16.6.18

Viaxe a Portugal

Os alumnos e alumnas de 1º de BAC fixemos unha viaxe de 5 días por Portugal na primeira semana do curso.
O noso primeiro destino foi Porto. Alí visitamos a casa da Música, un dos auditorios coa mellora acústica do mundo, obra de arquitetura que foi concebida para o evento Capital Europea da Cultura 2001, da autoría do arquitecto Rem Koolhaas e aclamada internacionalmente. Outros lugares de interese turístico que visitamos foron: a Sé Catedral, a Torre dos Clérigos, a Avenida dos Aliados, o mercado do Bolhão, o café Majestic, a Estación São Bento (sendo especialmente célebre polos seus paneis de azulexo), a librería Lello (coñecida grazas a rodaxe de Harry Potter). Pasamos a Vila Nova de Gaia pola Ponte Don Luis I e por encima do río Douro para chegar ao mirador do Morro e aí asistir ao magnífico solpor sobre a cidade. Acabamos ceando pola Ribeira
Tamén estivemos na cidade de Aveiro, coñecida como a pequena Venecia de Portugal, onde visitamos o ecomuseo das salinas no cal vimos o proceso de elaboración do sal mariño. Gozamos dun tempo libre para xantar os manxares locais. 
Despois, fomos a Nazaré e baixamos ata o faro onde se rexistraron as ondas máis grandes do mundo e onde se celebra un campionato de surf a nivel mundial. Deleitámonos coas vistas da vila dende o Miradouro do Suberco e acabamos o día na praia vendo os míticos secadoiros de peixe e aí aproveitamos unha sesión de fotos con posta de sol incluída.
Chegamos á capital de Portugal, Lisboa, e alí visitamos: o Mosteiro dos Xerónimos e o seu magnífico claustro de arquitectura manuelina, a Torre de Belém (S. XVI) e probamos tamén os “pastéis de Belém”. Fomos xantar a Cascais para coñecer unha das cidades balnearias máis recoñecidas de Portugal e contemplamos os vertixinosos acantilados da Boca do Inferno. Pola tarde dímonos uns baños na praia nunha auga xeada mais sarna con gusto non pica!!!
O últimos día, no parque das Nacións, visitamos o Oceonário de Lisboa considerado o segundo acuário máis grande de Europa e despedímonos do centro histórico percorrendo as rúas e prazas: a do Comercio, a do Rossio, a da Figueira, e os barrios: a Baixa, o Chiado, a Alfama, e os monumentos: as Ruinas do Carmo, o Elevador de Santa Justa, o Castelo de São Jorge, a Sé de Lisboa, a Casa dos Bicos (Fundação José Saramago).
Coñecimos a Pedro Miguel Rocha, “o escritor português de alma galega” e a última noite, pasámola na zona de marcha, o Barrio Alto, bailando e impregnándonos do bo ambiente nocturno. Xenial!!!!
Foi unha experiencia inesquecible que se resume en AMIZADE, COMPAÑEIRISMO e MOITA DIVERSIÓN.

Accede ao albúm de fotos aquí.
Alumnado de 1ºBAC.

15.6.18

Vendo células en división no microscopio!

Cumprindo os desexos dun alumno de Bioloxía de 4º ESO que quería ver esas famosas células das que tanto se fala e que el nunca viu, no mes de Maio fomos o laboratorio a ver ao microscopio células vexetais en división.
Neste caso eles e elas prepararon as súas propias mostras utilizando as raíces dun allo porro extraído da horta uns días antes. Aínda que eramos moitos en moi pouco espazo, o seu excelente comportamento fixo posible que todos conseguiran un porta coas súas propias células.
O vindeiro ano volveremos ao laboratorio!
Accede ás fotos aquí.
Virginia Alonso San Eloy, profesora de Bioloxía e Xeoloxía

Disección dun ollo!

Onte no derradeiro día de clase de Bioloxía e Xeoloxía os alumnos e as alumnas de primeiro de bacharelato practicaron as súas habilidades cirúrxicas cun ollo de vitela grazas a Carnicería Rufino de Burela que nos doou oito ollos.
Nos primeiros instantes algúns manifestaron a grima que lles daba tocar os ollos ou collelos, polo que quedaron expectantes vendo como os seus compañeiros e compañeiras utilizaban o material para abrilo. Unha vez aberto entenderon a diferencia entre o humor acuoso e o vítreo, e manipularon as tres capas do globo ocular. Algunha valente conseguiu extraer o cristalino e comprobar os poderes que posúe esta marabillosa lente utilizándoa de lupa para ler un documento, o que motivou moito ao resto, conseguíndoo minutos despois.
Un día divertido que serviu a moitos e moitas para vencer os seus medos e limitacións pois algunha que só miraba, decidiu coller o material e abrir o ollo. Outras, pola contra gozaban como nenas pequenas co bisturí, seguramente unhas excelentes cirurxiás nuns poucos anos.
Un pracer compartir convosco esta nova experiencia!. Repetiremos!

