31.5.16

Visita dos alumnos de 6º do Virxe do Carme

Hoxe recibimos a visita dos alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Virxe do Carme. Foron acollidos polo director, Santiago Pérez, pola xefa de estudos, Mª José Andión e pola orientadora, María Permuy. Visitaron as instalacións do centro e pasaron o recreo cos seus futuros compañeiros.

Fallo premio Concurso Os Matos 2016

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos:

X CONCURSO LITERARIO – Tema: “O meu avó, a miña avoa”

Relato curto: 

Categoría 1º e 2º de E.S.O.
  • Primeiro Premio: “O meu segundo pai” – Carolina Basanta Val (2º E.S.O. A)
  • Segundo Premio: “Os meus avós” – Alex Gómez Sixto (2º E.S.O. A)
Categoría 3º e 4º de E.S.O. 
  • Primeiro Premio: “Os avós” – Iria Fernández Rubal (4º E.S.O. B)
  • Segundo Premio: “Dúas almas nun só corazón” – Marta García García (4º E.S.O. A)
Categoría Bacharelato e Formación Profesional 
  • Primeiro Premio: “Avoa” – Andrea Ramos Piñeiroa (1º Bach.)
  • Segundo Premio: “Carta á miña avoa” – Tamara Rico Berdeal (1º Bach.)
Poesía

Categoría de E.S.O. 
  • Primeiro Premio: “A avoa, outra nai” – Cristina Vidal Fernández (2º E.S.O. B)
  • Segundo Premio: “Agradézocho a tí” – Carmen Pernas Pernas (2º E.S.O. B)
Categoría Bacharelato e Formación Profesional 
  • Primeiro Premio: “Só ti, só nós” – Macarena LEdo Vázquez (2º Bach.)
VIII CONCURSO DE IMAXE – Tema: “O meu avó, a miña avoa

Categoría 1º e 2º de E.S.O.
  • Primeiro Premio: Yaniss dos Santos Méndez (1º E.S.O. A)
  • Segundo Premio: Antía Gómez Couto (1º E.S.O. B)
Categoría 3º e 3º de E.S.O.
  • Primeiro Premio: Everaldo Magno Martíns Cruvinel (3º E.S.O A)
  • Segundo Premio: María Areán Maseda  (4º E.S.O. A)

Charla sobre a auga - Día mundial do medioambiente

Coincidindo coas próximas celebracións do Día mundial do medioambiente, o alumnado de 3º ESO recibiu esta mañá a visita do especialista e técnico de Espina y Delfín, Juan Moreno, para falarlles da auga. 

A profesora Charo Fernández, como medio de chamar a atención sobre a importancia da agua e da xestión sostible dos recursos da auga, organizou esta charla para sensibilizar aos seus alumnos de 3º de ESO sobre un uso sostible deste ben tan preciado e imprescindible para a vida. Juan Moreno explicoulles con datos contundentes o consumo moitas veces excesivo, os tratamentos para potabilizar ou para depurar, os impactos dunha simple fuga de auga co obxetivo de promover en eles unha boa práctica da súa utilización no día a día. O aproveitamento da auga empeza pola participación de todos nós.

30.5.16

Xeometría na arte por Pilar García Agra

Este luns 30 de maio, a profesora de matemáticas do IES nº 1 de Ordes e membro da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática "AGAPEMA", Pilar García Agra, impartíu unha conferencia sobre Matemática, xeometría e arte ao alumnado de 3º de ESO. Nela, a matemática analizou aspectos diferentes da Arte. Faloulles do número de Ouro e as súas aplicacións en diferentes aspectos artísticos, a pintura, escultura e arquitectura dende a antigüidade ata hoxe. Explicoulles a sucesión de Fibonacci e como están presentes os elementos xeométricos en tódolos ámbitos do mundo da Arte. 

A PROPORCIÓN ÁUREA

O número de formas distintas de dividir unha figura é, naturalmente, infinito; pero, a sección áurea produce unha impresión de harmonía lineal, de equilibrio na desigualdade, máis agradable que calquera outra combinación. Tal era a opinión de Leonardo da Vinci e da maior parte de artistas e sabios do Renacemento. A sección áurea caeu despois no esquecemento máis de dous séculos e foi o alemán Zeysing quen, arredor de 1850 volveu a descubrila e proclamou: “Para que un todo, dividido en partes desiguais, pareza fermoso dende o punto de vista da forma, debe haber entre a parte menor e a maior a mesma razón que entre a maior e o todo”.
Chama a isto lei das proporcións e declara que se cumpre nas proporcións do corpo humano, das especies animais que se distinguen pola elegancia das súas formas, en certos templos gregos (particularmente o Partenón), en Botánica, e ata na Música.
A división dun segmento AB, por un terceiro punto C situado entre A e B, da lugar a seis razóns posibles e diferentes:
Analizando as proporcións (igualdade entre as razóns) que podemos establecer, sendo a>b,
só é factible a que corresponde a igualdade:
"Dividir unha lonxitude en dúas partes desiguais de tal xeito que a razón entre a menor e a maior, sexa igual á razón entre esta última e a suma dás dúas (a lonxitude inicial )."
Obtense así a proporción que Paccioli chama proporción divina; Kepler que é o primeiro que menciona o seu interese en Botánica e para o cal é “unha xoia preciosa : un dos tesouros da Xeometría”, chámaa tamén sección divina; Leonardo da Vinci dálle o nome de sección áurea, e de aquí a denominación de sección dourada, e a de número de ouro ó valor numérico que agora determinamos. 



