Mostrar mensagens com a etiqueta imaxe persoal. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta imaxe persoal. Mostrar todas as mensagens

13.6.26

Visita de AFAN ao CM de Peiteado e Cosmética Capilar

Grazas a AFAN (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas) pola vosa visita ao noso departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro de Burela. Coma tódolos anos foi unha xornada chea de emocións sinceras, na que aprendemos que o coidado comeza sempre cun xesto pequeno: unha mirada atenta, unha palabra doce, unha caricia que respecta a dignidade. A vosa presenza converteu a aula nun espazo de encontro humano, onde o tempo se mide pola calidez do trato e non polo reloxo. 

Esta experiencia axuda a derrubar prexuízos e a desestigmatizar a enfermidade. Compartir xuntos peiteados, conversas e sorrisos fixo visible que, máis alá dos esquecementos, permanece a auténtica persoa, co seu mundo e a súa importante historia. Vémolo no brillo dos seus ollos, na confianza que nace cando hai agarimo e respecto. Aprendemos que a beleza tamén é acompañar, escoitar e dar seguridade. 

Para o noso alumnado, traballar neste contorno real convértese nunha lección inesquecible de educación e de vida. Practicaron técnicas, si, pero sobre todo practicaron valores: empatía, paciencia, responsabilidade, acompañamento, coidado e atención. Levamos connosco a certeza de que educar é, ao mesmo tempo, saber facer, ser e saber estar. Agardamos repetir moi pronto, seguirmos aprendendo xuntos e construír unha comunidade onde o cariño e a escoita sexa sempre o primeiro coidado que se lles ofrece ás persoas. 

É unha sorte contar con xente coma vós, persoas que decidiron unirse para crear algo tan importante: un lugar de apoio, comprensión e acompañamento para quen máis o necesita. Nun momento no que moitas persoas non poden pedir axuda por si mesmas, estades aí, ofrecendo o voso tempo para comprendelos aportando valores: cariño, paciencia e humanidade. 

O voso compromiso fai máis levadeiro un camiño moi difícil para moitas familias. Grazas por crear ese ambiente de proximidade e solidariedade, por non deixar a ninguén só e perdido no camiño da vida, facendo fronte ao “síndrome do coidador queimado”, dando espazo e pulmóns para un respiro familiar e por demostrar cada día que a empatía e os coidados poden cambiar e mellorar vidas, alongalas e dignificalas. 

Grazas de corazón por todo o ben que facedes. Queremos dedicar esta frase á vosa asociación, quen de conseguir transformar un sentimento colectivo nunha gran acción:

“Estou convencida de que os heroes máis grandes son aqueles que cumpren cos seus deberes diarios e os seus asuntos mentres o mundo xira ao seu redor. Creo que os sentimentos se perden nas palabras. Todos deberían ser transformados en accións, en accións que traian resultados”. — Florence Nightingale. (Nai da Enfermería) 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de Imaxe persoal

25.5.26

Presentación pública do novo Espazo de tecnoloxía aplicada do departamento de Imaxe persoal

No IES Perdouro de Burela estreamos unha nova aula de Estética de mans e pés, un espazo moderno e equipado coa última tecnoloxía. 

Este proxecto foi seleccionado na Resolución do 24 de xuño de 2025 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se resolve a convocatoria do programa Espazos de tecnoloxía aplicada na Formación Profesional no ano 2025, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

No IES Perdouro seguimos innovando para preparar o futuro do noso alumnado.

2.3.26

Unha xornada de aprendizaxe e emoción compartida no Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar

O pasado martes día 24 de febreiro de 2026 tivemos o privilexio de recibir no noso centro a visita dun grupo de usuarios da residencia de maiores da nosa contorna, DOMUSVI de Viveiro, que se achegaron ás instalacións do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar do IES Perdouro para participar nunha xornada moi especial. 

Durante a mañá, o alumnado puxo en práctica as súas competencias profesionais realizando diferentes servizos de imaxe persoal: peiteados adaptados aos gustos e estilos de cada visitante, estética de mans e pés, corte de cabelo, así como arranxo de barba e bigote e afeitado clásico. Cada intervención foi planificada e executada co máximo coidado, aplicando os protocolos de hixiene, seguridade e atención personalizada que forman parte esencial da súa formación. 

Máis alá do traballo técnico, a aula converteuse nun espazo de encontro interxeracional cheo de conversas, sorrisos e complicidade. O ambiente foi cálido e distendido, no que o respecto, a escoita activa e a empatía estiveron presentes en cada momento. O alumnado non só perfeccionou destrezas profesionais, senón que tamén desenvolveu habilidades sociais fundamentais no ámbito da imaxe persoal: a atención ao cliente, a sensibilidade ante as necesidades individuais e o valor do trato humano. As persoas visitantes amosaron a súa satisfacción cos resultados e agradeceron a dedicación recibida, mentres que nós quedamos fondamente agradecidos pola súa confianza, pola súa actitude próxima e polo exemplo de vitalidade que compartiron connosco. 

