26.1.23

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez

Temos programado na biblioteca do centro un obradoiro de regueifa a cargo de Cristian Gómez para o vindeiro luns, día 30. Está destinado ao alumnado de 1º de ESO. Haberá dous pases onde o alumnado poderá darlle a fondo á improvisación.

25.1.23

Festival do Entroido 2023

Participade no festival do Entroido 2023!

Falade co/a voso/a titor/a para anotarvos e entregade a ficha de inscrición en Vicedirección ata o 27 de xaneiro. 

Podedes acceder AQUÍ á ficha de inscrición e AQUÍ a máis información sobre as indicacións para o festival. 


Bibiana Candia, autora de "Azucre"

O pasado 21 de novembro tivemos a honra de recibir na nosa biblioteca a Bibiana Candia, escritora que coñecemos a través da lectura da súa primeira novela e da que nos veu falar: Azucre. 

Azucre está baseada en feitos reais. Narra a historia de parte dos 1700 galegos que se embarcaron nunha viaxe a Cuba para gañar a vida traballando nos campos de caña de azucre. En contra do que eles esperaban, acabaron sendo vendidos como escravos. 

Bibiana comezou contándonos como lle xurdira a idea de escribir o libro. Comentounos que, antes de poñerse a redactalo, houbo un proceso moi longo. No seu caso, todo comezou cando, estando en Berlín, unha amiga compartiu con ela unha ligazón dun documental de RTVE e uns documentos cos nomes dos galegos que viaxaran a Cuba, xa que pensou que serían do seu interese pois Bibiana escribe en dúas revistas que tratan sobre historia e cultura. A amiga atinou plenamente porque Bibiana se interesou moito polo tema e pareceulle sorprendente que non se soubera nada dun feito histórico de tal relevancia. Así que, púxose a investigar e conseguiu recabar moita máis información coa que redactou e publicou un libro. Pero o obxectivo de Bibiana era dar a coñecer o caso e sabía que desa forma non o conseguiría, polo que se propuxo escribir unha novela. 

Para conseguir sensibilizar os lectores, a autora crea uns personaxes de ficción cos que é máis doado empatizar xa que, segundo Bibiana, “las personas no hemos cambiado tanto”, facéndonos ver que poderiamos ter sido calquera de nós aos que nos tocase vivir esa situación e a reacción sería moi similar. A autora recorda perfectamente o seu avó e os veciños da aldea que estaban nunhas circuntancias moi parecidas ás dos galegos antes de marchar e cre que se nacesen anos antes serían candidatos perfectos a esa viaxe á escravitude. 

Tamén nos falou das circunstancias que propiciaron este feito, tanto en Cuba como en Galicia. Contounos que Cuba, naquel momento, temía que se revolucionasen os escravos negros, ao igual que en Haití, pois eran moitos en número se se comparaban coa poboación branca. Ademais, precisaban escravos para traballar o azucre. Mentres, Galicia acababa de pasar un inverno moi frío, que acabou con todas as colleitas, e un andazo de cólera, polo que se necesitaba traballar fóra para paliar a fame e a pobreza. Neste escenario, o deputado Urbano Feijóo Sotomaior decide levar galegos a Cuba como traballadores libres, pide permiso á raíña Isabel II e contrata sete barcos. Cando os galegos chegan ao lugar de traballo, atópanse con dous problemas: por un lado, cústalles moitísimo adaptarse ao clima cubano e traballar nesas condicións e, por outro lado, tanto as estruturas como o persoal que se atoparon alí estaban acostumados aos escravos, polo que os galegos eran tratados como se o fosen. 

O escándalo chegou ata os oídos dos emigrados en Nova York e estes decidiron escribir cartas a Madrid para que os axudasen. Celébrase un debate sobre a escravización e disólvese a empresa de Feijóo Sotomaior. Os galegos que sobreviviron quedaron libres e déuselles a opción de volver ás súas casas. 

A raíz de todo isto, Bibiana opina que este acontecemento non quedou na memoria popular xa que supuña unha gran vergoña voltar de América sen ter conseguido nada.

Despois de contarnos todo isto e responder as nosas preguntas, dedicounos os nosos exemplares do libro. Foi unha mágoa que non houbese máis tempo para poder facerlle máis preguntas. 

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Gabriela Pedre Lastra e Ramón Leal González

Pílula sobre educación emocional: 12

Hoxe tocan frases para reflexionar. Con cal delas te identificas máis?













23.1.23

Especial Amigo Invisible 14/02

Semana dos afectos. 02/02 Candeloria e 14/02 San Valentín.
Estamos a organizar o equipo de Educación Emocional coa axuda dos titores as cartas Especial San Valentín. Este ano faremos un especial Amigo Invisible. Anímate e pon a túa imaxinación e creatividade a andar!

Chegaron os calendarios 2023

Todas as aulas locen xa o calendario anual de sobremesa tan esperado da Asociación Cultural Os Matos, Equipo de dinamización e Biblioteca.
O tema escollido foi EcoPerdouro, proxecto de sensibilización medioambiental do centro.
Contouse co alumnado de 4° ESO TIC para a elaboración de lemas, selección de imaxes e montaxe.
Resultado: Doce meses, doce xestos ECO.

