20.12.13

Desexámosvos unhas felices festas!


Capitanía marítima de Burela: as súas funcións

O 20 de decembro o I.E.S. Perdouro recibiu a visita de Fernando Otero Alonso, Coordinador de Inspección e Seguridade Marítima na Capitanía Marítima de Burela. 

O acto, organizado pola  A.C. “Os Matos”, consistiu  nunha charla dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, que seguiu con interese a intervención de Fernando Otero. 

A súa exposición versou sobre o traballo que se desenvolve en Capitanía Marítima, que ten como principal obxectivo “velar pola seguridade marítima”.  Na súa intervención falou sobre “a seguridade da vida no mar” e “o cumprimento de normas sobre contaminación marítima”. 

Antes de rematar informou sobre os estudos necesarios para alcanzar a titulación para traballar en barcos ou como funcionario en distintos servizos de Capitanía. Varios alumnos interesáronse por estes temas facendo preguntas ao respecto.

19.12.13

Alumnos de 3º de ESO facendo o Camiño Norte - Lourenzá

PERCORRIDO A PÉ POLO CAMIÑO NORTE (LOURENZÁ)

O día 19 de decembro un grupo de alumnos de 3º de ESO  desprazouse ata o Concello de Lourenzá para percorrer a pé un tramo do Camiño de Santiago (Camiño Norte), actividade programada polos Departamentos de Ciencias Sociais e Relixión Católica. Durante o percorrido, o alumnado escoitou as explicacións dos profesores acompañantes, Maribel e Antón, que lles axudaron a comprender varios aspectos da ruta a Santiago.

Nun agradable paseo polo centro de Lourenzá, o grupo detívose diante da Casa Natal do recoñecido escritor Francisco Fernández del Riego, onde se informou da súa vida e obra, facendo fincapé en que ocupou o cargo de Presidente da Real Academia da Lingua.

Moi pretiño de Lourenzá, en pleno val, está o Pazo de Tovar. Alí puideron ver os traballos de restauración desta fortaleza que, dentro de pouco, albergará un museo.

Despois dun tempo de lecer, a mañá rematou na Igrexa de Lourenzá e no Museo de Arte Sacra, onde unha guía municipal informou detalladamente ao alumnado sobre os lugares incluídos na visita: fachada da Igrexa, interior do templo, sancristía, relicario, sepulcro do Conde Santo…

Na viaxe de volta o comentario xeral era que Lourenzá conserva un rico patrimonio histórico e artístico que paga a pena coñecer.

Fixádevos na seguinte reportaxe fotográfica canto aprenderon!

16.12.13

Chévere: I'll be watching you: a construción do xénero a través da música comercial

A pasado 16 de decembro, alumnos de 2º, 3º e 4º ESO asistiron á representación da obra de teatro con perspectiva de xénero: I’LL BE WATCHING YOU (hei estar vixiándote) do grupo Chévere.

Trátase dun proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo.

Yeni é a vocalista e Dami o guitarrista dunha orquestra de pachanga. Veñen ofrecer o típico repertorio versioneando os éxitos do pop actual, esa música coñecida por todo o mundo e supostamente neutral, apolítica. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ao público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.

ILL’ BE WATCHING YOU fala dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a connivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre a outra persoa. Fala das relacións de igual a igual frente ás que non o son, da autoestima, da necesidade da reacción das propias mulleres para poñer fin á violencia de xénero.

13.12.13

1º Bach de visita en Lugo

O día 13 de Decembro os alumnos de 1º e 2º de Bacharelato fixeron unha visita a Fundación TIC de Lugo. Antes da visita á fundación, realizamos unha visita á biblioteca intercentros do campus de Lugo, onde os alumnos poideron comprobar in situ o funcionamento da mesma, localizando libros das distintas titulacións e orientandose a través de planos para poder encontralos.

A continuación fixemos a visita á Fundación TIC, é unha escola de imaxe e son que ten estudos relacionados cos ciclos superiores de producción e realización. O longo da visita ensináronnos  as instalacións e platós do centro onde se forman os profesionais do mundo audiovisual. Explicáronnos o funcionamento das unidades móviles de televisión. E vimos tamén as distintas especialidades desta escola: mundo da  televisión, radio, cine, e ambito dos videoxogos.
Houbo unha actividade na que os alumnos foron os protagonistas dun informativo no plató da fundación. Fixérono realmente ben, como auténticos profesionais. Tivemos unha agradable charla cos profesores do centro no que nos informaron sobre a situación de crise que atravesa o sector audiovisual.


