Mostrar mensagens com a etiqueta regueifa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta regueifa. Mostrar todas as mensagens

3.2.23

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez, Cristian de Burela

O luns 30 de xaneiro, día escolar pola paz, celebramos un obradoiro de regueifa destinado ao alumnado de 1º de ESO. Contamos con grande Cristian de Burela, ex-alumno do centro, laureado en varios certames de regueifa e membro da comunidade Enregueifate que promove o certame do mesmo nome. O improvisador explicoulles que é unha regueifa e unha vez entendido o mecanismo, en seguida compuxeron coplas e houbo moita creatividade e diversión nas propostas.

Pode acceder á reportaxe de fotografías aquí.

26.1.23

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez

Temos programado na biblioteca do centro un obradoiro de regueifa a cargo de Cristian Gómez para o vindeiro luns, día 30. Está destinado ao alumnado de 1º de ESO. Haberá dous pases onde o alumnado poderá darlle a fondo á improvisación.

26.11.21

Obradoiro de regueifa

O día 22 de novembro na hora de titoría tivemos un obradoiro de regueifa dirixido por Cristian Gómez, un compañeiro do Perdouro, estudante  de Electrónica que participa no Modelo Burela e que tamén é técnico e locutor de radio en Proxecto Neo.
Cristian explicounos que son as regueifas, como se fan, que versos teñen que rimar, os significados da palabra ( aparte dun canto tamén pode ser un baile ou un pan de voda). Despois fixemos as nosas propias regueifas, unha delas a partir do noso nome.
Gustounos moito esta actividade porque nos deu a coñecer unha nova forma de entreter coa linguaxe, da que non tiñamos coñecemento. Cristian explicounos todo dunha maneira divertida e fácil de comprender.
Tamén tivemos outras persoas na aula, xa que viñeron uns cámaras para gravar e sacar fotos para un documental.
Foi unha actividade entretida e recomendamos que se realice noutros cursos. 

Accede á reportaxe de fotografías aquí.

Uxía Oroza Combarro, Brais Vila Salgueiro, Iker Trillo Souto e Antón Míguez Rubiños. 1º ESO B

1.3.21

Día 8 nos 21 días co galego e + Obradoiro de regueifa

Seguimos cos obradoiros de regueifa destinado ao alumnado de ESO e bacharelato impartidos por Cristian e Noe, os nosos regueifeiros do centro.

Lembramos que na web de Non perdas o norte están colgadas as bases do III Certame de Regueifa do IES Perdouro. https://non-perdas-o-norte.webnode.es/

25.3.20

II Certame de regueifa do IES Perdouro - Fase confinamento

NON PERDAS O NORTE 2020

Debido ao confinamento pola aparición do virus SARS-CoV-2 o equipo organizador do certame decidiu actualizarse e adaptarse ás novas medidas. O certame cambia radicalmente.
 
Volvemos abrir o prazo de inscrición. Neste caso a vosa participación no certame consistirá no envío dun vídeo regueifando. 

Recibiranse vídeos ata o día 24 de abril. 

Para máis información consultar as bases na nosa web https://nonperdasonorte.webador.co.uk/

4.3.20

II Certame de Regueifa



Xa temos convocado o II certame de regueifa do IES Perdouro. No hall de entrada está colocado un buzón onde podes deixar o formulario de inscrición. Tes ata o 18 de marzo para prepararte e ceibar a lingua!!!

Achegamos as bases:


17.12.19

Obradoiro de regueifa con Lupe Blanco

O venres 29 de novembro a regueifeira Lupe Blanco veu explicarnos como se facían as regueifas. Viña acompañada doutro regueifeiro chamado Óscar. Primeiro, crearon unha regueifa improvisada para presentarse. Cantaron cun bonito ritmo. Lupe Blanco explicounos que a regueifa podía ser unha danza ou un bolo que se repartía nas vodas. As xente xuntábase en grupos e cando un tiña pensada xa unha rima dicía: “Bomba!” e comezaba a meterse cos dos outros grupos. O outro grupo contestaba dicindo: “Bomba!”, cando tiña a reposta pensada.
Tamén nos contou que ela viña de Bergantiños. Seu bisavó tamén facía regueifas. Aínda que morreu hai máis de 30 anos. En Bergantiños tamén existe unha composicion chamada brindo, aínda que só hai un brindeiro que ten 93 anos. O número de regueifeiros é maior xa que quedan 11 ou 12.
Co paso do tempo, en vez dar un bolo daban bonecas. Algunhas delas tiñan cartos dentro. Despois, explicounos que as regueifas son coplas de catro versos nas que riman os versos pares. Normalmente as palabras máis importantes van na posición de rima.
A continuación, puxémonos en grupos e fixemos as nosas propias regueifas.
Pareceunos unha actividade moi divertida.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Carlos Martins Sanyang, Iago Losada Fernández e Denilson Tavares Barbosa - 1º ESO B