Aquí está parte da exposición que fixo Pilar na biblioteca do IES Perdouro:


Recomendounos ver os vídeos de Cristóbal Vila que explican á perfección a relación xeométrica do número de ouro. 


25.5.16

Viaxe a Londres 2016

Do 11 ao 16 de maio, 48 alumnos de 4º de ESO e 1º de bacharelato realizaron unha viaxe de interese lingüístico-cultural a Londres co obxectivo de poñer en práctica as súas destrezas orais na lingua inglesa.
Os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer os lugares máis emblemáticos da capital: Buckingham Palace, Westminster Abbey, The Parliament e Saint Paul´s Cathedral. Tamén formaron parte das actividades da viaxe as visitas ao Natural History Museum, ao Science Museum e, como non pode ser doutra forma, ao British Museum.
Ademais, fixeron outros moitos percorridos de interese por esta cidade tan cosmopolita. Os rapaces puideron ver "landmarks" que tanto desexaban coma o Big Ben, a emblemática torre do parlamento británico, Tower Bridge, a Torre de Londres, a ponte máis famosa sobre o Támesis, entre outros moitos.
Para terminar, a expedición burelá asistiu ao cambio de garda de Buckingham Palace, atracción turística das máis importantes de Londres que non podía perder. E como guinda, os rapaces desfrutaron dunhas vistas únicas sobre a capital británica subidos a bordo da noria do London Eye. Tamén tiveron a ocasión de sentir o bulir dun venres pola tardiña en Covent Garden e somerxerse no típico ambiente de compras dunha mañá de sábado no famoso mercado de Camden Town.
Foron cincos días de convivencia harmónica, de intensas visitas e descubrimentos varios e sobre todo cinco días de total inmersión lingüística.





Proxecto Terra - Ferrol (13 e 14 de maio)

A través do Proxecto Terra, que nos permite ao alumnado coñecer mellor o territorio de Galicia e o norte de Portugal, este grupo de alumnos e alumnas de 3º ESO aos que se sumaron algúns compañeiros e compañeiras de 4º e 2º BAC, participamos este ano nunha viaxe á cidade e ría de Ferrol que se completou cunha estancia no albergue Alvarella e unha visita ás Fragas do Eume. O venres chegamos a Ferrol a media mañá e a primeira parada foi a Aula de Ecoloxía Urbana, onde realizamos unha actividade relacionada coa auga e o seu consumo. A seguinte parada foi o Museo de Construcción Naval na que nos ensinaron a evolución da construcción dos barcos ao longo da historia. Esa mesma mañá tamén demos un paseo en barco pola ría que, a pesar da choiva e a escasa visibilidade, permitiunos coñecer a ría de Ferrol, con parada en Mugardos para comer.

Pola tarde, continuamos a ruta pola ría e visitamos o castelo de San Felipe. Xa en terra firme, rematamos a visita á cidade paseando polo barrio da Magdalena onde poidemos ver as súas fermosas casas modernistas. A xornada rematou no albergue Alvarella, preto de Pontedeume, onde pernoctamos despois de disfrutar das instalacións do albergue, da súa cea e dunha charla do noso monitor Juanjo sobre a enorme riqueza natural das Fragas do Eume, que iamos visitar. Desgraciadamente o tempo que se nos presentou ao día seguinte non foi moi favorable. Comezamos a xornada cun breve percorrido pola instalación que nos permitiu saber algo sobre a construción bioclimática do albergue. A continuación visitamos o Museo Etnográfico de A Capela, que recrea unha casa de aldea tradicional da zona de hai 80 ou 100 anos. A camiñata pola fraga tivo que suspenderse e substituirse por paradas en lugares concretos da mesma antes e despois de visitar o mosteiro de Caaveiro onde comemos mentras coñeciamos a súa historia. Quedamos coas gañas de volver para percorrer esa fantástica fraga que constitúe unha das mellores mostras do bosque atlántico costeiro de Europa, polo que está protexida como parque natural.

Crónica de Toño Blanco, profesor de Xeografía e Historia



24.5.16

Donación de aluminio por parte de Alcoa para a formación do alumnado do IES Perdouro

Alcoa colabora co IES Perdouro doando aluminio para as prácticas dos alumnos de Mecanizado do IES Perdouro de Burela


Outro ano máis a factoría de Alcoa en San Cibrao fixo unha importante doazón de aluminio para que os alumnos do ciclo formativo de mecanizado e mais os da nova modalidade de formación chamada FP Básica realicen as prácticas de taller de torno e fresadora. Nesta ocasión, foron 500 kg de barra de aluminio enviadas desde o departamento de Fundición a través doutra empresa colaboradora habitual do centro, Talleres Garsán SA.

