23.3.18

Obradoiro sobre racismo, igualdade e valores

AFROFÉMINAS

   
O día 20 de marzo de 2018, o alumnado de 3ºESO tivemos a oportunidade de gozar dunha charla de Antoinette Torres Soler. Antoinette é unha muller cubana de raza negra que chegou a España no 2007 a través dun matrimonio mixto.
    Ela estívonos contando moitas das súas experiencias dende que chegou;  xa antes de chegar, a xente dicía que ela se trasladaba a España para conseguir os papeis e para gañar diñeiro e non por amor ao seu marido, co que actualmente leva doce anos casada e ten unha filla.Tamén nos contou a ocasión na que estaba comendo co seu marido na casa e lle timbrou á porta un repartidor dun pedido que ela fixera; cando abriu, o repartidor preguntoulle pola muller da casa, dando a entender que ela sería unha servente, polos estereotipos que a comunidade ten asociados. Outra experiencia que nos relatou foi que estivo dando conferencias en moitos sitios e tamén falando noutros institutos e que os mozos da nosa idade, cando ela lles preguntaba polo que oíran falar sobre a xente da raza negra, dicían cousas tan inapropiadas como que transmitían enfermidades.
    Antoinette relatounos este tipo de aventuras con total normalidade e sen prexuízo ningún. Ela o que quería facernos ver é os estereotipos que se crean na sociedade e que xulgan as persoas antes de coñecelas. Púxonos de exemplo a muller negra que recentemente asasinou un neno pequeno: ela está totalmente de acordo en que esa muller pague a súa culpa, pero tamén é verdade que a xente aproveitou para dicir que todas as mulleres de raza negra eran coma ela, cando probablemente se fose de raza branca, non se especularía sobre iso.
    Posteriormente, falounos sobre a revista “Afroféminas” que ela mesma creara hai catro anos coa intención de que mulleres de raza negra coma ela non se sentisen soas porque en España había uns estereotipos que a todas elas lles afectaban. Explicounos que na súa revista escribía xente de todo o mundo (e non só mulleres de raza negra) contando as súas propias historias ou agradecendo a axuda doutras persoas que escriben tamén. Serve de gran axuda a todas aquelas persoas que pensaban que estaban soas e agora danse de conta de que non é así.
    Finalmente, fixemos uns debuxos de persoas coa profesión que ela nos mandou e cunha historia onde se vira que estaba racializada, é dicir, que se tivera en conta a súa raza para realizar unha ou outra profesión. Ela recolleunos e dixo que ía facer unha exposición cos que mellor estiveran feitos.

    Esta charla serviume de gran axuda para poñerme na pel da outra persoa, é dicir, para empatizar con ela e saber así todo o que teñen que soportar.

Accede à reportaxe fotográfica aquí.

JORGE QUELLE - 3º ESO

22.3.18

Corremos para conseguir Gotas para Níxer

Xoves 22 de marzo, Día Mundial da Auga. 

Unicef convoca como cada ano a campaña Gotas para Níxer que mobiliza a escolares de toda España para apoiar a supervivencia infantil neste país.
Benxa, o profesor de Educación física, organizou a carreira solidaria para o alumnado de 1º e 2º de ESO co fin de recadar uns cartos para axudar a levar auga, saneamento e hixiene aos nenos e nenas nixerianos. O percorrido trazouse no parque do hospital con subidas, baixadas, escaleiras, e moito sol. 
Felicitamos ao alumnado asi como aos seus patrocinadores!!!!
Ver o albúm de fotos aquí.

Todo o recadado vai para UNICEF: 444,52€

GRAZAS POR PARTICIPAR!


Carta de agradecemento de Unicef 

Durante este curso escolar a campaña Gotas para Níxer está contribuíndo ao traballo de UNICEF en materia de auga, hixiene, saneamento e educación en Níxer. O obxectivo é impulsar a supervivencia infantil no país e logar que os nenos e nenas nixerianos vexan cumpridos dereitos tales como a saúde, a nutrición, a educación ou a protección, levando auga potable a 50 escolas máis do país.
En Níxer, a dificultade de acceso a fontes de auga potable, saneamento e hixieine, ten gran influenca nas cifras de mortalidade infantil do país. Só un 15% das escolas rurais teñen acceso a auga potable e saneamento. 
Para mellorar esta situación a escola adquire un papel protagonista. A posibilidade de ter na escola un punto de acceso a auga limpa e segura para o consumo, fai moito pola saúde dos estudantes. Os beneficios son bidireccionais e multiplicaranse: a educación abre a porta á saúde, a ttravés da promoción da hixiene nas escolas e da aprendizaxe de hábitos saudables; e a saúde favorece a educación ao evitar o absentismo escolar por enfermidades que se poden previr relacionadas coa auga.
Grazas ao noso esforzo cos 445,07€ aportados, UNICEF poderá subministrar 1 bomba de auga manual e 5 packs de 3500 pastillas potabilizadoras de auga.

