31.10.12

Samaín - Concurso de cabazas 2012

Samaín , celebramos o ano novo celta cun concurso de cabazas.


Un recreo de medo:

O mércores ambientamos a biblioteca á escuras e contamos historias de medo. Axudáronnos os alumnos de Electrónica coa súa mesa de mesclas e uns cantos efectos sonoros terroríficos.

29.10.12

Día das Bibliotecas Escolares 2012

Celebramos o día das Bibliotecas Escolares nos recreos ao longo de toda a semana. Tivemos concertos, debuxos colectivos, feira de libros, libros andantes que nos contaron as súas intrigas, e unha exposición de libros da Biblioteca Municipal de Burela.

Todo iso, podédelo ver no seguinte albúm de fotos:

IdA Explorer! continúa un ano máis

O pasado luns 29 de outubro, tivemos a visita de Hubertus Freisinger, coordinador do proxecto europeo IdA Explorer! (2009-2012) da Berufsbildungszentrum (BBZ) Augsburg gGmbH, un centro de formación e inserción laboral da localidade alemana de Augsburgo. Neste encontro fíxose balance dos tres anos de proxecto que se valorou positivamente polas partes implicadas. Aproveitouse a ocasión para asinar unha prórroga por un ano máis, ata outubro de 2013.

27.10.12

Moderna pedagoxía galega protagonista dunha xornada de estudo na universidade de Barcelona

Baixo a organización da Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona, na Cidade Condal celebrouse o pasado día 26 de outubro unha xornada científica centrada no papel das linguas da inmigración na escola. No encontro situáronse en destaque a metodoloxía didáctica “Modelo Burela” impulsada pola área de innovación do Instituto Perdouro da vila da Mariña e o proxecto Galauda levado á práctica por máis dunha ducia de centros de ensino secundario de Cataluña.
O programa de actividades contou coa participación do director xeral de inmigración da Generalitat de Cataluña, a decana da facultade de Filoloxía e o director do departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona. Seguidamente, comezaron os diferentes relatorios centrados na política lingüística nos sistemas escolares de Galiza e Cataluña e en proxectos desenvolvidos en ambas as comunidades e encamiñados á cohesión social nos centros educativos.
Na mesma xornada, mais en horario de tarde, celebrouse unha mesa redonda coa participación de profesorado das universidades de Girona, Barcelona, Vic e Santiago de Compostela. O encontro finalizou coa conferencia da coordinadora do mesmo, a profesora Carme Junyent, da Universidade de Barcelona, sobre o papel das linguas nos centros escolares.
O relatorio do Instituto Perdouro integrou diversas proxeccións audiovisuais, xunto coa reprodución de fragmentos concretos do programa radiofónico “Proxecto Neo”, dedicado á integración de persoas neofalantes. O protagonismo centrouse nas persoas participantes en varios deses programas durante o curso pasado: Karina Parga (de nacionalidade francesa; Vicedirectora do IES Perdouro), Antonina Semedo (caboverdiana, integrante do gurpo musical Batuko Tabanka), Ummer Mohammad (estudante de orixe pakistaní), Juan Mario Lawicki (estudante de orixe ucraniana) e Catalina Sánchez Luengo (xerente da Fundación Expomar, orixinaria de Villanueva de la Serena en Badajoz).
A representación do proxecto educativo do Instituto Perdouro estivo a cargo de Bernardo Penabade, quen expuso a liñas xerais da metodoloxía didáctica “Modelo Burela” tanto para o fomento da fluidez das linguas estranxeiras como na integración de neofalantes e na mellora da expresión escrita da lingua de partida. Durante o encontro celebrado en Barcelona, valorouse a aplicación de novos proxectos de didáctica das linguas nos centros de ensino secundario da Mariña, como resultado da colaboración das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, así como do proxecto Galauda de Cataluña.
ENLACES

15.10.12

14.10.12

24 de outubro - Día das Bibliotecas Escolares

24 de outubro - Día das Bibliotecas Escolares
 
Desde hai algúns anos, a IASL vén instando á celebración do "mes da biblioteca escolar" (anteriormente, Día da biblioteca escolar no cuarto luns de outubro) co fin de difundir as posibilidades deste tipo de bibliotecas e a súa potencialidade como factor de calidade do ensino nos centros.  Desde os inicios, a Asesoría de bibliotecas escolares apoiou esta iniciativa internacional cunha chamada á realización de actividades que servisen para facer visible a biblioteca nos centros.  O lema deste ano é A biblioteca escolar, unha chave para o pasado, o presente e o futuro.
Desde 2008, a Consellería de Educación vén editando, a comezos de cada curso escolar, un cartel para difundir o modelo de biblioteca escolar polo que se está a traballar, uníndose desta forma á celebración do Día da biblioteca (24 de outubro), no convencemento de que, aínda sendo unha biblioteca específica (cunha misión clara dentro do centro educativo, e uns servizos e actividades acordes á súa definición como "centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe"), non deixa de ser unha BIBLIOTECA; máis aínda, é a ÚNICA biblioteca pola que pasa toda a poboación en idade escolar dun país: todos os nenos e todos os mozos teñen no seu centro (ou deberían ter) unha biblioteca escolar.
Galicia conta, desde hai pouco (Lei 5/2012, do 15 de xuño), cunha Lei de Bibliotecas de Galicia que contempla a Rede de Bibliotecas Escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, xunto coa biblioteca de Galicia, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as Bibliotecas Universitarias e as bibliotecas especializadas entre outras.

3.10.12

Videopoema: "A palabra" de Celso Emilio Ferreiro

Este é un exemplo dun traballo sinxelo con Photopeach que podedes probar cun poema que vos agrade. Animádevos, os resultados son rápidos e sorprendentes.

A palabra on PhotoPeach
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...