O dpto. de Fabricación Mecánica do IES Perdouro agradece “en nome de toda a comunidade educativa do centro, esta aportación que tantos beneficios reporta na formación dos nosos alumnos”.

Despedida 2º de Bach. 2016

O luns, día 23 de maio, celebrouse a cea de despedida dos alumnos de 2º de Bacharelato. Botarémosvos de menos!! Querémosvos!!



Yahya Aazzaoui, Daria Bakteeva Andreevna, Víctor Cabarcos Val, Aarón Fernández Cabana, José Fernández López, Raúl Fernández Medina, Álvaro Ferreira Martín, Andrea Freire Longarela, Viviane Delfine Furtado Brito, Alba Iglesias Prestes, Macarena Ledo Vázquez, Sara López Alvariño, Daniel López Otero, Lourdes López Pérez, Jacobo Moreda Álvarez, Mario Nieto Fraga, Mónica Palacios Ferreira, Inés Pardo Parra, Samuel Pérez Álvarez, Eva Pernas Fernández, Alma Ramos Rega, Simón Rodríguez Rouco, Saray Rozas Regal, Laura Sofía Semedo Brito, Emma Valle Basanta, Elena Valle García,  moita sorte a tod@s!!

Pica aquí para visualizar o albúm de fotos.

23.5.16

Exposición de Alex Landim

O noso alumno de 4º ESO PDC, Álex Landim Correia, expón pezas de creación propia na mercearía “O ArMarinho da Fátima” en Burela. A mostra componse de obxectos artísticos realizados en papel e/ou cartulina.

Nacido na localidade da Calheta de São Miguel, na illa caboverdiana de Santiago, Álex Ladim Correia (31-08-1997) chegou a Burela no mes de setembro de 2014 e matriculouse no terceiro curso de ESO no IES Perdouro, desde onde iniciou un proceso de integración exemplar. Neste momento, ademais de traballar na súa propia obra de manualidades, combina os estudos do último curso de ESO coa dedicación á música, dentro da Banda Dambara de Burela, e ao deporte (está disputando a última fase da liga de ascenso á División de Honra coa S.D. Porto de Burela na liga de fútbol xuvenil).

A exposición estará aberta desde o 23 de maio ao día 10 de xuño e poderá ser visitada durante o horario comercial (de luns a venres, durante a mañá e a tarde; e os sábados só polas mañás).

Recital poético "Rosalía sempre viva!"

Xa están editados os vídeos dos recitados de Enya Riveira e Andrés Andrade no concurso ROSALÍA SEMPRE VIVA organizado pola Casa-Museo Manuel María do pasado 27 de febreiro.


Actuación na Exposición "Os soños de Manuel María" no Teatro Pastor Díaz de Viveiro

O martes 10 de maio, o IES Perdouro contribuíu o día da inauguración da exposición Os soños de Manuel María da Microrrede Plambe A Mariña cun recitado poético musicado. Irina, Yaiza, Brais, Laura e Carla, alumnos de 2º de ESO, recitaron 4 poemas de Manuel María: Galiza, O amor, O poema, A Fala cuns interludios musicais de O Son do ar interpretados ao violín por Laura. Un acto curto pero moi emotivo. "Precisamos a lingua Se queremos vencer!"

Aquí tedes a gravación vídeo que se fixo durante a súa intervención:

20.5.16

Torneo de Xadrez - entrega de premios

Logo de 3 meses de torneo, xa temos os gañadores.
Na gran final celebrada esta mañá na biblioteca, Julián Moreno Vizoso, alumno de 3º ESO, declarouse vencedor deste torneo de xadrez 2016. Noraboa rapaz!!

Ademais damos a noraboa a Álvaro Fernández Yáñez de 4º ESO como subcampeón, a Sergio Alonso Mon de 1º ESO por conseguir o 3° posto, e a Efren Rouco Valea de 4°ESO por ter o 4º posto. 
Tamén queremos felicitar a todos os e as participantes neste torneo polo bon entusiasmo e bon ambiente que crearon durante estes últimos meses. Grazas por participar. Vémonos o ano que ven para a 3ª edición!

Álvaro Fernández Yáñez VS Julián Moreno Vizoso

Premiados Torneo Xadrez 2106
 Julián Moreno Vizoso, campeón
Álvaro Fernández Yáñez, subcampeón
 Sergio Alonso Mon, 3º posto 
Efren Rouco Valea, 4º posto

Coloquio con ex-parlamentarios dos tres grupos políticos

O Dpto. de Xeografía e Historia programou o encontro anual entre 3 ex-parlamentarios e os alumnos de 4º de ESO. A actividade enmarcase dentros das actuacións promovidas polo Parlamento de Galicia e pola Asociación de Exparlamentarios/as. A charla-coloquio tivo lugar o xoves 19 de maio na biblioteca do IES Perdouro.

