19.12.12

Presentación do libro de Antón

Acompañado por Suso Fernández -Cronista Oficial- e por  Bernardo Penabade, o profesor Antón Niñe presentou un novo libro. Baixo o título ‘Fondós, de escola a gardería infantil’, a obra recolle unha profunda investigación sobre a historia do edificio desde que fora mandado construír en 1749 por Pascual Villapol, un focego emigrado ao Perú.


No acto, que contou cunha nutrida representación do profesorado do IES Perdouro como tamén doutros centros educativos da Mariña, o Cronista Oficial de Foz definiu a Antón Niñe como "entusiasta estudoso do pasado do noso concello e de consideracións que teñen que ver con aspectos que reflicten cuestións referidas aos valores humanos, culturais e sociais da nosa xente" e dixo que a obra "significa a recuperación da memoria do que, para nós, constitue un dos episodios mais transcendentes e gratificantes do currículo do noso pobo; acontecemento histórico do que os focegos temos moi vagas referencias, pouco mais alá de que na súa escola foron ensinantes dous mestres ilustres: Noriega Varela ou Salgado Toimil ou que en tempos a planta baixa utilizouse como depósito dos presos".


Outras referencias sobre a obra:

1) REPORTAXE SOBRE O ANIVERSARIO DA ESCOLA

2) ARTIGO DE OPINIÓN (SUSO FERNÁNDEZ)

3) ARTIGO DE OPOINIÓN (BERNARDO PENABADE)

18.12.12

"Doce meses, doce paisaxes" - proxecto interdisciplinar

Proxecto interdisciplinar "Doce meses, doce paisaxes" - o feísmo de Burela por Toncho Trelles 

Este martes 18 de decembro empezamos o ciclo de charlas-coloquio sobre diferentes aspectos paisaxísticos coa intervención de Toncho Trelles, mediador de xestión cultural, que compartiu a súa particular visión sobre o feísmo na vila -apoiándose en imaxes ben ilustrativas de estilos de edificios, murais e fachadas- e que mostrou as posibilidades de rexeneración á vista de proxectos artísticos doutros lugares. ....seguir lendo no blog do proxecto

Sesión 2 do obradoiro de creación de espectáculo

Continuamos co proceso de creación dun espectáculo de títeres. Hoxe recibimos de novo a entretida visita de Ton Arenas, principal compoñente da compañía Mircromina Teatro de Títeres.
Esta sesión do obradoiro consistiu na representación dun fragmento da súa obra Vacacións no mar e na explicación dalgúns aspectos relacionados coa posta en escena do espectáculo. Mostrounos a estrutura do teatriño por dentro, a importancia da habilidade coa que se manipulan os bonecos e a relevancia da música que acompaña a interpretación. Nós mesmos puidemos poñer en escena dúas pequenas historias protagonizadas por monicreques e manipular os bonecos. A sesión resultou moi amena e agardamos que volva para poder contarlle o argumento das nosas propias obriñas.

Máis información no seu blog.

17.12.12

O Teatro na Mariña

A ASOCIACIÓN CULTURAL “OS MATOS” ORGANIZA UNHA CONFERENCIA SOBRE O TEATRO NA MARIÑA

O relator foi Francisco Piñeiro, ensaísta, dramaturgo e director de grupos teatrais en Cervo e Foz.

Cada ano a Asociación Cultural “Os Matos” realiza diversas actividades de divulgación das diferentes artes tanto literarias como escénicas ou musicais. Baixo a súa organización, estiveron na Mariña escritores como Xosé Neira Vilas, músicos como Mini e Mero ou ensaístas das máis diversas especialidades.

Na presente ocasión, o convidado foi unha persoa “da casa”. Trátouse do profesor Francisco Piñeiro -docente no Instituto Monte Castelo-, que compareceu en calidade de ensaísta, dramaturgo e director de grupos teatrais afeccionados. O evento celebrouse ás 10 da mañá do luns, día 17 de decembro, na biblioteca do Instituto Perdouro, e estivo dirixido a alumnado dos dous cursos de Bacharelato.