Este tipo de iniciativas reforzan o noso compromiso cunha formación integral, na que a calidade técnica vai da man dos valores humanos. Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada tanto no alumnado como no profesorado e que agardamos poder repetir moi pronto. 

Grazas amigos e amigas pola visita e por converter unha xornada lectiva nun recordo tan especial. 

Agardamos vernos de novo en breve. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de Imaxe persoal

30.4.25

Visita de AFAN ao CM de Peiteado e Cosmética Capilar


Hoxe volvemos a vernos! Si, é un gusto volver recibir os membros da asociación AFAN de Burela un curso máis co propósito de axudarlles no mantemento e mellora da súa imaxe persoal. 

Vaia por diante o noso recordo para aqueles usuarios que por desgraza non puideron chegar a estar hoxe entre nós. Queremos achegar o noso agarimo na súa memoria aos seus familiares, amigos e coidadores. 

Desde o departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro sumámonos tamén ao sentimento de tristeza que deixou a despedida en cada unha das cooperantes desta marabillosa asociación que fixeron un labor extraordinario por e para eles e para todo o conxunto da sociedade. Por suposto que, AFAN, sempre deixades unha pegada nas nosas vidas e sobre todo na do noso alumnado que hoxe rematou esta actividade de peiteado entre choros de emoción ao despedirse ata o vindeiro curso. 

Foron os nosos estudantes de primeiro curso do ciclo de Peieado e cosmética capilar os que empatizaron co labor desta asociación querendo aportar o seu gran de area na desestigmatización, botándose a traballar coas diferentes técnicas de hixiene e acondicionamento capilar, peiteados e estética de mans. Todas as técnicas aprendidas no centro educativo hoxe desenvolvéronse dentro dun ambiente de respecto. Coa tranquilidade de saber como afecta unha enfermidade neurolóxica ao individuo e como impacta na propia persoa e no seu contorno foron quen de traballar coa seguridade de que saben como facelo en equipo, planificando e organizando o contorno de traballo para que os usuarios de AFAN puideran ser recibidos e atendidos con éxito no coidado da súa imaxe sen contribuír nin o máis mínimo a ocasionarlles danos. 

Logo da visita, as modelos de peiteado agasallaron o noso alumnado e profesorado cuns chaveiros feitos á man acompañados dunha tarxeta que reflectía a seguinte frase: “GRAZAS POLO VOSO ESFORZO E DEDICACIÓN, SEREDES UNS GRANDES PROFESIONAIS.” 

Concordamos coa frase tan acertada. O elenco de profesorado que formamos parte deste ciclo formativo sabemos que grazas á colaboración destas entidades con nós faise posible que formemos en conciencia os futuros profesionais de peiteado co obxectivo de abordar os servizos que se prestan acompañados dun trato e atención exquisita a persoas que requiren dunha atención máis persoal. 

Acabamos cunha frase moi familiar: “mentres uns tratan de lembrar, nós estaremos aquí sempre para non esquecervos! 

Ata sempre queridos amigos! Sodes unha honra! 

Tedes imaxes desta entrañable visita AQUÍ.

Dpto. de Imaxe Persoal. IES PERDOURO.

25.4.25

Actividades do departamento de Imaxe Persoal na Semana do Benestar 2025

O alumnado de primeiro curso do ciclo de Peiteado e cosmética capilar participou coas seguintes actividades na Semana do Benestar aportando os seus coñecementos ao alumnado visitante: 

Por unha banda os asistentes que nos visitaron sometéronse a exame capilar con medios diagnósticos como a microcámara, un dispositivo que mostra a grande escala a anatomía e fisioloxía do coiro cabeludo e o cabelo. A análise con este aparello é a fase previa a calquera procedemento técnico nun salón de peiteado no que en primeiro lugar se poden observar posibles alteracións do coiro cabeludo e do cabelo para logo seleccionar os cosméticos axeitados ao estado que presenta o modelo que se analiza co fin de aplicar e aconsellar os tratamentos cosmetolóxicos que mellor se adapten a cada caso en particular. Logo xa se poderán realizar as tarefas de peiteado con maior seguridade e control.

