30.11.16

Visita á Domus de Mitreo, xoia arqueolóxica do mundo romano

O venres 25 de novembro pola tarde, o alumnado de 3º ESO visitou un tesouro arqueolóxico en Lugo: a Domus de Mitreo, o segundo elemento arqueolóxico máis importante despois da muralla. O museo atópase nos sotos do edificio do Vicerreitorado de Lugo, da Universidade de Santiago, xusto destrás da catedral. 
Trátase dun xacemento único no noroeste peninsular que achega información sobre a forma de vida dos romanos que habitaron a cidade de Lugo ata os séculos II e III da era cristiá. Grazas aos seus vestixios coñecemos como se articulaba a vida socioeconómica, arquitectónica e urbana da cidade nalquela época.

No seu interior,  a oito metros de profundidade, o alumnado foi guiado por unha arqueóloga que lle falou dos restos dunha domus (vivenda romana) do século I d. C.  e dun mitreo (templo dedicado ao deus do sol Mitra)  do século III d. C.

Na entrada aparece o Mitreo, o que indica que na época romana realizábanse en Lucus Augusti cultos orientais que normalmente eran de carácter segredo e se facían en covas e vivendas particulares.  O espazo central ocúpao unha Ara, perfectamente conservada, onde se pode ler “levantada por Caius Victorius Victorino, centurión da Legio VII Gemina Antoniniana, en honra do posto de control militar de Lucus Augusti e de dous libertos Victorius Secundus e Victorius Víctor”. A ara votiva foi dedicada ao deus persa Mitra polo centurión Caius Victorius Victorino da Legio VII Gemina (da zona de León) nomeado recaudador de impostos de Lucus Augusti polo emperador Caracalla. Segundo os investigadores, logo dun primeiro uso privado do mitreo, os principais membros da comunidade mitraica de Lucus Augusti (practicantes dunha relixión declarada ilegal e moi xerarquizada que tivo o seu momento álxido no século III d. C) foron os soldados destinados á oficina de recaudación de impostos.
 
A vivenda noble romana foi construida en terrazas de varias alturas adaptándose á orografía da zona, con estancias para os señores e serventes: as cociñas, o patio traseiro con columnas decoradas (peristilium), a sala de invitados (oecus), un dormitorio (cubiculo) e unha parte rectangular do atrium, o patio máis característico das vivendas romanas que daba acceso ás habitacións nos catro lados. Sabemos tamén que a casa tiña dúas alturas porque as bases das columnas eran moi anchas para aguantar o peso. Tamén se conservan restos de algunas pinturas murais e diversos elementos en vitrinas relacionados coa vida na domus, como un xogo de mesa con fichas de oso co que pasan o tempo os homes, e agullas de peinado e pesas de telar que empregan as mulleres nos patios.

Cando se construiu a muralla, dous séculos despois, a domus foi partida e expropiouse parte dela, comezando así o seu deterioro (a súa extensión sobrepasaba a muralla). Dedicouse ás necesidades alimentarias da man de obra. Os obreiros da muralla trouxeron unha roda de muiño de gran para o centro do oecus. O desgaste do chan ao seu redor indica pisadas de homes para empuxar o muiño.

Empezouse a construir a muralla aproximadamente nos anos 260-265 e terminouse no ano 325. Foron 60 anos nos que xa empeza o baixo imperio. Foi construida a tramos de 20 a 30 m. por grupos de 20 a 30 homes segundo iba chegando os cartos para facela. No museo pódese apreciar perfectamente a unión dos tramos.

As torres da fortificación tiñan ventás de tres alturas. Hoxe aínda consérvase unha torre con 2 alturas. A muralla está feita con algún bloque de granito pero principalmente de lousa. Estaba cuberta de cal para evitar o crecemento da vexetación. Ademáis cubríase de cal por motivos defensivos: a muralla de 20 metros de alto alisada coa capa de cal evitaba que os inimigos poideran escalar.