Neste acto participaron os exdeputados Jesús María Fernández Rosende (PPdeG), Alberte Xullo Rodríguez Feixóo (BNG) e Ismael Rego González (PSdeG-PSOE). Logo dunha breve presentación, os ex-parlamentarios mantiveron cos alumnos un coloquio moderado por Bríxida Pino, profesora de Historia. 
Esta charla-coloquio ten como finalidade que os alumnos do centro educativo coñezan o Parlamento de Galicia. Con ese fin, os exparlamentarios relataron en qué consisten as funcións da Cámara autonómica, a súa composición e órganos, e contestaron as preguntas dos asistentes, algunhas delas comprometidas e de dificil resposta.  Previamente o encontro, os alumnos visionaron unha proxección audiovisual, que fai un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.
Ao final do acto mantívose por petición do alumnado un minuto de silencio en memoria a Anes Monteiro da Silva.  

19.5.16

Asesoria e Proceso de Coidados da Imaxe Persoal nas persoas afectadas por Cancro

O pasado mércores 18 de maio o departamento de Imaxe persoal programou unha viaxe formativa á cidade da Coruña destinada a todo o alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo medio de Peiteado e cosmética capilar. Foron recibidos no CIFP Someso onde recibiron ampla información sobre a oferta educativa da familia profesional da Imaxe Persoal. Visitaron as instalacións e as aulas-taller dos ciclos que aí se imparten. Na segunda parte da mañá o grupo de alumnos asistiron na aula magna a unha conferencia baixo o título de "Asesoria e Proceso de Coidados da Imaxe Persoal nas persoas afectadas por Cancro", impartido polo Dr. Salvador Ramos Rei en colaboración co grupo Loida. Tratou o impacto socio-sanitario que supón o cancro na sociedade actual, centrándose fundamentalmente na prevención. Explicou tamén o proceso de atención na imaxe persoal dos pacientes en relación ás secuelas que provocan os tratamentos oncolóxicos desta enfermidade. Logo da charla expositiva, os alumnos atenteron a unha demostración de proceso de coidados (coiro cabeludo, adaptación de perrucas e postizos, coidados da pel, e técnicas de maquillaxe correctora). Unha xornada moi interesante e moi completiña para os alumnos! Para ver o  albúm de fotos pica aquí.


18.5.16

A Gran Final do Torneo de Xadrez 2016

Xa temos todo listo para a gran final do venres 20 maio no recreo entre Julián e Álvaro.


Os agasallos para os gañadores xa están empaquetados e vanlles gustar moito!!!

14.5.16

Maratón de Lectura do Colectivo Cultural Buril

O pasado venres 13 de maio, por iniciativa do Colectivo Cultural Buril, o alumnado de 1º de ESO de Reforzo e os de 4º PDC participou no VI Maratón de lectura. Os alumnos fixeron lecturas poéticas e outras teatralizadas da obra de Manuel María. O alumnado de 4º PDC leron A verdadeira historia da Lagoa de Cospeito do libro Cando o mar foi polo río. O acto tivo lugar no salón de Plenos do Concello.

13.5.16

Entrevístannos na TVG!!! 'Grandes voces do noso mundo'

Entrevista na Revista da TVG sobre pograma de radio 'Grandes voces do noso mundo' cos seus presentadores e a vicedirectora do IES Perdouro de Burela.

Así comezou o espazo informativo:
"Estamos a venres, así que esta tarde, xa cara ao serán, temos unha cita coas 'Grandes voces do noso mundo'. Pode que non lles soe a algúns de vostedes, pero na Mariña de Lugo seguro que saben de que estou falando. Trátase dun programa de radio que xa se converteu en imprescindible para moitos oíntes. E hoxe nós temos aquí dúas desas grandes voces, Marco Pereira e Helena Valle, director e presentadores; xunto con Karina Parga, que é vicedirectora do IES Perdouro de Burela." 

Para ver a entrevista, pica na seguinte ligazón: A Revista 13/05/16

Acto de inauguración de "Os soños de Manuel María"

O martes, 10 de maio, inaugurouse a Exposición Os soños de Manuel María en compañía da Xefa Territorial de Educación, Maricarmen Gueimunde, o asesor do CEFORE, Manuel Sánchez, a concelleira de Cultura do Concello de Viveiro, Lara Fernández, as coordinadoras das bibliotecas escolares que integran a Microrrede, así como as comunidades educativas dos diferentes centros.
A continuación sucedéronse as diversas actividades dinamizadoras correspondentes a este día.
  • CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo con "Os soños non poden estar engaiolados"
  • IES María Sarmiento de Viveiro con varias actuacións de alumnos e alumnas
  • IES Perdouro de Burela cun recitado poético musicado. Carla, Irina, Laura, Yaiza e Brais, alumnos de 2º de ESO, recitaron 4 poemas de Manuel María: Galiza, O amor, O poema, A Fala cuns interludios musicais de O Son do ar interpretados ao violín por Laura. Un acto curto pero emotivo. "Precisamos a lingua Se queremos vencer!"

12.5.16

Recorte de prensa - Exposición "Os soños de Manuel María"

Falan na prensa de hoxe de "Os soños de Manuel María" no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Exposición e actuacións da Microrrede de bibliotecas escolares da Mariña.