21.3.18

Carreira Solidaria Gotas para Níxer

L’image contient peut-être : 2 personnes, personnes souriantesCarreira solidaria #GotasParaNixer de UNICEF
No IES Perdouro Xoves 22 de 13h a 14h.
No Día da Auga, solidarízate e vente correr con nós ou patrocina a un corredor/a.
É para unha boa causa: Instalación de pozos en zonas rurais do Sahel.

Primavera das letras

Primavera das Letras é unha iniciativa da Real Academia Galega coa que pretende facilitar recursos didácticos e lúdicos para o alumnado de infantil e primaria que lles axuden a se achegar á persoa homenaxeada o 17 de maio. 
Neste 2018 a figura homenaxeada é María Victoria Moreno, escritora mais tamén profesora comprometida coa transmisión ao seu alumnado da paixón pola literatura e a lingua galega que ela mesma sentía. Inspirándose nestes e noutros trazos esenciais da súa obra literaria, do seu maxisterio e da súa actitude ante a vida, os materiais de Primavera das Letras pretenden promover que a aprendizaxe arredor do Día das Letras Galegas non se limite aos días previos ao 17 de maio.

14.3.18

Stephen Hawking


    En Oxford, Reino Unido, o 8 de xaneiro de 1942, nace Stephen Hawking. Aos seus 21 anos a súa vida cambiaría para sempre ao ser diagnosticado de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), unha enfermidade dexenerativa que o deixou postrado nunha cadeira de rodas. Este 14 de marzo de 2018, aos seus 76 anos, faleceu na súa casa de Cambridge. É autor dunha gran parte dos descubrimentos da astrofísica moderna, como as novas teorías do espazo-tempo e a radiación dos buracos negros.

    Para facer unha pequena reseña sobre este físico teórico, contamos coa colaboración de Cándida Campos, profesora de física e química no IES Persouro de Burela, a cal nos prestou un pouco do seu tempo para contestarnos a preguntas sobre Stephen Hawking para poder saber algo máis sobre el.

 1-Porque foron tan importantes os seus descubrimentos?
     Por que contribuíu a que o universo fora máis comprensible para a sociedade e ademais como era un gran divulgador científico contribuíu a que moita xente nova sentise vocación polo estudo do universo.

2- Nas súas últimas declaracións confirma a non existenza dos buracos negros, como é iso?
     Efectivamente, porque se cría que eran uns sumidoiros sen fin que todo o engulían, é dicir, que non emitían nada e el di que emiten radiación polo que tenden a desaparecer de tal xeito que con iso se evapora toda a información que almacena acerca da materia.

3- Cómo se pode explicar dunha maneira que se poida entender o bosón de Higgs?
    É un tipo de partícula elemental. Que se cre que ten unha importancia fundamental no mecanismo de formación da materia que compón o universo.

4- Por que dicía que teriamos que buscar outros lugares que poder habitar?
    Porque o crecemento da poboación é exponencial e os recursos vanse esgotando.

5-Poderías explicar dunha maneira clara a teoría do Big Bang?
    O noso universo tivo que saír dun punto de tal xeito que o tempo que transcorreu desde ese momento ata os nosos días é finito e pode calcularse.

6- Como resumirías o gran legado que deixou Hawking á humanidade?
a) Á parte do que contribuíu a divulgar a ciencia, serviu de exemplo de esperanza para miles de persoas con problemas graves, dado que cando lle diagnosticaron a ELA dábanlle tres anos de vida e viviu 52 anos máis.
b) Representa o triunfo da mente sobre a materia, que era o seu corpo inerte, xa que ao final só podía mover os músculos dos ollos.
c) Aclarou que o futuro da humanidade vai estar no espazo e
d) Separa totalmente a ciencia das crenzas relixiosas.

Andrea Santos Pereiro – 4º ESO B

13.3.18

Charla STEM: QUE TEN QUE VER A QUÍMICA CON NÓS?

O venres 16 de febreiro tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro unha charla sobre química (biotecnoloxía, fármacos, plásticos…) para o alumnado de 3º e 4º da ESO.

O profesor de Química Orgánica da USC, Ricardo Rigueira Vega, falounos sobre a importancia e o uso da química nas nosa vidas e na natureza, así como a súa utilización nos fármacos, nos plásticos… Nesta charla tamén nos definiu palabras como biotecnoloxía, ecoloxía, nanotecnoloxía e outras ciencias.