Cando se rematou a muralla, o seguinte elemento defensivo foi facer unha calzada polo seu interior que tiña que ir ao mesmo nivel por todo Lucus Augusti, cidade que vai en caída ata o río Miño. Por este motivo a domus queda soterrada. Na calzada posterior á construción da muralla faise unha praza donde está un pozo de 7 metros de profundidade. Sábese que nesta praza instaláronse maestros alfareiros que converteron o pozo nunha escombreira onde tirar as pezas defectuosas ou rotas.

Reportaxe fotográfica por Lugo aquí.

27.11.16

Nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza

    Do alegre pasado reaccionou triste presente; gargalladas, bicos e palabras de agarimo foron morrendo lentamente, dando paso ós berros e ós portazos, mentres o cariño ficou nos recunchos da mente.
     Marcas na face de tristura e mazaduras, terror no ollar e a lembranza da xa remota tenrura.   
    A quen rezar cando é o demo quen descansa na cama? Como ocultar a dor e a confusión da mirada?
    Veciños e amigos sospeitan das mentiras, pero finxen normalidade e seguen con cadansúas vidas. Quizais a violencia xa é cousa do día a día.
    Ela olla ó seu verdugo con anguria e nostalxia, esperando atopar o home que un día lle fixo crer na maxia. Pero os ollos vidrosos non deteñen labazadas nin improperios, e a penuria afoga con sangue os seus beizos.
    E os insultos rebotan en paredes e teito, como balas perdidas chegadas do mesmo Inferno que firen e matan, que volven ferir e que volven matar sen que ninguén intente paralas.
    A calma e a tempestade van tan unidas que, tras os lóstregos, palabras de perdón e caricias levan a esquecer as feridas e o dano, e o sol semella asentarse de por vida tras as colinas, como nun tranquilizador cadro. E como nos contos, semella que, tras os choros, ó fin chegará o final feliz. Pero os contos, contos son, e tras os choros só chegan máis choros; e míntenos a psicodélica ficción, pois bela e besta nunca poderán durmir baixo as mesmas sabas, e a princesa non pode esperar a un cabaleiro que veña salvala.
    E descansa ela do ruído con máis ruído e acende o televisor; triste cando unha fría pantalla che asoma ese falto calor. E os seus ollos abráianse, e os seus oídos estremécense, e as súas veas xéanse: unha vítima máis do machismo falece e, con ela, van xa un milleiro de mulleres cuxas voces foron silenciadas e cuxas memorias xacen soterradas.
    E así foi como a morte trouxo a vida. E foi entón cando a belida dos seus erros se decata, o amor deixa paso á rabia, e o temor, ás ansias de cambio, e a indefensión a un plan para derrocar ó tiranp. Diríxese rauda ó baño e mírase no espello e non ve xa un corpo roto, senón unha alma disposta a todo. Mírase no espello e non ve xa máis dor, senón un incandescendente fulgor. Mírase no espello e non ve xa unha serventa desvalida, senón unha guerreira chea de vida. Pero, precaución, acércanse pasos polo corredor. Rapidamente, pecha a fiestra e contempla unha última vez no espello os seus indómitos cabelos, deixando paso ó dono do seu cárcere derradeiro. Con aire decidido, atranca a porta do cuarto con eficacia e sixilo. E busca agora por toda a caverna as riquezas da fera. Ameazas e golpes saen da gaiola improvisada, mentres a belida guerreira se dirixe, coas chaves da carroza e as maletas preparadas, cara a súa soñada emancipación á calzada.
     E mentres a besta patalexa e se desespera, a bela marca os números que poñen fin á sentenza. E declara ela con convicción: “maltratada e malferida por un montro sen amor, aterrada por olladas frías de odio e rancor, esta vítima volveuse contra o agresor, cuspindo á súa creída superioridade e dirixíndose a un futuro mellor. Lonxe irá dos recordos da mágoa mentres espera que o seu exemplo deixe, por sempre, pegada. Ante este xenocidio, ruxide con forza, ante este femicidio, inclinemos con firmeza a balanza: nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza”.

Álvaro Fernández Yáñez – 1º bach.

