe de estudos a Galicia. Comentounos que era moi gracioso de ver, porque ao mellor nun grupo de trinta persoas dezaseis eran coreanos e escoitar coreanos falando galego era moi simpático. E con esa anécdota rematou a bonita charla que tivemos a honra de recibir.

Accede a reportaxe fotográfica aquí. 

Iria López Casas– 2º ESO A

22.1.19

Visita ao conxunto histórico de Sargadelos e San Cibrao

O 20 de decembro de 2018 o curso 4º ESO e 1º BACH B fomos de visita a Sargadelos e a San Cibrao.
Á chegada a Sargadelos, fomos aos restos da antiga fábrica de ferro. Alí encontrámonos co noso guía, Gregorio Campillo, antigo traballador na cerámica de Sargadelos. Contounos a historia do fundador, Antonio Raimundo Ibáñez, o cal foi asasinado o 2 de febreiro de 1809. Explicounos que ata o ano 1830 foron os altos fornos máis grandes de España e que no ano 1798 houbo un motín e a xente de alí destruíu a fábrica siderúrxica. Logo fomos ver a presa e díxonos que subministraba non só a fábrica, senón tamén o lugar. Regresamos e vimos de preto os antigos altos fornos e o antigo mesón. Logo visitamos o Museo Histórico de Sargadelos e alí estaba a nosa segunda guía, Elisa Pérez. Vimos antigos restos de utensilios de ferro e cerámicas e explicounos por que Sargadelos era o sitio perfecto para construír unha fábrica: Ibáñez necesitaba enerxía (que proviña da auga e do carbón), materias primas, comunicación e mans técnicas (viñeron ingleses e alemáns). Tamén dixo que, máis tarde, Sargadelos subministraba enerxía eléctrica para Burela. Ao acabar no museo, encontrámonos co terceiro guía, Manuel Miranda, e fomos ver as ruínas da antiga fábrica de cerámica. Máis tarde, xa marchamos cara a San Cibrao.
Á chegada a San Cibrao os profesores deixáronos tempo libre; logo fomos á praia do Torno e a Cubelas, onde o guía nos deu unha explicación sobre a caza de baleas e a industria da salazón de peixe en San Cibrao. Ao acabar, visitamos o faro e contemplamos as vistas no miradoiro de aves. Logo fomos baixando e vendo onde está o castro, aínda que se atopa soterrado baixo grava para que non se deteriore. Entón vimos o xardín dunha antiga casa, onde había restos arqueolóxicos, e contounos unha anécdota do descubrimento destes (estaban asfaltando a estrada cando o camión encallou; cando o conseguiron sacar, déronse de conta de que había restos arqueolóxicos dunha sauna).
Ao acabar en San Cibrao, marchamos cara ao autobús e saímos para Burela.

Accede à reportaxe fotográfica aquí.

ADRIÁN FERNÁNDEZ CASAS 4º ESO

Novidades BiblioPerdouro

Novas achegas en lingua galega aquí.

21.1.19

Coñecendo a historia de Burela

Gustoume moito coñecer un pouco máis da miña vila. 
Ese día, o mércores 19 de decembro, erguinme axiña pola mañá moi emocionada. Cando cheguei ao instituto, estaban xa todos os meus amigos; fomos deixar as mochilas na clase e volvemos abaixo. 
Primeiro, fomos en autobús ata o porto, mentres que Maribel nos explicaba datos das rúas, da vila... Cando chegamos ao porto, baixamos do autobús e, mentres que Maribel explicaba, nós atendiamos. Empezou a chover e tivemos que subir ao autobús. Mentres que nós anotabamos o que Maribel nos dicía, iamos cara á Marosa. Alí fixemos unha ficha e regresamos outra vez á vila para ir visitar a igrexa da Vila do Medio. 
O autobús deixounos nun aparcadoiro e tivemos que subir andando ata a igrexa. Alí, tivemos que esperar uns cinco minutos ata que entramos. Había un belén moi bonito e moi grande. ENCANTOUME!! Alí eplicáronnos toda a historia da igrexa, que era moi interesante: as súas partes, a historia das pinturas... Fixemos outra ficha e saímos fóra para sacar unha foto. E aí acabou todo. Volvemos ao instituto, tivemos un recreo e demos as dúas últimas clases coma sempre. 
Encantoume esta excursión porque coñecín un pouco máis Burela. Foi moi divertido xa que vin cousas que nunca vira e aprendín cousas que nunca me dixeran. 

