Mostrar mensagens com a etiqueta Día da Muller. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Día da Muller. Mostrar todas as mensagens

9.3.24

Elaboración do mural 8M

Desde o Equipo de Biblioteca, propúxese que cada clase elaborara un mural en tamaño cartolina con imaxes de mulleres relevantes para elas e eles. Hai mulleres que foron ou son importantes a nivel histórico, cultural, deportivo... pero tamén moitas mamás. 

Nun día no que se reivindica o papel da muller e os seus dereitos, esta é a nosa contribución. 


8.3.24

Manifesto 8M 2024

Este é o noso manifesto para conmemorar o Día Internacional da Muller, lido polas compañeiras Nati Pedreira e Laura Alonso, de 1º de Bacharelato. 

O futuro será feminino ou non será!


3.3.24

Semana da muller: obradoiro de escrita creativa e encontro literario con Antía Yáñez

Este luns 4 e martes 5 de marzo Antía Yáñez estará no IES Perdouro para comezar cos actos da Semana da Muller con motivo de conmemorar o 8M. 

O alumnado de 1º ESO participará nun obradoiro de escrita creativa, o de 4º de ESO analizará a novela Non penses nun elefante rosa e o de 1º de Bacharelato, profundará no tratamento da muller en Senlleiras







29.3.23

Mulleres en Alcoa

O xoves 9 de marzo de 2023 viñeron un grupo de mulleres que traballan en Alcoa falarnos do seu labor na fábrica.

Unha muller chamada Eva Fernández foi a que nos introduciu na charla. Estudou enxeñería e é a encargada dunha sección das que hai en Alcoa, incluído un laboratorio.

A continuación, fóronse presentando as distintas traballadoras:

Maribel encárgase dos recursos humanos de Alcoa. Contounos que neste traballo no que ela estaba non só había homes senón mulleres tamén. Ensinounos unha gráfica na que se podía ver perfectamente que en 2007 só había arredor de 25 mulleres traballando en Alcoa, pero que neste momento xa hai arredor dunhas 66 mulleres.

Vanesa, a primeira mecánica de Alúmina falounos de todos os estudos que fixo ata que comezou a traballar en Pescados Rubén. Despois empezou a traballar en Alcoa amañando bombas, revisando niveis de aceites etc... Ela estudou no IES Perdouro o Ciclo Medio de Mecanizado.

Lola, a encargada de optimizar os recursos, os procesos etc... Explicounos un pouco sobre os estudos que fixo ata chegar alí, sobre todo o Ciclo de Química Industrial.

Denise traballou un tempo en Pescanova e logo pasou xa directamente a traballar en Alcoa. O que ela fai é o cambio das secuencias das bombas. Tamén nos explicou a súa experiencia cos compañeiros de Alúmina. Dixo que a trataban como un compañeiro máis e iso é moi positivo porque se ve que en Alcoa non importa se son mulleres o homes.

Nerea estudou Administración pero iso non lle chamou a atención. Dixo que o dela non era estar sentada nunha oficina todo o día. Entón, fixo un ciclo de moldeamento de metales e polímeros en Xove. Cando acabou o ciclo, tiña que facer prácticas, pero concidiulle en época de Covid e ata abril de 2022 non puido empezar a Formación en Centros de Traballo e en xuño dese mesmo ano rematou o período de prácticas e empezou a traballar en Alcoa. Agora, está no departamento de fundición de aluminio. Funden o aluminio para que pase de líquido a sólido rapidamente.

E, por último, Belén, que estudou Química Industrial, comezou como becaria en 2007. Cando empezou a traballar en Alcoa dixo que só había 3 mulleres na zona de produción e de HS de seguridade. A maior parte do seu traballo é administrativo pero tamén hai partes de produción. 

En conclusión, que unha muller pode facer o mesmo traballo que un home. Só tes que querer facelo e querer intentalo. Dá igual os problemas que teñas polo camiño, inténtao e conseguiralo. Pase o que pase, sobre todo, non te rindas nunca. 

Podes ver as fotos AQUÍ.

Elisabeth Mendes Rubal - 4º ESO B

24.3.23

Encontro con Antía Yáñez

Durante a cuarta sesión do venres 10 de marzo, tivemos un encontro literario coa escritora Antía Yáñez, a cal veu falarnos da súa novela Senlleiras. Publicada en 2018, non foi o primeiro libro desta escritora nada en Burela, pero si foi o primeiro dedicado á xuventude e, ao mesmo tempo, o máis lido. 

A autora falounos da súa etapa de estudante no noso instituto e de como aquí cursou o bacharelato tecnolóxico para poder, despois, facer a carreira de Enxeñaría de Camiños, aínda que de momento non a exerceu. 

Sempre lle gustou escribir e comezou a facelo presentándose a certames literarios a nivel autonómico e estatal. Posteriormente, falounos das motivacións que tivo para escribir o libro de Senlleiras. Comezou mencionándonos as visibles diferenzas entre xoguetes que a sociedade atribúe a nenos e nenas e a desigualdade que xa dende pequenos nos  inculcan. Xunto esas imaxes mostrounos outras de portadas de libros moi coñecidos e contounos as historias machistas escondidas entre as súas páxinas: o libro dos “Cinco” e a fraxilidade que se lle atribuía a unha das nenas e a masculinidade que se lle atribuía á outra; as novelas de “Jazmín”, que atopou un día na habitación da súa tía na casa dos avós e que todos clasificaban como literatura amorosa para mulleres; e, por último, falounos dos libros de Harry Potter, cuxa escritora J.K Rowling optou por asinar só coa súas iniciais para así poder ser lida tanto por nenos como por nenas sen prexuízos polo seu sexo.

A continuación, mostrounos titulares de noticias sobre asasinatos machistas e puidemos observar como os medios de comunicación intentaban quitarlles importancia aos asasinos e apoiarse nos actos feitos polas vítimas. Ao mesmo tempo vimos como, cando a asasina era unha muller, facíase máis fincapé na asasina que no propio asasinato. Falounos de como, anos atrás, este tipo de asasinatos eran nomeados como “parricidios”, que son os asasinatos entre membros dunha mesma familia. 

Para finalizar, falamos máis detalladamente do libro, os seus espazos e personaxes. Mostrounos imaxes dos lugares máis coñecidos da novela e como se atopaban a principios de século XX e agora. Tamén nos mostrou imaxes dalgúns personaxes reais, como a familia de Bernabé (na realidade composta só por dous fillos pero Antía decidiu inventar o terceiro, que sería Bernabé, para evitar conflitos coa família e o libro). Para o personaxe de Alda inspirouse nunha influencer inglesa, a cal tamén subiu ás redes unha fotografía cunha man pantasma na bañeira da súa casa; esta muller inglesa foi atopada tempo despois morta na súa casa e aínda hoxe non se sabe a razón da súa morte. 

Como punto final deste encontro, Antía Yáñez asinounos os libros de Senlleiras que traíamos cunhas bonitas e conmovedoras dedicatorias. 

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Gudín González - 1º BAC C

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...