20.12.19

Felices festas!!


Batalla dos MCs

Esta mañá tivo lugar uns duelos moi peculiares.
Para finalizar o trimestre, a aula de música acolleu unha exhibición de rap libre.  (Freestyle rap)
O campionato internacional da Batalla de los Gallos de Red Bull celebrouse o pasado 30 de novembro en Madrid e deunos pé a convocar o noso propio certame entre o alumnado.
Os participantes tiveron que demostrar a súa capacidade de improvisación verbal empregando as rimas e meténdose algo co contrincante da batalla, pero sen faltarlle ao respecto. 
Os compoñentes do xurado foron Dolores, profesora de música; Miruca, profesora de lingua galega, e Benxa, profesor de Educación física. 
En cada rolda íase eliminando un dos candidatos ata a rolda final. Hugo Soto fixo de speaker ou mestre de cerimonias e mantivo animado o público. Os finalistas foron Nicholas López e Christian Sleyther, ambos alumnos de FPB.
Felicitamos a Nicholas, gañador desta primeira batalla.

Se queres saber máis sobre o tema, podes ler estes artigos: https://elpais.com/noticias/batalla-gallos/

Premios Porta Especial Nadal

Logo de reunirse o xurado para deliberar o certame "Adornade a vosa porta de aula Especial Nadal", o resultado foi o seguinte:
Premio á porta máis riseira: 1º ESO A
Premio á porta máis invernal: 1º ESO B
Premio á porta máis mensaxeira: 1º ESO C
Premio á porta máis clásica: 2º ESO A
Premio á porta máis desexada: 2º ESO B
Premio á porta máis acolledora: 3º ESO A
Premio á porta máis retocada: 3º ESO B
Premio á porta máis colorida: 3º ESO PMAR
Premio á porta máis sinuosa: 4º ESO A
Premio á porta máis galega: 4º ESO B
Premio á porta máis inclusiva: AULA PT  David Pardo
Premio á porta máis aproveitada: 2º bach A
Premio á porta máis minimalista: 2º bach B
Premio á porta mellor xestionada: 1º CM Xestión Adm
Premio á porta máis electrificada : 1º CM IT
Premio á porta máis elegante: 2º CM  PECOCA
1º PREMIO 2º PREMIO 3º PREMIO
3º ESO A 1º ESO A 4º ESO B
Accede á reportaxe fotográfica das portas do certame aquí.

Queremos felicitar o traballo en equipo das clases e a paciencia de moitos profesores. Parabéns!!

17.12.19

Obradoiro de regueifa con Lupe Blanco

O venres 29 de novembro a regueifeira Lupe Blanco veu explicarnos como se facían as regueifas. Viña acompañada doutro regueifeiro chamado Óscar. Primeiro, crearon unha regueifa improvisada para presentarse. Cantaron cun bonito ritmo. Lupe Blanco explicounos que a regueifa podía ser unha danza ou un bolo que se repartía nas vodas. As xente xuntábase en grupos e cando un tiña pensada xa unha rima dicía: “Bomba!” e comezaba a meterse cos dos outros grupos. O outro grupo contestaba dicindo: “Bomba!”, cando tiña a reposta pensada.
Tamén nos contou que ela viña de Bergantiños. Seu bisavó tamén facía regueifas. Aínda que morreu hai máis de 30 anos. En Bergantiños tamén existe unha composicion chamada brindo, aínda que só hai un brindeiro que ten 93 anos. O número de regueifeiros é maior xa que quedan 11 ou 12.
Co paso do tempo, en vez dar un bolo daban bonecas. Algunhas delas tiñan cartos dentro. Despois, explicounos que as regueifas son coplas de catro versos nas que riman os versos pares. Normalmente as palabras máis importantes van na posición de rima.
A continuación, puxémonos en grupos e fixemos as nosas propias regueifas.
Pareceunos unha actividade moi divertida.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Carlos Martins Sanyang, Iago Losada Fernández e Denilson Tavares Barbosa - 1º ESO B

Escola Náutica de Ferrol

O pasado día 5 de decembro recibimos a visita de Sergio López, presidente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, e de Enrique Cobelo, docente da Escola Náutica de Ferrol.