Accede ao albúm de fotos aquí.

Noa Gudín González 1ºB

17.1.19

Axenda cultural

📌 AXENDA CULTURAL


Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

15.1.19

ALICIA LAGO, PROFESORA ARXENTINA, VISITA O IES PERDOURO PARA FALAR CON ALUMNADO DE ENSINO SECUNDARIO

A profesora arxentino-galega Alicia Lago protagonizará mañá mércores, día 16 de xaneiro de 2019, unha xornada didáctica no IES Perdouro. Ás 13:00 horas participará nunha tertulia con alumnado de ESO nun acto a celebrar na biblioteca do centro educativo. Xa ás 5 da tarde, será convidada de excepción do programa radiofónico Proxecto Neo, que lle dedicará unha sesión monográfica. A profesora convidada participará nunha tertulia cos oito alumnos e alumnas que participan neste programa que é realizado e retransmitido en directo a través das ondas todos os mércores entre as 5 e as seis da tarde desde hai 248 semanas.
Alicia Lago naceu en Buenos Aires hai 61 anos, filla de pais galegos que se coñeceron alí: "Emigraron no 50 coma outras historias da emigración desde o século XIX. Eles foron os únicos das dúas familias en ir a Arxentina. O resto dos irmáns quedaron aquí. Volveron por separado só unha vez de vacacións e a coñecer a familia e morreron aínda novos alá. As cinzas están aquí na aldea de miña nai", di a súa filla.
A profesora Alicia Lago foi docente de Xeografía durante 26 anos e agora está xubilada, porque o sistema arxentino ofrece a vantaxe de se poderen retirar aos 50 anos, sempre que cumpran determinados requisitos). En 1978, rematado o Profesorado, visitou por primeira vez a terra familiar e volveu despois sempre que puido até que en 2018 se asentou "para o tempo que me quede!".
En 2008 foi a un curso de galego porque "aínda que entendía todo, non era quen de falar nin palabra". Despois superou as probas dos Celga 2 e do Celga 3. Actualmente prepara o Celga 4 na Escola de Idiomas.
Reencontro
Alicia Lago reencontrarase durante a xornada de mañá en Burela con Lorena Suárez Pazos (de Vimianzo), a súa profesora de lingua galega en Buenos Aires. A profesora Lorena Suárez ten agora destino no IES Perdouro, a onde chegou despois de de ter exercido a docencia en diversos Centros de Estudos Galegos de universidades brasileiras e arxentinas. é, ademais, graduada en Enfermaría pola Universidade da Coruña e autora do TFG titulado "O uso da lingua materna como proceso terapéutico" ( https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/15634)

Relatos 25 N

Estes últimos anos estase a producir unha revolución. 
Non é tecnolóxica ou económica senón social. 
A humanidade está evolucionando: 
 - en razoamento, 
- na visualización das inxustizas, 
 - e na consecución dunha equidade social de dereitos e oportunidades (que se estende, coma o vento, por todo o globo).
Obviamente, detrás disto agóchase a parte mala. Aqueles que, movidos polo seu forte ego e poder, intentan parar estes movementos. Estes individuos ao vérense acurralados non se lles ocorre mellor cousa que atentar contra os máis débiles na súa lenta e inevitable caída. Prodúcense entón eses episodios “normalizados” que na actualidade reciben o nome de “violencia de xénero”. 
Moitas e moitos sorprenderédesvos ao escoitar a palabra “normalizados” neste contexto, pero que alguén me diga se non teño razón… 
Tristemente, nos nosos días, estes episodios, que na maioría dos casos rematan cunha vida, ocorren con demasiada frecuencia. Son o resultado dunha sociedade educada no machismo. Dunha parte desta sociedade que non acepta os cambios que poidan afectar a súa situación de confort. Esta ameaza repentina parece que os espertou dun soño no que todo era perfecto para eles. Moitos non quixeron nin queren aceptalo. Son seres enmascarados que reprimen o seu odio día a día tentando seguir co que consideran o seu mundo perfecto. 
O que non saben é que os seus actos só darán forzas para que outros os paren. Cando intenten acometer o seu tráxico capítulo final serán detidos por unha sociedade que os rexeita. 
Ao igual que esta violencia que cada ano leva por diante a vida de centos de mulleres inocentes.
Texto de IVÁN PERNAS PERNAS de 1º Bac A e lido no acto do 25 N no patio do IES Perdouro.