26.11.16

25 N - Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.

Álvaro Fernández Yáñez, alumno de 1º de Bach., deu lectura a un texto narrativo da súa propia colleita para clausurar un acto institucional conxunto, organizado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, para conmemorar o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero. 
O IES Perdouro foi escollido para simbolizar a importancia que teñen os centros educativos no fomento, consolidación e asimilación de principios, valores, comportamentos, crenzas e actitudes por parte da mocidade, que permitan desenvolver un futuro máis xusto e igualitario.

 “nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza”.

24.11.16

Charla sobre doazón e transplante

Os alumnos de 4º ESO e 2º de FP básica asistiron a unha charla sobre DOAZÓN E TRANSPLANTES levada a cabo pola OCT (Oficina de Coordinación de Transplantes do Servizo Galego de Saúde) o pasado mércores 23 de novembro. Marta Álvarez, enfermeira e coordinadora da Unidade de Transplantes de Órganos de Galicia, impartíu a parte teórica explicando quen pode ser donante e as condicións especiais para doar unha vez que se produce a morte cerebral: criterios clínicos, grupo sanguíneo, peso, talla, criterios territoriais, etc... Hai que ter en conta que a doazón de órganos e tecidos é voluntaria e altruísta e sempre anónima. Ademais de falar de todo o mecanismo que se pon en marcha cando aparece unha doazón, a enfermeira indicou a esperanza de vida dalgúns órganos transplantados como por exemplo o  ril, 40 anos, o corazón, 24 anos, e o figado, 30 anos. Logo da exposición, tivo lugar a testimuña en primeira persoa. Lola Casais contou a súa experiencia aos alumnos. Deu a coñecer o seu caso persoal como transplantada de fígado. Leva 13 anos e 4 meses transplantada segundo nos indica. Con 8-9 anos sufría de cólicos moi grandes. Foi nai e aos 22 anos tivo un accidente de coche moi forte. Detectáronlle entón quistes no fígado. Ata aí tivo unha calidade de vida moi mala, pasaba moito tempo ingresada pola fiebre e pola infección. Ata aquel momento nunca antes lle falaron de transplante e dicidíu entrar na lista de transplante. Botou 1 ano na lista. Tiña que estar localizable as 24 horas do día. Confesa ter estado desesperada pola espera. Cun 38 anos chegou o día de recibir un fígado compatible. Estivo 21 días ingresada despois do transplante, tempo moito menor de cando estaba enferma. Os enfermos de transplante quedan coas defensas moi baixas e están na UCI illados antes de poder subir a planta cun familiar. Hai que saber cun transplantado ten unha medicación de por vida. Sentíu un baixón e culpabilidade despois do transplante pensando no donante e na súa familia pola decisión tomada da que está  moi agradecida. Recibíu apoio psicolóxico. Grazas ao transplante ten mellor calidade de vida e pode levar unha vida "normal".

Celebramos o día da ciencia en galego.

O luns 21 de novembro visitou a nosa biblioteca Roberto Manín Gutiérrez, profesor de Matemáticas no IES Galileo Galilei de Navia, con motivo da celebración do mes da Ciencia en galego. O docente aportou coñecementos sobre as Matemáticas a todo o alumnado de 1º ESO. 

