28.10.22

Grazas á vosa solidariedade conseguimos 705 € para loitar contra a leucemia infantil

A carreira foi un éxito. Houbo quen deu 5, 6 e ata 7 voltas ao circuíto. As vosas ganas de axudar notáronse. 

Grazas ao voso esforzo, á doazón da ANPA do centro, do profesorado e do persoal non docente conseguimos 705 € para a Fundación Unoentrecienmil. 

Ademais, os rapaces recibiron como recompensa unha entrada para ver o fútbol sala esta fin de semana e o centro recibiu balóns do Burela FS para xogar na clase de Educación Física e no recreo. 

Para acceder ás fotos AQUÍ

#VueltaAlColeUnoentrecienmil #Unoentrecienmil

O Samaín chegou ao IES Perdouro

Desde o departamento de Imaxe Persoal e Educación Plástica, Visual e Audivisual, preséntannos os seus traballos para celebrar o Samaín. 

Dan moito medo!









Programa de Educación emocional

Durante o curso pasado traballamos a Educación emocional e este programa é o resultado de compendiar as distintas actividades que fomos aprendendo. 

Co obxectivo de facilitar o traballo a quen desexe utilizalas, están á vosa disposición en PDF e podedes visualizalas de forma máis gráfica neste libriño: 

27.10.22

Recorda: o vernes 28 colabora participando na carreira

O venres 28 de outubro ás 10:00h o alumnado de 1º e 2º ESO sairá das aulas para dirixirse co seu profesorado ao punto de inicio da carreira solidaria "Unoentrecienmil". 

O percorrido transcorre polo Camiño dos Colexios, a rúa que vai desde o cruce do hospital ata a gardería, e o comezo será no inicio da rúa pola parte de hospital. Cada volta ao circuíto preparado son case 800 m. O alumnado sairá en tres quendas e cada un fará a distancia anterior as veces que poida nun tempo máximo de 20 minutos. 

O profesorado que estea libre a esa hora tamén pode unirse á carreira. 

Animámosvos a participar! Cantos máis sexamos, máis fondos conseguiremos para loitar contra a leucemia infantil. 

26.10.22

Pílula sobre educación emocional: 1

O mércores será día de emocións!!!

A partir de hoxe todos os mércores teredes nas nosas redes sociais unha pílula sobre educación emocional, que nos axudará a saber máis sobre o que sentimos e sobre como podemos xestionar mellor todo o que sentimos.

Hoxe empezamos coa definición de emoción e os compoñentes que a conforman. E ti, cando sentes algo, sabes diferenciar os tres elementos dunha emoción?

Subida ao Monte Castelo - 1º Bach

O pasado martes 4 de outubro o alumnado de 1º de Bacharelato fomos á zona recreativa do Monte Castelo. 

Saímos ás 10:10h, a terceira hora, do instituto cara alí. Fomos por pistas e camiños do monte até chegar ao noso destino. Unha vez alí, tivemos un tempo para beber e comer a merenda para despois comezar cuns xogos. Separámonos en tres grupos, divididos por clases e mentres un grupo facía un xogo, os outros practicaban outro. 

O primeiro xogo consistía en facer unha pirámide con cartas en 5 minutos e Susi, a nosa profesora de Matemáticas, contaba cantas cartas estaban ben colocadas e quen puxera máis, gañaba. O segundo era unha “carreira” cun pau nun dedo, en equilibrio, e no menor tempo posible andar o percorrido marcado. Se che caía, tiñas que comezar de novo. No terceiro puxémonos en fila e por grupos de tres iamos poñendo un mesmo suadoiro todos os participantes. No segundo e no terceiro xogo, gañaba o grupo que o fixera no menor tempo posible. 

Foi unha experiencia moi positiva e entretida porque coñecemos un fermoso lugar da nosa vila xogando e pasándoo moi ben. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.

Noa Gudín González, Celia Leivas Martínez e Celia Otero Martínez – 1º Bacharelato

25.10.22

Visitas empresariais de 2º CS Administración e Finanzas

O 5 e 6 de outubro o alumnado de 2º CS de Administración e Finanzas visitou a empresa Jim Sports situada en Palas de Rei e adicada a comercialización de produtos deportivos e a creación de instalacións deportivas e a feira internacional de produtos de mar conxelados (CONXEMAR). As súas reflexións sobre o visto e aprendido foron estas: 