Posteriormente, os convidados aos nosos talleres de Imaxe persoal puideron experimentar técnicas de estética de mans e pés concienciándoos de manter unha boa saúde dos mesmos. Para iso, incorporáronse técnicas de hixiene e coidados de mans e pés realizando diferentes tratamentos a base de parafina, cosmético que confire unha hidratacion profunda á pel. Apoiados dunha presentación proxectada sobre os coidados de mans e pés e cunha correcta alimentación conseguiuse que os visitantes saíran aprendidos para o autocoidado. A través dun xogo interactivo de preguntas e respostas, os usuarios adquiriron conceptos de xeito divertido. 

Tamén percorreron o taller de hixiene capilar e peiteado, onde aprenderon a técnica do correcto lavado do coiro cabeludo e cabelo. Para aprender isto o noso alumnado do ciclo de Peiteado explicou de xeito interactivo a forma máis sinxela e correcta de realizar esta práctica de hixiene e acondicionamento capilar instruíndo na elección da cosmética axeitada para que os asistentes, no seu domicilio, poidan levar adiante unha intervención axeitada no seu cabelo e lucir limpo e acondicionado.

Logo disto, percorreron o taller de estilismo no que o alumnado visitante aprendeu a recoñecer a súa xeometría facial determinando o tipo de rostro que posúen co fin de aplicar un correcto deseño e depilación de cellas que potencia a súa expresividade e beleza. Para conseguilo, o alumnado do ciclo de Peiteado explicou de maneira breve e sinxela os diferentes tipos de rostro a través dunha proxección para logo pasar a realizar un diagnóstico personalizado a cada un dos asistentes explicándolles a maneira correcta de «depilar » de xeito mecánico (con pinzas) as súas propias cellas tendo en conta a xeometría máis axeitada. 

E para enriquecer esta actividade colaborativa, desde o departamento de Imaxe persoal impartiuse un taller de colorimetría aplicada á imaxe persoal co obxectivo de que os asistentes recoñezan as cores que mellor resaltan as súas calidades físicas: pel, ollos e cabelo, equilibrando e proporcionando as liñas de expresión e gañando en beleza. 

Tamén aprenderon as emocións que transmiten as cores a través da roupa, do cabelo e da maquillaxe. Explicouse a importancia de poder conxugar a beleza coa capacidade de comunicar emocións a través das cores que vestimos e contribuír a fidelizar a representación da propia individualidade conseguindo mostrar realmente quen somos en equilibrio co que queremos que os demais perciban de nós. En definitiva, que a nosa imaxe persoal vaia en liña coa nosa percepción. 

 «A imaxe persoal é sinónimo de comunicación»

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
Departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro

30.6.23

O invernadoiro do IES Perdouro

Durante os dous últimos trimestres do curso 2022-23 construímos un invernadorio no IES Perdouro. Empregamos a biblioteca do centro como nexo de unión, coa participación da materia de Tecnoloxía co alumnado de 4º da ESO e as materias de Lingua Galega e Literatura (4º ESO), Inglés (4º ESO), 2ª Lingua estranxeira: Francés (3º ESO), Bioloxía e Xeoloxía (4º ESO – FPBásica), Matemáticas (2º e 4º ESO), TIC (4º ESO), EPeV (1º ESO), 1º CM de Mecanizado, CM de Peiteado e Cosmética Capilar, o departamento de orientación e o EDLG. Participaron tamén as familias do alumnado, sobre todo avós e avoas, que aportaron coñecemento e compartiron información de xeito interxeracional, engadindo unha importante dose de educación emocional. 

A finalidade do proxecto foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. 

Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. 

Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? – Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?

Podes acceder a máis fotos do invernadoiro AQUÍ

19.6.23

Peiteadores en galego: análise capilar

Dentro dun proxecto de innovación en normalización lingüística, o departamento de Imaxe persoal elaborou uns vídeos co seu alumnado para explicar en galego, neste caso, as principais alteracións capilares. 



14.6.23

Peiteadores en galego: hixiene e acondicionamento capilar

O departamento de Imaxe Persoal, dentro dun proxecto de innovación e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaborou vídeos nos que explica algún dos protocolos que se insiren no currículo do CM de Peiteado e Cosmética Capilar. 

Este é o vídeo que elaboraron para explicar en galego como se realiza un corte compacto:

Peiteadores en galego: masaxe de mans

O departamento de Imaxe Persoal, dentro dun proxecto de innovación e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaborou vídeos nos que explica algún dos protocolos que se insiren no currículo do CM de Peiteado e Cosmética Capilar. 

Este é o vídeo que elaboraron para explicar en galego como se realiza unha masaxe de mans:

Peiteadores en galego: corte compacto

O departamento de Imaxe Persoal, dentro dun proxecto de innovación e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaborou vídeos nos que explica algún dos protocolos que se insiren no currículo do CM de Peiteado e Cosmética Capilar. 

Este é o vídeo que elaboraron para explicar en galego como se realiza un corte compacto: 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...