Despois, púxonos exemplos da relación desta ciencia con aspectos da nosa vida cotiá. Por exemplo, coa alimentación e a maneira de cociñar ou de conservar os alimentos. O café non ten o mesmo sabor se o facemos a 90ºC ou a 110ºC, é dicir, coa temperatura a que o elaboramos na casa ou a que se utiliza nunha cafetería. Tamén aprendemos por que os alimentos se conservan grazas ao escabechado ou á curación (deshidratación), etc.

Expuxo tamén o caso de principios químicos naturais como o extraído da semente dun tipo de teixo que se utliza en tratamentos contra o cancro. Como a produción natural non é suficiente, a industria química fabrica un principio químico sintético baseado no natural para poder satisfacer as necesidades a nivel mundial.

Grazas tamén aos avances da bioquímica, a anestesia puido producirse a gran escala, o mesmo que ocorre coa aspirina. A continuación, incidiu na importancia práctica desta disciplina e nas mentiras que sobre ela utilizaron grandes industrias para vender os seus produtos.

Para rematar puxo exemplos de publicidade relacionada coas ciencias para saber o que comprar e o que non.

A charla finalizou cunha rolda de preguntas que o profesor contestou moi amablemente.

Foi unha charla moi teórica pero tamén moi interesante, xa que permitiu ampliar o noso coñecemento tanto de Tecnoloxía, como de Física e Química.

Noel Díaz e Miguel Alves
4º ESO



8.3.18

Eu paro - 8 de marzo

Acto revendicativo conxunto celebrado esta mañá entre os dous institutos de Burela. Alumnas e profesoras, xuntas somos máis.


A concentración feminista tivo lugar no patio do IES Monte Castelo de 12h a 14h e interviñeron varias rapazas de bacharelato de ambos institutos lendo textos, poemas, recitados propios e fragmentos de obras literarias en prol da muller. Por parte do IES Perdouro, María Areán, Iria Fernández, Andrea Rivas, Romina Pereira, Clara Iglesias, Floricia dos Santos, Claudia Olaya e Maka Ledo, e por parte do IES Monte Castelo, Pilar Romero, Aida Maside, Mari Luz Abad, Elvira Luna, Nausica, Ruth, Carla Braña, María Camaño,  Sara Teijeira, foron parte de moitas das protagonistas de hoxe.
Deuse tamén lectura ao manifesto da Comisión 8M  co acompañamento musical de Laura Pernas de 4º ESO ao violín.
As integrantes do grupo de rapazas caboverdianas Moreninhas cantaron Txica Bunita de Elida Almeida.
A profesora Neves Cando leu un fragmento de Todos deberiamos ser feministas da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie quen se afirma como "feminista feliz africana que non odia aos homes e a quen lle gusta levar pintalabios e tacóns altos para si mesma e non para os homes”.
E para claususar o acto conducido marabillosamente polas alumnas cantouse ao unísono a canción MATRIARCAS de Guadi Galego.

A mobilización estudantil feminista estivo moi ben organizada polas alumnas de ambos institutos de Burela. Os nosos parabéns para todas elas e as organizadoras: Sara Teijeira, Elvira Luna, Aida Maside, Pilar Romero e María Areán. Hai futuro.

Se paramos TODAS, paramos TODO.

Accede ao albúm de fotos aquí.

.

Moreninhas no 8M

Acto revendicativo conxunto celebrado esta mañá entre os dous institutos de Burela. Alumnas e profesoras, xuntas somos máis. 
Na concentración feminista que tivo lugar no patio do IES Monte Castelo de 12 h a 14h interviron as integrantes do grupo Moreninhas cantando Txica Bunita de Elida Almeida.

Discurso de Andrea Rivas Villarquide no 8M

Esta mañá Andrea Rivas Villarquide, alumna de 1º de Bach, deleitounos con esta revendicación en prol das mulleres na concentración estudantil conxunta entre as alumnas do IES Perdouro e do IES Monte Castelo de Burela no Día Internacional da Muller. Andrea, es unha grande rapaza loitadora. Moitas grazas!!!


Son muller porque creo na igualdade.

Porque vivín, porque vivirei.

Vivo por min, por todas as que foron, polas que seguen.

Son muller porque me educaron coa frase “así non se comporta unha señorita”.

Porque non poido falar mal, porque debo sentarme coas pernas pechadas

Porque as persoas senten a necesidade de opinar sobre como elixo comportarme.

