31.5.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 28

Seguimos falando dos comportamentos que xeran benestar; hoxe tocan os HÁBITOS SAUDABLES.

A práctica que vos propoñemos hoxe inclúese dentro da actividade física e é un baño de bosque ou Shinrin Yoku (ten a súa orixe en Xapón).

Un baño de bosque é un paseo por un bosque que se explora lentamente cos cinco sentidos. Non é un paseo cos amigos nin un pícnic. Tampouco é imprescindible un bosque, pode ser un espazo aberto natural. 

O requisito fundamental é deixar a un lado as présas. Non hai que percorrer unha distancia determinada nin facer un esforzo físico determinado. Nun baño de bosque pode levarnos ata catro horas percorrer un quilómetro e medio. O importante non son os quilómetros camiñados, senón o xeito de facelo.

Pasos a seguir:

  1.     Elixe un bosque, unha praia ou calquera espazo aberto natural e pon os cinco sentidos no que estás facendo.
  2.     Camiña sen présas
  3.     Pon atención nos sons que xorden
  4.     Pon atención nas cores que percibes
  5.     Enche os teus pulmóns de aire puro
  6.     Toca as árbores, plantas, a area, etc…para desfrutar do seu tacto

Unha vez terminado o paseo, reflexiona sobre o que sentiches mentres camiñabas: como estaba o teu corpo? como estaba a túa mente? chea de pensamentos? ou, polo contrario, estaba tranquila?

Unha vez percibidos os  beneficios, dámosche tamén unha información científica: estes paseos de bosque foron estudados na Universidade de Chiba (Xapón) e as conclusións ás que se chegou tras probar estes tranquilos paseos en 600 persoas foron que, nas persoas que se someteron a baños de bosque, a hormona cortisol (a hormona do estrés) diminuíu un 12,4 %, ao igual que a presión arterial, que baixou de media un 1,4 %.

30.5.23

Estivemos en FP Innova, unhas xornadas de exhibición dos proxectos innovadores dos centros de FP de Galicia

Wissal, Lorena, Flavio e Pablo somos os catro alumnos de 2º curso do Ciclo Superior de Administración e Finanzas do IES Perdouro de Burela que o curso pasado nos presentamos ao programa Miniempresas Lugo. 

Pensamos que unha cafetería-pastelería onde poder degustar as sobremesas típicas das distintas nacionalidades que conviven en Burela podería ser unha boa idea de negocio e unha mostra máis da convivencia que existe entre as culturas. Así naceu “La Artesana S.L.L.”, unha empresa que foi presentada en FPINNOVA, a feira de FP e Innovación que pon en marcha a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que se celebrou na Cidade da Cultura de Santiago durante os días 22, 23 e 24 de marzo. 

Para nós ir a FPinnova supuxo unha aprendizaxe e unha experiencia incrible que pode resumirse nas seguintes frases: 

“Démonos conta de que temos máis coñecementos dos que cremos” (Lorena) 

“Foi, sen dúbida, unha das mellores experiencias que tiven durante estes dous anos cursando o ciclo” (Flavio) 

“Estar alí, contarlle á xente o teu proxecto e ver que lle interesa, dáche ánimos para seguir con este proxecto ou para iniciar outros novos” (Flavio) 

“Cando presentas a túa empresa en FPInnova é como que é máis real” (Wissal) 

“Estar rodeadas doutras formacións profesionais fainos sentir orgullosas dos nosos estudos, á mesma altura que a universidade” (Wissal) 

“Cando me presentei en FPInnova sentín medo escénico pero, conforme foron pasando os días, as miñas palabras saían de forma espontánea e paseino moi ben” (Pablo) 

“Aprendín moitísimo, nunca imaxinei falar e defender a miña empresa do modo que o fixen” (Pablo) 

“O mellor foi vivilo ao máximo. É unha experiencia que vou lembrar como moi boa” (Pablo) 

“É unha experiencia inesquecible” (Lorena, Flavio, Wissal e Pablo) 

Podes ver máis fotos AQUÍ.

Wissal, Lorena, Flavio e Pablo 
(2º curso do Ciclo Superior de Administración e Finanzas)

Charla Xurxo Mariño

O mércores 10 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato recibimos unha charla informativa sobre o desenvolvemento do cerebro humano. Esta foi impartida polo polifacético biólogo, investigador, divulgador, escritor e actual profesor en excedencia do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña, Xurxo Mariño. 