Virginia Alonso San Eloy, profesora de Bioloxía e Xeoloxía

Descubrindo a xeoloxía da praia das Catedrais

O pasado martes 20 de marzo, os alumnos e alumnas de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato fixemos unha ruta xeolóxica pola zona da praia das Catedrais, saíndo da praia dos Castros, pasando pola das Illas e rematando na devandita praia das Catedrais.
A pesar do vento e da choiva, a guía (Luna Adrados) conseguiu explicar as curiosas formas das rochas nesa área (arcos, “ollos”, furnas...) e o proceso polo que o continente ascende, dando lugar aos característicos acantilados da zona. Tamén sinalou as diferentes plantas invasoras que pouco a pouco están a desprazar dos seus nichos ecolóxicos ás propias da zona.
Ironicamente, a das Catedrais foi a única praia á que non puidemos baixar pola ausencia case total de area debida á forza marítima, incrementada polos temporais; pero isto fixo que nos déramos conta da beleza das outras praias que, a pesar de ser menos coñecidas, non teñen nada que envexar á famosa Praia das Catedrais.
Luna Adrados invitounos tamén a participar nas actividades gratuitas do Geolodía que o 13 de Maio tiveron lugar no Parque Nacional Picos de Europa, aproveitando o centenario deste parque. Este evento tivo lugar simultaneamente en diferentes lugares de España e Galicia os días 12 e 13 de Maio co fin de divulgar a Xeoloxía. As diferentes actividades e os lugares pódelos atopar na páxina da Sociedad Geológica.

Ver aquí o amplísimo albúm de fotos 

Recensión elaborada por Antón Mazaira, 1º Bach.

13.6.18

Fallo premio Concursos Os Matos 2018

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos:

"XII Concurso literario" da As. Cultural Os Matos - Tema "A Mariña en feminino”

RELATO CURTO
  • 1º premio: Lin Vizoso López (1º ESO C) 
  • 2º premio: Antón Expósito Campo (1º ESO B)
POESÍA
  • 1º premio: Katerine Andrea Ortiz Cáceres (1º ESO B)
"X Concurso de Imaxe" da As. Cultural Os Matos - Tema "O leite é a vida”
  • 1º premio: Noemy Tavares Pereira Barbosa (1º ESO A)

Visita dos alumnos de 6º do Virxe do Carme

Esta mañá tivemos a visita do noso futuro alumnado. Recibimos os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Virxe do Carme. Foron acollidos polo director, Santiago Pérez, pola vicedirectora, Dolores Otero, e pola orientadora. Visitaron as instalacións do centro e pasaron o recreo cos seus futuros compañeiros.

Pica aquí para visualizar o albúm de fotos.

12.6.18

Rutas polos portos marítimos

O día un de xuño os alumnos e alumnas de 2º de ESO viaxamos a diferentes portos naturais, acompañados pola nosa profesora de Xeografía e Historia, Maribel, polo noso profesor de Lingua Galega, Bernardo, e por Antón, exprofesor de Relixión. O primeiro porto que visitamos foi o de Rinlo. Explicáronnos un pouco sobre o pobo e a súa historia. Logo fixemos un traballo que consistía en facer 3 tipos de fotos, unha dunha panorámica do pobo, outra dun monumento emblemático e outra dun traballador ou habitante. En Rinlo tivemos 20 minutos para facer as fotos e unha vez feitas arrancamos ao próximo porto. A seguinte visita foi en Castropol. Alí explicáronnos a historia do club de remo e un pouco sobre o pobo. Tivemos como media hora para tomar a merenda e facer as fotos. Seguidamente fomos hacia Porto Vega. Vimos o museo Etnográfico de Navia, onde nos explicaron curiosidades sobre as baleas e o seu aproveitamento. Xantamos e exploramos polo pobo para facer as fotos. Por último o porto de Viavélez,  como en todos os portos, tivemos tempo para velo e para facer as fotos. Xa era hora de irse. Para min foi unha das mellores viaxes xa que algúns deses portos nunca os vira. O mellor foi poder coñecer novos sitios. Chegamos a Burela sobre as 18:00 horas, contentos pero cansos de todo o que tivemos que percorrer e facer.
Accede aquí ao albúm de fotos.

Crónica de Cristina Gil López, 2º ESO A
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...