25.3.21

Xornada Arduino no IES Perdouro

O alumnado de 1º de CM de Instalacións en Telecomunicacións coa axuda da súa profesora Marga López, ten preparado unha feira de mostra con varias actividades programadas en código aberto para o venres 26 de marzo co motivo da celebración do Arduino Day. 

Os pases para asistir a esta mostra están organizados para o alumnado de 3º e 4º de ESO.

No resto do mundo o Arduino Day 2021 celebrarase o sábado 27 de marzo (de maneira virtual debido á COVID-19) con diferentes talleres, reunións, conferencias, paneis, feiras y máis. Este evento ten unha relevancia especial este ano xa que, de acordo con palabras da organización, a interconexión das persoas derrubou as barreiras do distanciamento social e o illamento.

O Arduino Day 2021 titúlase ‘Achegamento: o aberto fainos máis próximos ‘ (Undistancing: Open Makes Us Close, en inglés), unha frase que encarna o poder da comunidade de código aberto para acortar calquera distancia física a través de novas oportunidades para colaborar, innovar e achegarse (virtualmente).

Entrega de premios Concurso de viñetas contra a violencia de xénero

Esta mañá, Alba Monteagudo, coordinadora do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade do IES Perdouro, fixo entrega dos diplomas e premios do certame de viñetas convocado para denunciar situacións de violencia de xénero.

Categoría de 1º e 2º da ESO Categoría de 3º e 4º da ESO Accésit

Ana Lestao Ben

Noemy Tavares Pereira

Lidiana de Pina Sanches

23.3.21

Concurso de Viñetas contra a violencia de xénero - Fallo do xurado

Dende o proxecto do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade do IES Perdouro, fíxose un concurso de viñetas para denunciar situación de violencia de xénero. 

O xurado determinou merecedoras do premio as seguintes alumnas:

- Ana Lestao Ben, gañadora da categoría de 1º e 2º da ESO.
- Noemy Tavares Pereira, gañadora da categoría de 3º e 4º da ESO.
- Lidiana de Pina Sanches, accésit á mellor viñeta da ESO.

Parabéns!!!
 
Categoría de 1º e 2º da ESO Categoría de 3º e 4º da ESO Accésit

Ana Lestao Ben

Noemy Tavares Pereira

Lidiana de Pina Sanches

16.3.21

Charla sobre óptica

O martes 9 de marzo o alumnado de 2º BACH tivo a oportunidade de asistir a unha videoconferencia relacionada coa Física, a cal trataba esencialmente da óptica xeométrica.

A charla foi impartida por un profesor de Física da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e, a pesar das dificultades técnicas, puidemos adquirir diversos coñecementos acerca da materia. Explicounos os principios fundamentais da óptica xeométrica, a cal é unha rama da Física que estuda os cambios que experimentan as traxectorias dos raios da luz a raíz dos fenómenos de reflexión e refracción.
A conferencia incluíu tamén experimentos que se realizaron coa finalidade dun mellor entendemento do tema dende unha visión máis dinámica; ensináronnos, por exemplo, o comportamento da luz no interior dun diamante ou mesmo a creación dunha imaxe virtual a través das lentes converxentes.
Foi, sen dúbida, unha charla moi interesante xa que nos permitiu acadar unha maior comprensión do tema, o cal, de feito, estamos estudando nestes momentos, polo que serviu de grande axuda.

Noah Posada Strochinski, 2º bach.

15.3.21

Olimpíada xeolóxica telemática

O 24 de febreiro as tres alumnas de Xeoloxía de 2ºBach, xunto a 5 alumnos/as de 4ºESO, participamos na fase territorial da Olimpíada xeolóxica. Polas circunstancias que estamos a vivir, non puido ser presencial, polo que nos xuntamos os 8 alumnos na biblioteca do centro sobre as dez e media da mañá para facer unha pequena presentación online. Despois diso, realizamos unha xincana entre os dous grupos, un conformado polos nen@s de 4º e outro polas de 2º.  Esta actividade durou unha hora e media e consistiu en completar unhas 12 probas a través da aula virtual do CPI Cruz do Sar. Despois disto, tivemos un pequeno descanso no que aproveitamos para comer algo e relaxarnos. Logo, volvimos á biblioteca para realizar unha proba tipo test individual que durou aproximadamente unha hora. Esa mesma tarde xa sabiamos os resultados da Olimpíada e, aínda que non gañamos ningún premio, foi unha moi boa experiencia.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Salma Yáñez Rego, 2º de Bac

Clausura dos 21 días co galego e +

Esta mañá celebrouse a sesión de clausura dos 21 días co galego e +. Reunímonos na aula de música do centro co alumnado de 3 ESO C e PMAR, o equipo directivo, profesorado e persoal non docente. Abríu o acto Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que felicitou aos dez centros pola participación nesta 3ª edición do programa dos 21días co galego e máis. A continuación, tomou a palabra Pilar Ponte Patiño, coordinadora docente do programa, que felicitou especialmente os equipos de dinamización da lingua galega e as persoas coordinadoras que, desde o comezo do curso, asumiron  os 21 Días co galego e + como un proxecto propio e puxeron nel ilusións e moitas horas de traballo.