A Voz da Mariña (12/05/16)


Actuación de Aldaolado en Burela

O pasado 11 de maio, os alumnos de 4º ESO e 1º de bacharelato do IES Perdouro xuntos a outros alumnos do IES Monte Castelo acudiron ao auditorio de Burela para asistir á actuación de AldaoLado. As poetisas María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982), coa súa guitarra, presentaron un recital poético nun formato fora do habitual. Combinaron o recitado de poemas propios con  música en directo e divertidas historias relacionadas coa súa actividade de poetas ou coa vida mesma. Ademais fixeron unha adaptación dunha canción de Rocío Jurado, en galego, "Porque yo te amo" para repasar a colocación dos pronomes. Antes de rematar, compuxeron un poema colectivo a partir de versos de diferentes poetas galegos. Repartiron os fragmentos entre o alumnado que recitou de xeito aleatorio para facer un poema dadaísta.  Un espectáculo de poesía, música e humor moi divertido!!!


A letra da canción de Rocío Jurado. Por que van colocados así os pronomes?

    Como eu te amo, como eu te amo,
    convéncete, convéncete,
    ninguén te amará.
    Como eu te amo, como eu te amo,
    esquécete, esquécete,
    ninguén te amará,
    ninguén te amará.

    Ninguén porque
    eu, eu ámote coa forza das mareas,
    eu, eu ámote co impeto do vento,
    eu, que te amo na distancia e no tempo,
    eu, eu ámote coa alma e coa carne,
    eu, que te amo como o neno á súa alborada,
    eu, que te amo como o home ao seu recordo,
    eu, que te amo a puro berro e en silencio,
    eu, que te amo dunha forma sobrehumana,
    eu, que te amo na alegría e no pranto,
    eu, que te amo no perigo e na calma,
    eu, que te amo cando berras, cando calas,
    eu, que te amo tanto, eu ámote tanto, eu...

Aquí tedes unha regras básicas sobre a colocación dos pronomes.

11.5.16

Recortes de prensa - "Os soños de Manuel María"

Falan de nós na prensa de hoxe de "Os soños de Manuel María" no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Exposición e actuacións da Microrrede de bibliotecas escolares da Mariña. 

A Mariña do Progreso (11/05/16)
A Voz da Mariña (11/05/16)

 

10.5.16

Recorte de prensa - Exposición da Microrrede A Mariña "Os soños de Manuel María"

Falan de nós na prensa de hoxe de "Os soños de Manuel María" no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Exposición e actuacións da Microrrede de bibliotecas escolares da Mariña. 
A Mariña do Progreso (10/05/16)

9.5.16

Exposición "Os soños de Manuel María" da microrrede de bibliotecas escolares da Mariña

Microrrede da Mariña, dinamizando as comunidades educativas a través da literatura

Durante cinco anos as bibliotecas de varios centros educativos da zona da Mariña veñen a desenvolver un proxecto conxunto para o fomento da lectura nas familias. Dito proxecto trata de involucrar ao maior número de sectores que influen na promoción dos libros, o gusto pola lectura, o intercambio de experiencias e sobre todo, impulsar a colaboración das familias na promoción da cultura e a formación lectora dos seus fillos. O proxecto deste ano titúlase Os soños de Manuel María e ten como obxectivo coñecer e valorar a figura e a obra deste gran escritor e intelectural lucense; así como fomentar e dinamizar a cultura entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

O proxecto conta con varias fases:
1- Os nenos axudados pola familia elaboran un traballo escrito e plástico sobre algunha obra de Manuel María.
2-Todos os traballos recollidos polos centros educativos se expoñen en dito centro durante o mes de abril (Mes dos libros) e parte de maio.
3- Durante a semana das Letras Galegas, hai unha gran exposición dos traballos de todos os centros educativos participantes no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, do 11 ao 13 de maio de 18h a 20h.
4- Durante esa semana, a exposición está aberta ao público en xeral e cada tarde hai actuacións do alumnado e incluso profesorado dos centros educativos que participan na actividade.

Programa das actividades dinamizadoras do martes 10 ao venres 13 de maio de 18:00h a 20:00 h

Martes 10, ás 18:00h.
  • Inauguración da exposición coa participación das Comunidades Educativas, dos Centros escolares e  das Autoridades.
  • “Os soños non poden estar engaiolados” a cargo do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.
  • “Cantando” de IES María Sarmiento de Viveiro.
  • “Recital poético” de IES Perdouro de Burela.
Mércores 11, ás 18:00h.
  • “Todo me fala de ti” a cargo de EEI San Roque de Viveiro
  • “Pecas, Dragoncín e o tesouro” (adaptación) de CEIP Plurilingüe de Covas.
  • “Interpretando O bigote de Mimí” a cargo de CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove.