Comezou por explicar cal é o significado da palabra número e por presentar a historia dos números desde que o ser humano comezou a utilizalos ata a actualidade. Expuxo a importancia dos distintos pobos que foron achegando avances matemáticos como os sumerios, os exipcios, os romanos, os árabes etc. 
Logo, comezou a expoñer distintas curiosidades matemáticas como a forma de adiviñar un número empregando unhas táboas con potencias de 2, cantas veces habería que dobrar un papel para que a súa lonxitude fose maior cá da Torre Eiffel. Outra curiosidade foi a banda de Möbius, figura coñecida por ter só unha cara ata o infinito, tamén aplicable nas partituras musicais. O canon cancrizante ou  retrógrado é a repetición do tema canónico ou consecuente interpretado de atrás á diante. O tema canónico e o seu consecuente presentan unha imaxe especular temporal ou simetría par, podéndose obter reflexando a partitura perpendicularmente nun espello. Un exemplo coñecido é a Ofrenda musical de Johann Sebastian Bach que ten este tipo de canon (Quaerendo invenietis) combinando regresión e inversión. Outro exemplo no campo da música é o fenómeno do “millenial whoop”, o grito da Xeración do Milenio. É un grupo de notas musicais que se repiten só que tres tons máis altas na escala e logo volven baixar e así sucesivamente. Isto fai que as melodías se convirtan en moi pegadizas. (escoitar exemplos)
Experimentou tamén con cordas para exemplificar con simetrías e empregou auga con xabón e glicerina para introducir nela figuras xeométricas só con aristas. A película formada pola auga e o xabón íase cara ao centro da figura pola tensión e, logo, podíase soprar no seu interior para intentar que a película recubrira as caras e non se fora cara ao interior.
Varios dos rapaces interviñeron como voluntarios e todos participaron de forma moi activa nesta actividade realmente amena. 
Quedamos con ganas de máis! Oxalá poida voltar para mostrar algún dos experimentos matemáticos que quedaron no caixón por falta de tempo.

23.11.16

Ruta das Rochas

O pasado mércores 22 de novembro, Fausto López, profesor de Bioloxía, organizou unha saída de carácter explorativa destinada ao alumnado de 1º ESO, a ruta das rochas. 
Percorrido: Burela, Viveiro, Cargadeiro de Insua, San Román do Valle, Estaca de Bares, Espasante, Ortegal, San Andrés de Teixido, Cedeira.

Para ver a completa reportaxe fotográfica, pica aquí.

Itinerario xeolóxico polo norte de Galicia: De Burela a Cedeira

A recente excursión que fixemos pareceume moi interesante. Aínda que todas as saídas que facemos da clase para aprender cousas en directo son moi produtivas, esta se cadra é aínda máis, xa que cando paseamos non nos damos conta do que estamos pisando. Nesta saída pretendíase xusto o contrario, fixarnos no que a simple vista parece só unha pedra, pero que en realidade ten unha historia detrás.
Non só aprendimos sobre xeoloxía, senón tamén historia dos lugares polos que íamos pasando, un pouco de bioloxía, outro pouco de xeografía e, como non, cultura xeral, tan imprescindible nestes días e que non ven en ningún libro de texto, pero que abonda nestas saídas.
Oportunidades para aprender de todo o que nos rodea. Eses pequenos detalles que forman o noso planeta.

Alba Geada Bernal 1º  ESO

22.11.16

Obradoiro Reciclo o xénero

Completamos as actividades propostas dentro do Quérote + co obradoiro ofertado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Dito obradoiro titulouse "Recicla o xénero" e consistiu nunha obradoiro de sensibilización destinada ao alumnado de 3º ESO, coa que se pretendía acadar os seguintes obxectivos: 
  • achegarse á mocidade e obter información cuantitativa sobre a percepción da mocidade en canto á igualdade de oportunidade e a violencia de xénero; 
  • analizar o interese do alumnado neste tipo de intervencións puntuais, e promover a visibilidade dos estereotitpos de roles de xénero e explicar os mitos relacionados.
Os contidos abordados durante o obradoiro foron os seguintes: 
- Cambia o conto!
1. As princesas submisas e os principes salvadores (de como esperamos a que nos rescaten no castelo): estereotipos.
2. O rol feminino e masculino (tarefas do fogar e coidade de persoas vs aventuras varias con cabalo e armadura: roles.
3. O valor da beleza (imperativo estético especialmente nas mulleres, sempre guapas, delgadas e perfectas).
4. Mito do amor romántico.
- Amores! ... de película?
1. A supermuller: estereotipos e roles de xénero.
2. A media laranza e o sufrimento para atopar o amor verdadeiro: deconstrución de mitos (apixón e amor romántico).
3. Máis alá do amor na parella (reinvindicar outro tipo de amores).
4. Relación afectivo-sexual sen toxicidade (autoestima, empatía, comunicación, respecto)

Esta mañá o alumnado de 3º ESO participou moi activamente no obradoiro dinámico impartido por Raquel, dinamizadora social de Promove Consultoría e Formación. Os obxectivos foron mais que conseguidos.