Son muller porque me molesta ser chamada “FEMINAZI” por querer unha lei contra o acoso Sufrido nas rúas.

Porque quero un aborto libre sen ser sinalada.

Porque nos mutilaron os xenitais, fomos propiedade dos nosos  pais e das nosas parellas;

Porque nos asasinaron por bruxas, por putas, por monxas, por histéricas, e máis.

Por usar anticonceptivos, por manter relacións sexuais ou por non mantelas.

Son muller porque nos humillaron: por querer estudar,traballar  e gañar o mesmo.

Porque “son culpable” dunha violación, por mor da miña vestimenta.

Porque a xente é ignorante, feminismo non é igual a feminino.

Feminismo significa IGUALDADE

Son muller  e son presa dun sistema patriarcal.

O meu periodo é un tema tabú, o meu vello dá asco, debo esperar o meu principe azul...

E quizais deba, pero NON QUERO!

Non son feminazi como dixo o norteamericano Rush, ao compararnos co holocausto de Hitler. Nin creo que o feminismo sexa a oposición ao machismo.

Actitudes particulares non lle son competencia a un sistema en que económica, social e culturalmente prevalece a supremacía masculina.

Son muller e os estereotipos importanme unha merda.

Podo dicir groserías, comer o que queira, sentarme como me apeteza ,podo  estar con quen desexe, contar os meus logros e ter o meu propio patrimonio.

Son muller porque me visto para min;

porque non espero o meu príncipe xa que non necesito ser rescatada.

porque non aguanto humillacións, porque non quero ser tua nai senón a túa compañeira, porque non nacín da túa costela para ser inferior, porque non necesito que me paguen a conta nin moito menos que me gañen como trofeo.

Son muller porque isto é ser muller.

Polo que vivín, polo que vivirei.

Polas que foron, polas que virán.

Inconformistas, para ser libres transformamos a realidade.

Para ser libres somos feministas!

8M2018


1.3.18

Mes de namorar - Febreiro

Rematou febreiro, o mes de namorar. Na biblioteca estivo exposta unha selección de novelas, poesías e obras de teatro onde as relacións amorosas eran as protagonistas. Amor, desamor, traxedias, etc...
Accede á selección aquí.

Bolsas FEUGA

O alumnado de 2º ano dos Ciclos Formativos do noso centro asistíu esta mañá na biblioteca a unha conferencia sobre as bolsas de formación da Fundación FEUGA. Foi impartida polo subdirector da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Santiago Álvarez Iglesias, que deu a coñecer o programa das bolsas FEUGA para titulados de Formación Profesional.
Este programa de becas de formación dalles a oportunidade de poder realizar prácticas formativas para completar a súa formación en centros de traballo en coordinación con empresas galegas tendo en conta que conlevan unha gratificación económica para o estudante.
Máis información na súa web http://www.becasfeuga.es/

Prácticas de laboratorio e exposición plástica

O martes 20 de febreiro de 2018 foi un martes diferente para o alumnado de 3º da ESO debido a que fomos de viaxe á Coruña para gozar dunha nova experiencia na Domus e no Museo de Arte Contemporánea.
Ás 8:30 xa estabamos todos sentados no autobús e listos para dirixirnos á Coruña. O primeiro que visitamos foi a Domus, un museo interactivo onde puidemos coñecer distintos aspectos sobre as distintas etapas da vida dun ser humano. Aí tivemos unha práctica guiada de aproximadamente dúas horas e media no laboratorio da propia Domus. Neste obradoiro "A revolución biotecnolóxica", manexamos materiais idénticos aos que hai en laboratorios de alto prestixio.  Fixemos de biotecnólogo. Producimos bacterias cunha proteína especial que os científicos precisan para experimentar con ela e atopar unha solución contra a ateroesclerose.
Ao rematar esta difícil, pero, ao mesmo tempo, divertida tarefa, gozamos dunha hora de descanso na cal puidemos percorrer a Domus pola nosa conta. Ao redor das dúas da tarde, xantamos en Marineda, onde tamén tivemos tempo de lecer ata as 4 da tarde.
Despois disto, tocounos prestar atención a algo moi interesante: unha incrible exposición da pintora catalana Lita Cabellut, unha artista cunha dura infancia pero que puido conseguir o seu soño de ser pintora e, ademais, unha das pintoras máis cotizadas do mundo actualmente. (Ver reportaxe da TVG)
Ao final destas visitas aos museos dispuxémonos a volver á casa despois deste día didáctico, á vez que lúdico.
Ver reportaxe fotográfica aquí.

Luis Pernas e Sergio Alonso - 3º ESO
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...