Xoves 12, ás 18:00h.
  • “Musicando a Manuel María” (adaptacións), a cargo de CEIP de Cervo.
  • “Un percorrido musical polas nosas celebracións” de CEIP A. Pedrosa Latas de Celeiro.
Venres 13, ás 18:00h.
  • “Aventuras e desventuras dunha espiña chamada Berenguela”, representada polo alumnado do CEP Lois Tobío de Viveiro.
  • “De Rosalía a Manuel María...Poesía” a cargo de Ermitas Orol.
  • Clausura da Exposición
No proxecto Os soños de Manuel María participan os centros educativos da zona da Mariña que se citan a continuación:
• EEI San Roque (Viveiro)
• CEP Lois Tobío (Viveiro)
• CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro)
• CEIP Pedrosa Latas (Celeiro)
• CEIP Plurilingüe Santa Rita (Galdo)
• CEIP de O Vicedo (Vicedo)
• CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove)
• CEIP de Cervo
• IES María Sarmiento (Viveiro)
• IES Vilar Ponte (Viveiro)
• IES Perdouro de Burela
• IES Illa de Sarón de Xove

8.5.16

Charla sobre doazón e transplante

Os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistiron a unha charla sobre DOAZÓN E TRANSPLANTES levada a cabo pola OCT (Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde) o pasado martes 19 de xaneiro. Marta Álvarez, enfermeira e coordinadora da Unidade de Transplantes de Órganos de Galicia, impartíu a parte teórica explicando quen pode ser donante e as condicións especiais para doar unha vez que se produce a morte cerebral: criterios clínicos, grupo sanguíneo, peso, talla, criterios territoriais, etc... Hai que ter en conta que a doazón de órganos e tecidos é voluntaria e altruísta e sempre anónima. Ademais de falar de todo o mecanismo que se pon en marcha cando aparece unha doazón, a enfermeira indicou a esperanza de vida dalgúns órganos transplantados como por exemplo o  ril, 40 anos, o corazón, 24 anos, e o figado, 30 anos. Logo da exposición, tivo lugar a testimuña en primeira persoa. Lola Casais contou a súa experiencia aos alumnos. Deu a coñecer o seu caso persoal como transplantada de fígado. Leva 13 anos e 4 meses transplantada segundo nos indica. Con 8-9 anos sufría de cólicos moi grandes. Foi nai e aos 22 anos tivo un accidente de coche moi forte. Detectáronlle entón quistes no fígado. Ata aí tivo unha calidade de vida moi mala, pasaba moito tempo ingresada pola fiebre e pola infección. Ata aquel momento nunca antes lle falaron de transplante e dicidíu entrar na lista de transplante. Botou 1 ano na lista. Tiña que estar localizable as 24 horas do día. Confesa ter estado desesperada pola espera. Cun 38 anos chegou o día de recibir un fígado compatible. Estivo 21 días ingresada despois do transplante, tempo moito menor de cando estaba enferma. Os enfermos de transplante quedan coas defensas moi baixas e están na UCI illados antes de poder subir a planta cun familiar. Hai que saber cun transplantado ten unha medicación de por vida. Sentíu un baixón e culpabilidade despois do transplante pensando no donante e na súa familia pola decisión tomada da que está  moi agradecida. Recibíu apoio psicolóxico. Grazas ao transplante ten mellor calidade de vida e pode levar unha vida "normal".

BiblioPerdouro: Novidades en lingua galega

E aquí as últimas adquisións para a biblioteca para este mes das Letras:

Visita dun ex-alumno: Jesús Arnaú Yáñez

“A miña formación e experiencia profesional” Jesús Arnaú Yáñez

Burela, 5 de maio de 2016

O día 5 de maio o I.E.S. Perdouro recibiu a visita de Jesús Arnaú Yáñez, exalumno do noso centro. Debido ao seu traballo que desenvolve en París, as súas visitas a Burela son limitadas. A pesar desta dificultade, na primeira oportunidade que tivo atendeu amablemente a chamada da A.C. “Os Matos” para ter un encontro co alumnado de 2º de Bacharelato, suxeríndolle que falase sobre “A súa experiencia formativa e profesional”.
Presentado o acto polo Presidente da A.C. “Os Matos”, que fixo tamén de moderador, o noso convidado comezou a súa intervención falando da súa etapa formativa: Colexio Público “Virxe do Carme” e I.E.S. “Perdouro”, na súa vila natal de Burela, e a Universidade de Vigo.
Tivo un recordo especial e moi emotivo do seu paso polo noso centro. Falou con agarimo dos seus compañeiros e dos profesores e dixo que a base acadada nas nosas aulas foi moi sólida, aspecto moi importante para a súa etapa universitaria.
Despois de comentar a súa decisión de estudar Telecomunicacións, relatou o seu paso pola Universidade de Vigo onde obtivo o título de Enxeñeiro de Telecomunicacións. Tamén comentou detalles sobre o Máster que fixo posteriormente: “Applications of Signal Processing in Communications”.
Suso Arnaú continuou o seu relato comentando sobre os traballos feitos como becario, colaborador e investigador, vinculados coa Universidade de Vigo e outras universidades europeas e americanas.
A intervención rematou falando sobre o seu traballo actual nunha empresa de orixe chinés, punteira no mundo das telecomunicacións, na súa sede de París, e da importancia de dominar varios idiomas.
A súa exposición durou unha hora, que se pasou moi rápido debido ao interese do tema exposto, e foi seguida con moita atención polo alumnado e por varios profesores que non quixeron perder a oportunidade de escoitar a un exalumno cunha traxectoria tan brillante.
Rematado o encontro, démoslle as grazas pola súa presenza no Instituto e convidámolo a repetir a experiencia, aceptando de bo grado a nosa proposta, dicindo que era un placer volver ao I.E.S. Perdouro.