E ademais repartimos entre todo o alumnado o calendario marcapáxina para estrealo nos seus libros da hora de ler por exemplo.

20.1.23

Necesitamos que recollades pilas de novo

Este mes de xaneiro comezou a IV edición da campaña escolar Pilabot. Temos seis semanas para recoller a máxima cantidade de kg de pilas!

Recórdovos que o curso pasado xa participamos e non estivo nada mal o posto que conseguimos na clasificación: 

- Nº 26 de 150 centros educativos de Galicia en kg recollidos: 493,25 kg

- Nº 38 de 150 centros educativos de Galicia en kg recollidos por alumno: 2,15 kg

O resultado da campaña foi un éxito e recolléronse case 54 toneladas de pilas. 

Unha vez máis podedes participar tamén no concurso #EuSonPilabot creando o voso propio cartel. 

E aquí tedes algúns recursos para traballar na aula a reciclaxe e animarvos a traer todas as pilas que poidades. 

Comeza a conta atrás!

18.1.23

Pílula sobre educación emocional: 11

O mércores pasado falabamos de crenzas e reestruturación cognitiva, e hoxe seguimos co tema.
Á reestruturación cognitiva imos chamarlle de forma máis coloquial “volver a pensar”.
Para volver a pensar, ou pensar mellor, primeiro e necesario descubrir os erros de pensamento que temos, o que se chaman distorsións cognitivas.

As distorsións máis habituais son:
1️⃣ Filtro mental: ver só o negativo
2️⃣ Etiquetación: pasar do fixo ao é.
3️⃣ Xeneralización: o uso de termos como sempre, nunca, xamais, imposible…
4️⃣ Catastrofismo: anticipar o peor; “seguro que…”, “ e se…”.
5️⃣ Lectura mental: supoñer o que o outro pensa ou porque fai o que fai.
6️⃣ Dramatización: usar adxectivos desmedidos: terrible, fatal, horrible…
7️⃣ “Comer marróns”: “todo é por culpa miña”.
8️⃣ “Lavar as mans”: “eu non fun”.
9️⃣ Uso do “debería”: converter un desexo en obriga.

Agora que xa coñeces as distorsións de pensamento podes facer a seguinte actividade:

  • Colle unha folla de papel
  • Pensa nunha situación que che xera malestar
  • Anota os pensamentos que aparecen nesa situación
  • Anota as emocións que sentes debido a eses pensamentos
  • Examina cada un dos pensamentos anotando o tipo de distorsión/s que conteñen.
  • Elabora e escribe novos pensamentos libres de distorsións, máis adaptativos, que substitúan os anteriores.
  • Anota as emocións que sentes cos novos pensamentos

Lembra que “volver a pensar” pode ser a chave para sentirte mellor.

11.1.23

Pílula sobre educación emocional: 10

Voltamos outro mércores con un pouquiño de educación emocional.
Hoxe falamos de crenzas.
As crenzas son as tellas que sosteñen a imaxe que temos do mundo e de nós mesmos.
Pode ser que esas tellas sexan adecuadas e xeren benestar emocional ou pode ser que non sexan as adecuadas e provoquen malestar emocional.
En definitiva, as crenzas non son máis que o que pensamos sobre o mundo, non son o mundo. De xeito que, se os nosos pensamentos son ríxidos e incluso nos provocan malestar físico ou emocional, por que non cambialos? Esta é a base da reestructuración cognitiva (volver a pensar).

Para iniciarnos no descubrimento de que cambiando o noso pensamento podemos cambiar o que sentimos propoñemos a seguinte actividade:

Fai un listado das túas crenzas. Dá 3 respostas as seguintes preguntas:

  • Que penso sobre min mesmo?
  • Que penso sobre os estudos?
  • Que penso sobre o amor?
  • Que penso sobre a amizade?

Unha vez feito isto, ao lado de cada unha das respostas pon un L de “limitante” (se consideras que esa crenza te limita na túa vida e xera emocións negativas) ou pon unha A de “adaptativas” (se consideras que esa crenza che axuda na túa vida e xera emocións positivas).
Unha vez rematado isto gradúa cada crenza cun número do 1 ao 5 (significando o 1 pouca certeza sobre esa crenza e o 5 certeza total sobre esa crenza).

Unha vez clasificadas todas as crenzas, fíxate nas cualificadas como limitantes L-5, L-4, L-3, L-2 ou L-1 e dedica un tempo a pensar e escribe sobre:

  • onde nace esa crenza?
  • é miña ou é herdada?”
  • que tipo de persoa sería se non tivese esa crenza?
  • que podería facer ou que podería lograr se non tivese esa crenza?


Recorda, as crenzas son unicamente pensamentos (non son unha realidade inamovible), se cambias os teus pensamentos podes mudar o teu mundo.

9.1.23

A Digitalweek

Vinte e cinco persoas do alumnado de segundo da ESO realizamos unha excursión a un campamento de inglés situado en Gandarío, preto da Coruña, do seis ao doce de novembro do dous mil vinte e dous. O campamento chámase “Digitalweek”, e para o meu gusto é excelente e totalmente recomendable. 

