31.7.23

Festa de fin de curso

No IES Perdouro continuamos traballando en xullo. Descansaremos en agosto. 

AQUÍ tedes as imaxes do último día de curso, cando vós vos despedistes do instituto ata o curso que vén. 

O novo curso comezará o 11 de setembro. Prestade atención á páxina web a principios de setembro para saber cando tedes a vosa presentación. 

Desfrutade das vacacións! 


18.7.23

Nova cancela do IES Perdouro

Esta é a nova cancela do noso instituto! Feita no IES Perdouro. Grazas ao alumnado do Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial e do Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións. 

Un gran traballo! Moitos parabéns! 


 

14.7.23

Recomendacións literarias en Proxecto Neo

Colgamos aquí as 44 recomendacións literarias que emitimos no programa Proxecto Neo, de Radio Burela. Son uns audios breves nos que cada persoa recomenda ler un libro e explica brevemente o motivo.

Entre os participantes hai persoal do noso instituto (docente e non docente), antigos compañeiros xubilados, profes e mestres doutros centros, unha representante do Consello escolar e ata un paleontólogo.

O verán é un bo momento para comezar un libro e, a verdade, opcións non faltan.

6.7.23

Fai deporte na contorna: Non tes escusa!

O alumnado de 1º de Bacharelato anímanos á práctica do deporte na contorna. 

Neste caso, Lola e Ramón infórmannos das posibilidades que temos en Burela. Aproveitando as instalacións e arredores da vila podemos practicar unha gran variedade de actividades deportivas. 

Anímate! Xa non tes escusa!

Fin de curso: obradoiro de batidos e petiscos saudables para 1º ESO

O mércores 21 de xuño o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro de batidos e petiscos saudables. 

Andrea e Rocío, responsables da Asociación Española contra o cáncer de Burela, viñeron ao IES Perdouro para informar sobre hábitos alimentarios saudables. O seu obxectivo é  que a rapazada deixe de comer bolos industriais e de tomar bebidas a base de ingredientes artificiais con aparencia de zumes naturais. 

Ensinaron ao alumnado de 1º ESO a elaborar batidos con froitos vermellos (amorodos, arandos, framboesas), iogur natural sen azucre e un pouco de leite. 

Os petiscos estaban elaborados con pan integral, queixo ou manteiga de cacahuete, sementes de liño dourado, froitos secos (améndoas, abelás, noces...) e froita fresca (amorodos e arandos). 

Practicamente acabáronse as existencias de comida e bebida e todo o alumnado tanto da ESO como de Bacharelato que pasou polo patio e presenciou o obradoiro estaba interesado en probar os batidos e os petiscos. Haberá que repetir a experiencia!

Podes acceder a máis fotos AQUÍ


5.7.23

Fin de curso: exhibición-obradoiro de artes marciais

O mércores 21 de xuño o alumnado de 2º e 3º ESO e FP Básica asistiu a unha exhibición e a un obradoiro posterior. 

Varios foron os compañeiros e compañeiras que mostraron as súas habilidades en Kung-fu, taekwondo, karate, tai chi... Tanto alumnado como profesorado explicou de xeito práctico algunhas das características básicas destas artes marciais.

Moitas grazas ao Dojo Bushido de Burela e a Ibrahima, Simón, Noa Gudín, Noa Martínez, Javier César, Arturo Fernández, Diana e Mónica Alonso polas súas ensinanzas!

Podedes acceder ás imaxes e vídeos AQUÍ.

Xornada de portas abertas para o alumnado de 6º do CEIP Virxe do Carme

Como cada ano a final de curso o alumnado de 6º de Educación Primaria do CEIP Virxe do Carme visitou o IES Perdouro. 

Nesta ocasión viñeron o luns 19 de xuño foron recibidos na biblioteca, onde asistiron a un recital en hologramoas e logo percorreron a IIª Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro. 

Podedes acceder o álbum de imaxes AQUÍ.

O Coro das Emocións de Educación Responsable

Aquí temos o resultado de todas as horas de traballo do alumnado de 2º ESO acompañado do profesorado implicado no programa de Educación Responsable. 

A participación neste programa conlevaba que, desde a materia de Música, se creara un coro e se prepararan tres pezas musicais dunhas determinadas características. Patricia Inés Fernández Salas, a profesora de Música, coordinou os ensaios de canto e coreografía e a gravación deste vídeo que aúna todas emocións que cantar e bailar nos fixo sentir. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...