En primeiro lugar, Xurxo expuxo, a modo de introdución, unha serie de aspectos moi interesantes acerca da electrofisioloxía, especialidade investigada por el e polo seu equipo. Ademais de aportar infinidade de datos sobre as neuronas e as súas características, tamén nos mostrou vídeos de abraiantes técnicas para medir a carga e funcionamento destas. 

Posteriormente, explicounos dunha maneira moi didáctica a evolución do sistema nervioso: dende a súa existencia e predición, ata a súa representación interna e o pensamento simbólico. Para isto, proporcionounos datos e exemplos moi curiosos, sempre interactuando con nós, facendo a charla moito máis amena. Persoalmente, creo que un dos aspectos que fixeron da charla unha experiencia divertida e práctica foron as ilusións ópticas (como o taboleiro de xadrez de Edward H. Adelson) e sonoras (como o do efecto McGurk) que nos propuxo Xurxo. Foi capaz de xogar totalmente coas nosas mentes e sentidos. Todos pensabamos que non era posible pero, cando o demostraba, quedamos sen palabras! 

Con esta charla, Xurxo Mariño foi capaz de facernos reflexionar sobre detalles do noso cerebro que quizais coñeciamos, pero que nunca nos pararamos a pensar. Foi unha experiencia amena, enriquecedora e moi interesante que, sen dúbida, nos encantaría repetir! 

Podes ver máis fotos AQUÍ.

Nerea Francos Cornide 1º BAC-A

27.5.23

AFAN é fogar de moitos usuarios que tamén teñen no IES Perdouro a súa casa

O alumnado e profesorado do departamento de Imaxe Persoal do IES Perdouro recibiu a visita dos usuarios de AFAN (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas) de Burela co propósito de coñecelos e axudarlles na mellora e asesoramento da imaxe. 

Resultou ser unha actividade enriquecedora para o noso alumnado debido a que puideron coñecer aspectos teóricos sobre a demencia e poñer en marcha non só os procedementos prácticos do currículo de peiteado e cosmética capilar senón tamén o emprego dos elementos transversais que atenden ao respecto, valores e coidados para a cidadanía, en especial e neste caso concreto, ante usuarios que teñen certas dificultades cognitivas e motoras, onde o profesional de peiteado xoga un papel fundamental para fortalecer e reforzar necesidades de autocoidado en relación coa hixiene capilar, peiteado en xeral e coidado das mans, tratando á súa vez de visibilizar e non estigmatizar a estas persoas. 

Queremos dar as grazas como departamento a todos aqueles que fixeron posible esta colaboración, en especial ás persoas que dirixen esta fundación e a quen traballa nela e que nos propuxeron a actividade. Tamén queremos mostrar o noso agradecemento aos usuarios de AFAN, ás familias e coidadores e ao noso alumnado e profesorado do ciclo medio de peiteado e cosmética capilar. 

Ata a vindeira visita, amigos! 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

26.5.23

Letras galegas 2023: Francisco Fernández del Riego

Como cada curso, o alumnado de 4º ESO elaborou unha exposición de carteis para dar a coñecer o persoeiro homenaxeado o Día das Letras galegas. Nesta ocasión, as rapazas e rapaces de 4º B2 investigaron sobre a figura do escritor laurentino Francisco Fernández del Riego. 

Se queredes saber máis sobre este incansable intelectual da Mariña, lede os carteis e probade o xogo que aparece no código QR. 

Aquí os tedes tamén en PDF


Care Santos na Mariña

Care Santos, autora de varios libros de literatura xuvenil de éxito, encontrarase co alumnado de varios centros educativos da Mariña. A cita terá lugar o luns 29 de maio no auditorio de Burela. 

O noso alumnado de 4º ESO asistirá a este encontro literario tras a lectura de Mentira en lingua galega.

25.5.23

Club de Lectura de adultos

Convocamos a 1ª xuntanza do club de lectura de adultos á que convidamos ás familias a compartir bos momentos entorno aos libros.

Para esta primeira xuntanza podedes vir con algunhas propostas. Acordaremos a lectura para a 2ª xuntanza para finais de xuño.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Martes 30/05/2023 ás 18h.