O acto, dirixido ao alumnado de 4º de ESO, comezou coa intervención de Sergio López, que nos resaltou a importancia do porto de Burela na frota pesqueira nacional xa que conta con 30 barcos de altura, antes de pasar a presentarnos a Enrique Cobelo, director da Escola Náutica de Ferrol e asiduo visitante do porto de Burela co alumnado do centro educativo.
O profesor convidado fíxonos unha breve presentación do centro que dirixe, no que se poden conseguir os títulos de grao medio de mecánica naval e patrón litoral; e os graos superiores de mecánica maior e patrón de altura.
Despois de nos contar que Galicia conta con centros con estas especialidades en Ferrol, Ribeira e Vigo, explicounos a obrigatoriedade de facer os cursos de seguridade e 42 días de prácticas antes de obter unha titulación que habilita para o mando nos buques de todo o mundo. Ademais, enfatizou a alegría pola incorporación das mulleres (na escola da Coruña contan cun 50% de cada xénero).
Sobre as condicións de vida no mar, díxonos que dependen de se as embarcacións son de altura ou de baixura. As primeiras poden estar fóra uns tres meses e as de baixura unhas catro horas. Tamén nos dixo que ultimamente hai tripulacións que alternan mareas de tres meses con outros tres meses na casa. Esta iniciativa favorece as incorporacións no oficio xa que así as tripulacións dispoñen de máis tempo do habitual para estaren coas familias.
Antes da despedida, o conferenciante recordounos a importancia do noso porto e insistiu en que lle gustaría vernos polos corredores da Escola Náutica para que sexamos continuadores da profesión mariñeira.

Noé Fernández Quelle – 4º ESO B

Accede a completa oferta educativa na web de InstitutosFP   

Nota de Prensa :
La Voz de Galicia 
 

I Congreso Infantil "Conservemos o noso mar".

Participamos no I Congreso Infantil "Conservemos o noso mar" celebrado en Burela o pasado 12 de decembro e promovido pola Fundación EXPOMAR.  
Un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO expuxo as medidas convintes para protexer e conservar o noso mar. 
Ademais entregáronse diplomas aos participantes do concurso de fotografías.
Accede á reportaxe de fotografías aquí. 

Notas de prensa:
El Progreso 
Crónica 3

16.12.19

Arbores de Nadal

Como é habitual no Perdouro, temos reservada a entrada para a nosa grande árbore de Nadal, mostra do traballo en equipo ben feito.
Este ano o departamento de Tecnoloxía ideou unha árbore de Nadal en espiral aproveitando listóns de madeira que tiñan no taller. O alumnado de 4º de ESO de Tecnoloxía calculou a cantidade de listóns e o ángulo de colocación para montar unha árbore de casi 2 metros de alto. Pintaron de dourado os listóns. Cristian fixo a estrela final en 3D en branco e dourado, que foron as cores escollidas para este ano.
O alumnado de 1º de ESO coa axuda da súa profesora de Relixión colaborou nos adornos que consistían en pequenos paquetes atados cun lazo branco. Nun papel dourado, recortaron a plantilla e logo tiveron que doblar e pegar os bordes ata compoñer a caixiña. Tiveron que poñer a proba a súa habilidade motriz fina. Había 3 tamaños de caixas para ir adornando a árbore de máis grandes na base ata máis pequenas na punta. Logo había que atar a caixiña e facer un fermoso lazo. O Departamanto de Mecanizado fixo o mastil para armar a árbore.
Ademais, o alumnado de 2º de FP Básica fixo dúas árbores empregando tuberías de cobre. Unha delas tamén adoptaba a forma de espiral e a outra tiña forma cuadrada. 