Antón Niñe Fernández

Carteis Letras Galegas do IES Perdouro

O alumnado de 1º de Bach. de TIC elaborou a súa cartelería anual adicada ao persoeiro homenaxeado das Letras Galegas. Se queres coñecer quen foi Manuel María, autor chairego conmemorado para celebrar as Letras Galegas 2016, non deixes de botarlle unha ollada a este traballo.

7.5.16

Correlingua 2016

Este ano tócoulle a nosa vila ser a anfitriona  do Correlingua 2016  na Mariña. A convocatoria anual celebrouse o xoves 5 de maio baixo o lema "O galego está en nós". A camiñata a prol da lingua xuntou a máis de 1600 rapaces e rapazas de primaria e secundaria de toda a Mariña. O percorrido iniciouse na praia da Marosa para rematar na praza da Mariña. A partir das 11h empezou a carreira para os corredores e despois saíron os camiñantes. Logo de máis de media hora de paseo empezou na praza a festa final animada por Talía Teatro. Primeiro, alumnos do IES de Dioniso Gamallo de Ribadeo leron o seu manifesto "Na procura do galego", gañador do concurso do Correlingua 2016. Este manifesto «tentan mostrar que o galego non é algo alleo a ninguén de nós, que está presente no noso ser, e que o mellor que podemos facer por el é vivilo, é dicir, falalo. Describe como podemos percibir o galego a través dos nosos sentidos». Logo entregáronse os premios aos gañadores da carreira nas diferentes categorías. Edmilson Monteiro, de 1º de ESO, e Pablo García, de 1º de Bac, lograron unha medalla. Despois, actuaron alumnos do IES Monte Castelo, CEIP Virxe do Carmen, IES Marqués de Sargadelos, e nós con recitados de Enya e Andrés e desfile do lema feito polos alumnos de 1º de ESO. E, finalmente, o grupo Zënzar pechou o acto coa súa actuación de rock galego. Unha súper mega festa !!! Ver a nosa completa reportaxe fotográfica aquí.

6.5.16

Clase de matemáticas ao aire libre: Cúpulas de Leonardo da Vinci

Non sabedes que son as cúpulas de Leonardo? Pois o alumnado de 2º ESO xa o sabe. Grazas a iniciativa do seu profesor de Matemáticas, Manuel Vilariño, para celebrar o mes das Matemáticas, os alumnos saíron ao patio cunha caixa chea de paos que se enganchan segundo o patrón iniciado por Leonardo da Vinci.
No blog da Ciencia en galego, dinos que numerosas páxinas do Codex Atlanticus (pag 899r y 899v) dan testimonio do intento de Leonardo de elevarse por encima da xeometría plana e acadar o reino da terceira dimensión, pero sempre chocou contra os límites das posibilidades de cálculo da súa época.  
As cúpulas autoportantes son estructuras que se aguantan  unidas e en pe gracias únicamente e exclusivamente ao seu propio peso e á acción da gravedade. Estas cúpulas son, polo tanto, estructuras recíprocas, nas que os elementos que as compoñen están apoiados entre sí. As figuras que se realizan son poligonais e repítense por traslación, podríamos continuar teóricamente indefinidamente a cúpula.

5.5.16

Torneo de Xadrez - cuartos

Xa sabemos quen son os que van a loitar nos cuartos de final do Torneo de Xadrez. 
Julián rivalizará contra Efren e Sergio contra Álvaro. Sorte!!! 
Felicitamos a Gersón, Jacobo, Brais e Pablo por chegar ata aquí. Parabéns!!!


4.5.16

‘Descubre o fútbol sala’ no IES Perdouro

Hoxe, o CD Burela FS Pescados Rubén visitou o IES Perdouro co seu programa de promoción da práctica deportiva en igualdade, "Descubre o Fútbol Sala". A actividade foi destinada ao alumnado de 4º ESO A. Os rapaces/as compartiron dúas divertidas sesións cos xogadores Adrián, Jorge Matamorros e a xogadora Ceci do equipo femenino ademais do técnico Alfonso Mera. Tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto o fútbol sala e as experiencias e anécdotas do CD Burela FS.

1.5.16

Entrevista a Marco Pereira e Helena Valle polo seu programa "Grandes voces do noso mundo"

Marco Pereira Oliveira, Helena Valle García e Cristina Ramudo foron entrevistados polo Susana L. Montes, xornalista do Progreso sobre o seu programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo que se emite todos os venres de 19h a 20h en Radio Burela.

Aquí tedes o resultado desta magnifica entrevista:

Helena Valle y Marco Pereira, durante la emisión de su último programa.  
A vida de Marco Pereira Oliveira, un mozo de 22 anos cego de nacemento, non foi un camiño de rosas, aínda que na actualidade atravesa quizais polo seu mellor momento e non dubida en confesar que é feliz. Os seus novos amigos e os seus proxectos de futuro, que pasan por estudar Xornalismo, ten boa culpa do seu bo estado de ánimo, ao que sen dúbida contribúe o éxito do programa ‘Grandes voces do noso mundo’, que cada venres presenta en Radio Burela xunto á súa compañeira do IES Perdouro Helena Valle.