Relatos 25 N

Soa o timbre e levántome a abrirlle a porta a Elena que ten cita para as cinco.
Non a coñezo, é a súa primeira consulta.
Detrás da porta aparece unha rapaza duns 16 anos, coa faciana seria, triste... A súa imaxe é sobria: nin maquillaxe nin roupa chamativa, só uns vaqueiros e un suadoiro gris.
Saúdoa..., cústalle mirarme á cara, mira ao chan.
Invítoa a pasar e, mentres imos polo corredor camiño da miña consulta, pregúntome cal será o motivo polo que unha rapaza tan nova se ve arrastrada ao meu consultorio. É unha adolescente... quizais teña problemas cos seus pais ou mesmo nos estudos.
Sentamos. Vexo que ela loita por que as bágoas non corran polas súas meixelas...
Así comezou unha longa serie de citas nas que fun coñecendo a Elena.
Elena tíñao todo para ser feliz: uns pais que a querían, unha irmá pequena que a admiraba, uns amigos cos que saía a divertirse e que eran os seus confidentes...; nos estudos era unha rapaza aplicada, con boas notas...
Todo ía ben ata que Ricardo se cruzou na súa vida.
Ricardo era o noivo de Elena. Ao principio da súa relación todo funcionaba ben e Elena era feliz, pero co paso do tempo el empezou a amosarse posesivo, teimudo, celoso...
Elena era alegre, gustáballe ir guapa, peitearse e maquillarse; pero, incomprensiblemente, todo isto a Ricardo non lle parecía ben:
“para onde vas pintada coma unha porta?”
“non che parece que esa saia é moi curta?”
Ela estaba namorada e só quería agradar a Ricardo, así que deixou de coidar o seu aspecto físico para que el estivera contento con ela.
A Ricardo non lle parecía ben que Elena tivera amigos...
“ti con quen tes que estar é comigo!”
Así que, como Elena estaba namorada de Ricardo e el só quería o mellor para ela, Elena deixou os seus amigos.
A Ricardo non lle gustaba que Elena usara as redes sociais, nin que tivera conversas por whatsapp. Todos os días lle pedía o teléfono para revisarllo. Así que Elena usaba o móbil só para falar con Ricardo. Elena estaba namorada e Ricardo só quería o mellor para ela...
Elena sempre xustificaba o comportamento de Ricardo porque pensaba que todo o que facía era porque a quería moito.
Co paso do tempo, Elena foi perdendo a alegría, o amor propio e a autoestima... sempre pensando se cada cousa que facía podía enfadar a Ricardo.
Ata que un día Ricardo se enfadou tanto con ela por chegar tarde á súa cita que lle deu unha labazada.
Afortunadamente, aquela labazada foi a que fixo que Elena fora consciente de que non podía permitir que ninguén a anulara como muller, como persoa... e ese mesmo día acudiu á miña consulta de psicoloxía.
De todo isto xa hai moito tempo; foi un camiño duro, moitas bágoas, moitos medos e inseguridades... pero hoxe Elena mira aos ollos da xente, ri, viste a roupa que a ela lle gusta, sae cos amigos... e, sobre todo, é feliz.
Elena soubo saír do pozo onde a metera Ricardo, cortou o xugo con el.
Pero eu non podo evitar pensar que seguramente na vida de Ricardo haberá outra Elena sufrindo e xustificando o seu comportamento.
Por iso, non debemos esquecer:
QUEN BEN CHE QUERE, NON CHE FAI CHORAR.

Texto de MANUEL PAZ LESTEGÁS de 1º BACHARELATO A e lido no acto do 25 N no patio do IES Perdouro

Relatos 25 N Por elas

POR ELAS
Polas que sofren en silencio porque a dor secou as súas bágoas.
Polas que non opinan porque alguén calou a súa voz.
Polas que non piden porque só dan.
Polas que son submisas porque alguén segou a súa vontade.
Polas que non deciden porque alguén non o consente.
Polas que non se valoran porque alguén acabou coa súa estima.
Polas que se cren culpables porque alguén as acusa.
Polas que se avergoñan porque alguén as humilla.
Polas que se senten incapaces porque alguén cortou as súas ás.
Polas que están illadas porque alguén pechou o seu círculo.
Polas que viven con medo porque alguén as agrede.
Polas que son manipuladas porque alguén usa os seus segredos.
Polas que se senten inferiores porque alguén as menospreza.
Polas que están ameazadas porque alguén usa a violencia.
Polas que se senten esgotadas porque alguén as destrúe un pouco cada día.
Polas que viven inseguras porque alguén sempre as cuestiona.
Polas que non soñan porque alguén lles rouba a ilusión.
POR ELAS, POR TODAS,
DI NON AO MALTRATO.  