 

24.5.23

Premio para Shiva Eliska Alinda Nurhakim no IX Concurso de debuxo para a eliminación da discriminación racial do Concello de Burela

Hoxe mércores 24 de maio Shiva recibiu o primeiro premio da 2ª categoría (de 12 a 18 anos) do IX Concurso de debuxo para a eliminación da discriminación racial do Concello de Burela. 

É o seu noveno premio este curso e na ilustración gañadora do concurso reuniu persoas de distintas procedencias baixo o sinal da vitoria simbolizando con esta imaxe que manténdonos unidos somos capaces de vencer as diferenzas. 

Moitos parabéns, Shiva!

Pílula sobre Educación Emocional nº 27

Seguimos falando dos comportamentos que xeran benestar; hoxe toca o AGRADECEMENTO.
A práctica que che propoñemos é a seguinte:
1️⃣ Colle unha folla de papel e escribe nela o nome de 3-5 persoas ás que esteas agradecido por algo. As razóns do agradecemento poden ser moitas: porque che ensinaron algo, porque te coidaron, porque te acompañaron en determinados momentos da túa vida, etc…
Esta parte da práctica axudarache a ser consciente das persoas que fixeron algo por ti, e do ben que iso supuxo para ti.
2️⃣ Agora fai un esforzo mais e, desas persoas elixidas, escolle a unha delas. O criterio da elección é teu. Unha vez feita a escolla escríbelle unha carta de agradecemento. Tómate o tempo para pensar todo o que lle queres agradecer e escríbeo con calma.
Toma conciencia sobre o que sentes mentres o fas.
3️⃣ Unha vez escrita, colle o teu teléfono e chama á persoa á que lle escribiches a carta e lella.
Toma conciencia sobre o que sentes mentres o fas.
Que che fixo sentir mellor, escribir a carta ou lerlla á persoa elixida?

Podes escribir o teu agradecemento a todas as persoas da lista e facer a chamada a todas elas.
Tamén é unha actividade moito mais xeradora de benestar quedar coa persoa e lerlle a carta cara a cara.
Pode ser que elixises facer o teu agradecemento a unha persoas que faleceu; é tamén unha actividade xeradora de benestar e pode servir como forma de despedida, de deixar ir, de reparar ou amortecer a dor que sentes por esa perda, etc…
Lembra: agradecer é un dos comportamentos, xunto con perdoar, que provoca mais benestar na persoa que o pon en práctica que na persoa que o recibe.

18.5.23

Despedida de 2º Bacharelato 2023

Onte 17 de maio celebrouse a cea de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato do IES Perdouro. Na xuntanza participaron 35 rapazas e rapaces e gran parte do profesorado que lles deu clase durante o tempo que cursaron estudos no centro. A cea desenvolveuse nun ambiente festivo, dada a alegría de chegar á meta: acabar 2º de Bacharelato.

As cualificacións fixéronse públicas hoxe 18 de maio ás 9:00h e as matrículas de honra foron para Antón Expósito Campo, que conseguiu unha media de 10, e para Noa Saá del Río, cuxa nota media foi un 9.95.

Saray, Dámari, Antón, Álvaro Fernańdez, Diego, María, Iria, Luis, Óscar Pérez, Ainhoa Mía, Nuria, Laura Rodríguez, Nico, Jessica, Pablo, Mateo, Irene, David, Noemy, Santi, Alejandro Fernández, Óscar Fernández, Saúl Fuente, Laura García, Luis M. Borges, Sandra, Hugo, Yago, Álvaro Mesa, Ramiro, Saúl Pérez, Ainoa, Alejandro Riveira, Noa, Lin e Fernando...

DESEXAMOS QUE CUMPRADES OS VOSOS SOÑOS! 
FOI UN PRACER TERVOS CONNOSCO!

 Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

17.5.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 26

Os expertos afirman que a xente é máis emocional na lingua materna.
A lingua materna é a que aprendemos na primeira infancia e achéganos ás emocións moito mais que unha lingua estranxeira.
Poderiamos dicir que, cando aprendemos unha lingua, as palabras chegan ao noso cerebro e somos capaces de procesalas e entendelas; en cambio, moitas palabras da nosa lingua nativa tocan directamente o noso corazón.
Así que hoxe, Día das Letras Galegas, imos dedicarlle o mércores de emocións a unha emoción propiamente galega, e que só se escribe na nosa lingua, A MORRIÑA.
Rafael Bisquerra, no seu dicionario de emocións e fenómenos afectivos, inclúe a morriña no total das emocións recollidas nel e, dentro delas, na galaxia da tristeza.  
Define a morriña como “tristeza ou melancolía, especialmente a nostalxia da terra natal. Palabra propia de Galicia”.
Invítote a que reflexiones sobre a morriña.
Sentíchela algunha vez? Se foi así, en que situación?
Para ti tamén forma parte da galaxia da tristeza ou a morriña no “che fai sentir tan mal”?
Que fas cando sentes morriña? Como a xestionas?
Hoxe é un día para celebrar a nosa lingua e pensamos que falar da emoción que mais nos representa sería unha boa idea, FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS¡¡¡¡

12.5.23

Premios ao Esforzo e á Superación

Damos os parabéns a Andresa Fabiana Andrade Xavier Pinto e Yorel Ladra Ballesteros por conseguir este premio que é unha recompensa ao seu traballo de anos. Só se conceden 20 destes premios ao alumnado de 4º ESO de toda Galicia e eles foron merecedores deste recoñecemento.

Xa vedes que vale a pena esforzarse. 

Práctica de maquillaxe e caracterización do CM de PCC no CEIP Fondo Nois

O alumnado de 1º curso de Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar do IES Perdouro foi convidado desde o Colexio de Infantil e Primaria Fondo de Nois para acudir en calidade de voluntarios maquilladores de feridos dun simulacro de incendios e de accidente. Acudimos un total de cinco alumnas e un profesor do departamento de Imaxe persoal. Foi unha xornada produtiva para o alumnado e cremos que para toda a comunidade educativa. Puidemos desenvolver un traballo en equipo maquillando a nenos e maiores. Simulamos queimaduras, feridas e contusións e coñecemos a profesionais do sector sanitario, docentes e a todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria. 

Desde o departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro queremos dar as grazas e achegar os nosos parabéns a quen fixo posible a nosa colaboración nesta actividade tan divertida e enriquecedora. 

Resulta moi atractivo e interesante involucrar o alumnado do ciclo medio de Peiteado e Cosmética Capilar na realización de actividades que requiren tarefas nas que se amplían os coñecementos da familia profesional tal e como é este o caso: traballaron con técnicas de maquillaxe de efectos especiais que lles permiten ter contacto con esta modalidade de Imaxe persoal. O poder colaborar en reproducir estas técnicas trae consigo que o noso alumnado do ciclo poida pensar en animarse a cursar nun futuro o Técnico superior de Caracterización e Maquillaxe  seguindo na mesma liña de estudos.

10.5.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 25

Fai dous mércores comentabamos os 5️⃣ comportamentos nos que era bo “traballar” para, dese xeito, mellorar o noso benestar. Hoxe propoñemos a seguinte actividade para poñer en práctica o segundo deles: FACER ALGO POLOS DEMAIS. A proposta é para traballar durante unha semana. 

1️⃣ Ten presente que durante toda a semana vas facer algo polas persoas coas que convives, e incluso por algunha que non coñeces. 

2️⃣ Pensa nas cousas que te fan sentir ben, por exemplo: 

  • a) Comer acompañada 
  • b) Manter unha boa conversa 
  • c) Que alguén che bote unha man cando vas moi cargada 
  • d) Que alguén che axude coas túas tarefas. 
  • e) Etc… 

3️⃣ Ponte mans a traballar: vas facer algo polas persoas que te rodean. Aquí tes algunha proposta:

  •  a) Conversa con túa nai/ pai escoitándoa/o con interese. 
  • b) Se vas de compras ao súper e ves a alguén que necesita axuda, anímate a botarlle unha man. 
  • c) Se estás na cola dun súper podes deixarlle pasar a esa persoa que crees que vai apurada. 
  • d) Bótalle unha man coas tarefas a ese compañeiro/a que sabes que o pode necesitar. 
  • e) Comparte o teu bocadillo a ou invita a alguén ao que sabes que lle apetece tomar un bocadillo contigo. Quen di un bocadillo di calquera cousa que poidas permitirte e saibas que lle fai ilusión/ou necesita a outra persoa.
  • f) Podes colaborar cunha asociación que teñas cerca e que necesita do teu voluntariado. 