O primeiro día chegamos sobre as sete e algo. Tivemos a primeira vista das instalacións. Só puidemos ver o patio central. É amplo, cunha fermosa fonte no centro e con bancos e dúas mesas de ping-pong nos arredores. Recibíronnos os monitores, aos que lles entregamos os móbiles e lles dixemos se tiñamos algunha enfermidade ou non. Leváronnos ao noso bloque de habitacións. Alí asignáronnos o noso cuarto e coñecemos ás persoas que se instalaron nel. As persoas coas que nos tocou viven en Cariño. A min tocoume con tres deles e mais cun rapaz do Perdouro. En cada habitación hai oito camas, que son liteiras. Non son moi grandes os cuartos, pero si que son acolledores. Logo de facer a cama, colocar a roupa no armario e falar un pouco cos compañeiros de cuarto, chegaron as oito e media, horario de cea.

Cando acabamos de cear tocábanos actividade nocturna. Case todos os xogos se realizaron na sala de xogos, pero houbo dúas excepcións: o desfile de moda e a discoteca. O casino, caixa de música, película e “indoor challenge” realizáronse na sala de xogos. O desfile de moda estivo moi ben. Por grupos, dábannos unha serie de materiais e tiñamos que disfrazar/vestir o noso compañeiro que nos escollemos. Non gañamos, pero paseino moi ben. A actividade nocturna remataba ás dez e media, hora á que nos iamos deitar. 

As mañás neste campamento non son moi movidas. Érgueste ás oito en punto e tes media hora para despexarte, vestirte e preparar as cousas para o día. Ás oito e media almorzas e logo vas para a túa clase correspondente. 

Antes de continuar, teño que falar do tema das clases. Un día reunímonos todos os participantes da “Digital Week” na sala de xogos para saber a clase que nos tocaba. Nesta clase apréndese a deseñar e imprimir en 3D, a crear unha páxina web, a facer robótica e a xogar a un xogo de estratexia chamado “moon”. As clases constaban de vinte persoas ou algunhas máis. Cada unha tiña persoas de dous centros diferentes. A min tocoume con nove persoas do Perdouro e con dez dun instituto de Lugo. Os nomes das aulas son nomes de persoas importantes. A miña, por exemplo, chamábase Marie Curie, pero a dunha persoa da miña habitación chamábase Graham Bell. A demais de aprender, nas actividades competías contra outras clases. Quen gañaba unha actividade tiña x número de estrelas, e ao final do campamento quen tivera máis gañaba. 

Polas mañás tiñamos clase ata a unha e media, que xantabamos e tiñamos tempo libre ata as tres e media. Podías andar por onde quixeras. As instalacións son xigantes. A parte do patio central que describín, consta de tres pistas de fútbol, dúas de baloncesto e dun inmenso bosque no que podes pasear. Logo do tempo libre, tocaba actividade, que fixemos as seguintes: busca do tesouro, “ghimkana”, caída do ovo, tutti – frutti e o último día unha serie. A actividade que máis me gustou foi a caída do ovo. Consiste en conseguir que o ovo non rompa ao tiralo dun segundo piso grazas aos materiais que che daban. Nós conseguímolo e gañamos dúas estrelas, a pesar de que non fomos os únicos. Paseino xenial na actividade. 

De cinco a cinco e media tiñamos a merenda e, despois, clase ata as sete e media. Ás sete e media recolliamos os móbiles para chamar á casa e tamén nos tiñamos que duchar. Íamos por quendas. Un día duchábanse primeiro os homes e logo as mulleres e ao revés ao día seguinte. Ás oito e media acababa ese trámite e iamos cear. O que vén a continuación xa o expliquei. 

O único día diferente foi o mércores, xa que pola mañá nos trasladamos á Coruña para visitar o Muncyt, que ía sobre avións, ciencia e sobre persoas que foron importantes para a nosa historia. 

A comida que máis me gustou foi, sen lugar a dúbidas, a hamburguesa con patacas. O campamento está xenial; tiven unha experiencia única e inesquecible e non me levei decepción con nada. Recomendo este campamento e volvería cos ollos pechados. 

 Ángel Blanco Santos - 2º ESO B

Competición de montaxe e configuración

O alumnado do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicación rematou o último día antes de Nadal cunha competición de montaxe e configuración, traballando en grupos de alumnos de 1º e 2º curso. Demostrando as súas destrezas nas diferentes tecnoloxías vistas en distintos módulos profesionais, instalaron paneis con circuítos de alumeado, tomas de corrente eléctrica, sinais de televisión e instalación de videovixilancia. 

O grupo gañador estivo formado por: 
Bruno (1° CM) 
Daniel (1° CM) 
Christian (2° CM) 
Izan (2° CM) 

E o grupo subcampión foi o composto por: 
Javier (1° CM) 
Miguel (1° CM) 
Kemer (1° CM) 
Breixo (2° CM) 
Adrián (2° CM) 

Moitos parabéns! Gran traballo!

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...