A paixón pola radio vénlle de neno. "Sempre me acompañou, porque é un medio moi descritivo", explica, mentres rememora que os seus primeiros primeiros pasos foron no instituto de Xove, localidade na que reside, "gravabamos no recreo, porque non podiamos emitir en directo", di.

Un intento que se tornou en realidade cando puido facer o seu propio programa en Radio Valadouro, ‘Grandes voces’. "Adicábamos cada programa a un músico ou un grupo", recorda o mozo, que puido repetir experiencia este ano na emisora burelense, da man de Matías Nicieza co que traballou no Valadouro, onde a radio xa non emite.

O programa actual busca promocionar a artistas de raíces galegas e, ademais de dar a coñecer a súa música, fan unha entrevista en directo con algún cantante que, á súa vez, recomenda a outro artista, o que lles permitiu importantes descubrimentos. 
Marco manéxase á perfección co WhatsApp e en redes sociais
Os guións elabóraos Marco, que conta coa incondicional axuda de Cristina Ramudo, a súa profesora de Pedagoxía Terapéutica desde que empezou secundaria e que se converteu "nos meus ollos" durante a última década, como lle gusta dicir a Marco. A docente encárgase de pasar a braillie os guións, do mesmo xeito que fai cos apuntamentos de clase, e o primeiro que chama a atención son a cantidade de follas que ocupa na linguaxe deseñada para persoas cegas. "Por dúas follas que teño eu, Marco igual ten dez", conta Helena Val, que participa con el nos programas desde a súa primeira emisión, o 22 de xaneiro.

Un primeiro directo que foi un "bonito desastre", recordan entre risas, pois aínda que ambos tiñan experiencia –Helena ten outro programa na mesma emisora– coordinarse non foi fácil, porque a lectura en braillie é máis lenta. "Tocáballe non brazo para avisalo de que tiña que falar e axudábaoo se sw perdía co guion", recorda Helena, que é un auténtico bulebule de actividade e converteuse na compañeira perfecta para Marco, moito máis tranquilo.

Os nervios, logo de catorce programas celebrados o pasado venres, permitiron unha perfecta sincronización, que se dá tamén fora do estudo e Helena converteuse nunha das mellores amigas de Marco.

NON SEN O SEU MÓVIL. A moza recorda que ao principio pensaba todo o que lle dicía, por medo a incomodalo, "pero un día atrevinme a preguntarlle" e logo dese primeiro por que viñeron moitos outros, que consolidaron a súa amizade. "Non hai nada dA miña vida que Helena non saiba", afirma o raparigo, quen se manexa á perfección coas redes sociais e ten unha impresionante soltura co WhatsApp.

Marco non esconde que tivo unha infancia "dura", ao non lograr integrarse co resto de nenos e quedar fóra dos seus xogos. "Gustáballes o fútbol e a Playstation, así que imaxínate", di. 
Marco: "os libros, aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia"
Unha soidade á que se viu forzado polo feito ademais de que se negaba a aceptar a súa enfermidade e soñaba con que un día podería ver. Non foi ata a adolescencia, como recorda Ramudo, en que foi plenamente consciente e iso foi un punto de inflexión para mellor, aínda que aínda se atopa coa intransixencia de moitos. "Hai xente que me di por que non poño lentes e iso é só porque lles molesta verme", conta, ao que Cris Ramudo replica de inmediato que "hai xente que ve, pero que é cega".

Tras acabar o Bacharelato, que cursou en San Cibrao, matriculouse este curso no Ciclo Superior de Administración e Finanza no instituto burelense, uns estudos que "creo poden abrirme as portas para ou mundo laboral", aínda que o seu soño pasa por ser xornalista, unha carreira que xa está a cursar un amigo en Santiago e que lle mantén ao día. "Xa lle digo que me garde os apuntes para que Cris os vaia pasando a braille porque vaille levar un mundo", di nunha chiscadela á súa profe, consciente do esforzo que supón para ela pasarlle os textos de clase. "Os libros, aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia", recorda.

Ademais dos apuntamentos, os exames adáptanse á súa discapacidade. "A verdade é que estou moi orgulloso de todos", asevera Marco, a quen a única pega que pon ao centro é a súa accesibilidade, que lle obriga a ter que usar o bastón, "a miña arma" a miúdo.

No Perdouro tamén están encantados co entusiasmo de Marco, quen é incluso un revulsivo para outros alumnos, que se contaxiaron do seu esforzo para aplicarse nos seus estudos. "É algo bidireccional", comentan desde o centro, onde están implicados un gran número de profesores e alumnos. Entre estes últimos está Mónica Palacios, que se encarga do blogue do programa de radio, unha actividade que se enmarca dentro do Programa Burela que se desenvolve desde o centro para fomentar o uso do galego en todas as facetas da vida.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...