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

14.12.19

Unha reflexión 25 N

A violencia machista segue presente na sociedade actual. Pero, hoxe e aquí, queremos poñer a nosa énfase na situación de violencia que seguen vivindo as mulleres.
A violencia machista segue instalada na nosa sociedade e fai que millóns de mulleres vivan aterrorizadas na súa vida cotiá por unha soa razón: ser muller nun mundo dominado por homes.
Para moitas delas a tortura é parte da súa vida e en demasiadas ocasións tamén da súa morte, ou mellor dito, asasinato. Porque son asasinadas, non mortas. Porque quen ama non insulta, nin humilla, nin maltrata, nin viola, nin mata.
A violencia machista non só se dá na esfera da parella e da familia, senón que ten tamén outros contextos e outras manifestacións máis aló dos asasinatos.
O dereito a vivir unha vida libre de violencia machista é un dereito humano recollido tanto no ámbito internacional, a través de tratados, como no ámbito nacional a través das leis. Con todo, aínda temos un longo camiño por percorrer para que a igualdade formal se traduza nunha igualdade real onde as mulleres sexan quen de vivir unha vida libre de discriminacións e desigualdades por razón de xénero.
Estamos lonxe de erradicar a violencia contra as mulleres e temos a obriga de seguir traballando.
Por iso pedimos: 
- Que toda a sociedade, organizacións e institucións se comprometan nesta loita. 
- Que se destinen máis recursos para previr e combater todo tipo de violencia machista. 
- Que se desenvolva a educación neste ámbito en todos os centros e en todas as etapas educativas. 
En definitiva: Esiximos que desde todos os ámbitos se marquen como obxectivo prioritario unha sociedade máis xusta, onde se eduque os nenos e nenas no respecto e a tolerancia, onde as mulleres teñan as mesmas posibilidades ca os homes de poder vivir unha vida plena e feliz, onde non se permita que ser muller sexa un factor de risco.
Non máis violencia machista. Nin unha menos!

Andrés Pardo Parra, 1º Bach

Manifesto “Nada que celebrar”

Manifesto “Nada que celebrar” 

1. Nunca máis telexornais con noticias de maltrato machista ou violencia e si con experiencias de convivencia pacífica e de respecto.
2. Si queremos máis amor, con maiúscula, si queremos que se celebren aniversarios con felicidade e si queremos educar en valores éticos.
3. Para cando unha manifestación de igualdade sen odio onde ninguén se quede fora.
4. Camiñemos cara a un futuro de tolerancia, respecto e liberdade mediante a resiliencia sen días especiais de reivindicacións tristes e de sangue derramado.
5. Alcancemos ese día onde o pasado sexa historia e non teñamos nada que celebrar.
E isto é o comezo...

Álvaro Nogueira Fuertes, 1º BAC

Obradoiro de danza contemporánea - Programa IGUAL SON

O 29 de outubro Xiana Vilas Castro, bailarina profesional e profesora de danza, tivo un encontro cos alumnos de Música de 4º ESO para realizar un obradoiro de dúas horas en torno á danza e á igualdade.
A pesares de que a danza é un mundo maioritariamente feminino, antiguamente a dirección e a coreografía eran principalmente masculinas, o que facía que as coreografías creadas por mulleres non fosen visibles.
No século XX a danza contemporánea nace coma unha danza revolucionaria, da man de mulleres pioneiras e avanzadas ao seu tempo: Isadora Duncan, Loie Fuller, Marth a Graham....
Cada vez van aparecendo máis mulleres con gran influenza e capacidade de liderazgo: Alicia Alonso, creadora de escuela cubana, Twyla Tharp, importante coreógrafa de Broadway que tivo problemas con algúns bailaríns masculinos que non estaban afeitos a recibir ordes dunha muller, etc. A danza moderna e post moderna reflexa o pensamento feminista, a importancia do corpo. É un medio dominado por mulleres no que empezaron a entrar homes máis tarde. Aparece a mirada feminina, cunha apreciación nova das artistas.
Xiana é unha experta na materia e despois dunha clase teórica fixemos varios exercicios de coordinación e de confianza, como pechar os ollos e deixar que nos guiara un compañeiro. Practicamos unha coreografia por parellas e logo con ela, fixemos unha xeral, sempre buscando que estiveramos máis unidos entre nós, que confiaramos uns nos outros ao mesmo tempo que nos divertíamos.
Quizais en tan pouco tempo os resultados non foron os mellores posibles, pero sen dúbida foi unha experiencia ventaxosa para facernos abrir os ollos hacia unha igualdade baseada na confianza e a amizade.
A danza e a música pódenos ensinar a aceptar e a coñecer o noso corpo, a respectar aos demais e a confiar e relacionarnos dende un punto de igualdade que nos axude a avanzar cara a unha sociedade mellor.

