Mostrar mensagens com a etiqueta ciberseguridade. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta ciberseguridade. Mostrar todas as mensagens

25.11.24

VI Ciberliga da garda civil

O luns 25 de novembro o alumnado de 4º de ESO asistiu a unha charla sobre ciberseguridade na que Ramón Peña, un garda civil especializado nesta área, explicou o traballo dos “hackers” no ámbito informático falando da creación dos virus e a protección dos datos persoais. Máis en concreto, afondou na protección dos datos, ofrecendo técnicas para buscar información sobre empresas e persoas de maneira máis eficaz. Tamén compartiu con nós trucos para mellorar as buscas en Google. 

Durante a charla tamén destacou os aspectos clave nos que o alumnado se debía centrar para superar o concurso no que ían participar a continuación, competindo contra institutos de toda Galicia. Os equipos con mellor puntuación irán á fase nacional a Aranxuez. 

Ao finalizar a charla, o alumnado tivo unha hora para resolver os retos propostos no devandito concurso.

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Hugo Domínguez e Aleixo Fernández - 4º ESO A

5.11.24

Participamos na IVª edición do concurso "Ciberseguridade no cole!"

O pasado 15 de outubro os grupos de 1º e 2º da ESO participamos nunha actividade, a cuarta edición do concurso“ Ciberseguridade no cole”.

Dende o punto de vista da nosa clase, 2º ESO B, foi unha actividade amena e educativa, que nos fixo pasar un tempo divertido traballando en equipo. No concurso participaron máis de 150 institutos e colexios de diferentes localidades. Esta actividade consistía en facer un kahoot entre toda a clase, e nel había preguntas como: Que deberías facer se alguén che pide o teu enderezo? 

A nosa clase quedou no posto 81, aínda que unha das clases de 1º quedou no 19, facendo así un gran traballo. 

En xeral, pasámolo ben e aprendemos moito. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Iago Balseiro Parga - 2º ESO B

7.11.23

Un equipo do IES Perdouro competirá na fase final da V Ciberliga da Garda Civil en Aranxuez

O alumnado de 4º de ESO participou o pasado día 10 de outubro na fase clasificatoria da V CIBERLIGA da Garda Civil, na modalidade Preamateur. 

Participaron un total de 850 equipos, formados por catro estudantes cada un, procedentes das comunidades de Galicia, Castela a Mancha e Madrid, entre os que se incluían os 7 equipos do IES Perdouro. Resolta a fase previa, clasificáronse 30 equipos para a fase final e entre eles está o formado polos nosos alumnos Álvaro Guisande, Danilson da Costa, David Baltar e Pablo Casas (equipo Los Invencibles) aos que lles damos os merecidos parabéns. Tamén felicitamos a todos os demais alumnos e alumnas do noso instituto que participaron, polo entusiasmo e a seriedade con que o fixeron, de maneira que a actividade resultou moi enriquecedora. 

A fase final será presencial, nas instalacións da Academia de Oficiais e do Centro Universitario da Garda Civil en Aranxuez (Madrid) o día 15 de novembro. Nesta fase, ademais do ciber-reto final, terán lugar divertidas actividades formativas. O alumnado tamén terá a oportunidade de compartir a experiencia con outras categorías como a Amateur (universitarios) ou a Profesional, na que participarán corpos policiais de varios países (por exemplo, o FBI). 

A Ciberliga é unha competición organizada en colaboración entre a Garda Civil e a Consellería de Educación, co obxectivo de concienciar ao alumnado en materia de ciberseguridade desde un enfoque real e práctico, mediante a posta en marcha dun proceso de gamificación, onde os participantes aprenden ciberseguridade xogando de maneira práctica e divertida. 

Máis información: 

Convocatoria do programa educativo “V CiberLiga 2023 modalidade preamateur": https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40933 

MasterlabsCTF, sitio web para o acceso aos retos: https://ligagc.com/ 

Sitio web da V National Cyber League da Garda Civil: https://www.nationalcyberleague.es/

Canle de YouTube da National Cyber League GC: https://www.youtube.com/playlist?list=PL3N5rMPe7UIgDnnoEenK5p78ryF8Qg9fa 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ


5.10.23

Melloramos a nosa ciberseguridade participando na V Ciberliga da Garda Civil

O alumnado de 4º de ESO participará na V CIBERLIGA da Garda Civil, na modalidade preameateur, que se desenvolverá no primeiro trimestre deste curso 2023-24. 

A Ciberliga é unha competición organizada en colaboración entre a Garda Civil e a Consellería de Educación, co obxectivo de concienciar ao alumnado en materia de ciberseguridade desde un enfoque real e práctico, mediante a a posta en marcha dun proceso de gamificación, onde os participantes terán a oportunidade de aprender ciberseguridade xogando de maneira práctica e divertida. 

O alumnado organizarase en equipos de catro membros que afrontarán un divertido reto onde poderán demostrar as súas habilidades. A participación na V CIBERLIGA modalidade preameateur, organizarase do seguinte modo: 

A) Fase clasificatoria, a desenvolver on-line en dúas sesións. A primeira delas será unha sesión formativa que terá lugar o martes día 10 de outubro, de 11:45h a 13:45h, e consistirá nunha conferencia sobre o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías que se impartirá en liña desde Santiago de Compostela para todos os centros participantes (Link: https://www.youtube.com/watch?v=9xzvd7xzI5E). Esta conferencia tamén estará dispoñible na plataforma MasterLabsCTF (https://ligagc.com/ ) de xeito permanente para que todo o estudantado poida visionala cando o desexe. 

Posteriormente, haberá unha segunda sesión práctica que consistirá no desenvolvemento dun ciber-reto. Os 5 mellores equipos clasificados (20 participantes aproximadamente) accederán á fase final. 

B) Fase final. A celebrar de maneira presencial (se non fose posible celebraríase de forma on-line), nas instalacións da Academia de Oficiais e do Centro Universitario da Garda Civil en Aranxuez (Madrid), entre os días 14 ao 16 de novembro. Nesta fase, a parte do ciber-reto final, terán lugar divertidas actividades formativas. 

Máis información: Convocatoria do programa educativo “V CiberLiga 2023 modalidade preameateur": https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40933 

MasterlabsCTF, sitio web para inscrición dos equipos e acceso aos retos (a inscrición só pode facela a persoa coordinadora do centro educativo): https://ligagc.com/ 

Acceso á conferencia desde el IES ROSALÍA DE CASTRO, Santiago de Compostela, o día 10 de outubro ás 11:45h: https://www.youtube.com/watch?v=9xzvd7xzI5E 

Sitio web da V National Cyber League da Garda Civil: https://www.nationalcyberleague.es/ 

Canle de YouTube da National Cyber League GC: https://www.youtube.com/playlist?list=PL3N5rMPe7UIgDnnoEenK5p78ryF8Qg9fa

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...