Accede ao noso albúm de fotos

17.11.16

“Maquetas celulares”, traballos de 3º de ESO

Na vitrina da entrada do instituto están expostas as fantásticas maquetas celulares realizadas polo alumnado de 3º de ESO, resultado dun traballo expositivo na aula dirixido pola súa profesora de bioloxía, Paula Hermida.
Nas maquetas están representadas células eucariotas animais e vexetais, procariotas .... algunha célula moi especial como a neurona e incluso temos un cerebro!!
O material utilizado para realizalas foi moi diverso: dende fíos e botellas amablemente cedidas por algunha avoa, ata  area, plastilina, un bolo de pan... 
Serías capaz de diferenciar todos os tipos celulares?? Anímate e inténtao!

16.11.16

Xulio Xiz, amigo de Manuel María

Os alumnos de 4º e de 3º ESO do IES Perdouro tiveron onte unha charla con Xulio Xiz, amigo de  Manuel María, escritor galego ao cal se lle dedicou no ano 2016 o Día das Letras galegas. O presidente da Asociación Os Matos, Antón Niñe, pensou que sería bo contar cunha persoa amiga, coñecedora do homenaxeado para coñecelo un pouco máis.
Xulio Xiz é licenciado en Ciencias da información e mestre. Foi funcionario da Consellería de Cultura e desenvolveu a súa carreira periodística en varios medios de comunicación.  Sabendo de onde é Xulio Xiz tamén podemos coñecer de onde é Manuel María. Os dous son nativos da Chaira luguesa, de Outeiro de Rei. Levábanse 18 anos de idade pero Xulio di “que 18 anos non son nada”. Contounos como se foron facendo amigos, que foi a través do periódico no que Xulio traballaba  “El Ideal Galego” que tiña unha sección diaria que era  “O Diario de Terra Chá” e tivera que pedirlle permiso a Manuel para que lle deixara publicar no periódico anacos das suas poesías, sobre todo as que ían dirixidas á Terra Chá. Deulle permiso e logo deso íalle facendo entrevistas para Radio Popular. A partir diso, incluso o chamou para que o presentase en actos públicos sobre a súa obra. A relación entre eles foi moi boa, de admiración absoluta por parte de Xulio e de agradecemento pola difusión, por parte de Manuel. Comentounos tamén que Manuel María sempre colaboraba con todos os centros educativos e asociacións que o chamaban. Asistía sempre que podía a todo este tipo de actividades. Coñecía Galicia como a palma da súa man. Gustáballe moito falar e coñecía tamen a todos os escritores gale-gos coetáneos. Manuel María foi preogueiro de moitas festas, por exemplo da de Burela.
Xulio, uns días antes de vir facernos a visita, recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, na que centos de veciños e persoeiros da cultura participaron nos distintos actos organizados, entre eles a inauguración no Paseo dos Soños do “hectómetro literario” que leva o nome de Xulio Xiz Ramil, compartindo espazo con outros persoeiros da cultura que recibiron esta homenaxe en anteriores ocasións. Despedímolo dándolle un forte aplauso entre todo o alumnado e profesorado por escoitalo falar tan ben sobre Manuel María.

Alumnas 3º PMAR

Accede ás fotografías no noso albúm.

15.11.16

Adiviñas do outono - 1º ESO

O alumnado de 1º de ESO ten preparadas unha chea de adiviñas do outono que elaboraron coa axuda das súas profesoras de Lingua Galega, Miruca Parga e Mercedes López. Se te atreves a resolvelas, pásate pola entrada principal e bótalle unha ollada ao panel outonal tan ben decorado. Parabéns rapazas e rapaces!!!!