Con esta actividade, a asociación organizadora pretende mostrar a evolución da arte teatral desde a Escola Rexional de Declamación (1903) até chegar á profesionalización do sector (con Manuel Lourenzo e o grupo de Ribadavia). Para iso convidou o profesor Francisco Piñeiro González, que é autor da recentemente publicada Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense (obra editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo) e que ten elaborado un traballo pedagóxico apoiado en numerosas imaxes e música co que transmite tamén unha panorámica das representacións dramáticas no ámbito territorial da Mariña.

Escritor de recoñecido prestixio en todos os xéneros literarios (Premio Lourenzo Varela, de xornalismo; Daniel Cortezón, de teatro; e Manuel Orestes Rodríguez, de narrativa e poesía), Francisco Piñeiro combina a docencia de Bioloxía e Matemáticas coa escritura e a dirección dos grupos teatrais “O Bordelo”, de Cervo; “A Adala”, de Fazouro; e “O Batán”, de Cangas.

O desenvolvemento do acto foi conducido polo profesor Antón Niñe, presidente da Asociación Cultural “Os Matos”, quen se ocupou da presentación do convidado así como da moderación do posterior coloquio.


14.12.12

3º premio do Concurso de Relato Trapero Pardo

Laura López Galdo, alumna de 1º de Bacharelato, foi agraciada co 3º premio do certame de contos Trapero Pardo. A entrega de premios será na Casa Consistorial de Lugo, no salón de plenos, o xoves 20 de decembro ás 12:00 horas. Noraboa Laura!!!

Árbore singular - obra dos alumnos de PCPI

Co motivo das vindeiras festas navideñas, o alumnado do Programa de cualificación profesional inicial de fabricación mecánica realizaron unha árbore singular de arame metálico para ambientar o centro nestas datas de festividades. 
Noraboa rapaces!!!!!!!!!!!! e sen esquecer a Gregorio, o seu profe quen os guiou.
 

13.12.12

O vídeo de #RecitandoCelsoEmilio no IES Perdouro

Fixádevos no mosaico final! Que vos parece?


Segundo posto para o IES Perdouro no Top 10

Obxetivo conseguido na difusión da actividade Recitando a Celso Emilio no seu 100 aniversario de nacemento. Acadamos o 2º posto co hashtag #RecitandoCelsoEmilio no Top 10.Grazas a todos/as os participantes!!!

12.12.12

#RecitandoCelsoEmilio - 12/12/12 ás 12h00 - Milleiros de voces do ensino para celebrar a palabra de Celso Emilio

  RecitandoCelsoemiliO
 

Máis de 240 voces leron en coro ás 12h00 os versos de Deitado frente ao mar de Celso Emilio Ferreiro . Espectacular recital!!! Fixádevos na bandeira galega debuxada cos papeis de cores ao rematar o recitado. Moi ben logrado! Grazas a todos/as aqueles/as que fixeron este evento posible.
Continuamos co retuiteo : "no @ies perdouro estou #recitandocelsoemilio #falogalegoporque ..."