Dos tres centros convidados para participar na clausura, falaron:

  • Natalia Irimia, profesora do IES Perdouro de Burela (Lugo), e Raquel Lopes Ramos de 1º de Bacharelato
  • Guiomar Vázquez, profesora do IES Taboada Chivite de Verín (Ourense), acompañada de alumnado
  • D. Manuel Barreiro, CPR A Inmaculada de Lugo, acompañado de alumnado.
 
Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

14.3.21

Prevención de riscos laborais

O pasado mércores 10 de marzo, organizouse no centro unha xornada de Prevención de riscos laborais para segundo de Ciclo medio de Xestión Administrativa e segundo de Ciclo Superior de Administración e Finanzas. A entidade que impartiu dita xornada foi o ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia).  Interviron catro relatores cos seguintes puntos de interese:
  • Dª María Pilar Rodríguez González, Técnico superior de Seguridade e Saúde laboral do centro ISSGA de Lugo, fixo unha pequena introdución á Prevención de Rocha
  • O Xefe do centro D. Manuel Gasalla Regueiro explicounos o marco normativo onde se regula todo. 
  • Dª María García Díaz, Técnico de saúde laboral, explicounos os riscos ergonómicos no posto de traballo, concretamente nos postos administrativos.
  • Dª Mª Paz Eyre Vázquez Xefe de área Técnica de medicina do traballo e ergonomía e psicosocioloxía do centro ISSGA de Lugo falounos de todo o relativo ós nosos ciclos, en canto a riscos máis relacionados co clima laboral, burnout … 
Segundo a crónica realizada polos nosos alumnos: Alex Gómez Lago, Yago Montenegro González e Ismael Prieto Méndez, dita actividade é de agradecer xa que se trataron temas relacionados coa vida laboral, tendo en conta o pouco tempo que lles queda para facer a FCT (Formación en Centros de Traballo). 
Ao finalizar a xornada o alumnado asistente recibíu un título acreditativo da formación.

12.3.21

Acto festivo dos 21 días co galego e máis

Como actividade de peche desta edición do programa "21 días co galego e máis", o alumnado de 3º ESO xuntámonos nas pistas de deporte. 

Iniciamos o acto escoitando "Vento nas velas" que é a sintonía da edición deste ano, composta e cantada por Naomi Rey do IES Ramón Cabanillas de Cambados. Ademais de broche final, intentamos que este acto fose tamén unha unión por e para o galego e coa nosa cultura.
De seguido, escoitamos a dous dos nosos compañeiros interpretando no violín unha versión acústica de "Camariñas" para, a continuación, desfrutar da "Cantiga de Santa María" na voz doutro grupo de alumnas e alumnos de 3º. Como non hai dous sen tres, rematamos esta serie con outra interpretación do grupo de corda, a da cantiga popular "A saia da Carolina".
Seguidamente, un grupo de alumnos e profesores empezaron a inchar o fol das gaitas, colocaron o tamboril e o bombo mentres se escoitaban as ferreñas das pandeiretas para xuntos interpretar o pasodobre de Mallou e as rumbas da Buxaina e de Cuba. A actuación foi estupenda e, aínda que empezaron a caer unhas pingas de auga, non nos impediron bailar a todos xuntos ao son da muiñeira "Loliña".
Foi un remate fabuloso: como bos galegos, debaixo do barruzo, coa nosa música e cultura, para promocionar o uso da lingua e animar a xente que non é galega a coñecer o noso idioma, querelo e, por suposto, non ter medo a falalo, como ben dixo Natalia, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. 
 
Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

Carmen Fraga Posada - 3º ESO A

11.3.21

Teaser de Sen piedade

Os alumnos de segundo de FPB fixemos un traballo que consistiu en elaborar un teaser, isto é, un vídeo intentando manter a intriga e creando expectación sobre un libro de Pedro Feijóo titulado Sen piedade para incentivar á lectura desta novela. 
Foi un traballo divertido proposto polo noso mestre cuxa idea era que expuxésemos algún dato sobre esta interesante lectura para que a xente lera esta historia. Foron dúas semanas de traballo, máis ou menos, para o que tivemos que ler o libro, repartirnos as tarefas que ía facer cada un e enlazalas. 
Pasámolo ben e falamos galego, que é o importante.