Ver a reportaxe fotográfica aqui.

Marta Rodríguez, 4º ESO

1.12.19

Visita ao tecido industrial

Visita Huevos Campomayor

O pasado xoves 7 de novembro os alumnos de 4º ESO saímos do IES Perdouro para dirixirnos a Huevos Campomayor en Palas de Rei. Durante a visita só puidemos ver a parte do empaquetado e un vídeo sobre a historia da fábrica. Non puidemos baixar á planta porque o xefe da mesma estaba de baixa por enfermidade.
Con respecto ao vídeo, explicaba que a empresa posuía tres núcleos de fábricas: un deles o histórico, outro no que estabamos e o outro en Arzúa.
Nestas instalacións, os ovos clasifícanse en 5 tamaños; XL, M, L, S e pequeno. A máquina que se encarga de clasificalos é a clasificadora que tamén comproba se teñen manchas ou se a casca non está en óptimas condicións. Prodúcense cerca de 15 millóns de ovos ao ano, 120000 ovos por hora e posúen 500000 galiñas.
A empresa vai pola cuarta xeración, a quinta está en camiño, e teñen persoal que leva traballando alí 35 anos.
Os produtos que venden son ovos de galiña, de codorniz e trufados. Tamén venden xema e clara líquida envasada e pasteurizada.
En canto ao control de calidade, dependendo de se a xema está máis xunta, redonda e alta, trátase dun ovo dunha galiña máis nova e é máis recente e, se o ovo está augado, é dunha galiña máis vella e está menos fresco.

Quescrem

Pola tarde, sobre as 16:30h, visitamos unha das factorías de Quescrem, en Ribeiras de Lea, no concello chairego de Castro de Rei.
Segundo chegamos, leváronnos ata unha das oficinas para comentarnos un pouco acerca do que era a empresa e o seu funcionamento. Despois, puxemos unhas batas, gorros e calzas por cuestións de hixiene para así poder proseguir a visita pola fábrica. Despois disto, baixamos á cadea de produción e embalaxe, onde nos mostraron que é preciso ter unha organización, debido a que distribúen a máis de 42 países.
Para finalizar a visita, subimos ata a oficina e alí preparáronnos unha degustación dalgúns dos produtos de Quescrem. Rematada a merenda, entregáronnos a cada un unha bolsa que contiña algúns dos seus tipos de queixos para levar para a nosa casa.

Ver a reportaxe fotográfica aqui.