Neste día 12 de decembro a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística convocou aos centros de ensino a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada consistía no recitado colectivo e simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o IES Perdouro, alumnado e profesorado, acolléronse a esta iniciativa ás 12:00h no patio para ler en coro as letras do poema de Celso Emilio. Máis de 240 voces lembraron os versos de Deitado frente ao mar.  A Vicedirectora, Karina Parga, indica que foi un espectacular e emocionante recital que reuníu o alumnado de ESO, Bacharealto e Ciclos Formativos  e os docentes do centro educativo. Ademais a coordinadora do ENDL do Perdouro, Miruca Parga, sinala que entre os diversos docentes participantes houbo na actividade un convidado de excepción: o mariñeiro e poeta Jesús Mosquera, que habitualmente faena nas augas próximas a Nova Zelandia. Este veciño de Burela recitou o poema de Celso Emilio dedicado aos buscadores de illas. A viaxe literaria foi conducida polo profesor Bernardo Penabade e na mesma tamén interviu o alumnado de 3º ESO, a vicedirectora do centro, o auxiliar administrativo, José Chao; e o profesor de Economía, Antonio Mato. Os poemas recitados polo alumnado están moi directamente relacionados coa interculturalidade, unha carácterística moi presente na poboación de Burela. Tamén o IES Perdouro estivo presente nas redes sociais e inundou de tuits o Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio co hashtag oficial #RecitandoCelsoEmilio. Segundo a Coordinadora Galega dos ENDL, máis de 200 centros escolares e uns 30.000 alumnos segundaron a actividade no día de hoxe.

6.12.12

Crónica de Sara Gil - A presentación de Emily on the road na Mariña

Non perdades de ler este relato sobre Ramón Blanco, coñecido por todos nós como Moncho, que fixo a nosa alumna de 1º de bacharelato, Sara Gil. Unha delicia. Noraboa Sara!!!!

SOBRE A PRESENTACIÓN DE Emily on the road NA MARIÑA

O día 26 de novembro tivemos a oportunidade de participar na presentación de dous libros de Ramón Blanco: un Vida e obra de Francisco Añón e outro Emily on the road. Mais non tería sentido explicar o desenvolvemento dos eventos sen facermos referencia á importancia do escritor na vida dos alumnos e alumnas -entre eles eu- que este ano cursamos 1º de BAC no Instituto Perdouro de Burela.

En xuño de 2011, finalizamos o curso de 3º da ESO e despedimos o substituto que nos dera clase durante 5 ou 6 meses, debido a unha baixa da nosa profesora de Lingua Galega. Aquel profesor que se adicou a aguantar as nosas lerias foi Ramón Blanco, que nese pouco tempo despertou entre nós un aprezo enorme, ben pola súa maneira de tratarnos, ben pola súa personalidade ou -o que é máis probable- por unha mistura das dúas. Por iso, logo de case un ano e medio, recibimos con entusiasmo a comunicación que nos fixo o noso actual mestre de que íamos ter a oportunidade de desfrutar da presentación dos libros.

Situámonos xa no día en que todo aconteceu. Ás 13:10 daquel luns fomos para a biblioteca do instituto. Todos sentamos e agardamos, expectantes, a que Moncho -resulta estraño para nós tratalo de Ramón- aparecese pola porta. Logo duns minutos, entrou aquela persoa á que tanto agarimo lle gardamos. Un sorriso inundou ao instante as nosas caras e a del. Sentou na longa mesa que estaba fronte a nós, e Bernardo introduciu a presentación de Vida e obra de Francisco Añón. Cando este rematou, tomou a palabra Moncho para agradecernos a nosa asistencia. Asegurou que estaba moi ledo de atoparse alí e explicounos diversos aspectos tanto da súa vida como da de Añón, incluíndo o motivo de elexir este escritor como referencia para o seu libro. Soubemos que foi determinante o feito de gañar con 17 anos o premio de poesía Francisco Añón, o que o levou a informarse sobre quen fora esa personalidade. Coñecemos que o poeta Añón viviu no século XIX e que a súa familia era moi coñecida na comarca comprendida entre Muros e Noia. O seu padriño, un cura, ensinoulle o mundo das letras e encamiñouno, máis tarde, a estudar no Seminario. Tamén se fixo fincapé en que no ano 1966 a Añón foille dedicado o Día das Letras Galegas, moito antes que a outros escritores hoxe máis coñecidos. Entre eses e outros moitos datos, chegou a hora do xantar.