Charla sobre violencia de xénero e o novo contexto dixital

Dentro das actividades programadas no marco do mes contra a violencia de xénero, a mancomunidade da Mariña organizou o pasado luns 14 de novembro unha charla sobre “Violencia de Xénero e o novo contexto dixital” destinada ao alumnado de 2º e 4º de ESO e 1º de FPB, actividade financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e impartida por Pantallas Amigas, unha entidade que conta cunha dilatada experiencia na impartición de formación para a promoción do uso seguro e saudable de Internet e as novas tecnoloxías na infancia e adolescencia.

Falouse do uso responsable e sen riscos das redes sociais, así como das estratexias para a prevención da violencia de xénero na adolescencia.

A conferenciante incidiu no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital (ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión) e teñen como obxectivo ensinar aos e as menores o axeitado manexo das redes sociais, a súa finalidade e as repercusións que poden ter determinados comportamentos de risco.

Potenciar o uso responsable e seguro das novas tecnoloxías, co fin de evitar os posibles riscos por razón de xénero, e na busca da prevención da violencia sexual en adolescentes e dos comportamentos machistas e sexistas nos novos medios de socialización e convivencia dixital, é necesario na actualidade, porque os e as menores poden ter unha percepción do risco máis baixa á hora de compartir determinadas fotografías ou vídeos a través de internet e das redes sociais.

É necesario deixar de considerar os adolescentes como vítimas pasivas dos riscos da Rede e tomalos como elementos activos, dándolle a formación necesaria.




cc

14.11.16

Itinerario por Burela

O  mércores 10 de novembro o curso de 1º de ESO realizamos un itinerario  polo noso concello facendo varias paradas. Unha delas foi na Casa do Concello onde nos explicaron os distintos departamentos e áreas e que función tiña cada unha. Tamén  puidemos ver o despacho do alcalde que nos contou cales eran a súas funcións. Outro departamento que vimos foi o lugar de traballo da policía. Despois fomos a Capitanía Marítima onde nos  informaron do que se encargaban de facer alí, como por exemplo trazaban as rutas polas que despois van os barcos e de dar instrucións en caso de que alguén se fixera dano.
Pasamos ao carón do cabo e do lugar onde se atopou o Torques de Burela. E por último visitamos a unha das maiores xoias históricas de Burela: A Igrexa da Vila do Medio. Soubemos cando e como se construiu, para que serviu e serve, as diferentes partes que ten e o máis importante: as características das súas pinturas góticas.

Crónica de Hugo Cobas Linares - 1º ESO A

12.11.16

Ruta xeolóxica por Burela

O alumnado de 1º e 2º de Bach. participou no programa de divulgación xeolóxica "Descubrindo as rochas que pisas". O pasado venres 11 de novembro, o xeólogo, Francisco Canosa, guiou o grupo de estudantes por dúas rutas que permiten coñecer a xeoloxía da costa: a primeira que sae do porto e finaliza no Perdouro, e a outra que vai dende o porto de Burela ata a praia da Marosa

Recollemos do seu blogue Rutas xeolóxicas de Galicia as caraterísticas de ambas rutas.

A nivel xeolóxico falar de Burela é falar dunha das xoias da xeoloxía galega, de feito conta cun “geosite”, é dicir, un lugar de interese xeolóxico a nivel internacional. Isto débese principalmente a que na contorna de Burela atopamos unha ampla variedade de rochas (cuarcitas, granitos, pegmatitas e conglomerados) e estruturas xeolóxicas (pregues e fallas), que nalgúns casos son moi singulares e excepcionais. Para descubrir todos estes tesouros xeolóxicos propóñense dúas xeorutas, unha polas inmediacións do porto e a outra polo paseo marítimo da Marosa. Estas rutas xeolóxicas polo concello de Burela permitirán aos visitantes ver todo con ollos de xeólogo, e iso supón facer unha viaxe no tempo de moitos millóns de anos, e é que en Burela as rochas teñen moitas historias que contar. Descúbreas con nós!!!