Hugo Cobas Linares e Uxía Martínez Sestayo – 4º ESO

Ruta xeolóxica por Burela

Os pasados 11 e 12 de novembro, os alumnos de 4° ESO realizamos unha ruta por Burela na que aprendemos moitas cousas sobre a natureza xeolóxica da nosa vila, pero cun tempo adverso.
Saímos do IES Perdouro ás 8:30h e chegamos á antiga praia do Castrelo, onde nos ensinaron unha táboa cronoestratigráfica para ensinarnos as distintas etapas de formación e evolución do noso planeta. Fran Canosa, o noso guía explicounos tamén como subducían as placas. Tamén nos demostrou que as rochas van cambiando (cada vez son máis modernas) e vimos un mapa xeolóxico de Galicia, no que puidemos comprobar que, xusto naquel punto, Burela estaba dividida en dúas cores ou materiais.
A continuación, andamos un pouco ata ver uns pregos nunha cuarcita que recibira calor e sufrira presións que finalmente a deformaron. O guía falounos de anticlinais e sinclinais, de diferentes tipoloxías de rochas e do seu proceso de formación. Díxonos que Burela era un geosite a nivel científico (un espazo de interese xeológico a nivel internacional). Continuamos andando ata a praia na que se atopa a Igrexa do Coedo e vimos anticlinais, charnelas, flancos (onde se atopaban os materiais modernos e antigos) dos ripples (coas súas liñas paralelas e, no medio, cortantes).
Despois, fíxonos unha demostración co seixo e a cuarcita e a continuación tocaría ir andando ata a praia da Marosa, parando en diversos lugares como o Cabo Burela, onde nos ensinou a diferenciar os materiais do granito polas súas cores (seixo, feldespato e mica). A pesar da choiva, seguimos camiñando e, cando por fin chegamos á praia de Ril, observamos a evolución dun macizo granítico. Quedamos todos abraiados cando nos contou que algúns minerais se empregan na tecnoloxía.
Na última parada do día, xa na praia da Marosa, observamos o desprazamento das rochas, comparando este proceso cunha tableta de chocolate.
Na miña opinión, foi interesante aprender cousas sobre as rochas da miña vila, pero todos quedamos cansadísimos e empapados! 
Ver a reportaxe fotográfica aqui.

Paula Enríquez Barcia - 4°ESO A

Visita formativa do alumnado de Administración

O pasado 19 de novembro, os alumnos do Ciclo Medio de Xestión Administrativa e Ciclo Superior de Administración e Finanzas, saímos pola mañá cara a Narón. Iamos visitar a sede central de Pull and Bear. 

Cando chegamos, explicáronnos que alí se distribuía toda a roupa de muller para todo o mundo! O mesmo proceso da de home, faise desde a central de Madrid, pero que eles tamén recibían as devolucións, fosen de home ou de muller. Unha das partes que máis nos gustou foi ver como se organizaban e transportaban os paquetes mediante cintas transportadoras e como detectaban os posibles fallos que podían ter as caixas. Unha empregada explicounos o funcionamento dun robot que acababan de instalar e levounos a unha zona de almacén onde tiñan unha especie de guindastres que gardaban as caixas en estanterías enormes a unha velocidade incrible.
A mesma empregada explicounos como a empresa estaba concienciada coa reciclaxe e a Responsabilidade Social Corporativa.
Despois de ver o almacén, visitamos as oficinas centrais. Vimos toda a parte administrativa, modelos con roupa das futuras campañas, as salas de reunión que utilizan cos seus provedores... Visitamos tamén as áreas de descanso dos traballadores así como unha réplica da tenda de Pull and Bear a tamaño real, onde colocan os produtos de xeito adecuado para que despois en todas as tendas da cadea teñan a mesma imaxe corporativa.
Ao finalizar a visita, e despois de dedicarnos máis de dúas horas do seu tempo, fixéronnos un  obsequio que trouxemos encantados con nós.
Pola tarde, fomos cara a Santiago de Compostela, para ver a sede central do Parlamento de Galicia. Alí, despois de pasar un control como nos aeroportos, recibiunos a persoa encargada do noso grupo e foinos ensinando todo o Parlamento por dentro. A través dun par de vídeos, puidemos ver a construción e deseño do Parlamento. Visitamos tamén a súa biblioteca e vimos a cantidade de obras de arte que dentro están albergadas. Puidemos asistir desde a tribuna de público a unha sesión no hemiciclo, onde se discutía unha proposta de lei sobre a violencia de xénero e incluso o presidente do Parlamento, D. Miguel Santalices Vieira, saudou os alumnos do IES Perdouro. Foi moi interesante de ver xa que cousas que a diario vemos na televisión, ese día puidemos velas en directo.
Foi un día completo e ambas as dúas visitas foron de interese para a nosa formación.

Alumnado dos ciclos de Administración.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...