Daniel Jiménez, FPB2


"Dígocho eu" co alumnado do IES Perdouro

O “Dígocho Eu” visitounos por videoconferencia.
O venres, día 5 de marzo, no noso Instituto, IES Perdouro de Burela, tivemos a sorte de ter unha conversa por videochamada cos impulsores do programa Dígocho Eu. Puidemos falar con Esther Estévez, a protagonista, co coordinador do programa, Carlos Amado e coa lingüista Rocío Pérez.
Nesta entrevista participamos os alumnos de 1º ESO A, acompañados dos profesores de Lingua galega, Miruca Parga e Benardo Penabade, pero todos os grupos que quixeron puideron unirse á videoconferencia e ver a entrevista nas súas clases.
Na entrevista, Esther Estévez falounos de como é seu traballo e de como xurdiu a idea de levar a cabo un proxecto coma este, o cal foi moi ben acollido. Sen dúbida, é un dos programas máis interesantes que se pensaron para dar coñecer a nosa lingua entre os propios galegos, xa que nós mesmos adoitamos cometer erros coma os castelanismos. Esther explicounos que primeiro buscan as palabras que máis problemas presentan á hora de empregalas adecuadamente e intentan explicar da forma máis sinxela posible a maneira adecuada de dicilas. Deste xeito pretenden chegar ao máximo número de persoas e facerse entender, ensinando ao mesmo tempo o vocabulario tan extenso e bonito que ten a nosa lingua.
Faláronnos tamén de como era o seu día a día, gravando os vídeos, os programas que usaban para editalos e preparalos para a súa emisión, etc.
Durante a conversa tivemos a oportunidade de intercambiar opinións con eles e expoñerlles as nosas dúbidas ou intereses. Responderon as nosas preguntas encantados e cun ton familiar que nos fixo estar moi a gusto. Mesmo nos falaron da súa propia vida en canto á fama acadada por aparecer na televisión e o cambio que iso supuxo no seu día a día, xa que sempre atopaban a alguén pola rúa que os recoñecía e se paraba a saudar, recibindo sempre unha felicitación polo seu bo traballo.
Para todos nós foi unha experiencia moi motivadora e agradable e quedamos encantados de ver que persoas que para nós están tan lonxe, en realidade están tan cerca. 
Grazas aos tres por concedernos este cachiño do voso tempo e facernos partícipes do voso traballo.

Gabriel Díaz Pernas, 1º ESO A

Accede ao albúm de fotos AQUI

Promocionando Burela Bonita

Os alumnos de 2º ESO PMAR ao longo dos 21 días co galego e +, na hora de titoría, estamos creando unha conta na rede social Instagram para dar a coñecer a nosa vila dende a nosa perspectiva, pois hai recunchos que só os bureleses coñecemos ben. Os obxectivos desta actividade son varios: 
  • Comunicármonos en galego.
  • Responsabilizármonos no uso das redes sociais. 
  • Facer grupo. 
  • Coñecer mellor a nosa vila. 
Seguro que moitos de vós coñecedes o lema “Burela Bonita”. A nós ocórrensenos moitas outras frases coas que se pode identificar a nosa vila e que poderían ser un bo lema para promocionar Burela: 
  • BURELA RIQUIÑA: ningún outro sitio mellor ca Burela para divisar os mellores amenceres e atardeceres. 
  • BURELA LARPEIRA: aquí cómese moi ben. Se non estivestes na Feira do Bonito, estades tardando! 
  • BURELA ENXEBRE: nada máis xenuíno e auténtico da nosa terra ca os nosos traballadores do mar. 
  •  BURELA QUE CHEIRA A PEIXE FRESCO: a lonxa. 
  • BURELA CON AFOUTEZA: temos un equipo de fútbol-sala feminino ao que nada se lle resiste. As nosas xogadoras están cheas de enerxía, valor e decisión. 
  • BURELA DE FOLIADAS E BRINCADEIRAS: hai moitas outras festas ademais da Feira do Bonito: as festas patronais, a Castrexa, o festival Osa do Mar,… 
  • BURELA XEITOSA: ningún outro sitio mellor ca Burela para vivir. É un concello que pola súa extensión permite que nos movamos a pé. Este feito facilítanos os movementos diarios e axúdanos a coidar do medio ambiente. 
  • BURELA AGARIMOSA: qué mellor exemplo de persoas que nos tratan con agarimo ca os nosos sanitarios. En Burela está o Hospital da Mariña. 
  • BURELA RABUDA: hai días de temporal nos que Burela amosa o seu mal xenio. 
  • BURELA ACOLLEDORA: en Burela vive xente de distintas partes do mundo! Nós enriquecémonos da súa cultura. 
  •  BURELA LINDA: dende o miradoiro de Monte Castelo temos vistas incribles. 
  • BURELA DAS AMIZADES E DOS SORRISOS: Aínda que neste momento os nosos sorrisos os tapen as máscaras, somos unha vila de xente leda. 
Para levar a cabo o proxecto, ata o momento, o que fixemos foi debater sobre as distintas expresións que podemos empregar para identificar a nosa vila e organizar o traballo para ter imaxes dos recunchos que queremos amosar na nosa conta. 