“Como conclusión diría que todos levamos unha gran aprendizaxe nesta saída educativa. Puidemos ver como se xestiona realmente unha empresa e como se divide o traballo para que todo se leve a cabo. Nosoutros tiñamos unha pequena idea, pero ningún supoñía a magnitude de importancia que ten cada traballador en cada proceso, polo que as visitas resultaron un enriquecemento para as nosas mentes en canto aos estudos que estamos realizando. Deste xeito, visualizamos o porqué de cada cousa que estudamos”. (Lorena Regil) 

“A experiencia de coñecer a empresa Jim Sports agradoume porque aprendemos cal era a súa historia, o seu funcionamento, como estaban repartida as distintas zonas de traballo, como era a parte informática, administrativa e, sobre todo, a parte de loxistica. que era un gran almacén. Puidemos chegar a ver como facían o “picking” con dous sistemas. Un baseábase nun sistema tradicional e outro no automatizado, o cal era máis para producos un pouco máis pesados como futbolíns ou pesas”. (Pablo García)

“O primeiro que chama a atención ao chegar a Conxemar é a gran cantidade de xente de todo o mundo e tamén a gran seguridade que hai. Despois de entrar ao recinto, fomos visitando un gran número de postos. Moitos deixábannos probar os produtos que producía a súa empresa, ao mesmo tempo que che ían dando información e folletos publicitarios. Un dos que máis me chamou a atención foi un de Italia que ofrecía unha especie de fabada que en realidade eran mexillóns”. (Álvaro Álvarez) 

“O que máis me gustou de Jim Sports é que son moitas empresas agrupadas nunha e todas, ou case todas, son xestionadas dende unha única oficina. En Conxemar o que máis me chamou a atención foron as decoracións dos “stands” das empresas expositoras, un lugar idóneo para que as compañías que expoñen dean a coñecer as súas marcas e os seus produtos. Nunca antes estivera nunha exposición tan grande e tan importante. Ali vimos moitos prototipos de maquinaria, experimentamos moitos sabores diferentes e vimos xente facendo negocios”. (Flavio Varela)

“Persoalmente, creo que a mellor parte da visita a Jim Sports foi a parte do almacén e loxística, porque puiden ver de maneira moi gráfica as clases teóricas que demos sobre a xestión, vendas, compras, forma de almacenar… e outras moitas que demos sobre a xestión loxística. En Conxemar puidemos ver a importancia dos idiomas na actualidade, debido a que una empresa actualmente fai moitos negocios a nivel global, pero para min o más importante foi que puiden inspirarme, seleccionar ideas e observar diferentes aspectos importantes para o meu traballo de proxecto integrado, como por exemplo, como enfocalo a nivel comercial para chamar máis a atención e cousas similares”. (Wissal Aazzaoui)

Podes acceder ao álbum AQUÍ.

21.10.22

Participamos na carreira solidaria "Un entre cen mil" contra a leucemia infantil

O venres 28 de outubro 1º e 2º ESO participarán na carreira solidaria "Un entre cen mil". Estade atentos! Nos próximos días publicaremos o percorrido e o horario da carreira. 

Vade adestrando! O IES Perdouro xa figura no mapa dos centros educativos que participarán na 8ª edición. Somos 597 centros educativos e 245.275 corredores. 

20.10.22

Viaxe a Palas de Rei e Vigo de 2º CM de Xestión Administrativa

O 5 e 6 de outubro o alumnado de 2º CM Xestión Administrativa visitou a empresa Jim Sports situada en Palas de Rei e adicada á comercialización de produtos deportivos e a creación de instalacións deportivas e á feira internacional de produtos de mar conxelados (CONXEMAR). As súas reflexións sobre o visto e aprendido foron estas: 

“Esta experiencia gustoume moito, vin empresas de diferentes culturas, descubrín lugares e comidas de distintas partes do mundo polo que foi moi gratificante”. (Alba Barreira Rodríguez) 

“Conxemar para min foi una inspiración, ver executivos reunidos na realidade e non nunha película e encontrarte con persoas que che explicaban o que facían con esa paixón e ganas. Tamén me gustou a experiencia de probar comida e coñecer un rincón doutros países ou simplemente pasar dunha esquina a outra e estar nun país dintisto. É unha experiencia que lle recomendaría a todo mundo. Ademais, que aumenta a túa creatividade. Podes coller ideas para o futuro”. (Eunice Sanches Monteiro - Eli) 