Texto de MIGUEL FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ de 1º BACHARELATO A e lido no acto do 25 N no patio do IES Perdouro

11.1.19

Campionatos San Xoán Bosco 2019


Informando dos Campionatos de San Xoán Bosco

Esta mañá un grupo de alumnos/as de 4º de ESO foi polas aulas de 1º e 2º de ESO para anunciar que estaba aberto o prazo para inscribirse para participar nunha nova edición dos Campionatos de San Xoán Bosco convocado pola Asociación Cultural Os Matos. Explicaron as modalidades de xogos - individuais e grupo - e as datas de celebración. Animáronnos a participar.
Accede as fotografías aquí.

10.1.19

FP Dual no réxime ordinario

A habitual volta ás aulas despois das vacacións navideñas foi neste caso unha nova experiencia formativa para tres alumnos do Ciclo Medio de Mecanizado do IES Perdouro. Así pois incorporáronse o día 9 de xaneiro ao mundo laboral a través da Formación Profesional Dual. Esta modalidade de estudos pretende por un lado facer partícipe ao tecido empresarial na formación dos futuros titulados e por outro adaptar as ensinanzas de formación profesional ás demandas do mercado laboral e a realidade socioeconómica.

As empresas que firmaron acordos para esta modalidade de formación son, Hidrofersa en Viveiro, Garsán de Burela e Monra Forestal de Castropol (Asturias). Estas empresas comprométense a participar activamente na formación dos alumnos como futuros profesionais e tamén na súa avaliación ao remate da actividade formativa. Todas elas desenvolven unha actividade axustada ao perfil do ciclo de Mecanizado, contan con instalación e recursos adecuados para impartir a formación curricular e contan con personal especialista coa competencia adecuada para impartir a formación e exercer a titoría do alumnado.
Estes alumnos permanecen na empresa como beneficiarios de unha bolsa non inferior ao 50% do salario mínimo interprofesional e están dados de alta no réxime xeral da seguridade social. Formaranse nun entorno laboral real, adquirindo competencias complementarias ás curriculares, terán posibilidades de demostrar a súa valía e por tanto altas posibilidades de ser contratados pola propia empresa, e en todo caso, maior facilidade para a súa inserción no mercado laboral.

Os tres alumnos que se benefician desta nova oferta formativa no IES Perdouro son Walter Junior Gallardo Aldana, Michel Sow e Francisco Gómez Ginzo. (por orde de aparición na fotografía adxunta), alumnos de 2º ano do Ciclo Medio de Mecanizado.

9.1.19

"A Mariña ten historia" 2

Como cada ano, o ano empeza coa chegada dos calendarios de sobremesa e de marcapáxina do Equipo de Dinamización. Este curso foille encomendado esta tarefa ao alumnado de 4º de ESO de TIC. 
2018 foi Ano Europeo do Patrimonio Cultural, o Equipo de Dinamización sumouse á iniciativa poñendo valor a riqueza patrimonial da Mariña, desta vez a Central, posto que a Occidental e Oriental foron traballadas no calendario 2018. Son 13 as fotografías escollidas entre moitas que se fixeron a raíz dunha saída educativa pola Mariña Central.
Esperamos que vos guste e vexades como "A Mariña ten historia" e moita. 
Esta mañá o alumnado de 4º ESO foi polas aulas a explicar o seu traballo e a entregar un marcapáxina a cada alumno do centro. Ao profesorado déuselles un calendario de sobre mesa.  

Accede as fotografías aquí.

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL


Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 

8.1.19

Chegaron os calendarios 2019 do EDLG

📣 Que si. Por fin chegaron os calendarios 2019 do EDLG.
O apalpador deixounos ao pé da cheminea. O alumnado de 4° ESO TIC que os fixo pasará polas aulas a repartirlos. Gran traballo que recompila a historia local.
#TraballoEnEquipo #EDLG #AMariñaTenHistoria



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...