Chegamos ao restaurante. Algúns alumnos, algúns profesores, Moncho e os seus acompañantes –Manuel L. Rodrigues, o editor de Acha Escrava; a escritora Iria Lago; e o músico Pablo Sax- comemos todos xuntos nunha longa mesa, que xa tiñamos reservada. O xantar transcurreu entre risos e anécdotas. Para nós, foi unha grata experiencia poder comer con Moncho e os demais profesores (e cremos que para eles tamén o foi comer con nós). A conversa foi animada e estivo misturada con algunhas bromas que nos facíamos uns aos outros, risos e incluso algunha que outra foto, para ter probas materiais do momento nun futuro!

Chegou o remate do xantar e houbo que volver ao centro. Pola tarde tiñamos clase! Mais ese día non era a materia de Inglés, coma sempre. Desta vez os cincuenta minutos centráronse en coñecer Emily on the road, o novo libro do noso mestre. Fixeron a introducción o editor e Iria Lago, a escritora que identificou a Moncho como o seu mellor amigo. Feitos os honores, o escritor convidado aclarounos que a historia central é o traxecto dun condutor que no camiño atopa unha rapaza (Emily) e a recolle. Xuntos emprenden unha viaxe entre o escuro e a morte, nun ambiente sombrío. En plena travesía, a parella de viaxeiros facendo varias paradas. En conclusión: o libro céntrase nunha partida, unha ruta e unha arribada un tanto misteriosas, que o autor escribiu en homenaxe a un vello amigo e á escritora estadounidense Emily Dickinson. Resultounos especialmente agradable saber que parte do poemario foi escrito na súa etapa en Burela cando nos deu clase a nós!

Tras os preámbulos, Ramón Blanco comezou a ler. Pablo Sax comezou a tocar. E verso tras verso, nota tras nota e sensación tras sensación, conseguiron cautivarnos. Esta vez non eramos só os de 1º de BAC, senón que tamén estaban alumnos de 4º da ESO e diversos profesores (entre eles Ramón Reimunde -xa xubilado do IES de Foz- e Julia Labrador, docente de Literatura na Universidade Complutense).

As palabras saíron da boca do declamante unha detrás doutra e a orixinalidade do que lía captaba a nosa atención, sen ningunha dúbida. Non era un poema como outro calquera; probablemente os alí presentes nunca escoitáramos un igual. A maneira de relatar o que lles acontecía aos viaxeiros, a maneira de transportarnos a un mundo de escuridade -e de milleiros de sensacións- era realmente especial.

Así foi como chegou o final. O escritor rematou de ler o fragmento e nós quedamos con ganas de máis. Un aplauso inundou a sala. Un éxito total. Despedímonos del e marchamos para a aula, xa que aínda tiñamos outra clase. Mais quedamos agardando á próxima vez para ver a Moncho e para botar unhas risas con el, coma sempre. Queremos que volva a cautivarnos cuns cantos versos e que nos faga soñar. Queremos imitalo, seguilo; desexamos ler máis do que el escribe… Xa que falamos de desexos: desexámoslle todo o mellor a ese grande escritor, ao grande poeta. Oxalá teña moita sorte con estes dous libros e con todos os que quedan por vir. Nós estaremos dispostos a contribuír, aínda que sexa simplemente con lembranzas da estadía en Burela.

Tesnos gañados, Moncho!

Sara Gil Cordido

5.12.12

#RecitandoCelsoEmilio

O día 12 do decembro a Coordinadora de ENDL convócanos a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada será o recitado simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o ENDL do IES Perdouro unirémonos a esta iniciativa, alumnado e profesorado, entre as 11:30h e as 12:20h na biblioteca lendo poemas de Celso Emilio Ferreiro.
Ademáis a segunda actividade proposta será un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.
Estaremos presente nas redes sociais e inundaremos de tuits o Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio co hashtag oficial #RecitandoCelsoEmilio.

RT “#RecitandoCelsoemilio”, para que “Deitado frente ao mar” soe en milleiros de voces.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...