“Jim Sports gustoume un montón. Encantoume entrar e poder ver como estaba a xente traballando nos seus postos, notábase que os traballadores estaban contentos de estar alí. Impresionoume moito que parte do material deportivo que coñecía era deles e nunca oíra falar de Jim Sports. Tamén que a todos lles gustaba facer deporte e que contaban cun ximnasio propio que podían usar en calquera momento. Respecto a Conxemar, tamén me gustou moito. Non me imaxinaba que todo era tan “profesional”. Os stands eran alucinantes. Chamoume moito a atención que todos eran superdiferentes e que cada un tiña a súa idea e a súa forma de facer publicidade. Descubrín novos produtos e sabores, non só da nosa terra, senón de diferentes culturas. Probei cousas que nunca antes probaría e resulta que me gustaban como o salmón afumado, o té marroquí, espaguetes de pescado…” (Adriana Polo González) 

“Todos os stands que alí había estaban moi ben montados e decorados tanto que estes parecían ser negocios que tiñan a súa tenda establecida nese mesmo edificio. Á parte de haber postos de empresas de España, había moitísimos que viñan de fóra, tanto de Europa como doutros continentes polo que tivemos a oportunidade de ver diferentes culturas e como o mostraban nos seus stands polo que ofrecía cada un. Unha cousa que me sorprendeu moito foi que non había música en ningún momento e que coa cantidade de xente que alí estabamos non había un ruído excesivo”. (Damaris Popovici)

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

19.10.22

Viaxe a Palas de Rei e Vigo de 2º de CB de Servizos Administrativos

O mércores pasado fomos a unha excursión a Vigo xunto cos de CS de Administración e finanzas e CM de Xestión administrativa, pero antes de ir para Vigo fomos a Palas de Rei (Lugo) a Jim Sport, unha empresa de deportes que venden accesorios, roupa, complementos etc., todo relacionado co deporte. 

Alí explicáronnos un pouco como se creou esa empresa, como se organizan, como se facían os debuxos e logos de calquera empresa ou club deportivo que quería facer camisolas do seu equipo ou sobre os clubs que están comezando, como facían para obter material e que materiais se lles podía facilitar e cales non. Basicamente, informáronnos de como funciona a empresa. Explicáronnolo todo moi ben e detalladamente. Eu sinceramente podo dicir que o entendín todo e recomendo moito que vaian outros cursos a visitar esa empresa. Tamén nos ensinaron os proveedores que ten Jim Sport e que lle facilitaba cada empresa e para que. 

Despois de visitar Jim Sport, fomos comer a Santiago de Compostela ao centro comercial As Cancelas. Do centro comercial non teño moito que falar porque todos algunha vez fomos e xa sabemos o que se fai alí. 

Despois fomos ao hotel, en Santiago. Unha vez chegamos déronnos as tarxetas de cada habitación e fomos cada grupo para a súa habitación. Deixamos as mochilas ou maletas e fomos para abaixo a falar do que iamos facer ese día. Os maiores de idade puideron ir sós dar unha volta por Santiago, pero nós, que eramos menores, tiñamos que ir coas titoras. Ao final pasámolo moi ben coas titoras e fomos a moitos lugares e camiñamos moito, iso si. Un dos lugares que a min máis me gustou foi a Casa do Cabido, porque sempre a praza das Praterías está chea de xente pero cando chegou a covid non saía a xente e as rúas quedaron completamente baleiras. Só había paxaros e pouco máis. Entón decidiron sacar fotos en branco e negro e poñelas por toda a casa por dentro e eran unhas fotos moi bonitas da praza. Fomos a moitos sitios pero non me dá para contarvos todo que se non, non acabo hoxe. Despois volvemos ao hotel e xantamos. 

 Ao día seguinte ás 09:00 da mañá saímos cara a Vigo e fomos deixar aos que eran maiores de idade a Conxemar, a unha exposición internacional de produtos relacionados co mar. E a nós, como eramos menores e esa exposición era para maiores, leváronnos ao Museo do Mar de Galicia en Vigo. Ensináronnos o esqueleto dun cachalote femia, que o tiñan colgado no teito. O cachalote femia morreu porque estaba embarazada e algo non saíu ben e saíu a costa e morreu ela mais o seu fillo. Despois ensináronnos os primeiros traxes de buzo e como funcionaban. Tamén vimos o primeiro submarino e vimos uns castros que estaban alí e un esqueleto humano que encontraron dentro dun dos castros. Leváronnos ao acuario e tiñan dous tiburóns pequenos e unha centola moi grande. Todos os peixes que tiñan eran da Ría de Vigo. Despois fomos comer a outro centro comercial en Vigo e unha vez xantamos viñemos rumbo a Burela. 

Foi unha excursión moi divertida e interesante, seria moi bo que se repetira con outros alumnos e que se fixesen mais excursión parecidas. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ

Carla Lavinia Martins Sanyang – 2º CB Servizos administrativos

13.10.22

O CB de Fabricación e Montaxe colabora coa residencia da terceira idade de Burela

O alumnado do Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe traballará durante este curso en colaboración coa residencia da terceira idade de Burela. 