En resumen dedica esta semana a facer algo polos outros de forma consciente. Finalmente, pon atención en como che fai sentir o comportamento desenvolvido, atendendo principalmente ás emocións que che provoca. Que supón no teu benestar?

5.5.23

"Latexos verbais - EscribirARTE na Mariña"

Somos parte da Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña e como todos os anos, chegou o momento do proxecto anual de fomento e dinamización da cultura, entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

O tema escollido pola Microrrede é "EscribirARTE na Mariña".

No IES Perdouro, propuxemos coñecer a obra da artista Lynn Giunta, gurú do papel cortado, heroína artística coas palabras que se presta moi ben á temática elixida.

Inspirándonos na obra da artista estadounidense, o alumnado de 1º ESO confeccionou unha tarxeta ilustrada escollendo unha palabra motivadora ou emocionalmente positiva. Empregando lapis, tesoiras e papeis recortados, deron vida ás palabras a través da elección de cores e do collage. No interior da tarxeta, hai unha composición de creación propia (poesía, acróstico, regueifa, microrrelato) alusiva ás emocións  positivas.

Foi unha boa oportunidade para divertirse creando e tal vez aprender algo novo. Bonito reto tanto plástico como literario. 

O noso mural exposto en Viveiro, recolle parte do traballo que atoparedes no seguinte libro. 

3.5.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 24

Nova entrega dos mércores das emocións:
O mércores pasado comentabamos os cinco comportamentos nos que era bo “traballar” para, dese xeito, mellorar o noso benestar.
Hoxe propoñemos a seguinte actividade para poñer en práctica o primeiro deles: SOCIALIZAR.
A proposta é para traballar durante unha semana.
- Primeiro: fai unha listaxe da xente coa que socializas de forma habitual. Podes facer unha táboa con varios apartados como poden ser: persoas coas que socializas todos ou case todos os días, persoas coas que socializas entre 3 ou 4 días á semana e persoas coas que socializas menos de 3 días á semana.
Que che suxire o teu rexistro?
Relaciónaste con moita xente?
Con pouca?
Consideras que é a suficiente?
- Segundo: fai unha listaxe desas persoas coas que fai tempo que non socializas e ao lado do nome pon a razón polo que isto acontece: falta de tempo, perda da relación, xa non coincidimos… A continuación ao lado pon si/non, poñendo “si” se botas de menos socializar con esa persoa ou poñendo “non” se non botas de menos esa socialización.
- Terceiro: busca ao longo da semana un momento para chamar ou quedar con esas persoas coas que fai tempo non socializas e aprecias e botas de menos. Quizais poidades quedar a tomar un café, ir ao cine, dar un paseo, charlar cara a cara, ou ben charlar un rato polo teléfono ou conversar por wasapp. Unha vez retomado o contacto toma conciencia de como che fixeron sentir eses encontros.
“Se estás sacrificando o teu tempo para traballar máis e gañar máis cartos, ese non é un bo comportamento. Sería mellor aumentar a cantidade de tempo libre que tes” (Laurie Santos).
Por último lembra que facer este tipo de listaxes axúdache a tomar conciencia das cousas.

2.5.23

Intermareal


Co obxectivo de participar no Reto 7 de Generación ECO, e por iniciativa do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Ciencias da Terra e o Medio Ambiente impartimos unha clase ao alumnado de 1º ESO sobre a biodiversidade na zona intermareal. Esta consistiu nunha presentación oral seguida de dous xogos interactivos: un de relacionar imaxes e un Kahoot. 

Para elaborar o primeiro, tivemos que ir sacar fotos ás praias de Burela para ver as diferentes especies presentes nesa zona, como corvos mariños grandes, estrelas de mar, crustáceos e algas. No segundo, seleccionamos algunhas das fotos e buscamos información e curiosidades sobre as distintas especies. 

Entre o alumnado de 1º da ESO tivo unha excelente acollida esta actividade e en 2º de Bacharelato estivemos encantados de realizala. 

