Mostrar mensagens com a etiqueta Obradoiro de comunicación. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Obradoiro de comunicación. Mostrar todas as mensagens

1.12.22

Paula Jorge visita o IES Perdouro para participar en Proxecto Neo

Este mércores Paula Jorge Horta, ex-alumna do IES Perdouro, estivo no centro para gravar o programa 367 de Proxecto Neo. 

Foi entrevistada por Sara Villarquide, Carme Gallo e Hugo F. Galdo que lle fixeron moitas preguntas. Ela falou da procedencia de seus pais, da súa infancia en Burela, dos seus estudos nos dous institutos da vila, das súas vivencias de adolescente e da súa vocación polo maxisterio. Tamén nos contou a súa experiencia como presentadora en Land Rober xunto a Roberto Vilar. 

Moitas grazas, Paula, por acompañarnos e estar sempre disposta a volver ás aulas do IES Perdouro. 

11.4.18

Obradoiro de xornalismo e pensamento crítico

No mes de abril tivemos, o alumnado de 4º da ESO, varias actividades educativas relacionadas coa tecnoloxía e o mundo dos medios de comunicación e unha delas tivo lugar o xoves día 5 na Biblioteca do Centro impartida por Blanca Díaz, xornalista e especialista en comunicación, que nos fixo reflexionar criticamente sobre o labor xornalístico.
Esta profesional ten unha empresa denominada “Elenda” que vende os seus servizos de creación e mellora de páxinas web e edición de libros para empresas ou particulares.
Este día realizamos diversas actividades vencelladas co xornalismo tales como a análise de fotografías coa regra das 5W`S+H, a interpretación dun texto para tratar de recoñecer o seu autor (algo que ninguén conseguiu averiguar…), a clasificación de distintos tipos de artigos que lemos todos os días e tratando de reconvertelos noutros tipos distintos…
Na charla desta xornalista tamén se nos mostrou que os periódicos poucas veces son obxectivos; é máis, ás veces pecan de incertos e oportunistas.

Accede a reportaxe fotográfica aquí.
MARÍA FANEGO
4º ESO

22.2.13

Obradoiro de Comunicación coa sociolingüista Bernie O'Rourke

O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato foi partícipe duns obradoiros de comunicación en linguas inglesa e galega a cargo da sociolingüista Bernie O'Rourke os días 21 e 22 de febreiro respectivamente. Toni Galdo, profesor de lingua inglesa,  moderou un candente debate sobre as similitudes entre o gaélico e o galego. O alumnado puido coñecer de primeria man a realidade sociolingüística de Irlanda asi como debater sobre as políticas lingüísticas de Galicia e Irlanda. Bernie suscitou dúbidas ao respecto en ambos países e compartiu co noso alumnado puntos de vista sobre a convivencia lingüística en Galicia. 

21.2.13

Proxecto Neo nº 44 coa sociolingüista irlandesa Bernie O'Rourke

Bernie O'Rourke protagonizou o programa radiofónico de hoxe. Estudou tradución en Dublín e continuou facendo sociolingüística. Viaxou a Galicia hai dez anos como lectora na Facultade de Filoloxía Inglesa da Coruña. Tivo a oportunidade de traballar ou coñecer varios sociolingüistas galegos: Celso Alvaréz Cáccamo, Fernando Ramallo, e Olga Castro. De volta de Galicia doutorouse en Dublín.

Sendo neofalante en gaélico, estivo comentando as similitudes entre o gaélico e o galego. Expresouse con total fluidez en galego. Fermosísimo!

 Para escoitar o programa e coñecer de primeira man a realidade irlandesa preme aquí.

Neofalante en gaélico e neofalante en galego!!!

20.2.13

Obradoiro de comunicación "Modelo Burela"

A convidada da presente edición é a sociolingüista irlandesa Bernadette O’Rourke

Bernadette O’Rourke, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo, estará entre os días 20 (mércores) e 22 (venres) do presente mes de febreiro en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. Aproveitando a súa visita, o Instituto Perdouro convidouna a participar nunha nova edición dos Obradoiros de Comunicación “Modelo Burela”, actividade que botou a andar en marzo de 2010 coa colaboración do profesor hindú Anik Nandi. 

Desenvolvemento da actividade

Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Bernie O’ Rourke (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante en galego) e Héctor Canto (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e irlandesa, xa relacionadas entre si desde tempo inmemorial.

As primeiras actividades destas xornadas celebraranse na tarde do mércores. Ás 5 da tarde, a profesora O’ Rourke participará en directo no programa radiofónico escolar Proxecto Neo, emitido por Radio Burela todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Seguidamente, comezará a realizar un traballo de campo consistente en diversas entrevistas coas que pretende obter un diagnóstico do panorama cultural de Burela. 

Tanto nas xornadas do xoves como do venres, a profesora convidada participará en actividades didácticas con alumnado de ESO e Bacharelato (en horarios aínda en elaboración) e continuará cos traballos da súa investigación. 

A profesora convidada

Pouco despois do cambio entre séculos chegou á Coruña para traballar na Universidade como lectora de Lingua Inglesa. Do seu contacto coa realidade cultural galega, surxiu o tema da súa tese de doutoramento: a comparación da situación sociolingüística de galego e gaélico. Posteriormente iniciou outras investigacións en colaboración coa Universidade de Vigo e realizou o curso de Lingua e Cultura Galegas celebrado no CUVI en 2011. 

Outras referencias:

http://hw.academia.edu/BernadetteORourke


Artigo de opinión de Bernie O’Rourke

Chámome Bernie O'Rourke. Son irlandesa, mais levo varios anos vivindo en Edimburgo (Escocia), onde traballo na universidade de Heriot-Watt. Desde o ano 1998, cando fixen un lectorado na universidade da Coruña, levo moitos anos visitando Galicia.

Durante esa estancia comecei a interesarme pola realidade sociolingüística de Galicia e, sobre todo, polo uso do galego. En Irlanda tamén, como sabedes, temos outra lingua que é o gaélico irlandés da que hai cada vez menos falantes tradicionais, aínda que si vemos un aumento no número de neofalantes, isto é, a xente que non ten a lingua como lingua materna ou familiar senón que a aprendeu na escola.

O tema dos neofalantes é algo que me interesa moito. Levo varios anos taballando sobre o mesmo, sobre todo con colegas na universidade de Vigo. Actualmente estamos recollendo datos sobre persoas con estas características e o ano pasado pasei varios meses en Vigo entrevistando a neofalantes de diferentes idades que viven nesa cidade. As súas historias son moi diversas pero moi interesantes.

Durante o meu traballo de campo coñecín un rapaz de Burela, Héctor Canto, un enxeñeiro de telecomunicacións que me falou do Modelo Burela e das medidas inovadoras do proxecto para promover o uso da lingua entre toda a cidadanía, especialmente entre a xente chegada de fóra. Tamén coñecín outro investigador da India, Anik Nandi, que agora está facendo o seu doutoramento comigo en Edimburgo. Anik é un exemplo dun neofalante;  aprendeu o galego en Santiago e dende entón fálao con case todo o mundo.

O Modelo Burela demostra que a lingua galega é un ben común para todos e que hai xente de fóra que a ve como unha parte importante da súa identidade. Durante a miña visita á localidade, na próxima semana espero coñecer un pouco mellor a realidade sociolingüística deste lugar de referencia.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...