Os rapaces ocuparanse do mantemento e reparación de mobiliario e de distintos utensilios que se usan na residencia de forma habitual. Para o centro de maiores é indispensable ter en estado óptimo todo aquilo que necesitan para coidar dos seus usuarios e que isto se poida facer con rapidez é primordial. Os alumnos están moi satisfeitos de poder axudar e de que o seu traballo facilite o funcionamento da residencia. 

1.10.22

En primicia! O luns atoparedes unha novidade no instituto


O luns estará rematado un mural que leva por título "O berro vegliota" da autoría do artista Iago Eireos, fundador de Espazo Lupa Arte. 

O curso pasado a Deputación de Lugo daba a oportunidade aos colexios e institutos lucenses de solicitar que se pintase algún muro dos centros educativos. 

A temática era unha homenaxe a Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985), que foi un pintor e ilustrador de cómics. 

As doce pinturas que configuran a banda deseñada O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño relatan, metaforicamente, as agresións que reciben as linguas minoritarias. O vegliota é unha lingua que se falaba na zona de Dalmacia, na actual Croacia; unha lingua románica en extinción. Nos anos setenta, cando Patiño realizou esta obra, falábana unicamente medio centenar de persoas. Partindo deste dato, Patiño constrúe un relato-denuncia da represión que sufriu a lingua galega durante o franquismo. Trátase dunha contundente crónica satírica, na que aparecen o Papa e o Pentágono perseguindo ao último falante de vegliota para exterminalo. Está considerada a obra fundacional do cómic galego, e de aí a homenaxe que se lle quere render a Reimundo Patiño en colaboración con centros educativos pola súa defensa das linguas minoritarias e especialmente do galego. 

BUSCADE ESTE LUNS ONDE ESTÁ A SORPRESA NOS MUROS DO INSTITUTO!




Visita de Camilo Díaz Arias á exposición sobre Ediciós do Castro

O 22 de setembro veu visitarnos o fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias, o cal nos contou anécdotas do seu pai dende que era novo até que foi indo máis vello. 
O primeiro que nos contou foi que comezou como pintor e que marchou para A Coruña para esconderse cando mataron a seu pai. Tempo despois presentouse a un concurso cunha exposición de pintura, na cal gañou o primeiro premio, que foi unha bolsa para estudar Belas Artes en Madrid. Nun momento dado, o réxime queriao contratar para pintar o "Valle de los Caidos”, pero el non quixo, xa que o réxime fora o culpable da morte do seu pai. 

Decide volver para Galicia e Isaac funda unha fábrica de porcelana chamada “ Fábrica do Castro”. No ano 55 a fábrica xa tiña un prestixio moi importante polo simple feito de que xa se facían moitos obxectos, como vasos, pratos etc... En agosto dese mesmo ano a fábrica do Castro sae nunha revista famosa, o que fai que se vaia coñecendo moito mellor esa cerámica e teña moita máis fama. 

Meses despois marcha a Arxentina. Xa alí entra en contacto coa comunidade galega e entra en contacto con Luis Seoane entre outros. No ano 63 abre unha fábrica preto de Bos Aires, en Magdalena, que durará só catro anos porque no ano 67 deixa a fábrica de Arxentina para volver a Galicia e poñer en marcha o proxecto da fábrica de Sargadelos. Comeza en 1970 nunhas instalacións que foran inauguradas por Antonio Raimundo Ibáñez. Isaac dirixía e producía a modelaxe e do deseño dos produtos que se ian a poñer en venda. 

En 2014, a fábrica entra en creba e estivo a piques de pechar polos problemas económicos se non fora polo empresario Segismundo García que inxectou cartos na fábrica de Sargadelos e logrou estabilizala ata o día de hoxe. Nese mesmo ano, Isaac recibe o premio “ Medalla de Galicia”.

O seu fillo explicounos tamén o seu labor no eido da literatura porque tamén tivo unha empresa para publicar libros chamada Ediciós do Castro. A obra con máis edicións foi Memorias de un neno labrego con 24 tiradas. A editora sacou á luz máis de 1500 títulos. 

Tamén falou de Isaac como pai, que construía papaventos e carrilanas para que os seus fillos xogaran, sobre todo cando eran máis nenos. Despois, cada vez tiña menos tempo polas súas numerosas obrigas.

Moitas grazas, Camilo, por vir falarnos do teu pai! 

Podes acceder ás imaxes AQUÍ.

Elisabeth Mendes Rubal
4º ESO B

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...