Alumnado de 2º Bach (Ciencias da Terra e o Medio Ambiente)

 - - - - - - - - - - - 

Pola nosa parte, ao alumnado de 1º da ESO (A e B) parecéronnos moi interesantes e divertidas estas actividades. Notábase que o que nos explicaron estaba moi traballado e entendíase moi ben. As fotos estaban moi ben sacadas e eran de moita calidade. Aprendemos moito e aínda que xa coñeciamos varias das especies, a maioría de nós nunca vira os corvos mariños. Si coñeciamos as belotas de mar, pero non sabiamos o que eran. 

Felicitamos aos nosos compañeiros por este gran traballo. 

Podes ver máis fotos AQUÍ.

Alumnado de 1º ESO B

VIª Competición de robótica da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo

O venres 21 de abril o alumnado de TIC de 1º de Bacharelato, xunto co alumnado de 3º da ESO de Educación dixital, participamos na 6ª edición da competición de Robots organizada pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. Nesta xornada de convivencia somerxémonos no mundo da robótica e desfrutamos dos resultados do longo proceso de montaxe e programación dos mBot2. 

Os alumnos/as, acompañados dos profesores Santiago e Adrián, partimos cara a Vigo ás 6:30 da mañá desde a estación de autobuses de Burela. Tras unha breve parada en Mondoñedo para recoller un grupo de compañeiros do IES Plurilingüe San Rosendo, continuamos a nosa viaxe ata as instalacións onde tiña lugar o concurso, ás que chegamos sobre as 10:30. 

Unha vez alí os participantes separámonos en 6 grupos e dirixímonos aos nosos respectivos tapices ou circuitos. Despois dun curto período de proba para comprobar que todo funcionaba correctamente, comezamos a competición. 

Os equipos Juanma&Company e Torques de Burela, ambos os dous de 1º de Bacharelato, situáronse no tapiz 7 onde, tras unha intensa primeira rolda na que debían conseguir o maior número de puntos ao completar 2 circuitos diferentes no menor tempo posible, só Juanma&Company conseguiu clasificarse para a seguinte proba. 

Mentres, no tapiz 8, o equipo Príncipe Azul, tamén de 1º de Bacharelato, conseguiu unha vitoria maxistral ao obter a máxima puntuación en ambas probas da primeira rolda, pasando así á segunda e deixando abraiados a moitos participantes. 

Por outro lado, Burela Bonita (1º de Bacharelato C), no tapiz 9; Perdouro Burela (3º ESO), no tapiz 5; e Mondonedo2 (4ºESO), no tapiz 6, malia poñer todo o seu esforzo non foron capaces de avanzar na competición, quedando eliminados. 

Pouco tempo máis tarde, ás 12:30, reanudouse a competición dando comezo a segunda rolda, na que competían os catro mellores equipos da proba anterior de cada tapiz, sendo un total de 12. Nesta rolda o nivel e a dificuldade aumentaron xa que, aínda que os circuitos eran os mesmos, os equipos contra os que nos enfrontamos tiñan programas máis efectivos e moito máis innovadores que na proba anterior. 

Nesta segunda rolda as tensións e nervios estaban moi latentes e cada vez que os nosos robots circulaban polo tapiz dábanos un volco o corazón. Por desgraza, nesta ocasión non saímos vitoriosos. A competencia era dun nivel moi alto e, aínda que fixemos un papel moi digno, quedamos ás portas da gran final, acadando o cuarto e o sétimo posto de 36 equipos. 

Máis tarde, trasladámonos en autobús ao centro comercial Vialia en Vigo onde alumnado e profesores puidemos gozar dunhas horas de tempo libre, que aproveitamos para xantar e explorar o centro comercial. Despois de desfrutar deste agradable tempo de lecer, dirixímonos a Mondoñedo, onde despedimos os nosos compañeiros do IES San Rosendo e, acto seguido a Burela, onde chegamos sobre as 21:00 h. 

Malia non quedar campións, todos os equipos quedamos satisfeitos e orgullosos do noso papel na competición. Tivemos moita sorte de poder vivir esta experiencia na que aprendimos e desfrutamos do mundo da robótica e estamos moi agradecidos aos profesores que tanto nos axudaron estes meses a prepararnos. Esperamos repetir o ano que vén! 

Podes ver as fotos AQUÍ.

Paula Rodil
1º Bacharelato B
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...