As actividades realizadas pola tarde foron, visita o museo provincial de Lugo onde asistimos a unha interesante explicación sobre o patrimonio arqueolóxico da cidade de Lugo.  Asistimos as explicacións sobre aras votivas, estelas romanas e mosaicos que constituen o legado romano de Lugo. Igualmente fixemos unha visita a exposición da cerámica de Isaac Díaz Pardo.

Acabamos a visita na Casa dos mosaicos de Lugo.  Esta casa data dos séculos I e II e estivo ocupada ata mediados do século V. O introducirnos no recinto sorprendeunos a gran sala de recepción na que todavía se poden contemplar os restos das columnas que cubrían o seu perímetro. A guía turística explicounos a técnica empregada para a realización dos mosaicos (opus tessellatum). Fixéronse con pequenas pezas de mármol de diferentes cores, que no chan forman composicións pictóricas. Foi moi interesante tamén o audiovisual que facía referencia  a evolución urbana de Lugo dende a época romana ata os nosos días, así como a distribución da domus e as súas distintas estancias: vestíbulo, atrium o espacio central, sistema de calefacción o hypocaustum…

Foi unha xornada moi intensa na que se fixeron moitas actividades tanto culturais como de coñecemento de oferta de estudos.

12.12.13

Charlas sobre internet - 1º ESO

Dentro do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade Escolar, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado xoves, día 12 de decembro.

O axente Peña explicoulles a necesidade de implantar na súa rutina diaria en Internet unha serie de consellos para protexer a súa persoa e intimidade e evitar a comisión de delictos. Incidíu en que é necesario educar no intercambio e usos propios e alleos de imaxes íntimas e persoais. Fixo tamén fincapé no perigo de facilitar datos persoais e íntimos a descoñecidos e na necesidade de que comenten cos seus pais, titores ou profesores calquera contido estrano e/ou ameazante que detecten en Internet.

11.12.13

A nosa particular árbore de Nadal 2013

Este curso, como actividade do proxecto interdisciplinar BurelaXogaRecíclase, Mª Xosé Andión ideou facer unha árbore de nadal con OVEIRAS !!! Con oveiras si !!! Unha loucura me diredes!! Pois si.

Aí nos puxemos a recolectar caixas de ovos de todos os tamaños por todas as casas. Logo sacámoslles as etiquetas unha a unha e pintámolas con moito esmero. Mais quedaba a parte máis dificil: a ensamblaxe. Fixemos unhas probas de montaxe, Mª Xosé e mais eu, que non nos convencían demasiado. Pero contamos con moita axuda. Xa veredes cantos participamos nesta obra que naceu sendo unha actividade de clase e acabou sendo unha actividade de unión entre todos, alumnos e profesores. Todos aportamos o noso gran de area:
  • José Luís calculando a altura e circunferencia; 
  • José, o noso arquitecto, propuxo desestruturar a árbore en 4 tramos, 
  • Karina preocupouse do paralelismo das caixas, 
  • Montse e familia pegaron e recortaron oveiras por decenas, 
  • as monitoras de Gaia pintáronas cos seus nenos da gardería, 
  • Tania e Elena retocaron a pintura, 
  • Fran axudounos a encontrar o punto de gravidade da árbore, 
  • Cristina foi mercar un sedal máis resistente que puidera co peso da nosa árbore, 
  • Javier, o noso xardineiro, tensou o sedal baixo o mando de José, 
  • E todo o alumnado de 1º e 2º de ESO e 1º BAC (de Grego) pintaron e pintaron oveiras e prepararon as bases circulares de cada tramo da árbore. 
E, finalmente, Mª Xosé puido ver convertida en realidade a súa proposta de Nadal reciclado.

Día Internacional dos Dereitos Humanos - 10 de decembro 2013

Os alumnos de 2º de ESO e 1º de Bach de grego coa axuda da súa profesora Mª José Andión, realizaron uns carteis conmemorativos do día dos Dereitos Humanos.

Que son os dereitos humanos? 

10.12.13

Charla sobre drogas - 3º e 4º ESO + PCPI

O pasado martes 10 de decembro, o alumnado de 3º , 4º ESO, PDC e PCPI recibiu na biblioteca do centro unha charla de prevención sobre drogas impartida por Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo. Esta actividade forma parte do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade Escolar.


2.12.13

Día da Sida - mesas informativas no Perdouro

Co propósito de conmemorar o día da Sida, voluntarios de Cruz Vermella informaron o alumnado e repartiron preservativos entre o alumnado dos Ciclos Formativos asi como folletos informativos.

Novidades na biblioteca : recomendacións de lectura para este Nadal

Pásate pola biblioteca e leva os libros que máis che apetecen.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...