24.11.19

Obradoiro de Regueifa con Lupe Blanco

Temos programado na biblioteca do centro un obradoiro de regueifa a cargo de Lupe Blanco para o vindeiro venres, día 29. Está destinado ao alumnado de 1º de ESO. Haberá dous pases onde o alumnado poderá darlle a fondo á improvización.

Se queredes saber máis sobre Lupe Blanco de Bergantiños aquí vos deixamos unhas referencias:  

27.6.19

Final Certame de Regueifa do IES Perdouro

O pasado martes 18 de xuño tivo lugar na biblioteca a final da primeira edición do Certame de Regueifa convocado polo EDLG e Vicedirección. Esta mañá Alejandra Fernández Alonso de 4º de ESO e Gabriela Pedre Lastra de 1º de ESO improvisaron sobre o uso do idioma. Logo dunha batalla de algo menos  de 10 min Gabriela resultou vencedora.

No recreo, fíxose entrega de diplomas aos participantes e o equipo directivo felicitounos. Miruca Parga aproveitou para agradecer a axuda de Cristian e Serxio, alumnos de 4º de ESO, que tiveron a iniciativa de convocar este certame e de levar a cabo os obradoiros. Tamén reivindicou a importancia de facer revivir nos centros educativos a nosa tradición oral.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

Vídeo da final entre Alejandra e Gabriela.

21.5.19

Obradoiro de regueifa

Esta mañá, Serxio e Cristián, alumnos de 4º de ESO e dinamizadores do Certame de Regueifas do IES Perdouro, impartiron uns obradoiros de improvisación oral ao alumnado de 1º de ESO. Empezaron por un breve achegamento teoríco no que lles explicaron que  as regueifas son composicións dialogadas medievais que logo no século XIX estaban vinculadas  coas vodas. O obxectivo da disputa dilemática era conseguir o privilexio de partir a regueifa, un pan branco. A regueifa segue existindo por Vigo, Camariñas, Vilariño de Conso ou no Courel.
A regueifa é unha estrofa ou copla popular onde hai unha rima asonante ou consonante entre os versos 2º e 4º, cun ritmo moi pegadizo.
O alumnado puxo en práctica e improvisou con moito ritmo unhas coplas non sempre fácil, pero foron uns momentos moi divertidos.

7.5.19

I Certame da Regueifa

O EDLG convoca o I Certame de Regueifa.

O certame pretende apoiar e difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso da lingua galega.

Prazo de inscrición ata o 22 de maio. Anímate!

BASES:
  • Concurso para o alumnado de 1º da ESO a 2º de BAC e profesores interesados.
  • A participación é aberta e de balde e concrétase cubrindo un formulario que está dispoñíbel para os interesados en conserxería. Ditos formularios deberan ser entregados a Dolores Otero (vicedirectora).
  • O idioma empregado deberá ser o GALEGO.
  • NON se poden transmitir mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias. No momento no que isto suceda o participante será eliminado.
  • Se os participantes non informan da súa ausencia nalgunha das probas, quedarán directamente eliminados.
  • Débese respectar a decisión do xurado.
  • Débense respectar os compañeiros.
  • As listas e horarios das probas serán anunciados despois do peche da inscrición.
  • Anunciaranse obradoiros de regueifas para todo aquel que estea interesado.
  • O premio para o gañador será desvelado o día da entrega.
En caso de dúbida, contactar con calquera das seguintes persoas:
Dolores Otero (vicedirectora)
Bernardo Penabade (profesor lingua e lit. galega)
Sergio Alonso (alumno de 4º ESO)
Cristian Gómez (alumno de 4º ESO)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...