Aínda nos queda moito traballo por diante, temos que deseñar o aspecto da nosa rede social e escribir os pés de foto. 
 
Alumnado de 2º PMAR

Traballo de investigación sobre a emigración

O alumnado de 4° da ESO quixemos participar nos “21 días co galego” dende a materia de Xeografía e Historia. A nosa aportación foi un traballo de investigación e un vídeo onde recollemos os datos ou frases máis destacadas das nosas pescudas.
Comezamos a actividade tendo que responder unha serie de preguntas, pero para iso debiamos contactar con algún familiar ou coñecido que realizara algún tipo de emigración, xa fose interior, exterior, temporal, etc.
Algúns dos meus compañeiros falaron cos seus avós, seus tíos e incluso seus pais e, tras recoller toda a información necesaria e contestar preguntas como se lles custou moito atopar traballo ou se aconsellarían á xente nova emigrar, entregamos as nosas entrevistas ao profesor para unha corrección previa antes de realizar o vídeo.
Unha vez xa tiñamos a nosa actividade corrixida, tivemos que, entre todo o texto, escoller unha oración que concordase co tema que se nos adxudicara anteriormente a cada un de nós.
Traballamos por parellas, coa excepción dalgúns de nós que formamos grupos de tres. Tras escoller unha oración axeitada dispuxémonos a gravar o vídeo.
Despois de varios intentos, entre risas e algúns aplausos, conseguimos montar un vídeo co que esperamos que gocedes e vos informedes do que supuxo emigrar para os nosos entrevistados.

Iria López Casas - 4º ESO B

8.3.21

Celebramos o día da muller

Hoxe co gallo do día da muller, tiñamos un muro violeta preparado con pancartas e globos que realizou o alumnado de 4ºESO. Quen quixo participou posando no fotocol. Velaquí o albún de fotos.


7.3.21

8 de marzo, día da muller

Alba preparou co alumnado da súa titoría de 3º PMAR as seguintes carteis. Destacaron 8 mulleres que marcaron un fito para as mulleres.


6.3.21

Saímos no Galicia por diante

Se non puideches escoitar a Eva, Daniel -alumnado de 1º de bacharelato- e a Miruca Parga - profesora de Galego- no programa de Galicia por diante do pasado xoves 4, podes oír a intervención despois do minuto 15'.

Falaron do universo literario de Antía Yáñez e reflexionaron sobre o impacto dos 21 días co galego e máis.
 

4.3.21

Encontro cos do "Dígocho eu!"

Os 21 días co galego e máis téñennos preparado un encontro en liña cos xornalistas do Dígocho eu! Esther Estévez & Carlos Amado & Rocío Pérez.

Será mañá venres a partir das 10h.


 

Día 11 - 21 días co galego e + -> "Entrada ao universo de Antía Yáñez"

Presentamos o segundo vídeo que fixemos para o proxecto dos 21 días co galego e máis. Iste vai da nosa biblioteca e quixemos rendir unha pequena homenaxe a Antía que deixou as aulas do Perdouro fai pouco:  "Entrada ao universo de Antía Yáñez"


Xa vas pola metade dos 21 días co galego e + e chegou o momento da 2ª reflexión

– Como vai o teu reto persoal?

– Está a ser como ti esperabas?

– Xa identificaches as persoas que che axudan a falar máis en galego?

– Que che parecen os materiais creados polos outros centros participantes?

– Pensa un novo reto medible e graduable para ti na segunda parte do programa que agora comeza.

1.3.21

Día 8 nos 21 días co galego e + Obradoiro de regueifa

Seguimos cos obradoiros de regueifa destinado ao alumnado de ESO e bacharelato impartidos por Cristian e Noe, os nosos regueifeiros do centro.

Lembramos que na web de Non perdas o norte están colgadas as bases do III Certame de Regueifa do IES Perdouro. https://non-perdas-o-norte.webnode.es/

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...