XEORUTA BURELA - O PERDOURO

Esta xeoruta permite descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade, así como os fermosos arcos naturais do Castrelo, que contrastan coas materiais da chamada rasa cantábrica, superficie achairada que comeza en Burela e que se estende por boa parte do Cantábrico.

Duración: 3 h. Distancia: 3 km. Dificultade: Baixa

XEORUTA BURELA - A MAROSA

Nesta xeoruta as rochas graníticas son sen dúbida algunha as protagonistas, un percorrido litoral que permitirá descubrir a orixe das formas tan caprichosas que adquiren estas rochas co paso dos anos. Do mesmo xeito observaranse as pegmatitas, unhas rochas que en ocasións son portadoras de minerais semipreciosos e que mostran un aspecto moi chamativo.

Duración: 3 h. Distancia: 6 km. Dificultade: Baixa

Recollemos a seguinte información descriptiva das rutas do xornal El Progreso
Ao comezo da ruta, o xeólogo, Francisco Canosa, explicoulles aos estudantes que o obxectivo da ruta é facer entender "a linguaxe das rochas, que teñen moitas cousas que contarnos". 

DATOS. Durante a visita vanse achegando diversos datos xeolóxicos. O primeiro dato que nos sinalan é que a idade da Terra é de 4.600 millóns de anos, e que as rochas máis antigas que podemos atopar agora están en Canadá.

Centrando os datos en Burela, Canosa explica que "a historia xeolóxica de Burela empeza fai 500 millóns de anos. E o que hoxe coñecemos por Burela, as súas orixes estarían no Polo sur". Na seguinte parte da ruta, Canosa indica que "fai 350 millóns de anos en Burela poderiamos atopar montañas que terían a altura do Himalaya". Con todo, sinala que "cando se formaron os Alpes, a zona xeolóxica onde se atopa Galicia, rexuveneceuse e quedouse coa altura que ten hoxe en día".

ROCHAS. Durante a ruta, tamén ensina a distinguir os tipos de minerais que forman as rochas. Se por exemplo, observamos unha cor avermellada, estariamos a ver granito; se a cor é máis grisáceo, sería cuarzo; se vemos rochas con trazos brancos, apreciariamos moscovitas, e se son negros, biotipas. Nesta parte da visita, tamén aprenden que a costa de Burela presenta minerais de valor económico. Trátase das pegmatitas.

Estes minerais, que se poden ter varias cores, caracterízanse polo seu gran tamaño e son moi valorados no ámbito da xoiería. Hai outros minerais, coñecidos como aplitas, que son moi numerosos na costa, pero polo seu menor tamaño teñen menos valor económico.

A última parte do percorrido, xa na Marosa, permítenos coñecer outro fenómeno xeolóxico. Trátase das fisuras producidas polo choque de fallas. Neste caso, as fisuras que se aprecian na zona, enchéronse con cuarzo, un material máis resistente á erosión, e que permite observar sobre as rochas liñas de cuarzo. Esta zona de Burela, sinala Francisco Canosa para asombro de moitos, "foi declarada en 1983 lugar de interese xeolóxico". 
 
O Perdouro. A ruta que vai de Burela ata O Perdouro permítenos coñecer tres tipos de rochas segundo a súa composición. Por unha banda falamos de rochas magmáticas, como o granito; rochas sedimentarias, producidas pola erosión de materiais e para rematar, rochas metamórficas, creadas pola fusión de diversos materiais.

Ao comezo da ruta dáselles xa unha información polo menos sorprendente, porque segundo Francisco Canosa, "a lousa e a cuarcita orixínanse por un proceso de metamorfose. Nas súas orixes a lousa foron lodos, e a cuarcita areas de praia". Seguindo o percorrido da ruta, as seguintes paradas permítenlles coñecer polo exterior das rochas a súa resistencia, porque as rochas poden ser dáctiles ou fráxiles, segundo se rompen pola calor ou polo tacto.

Centrándose nos pliegues das rochas, ensínanse novos conceptos das rochas segundo a forma que presenten estas. Así, vese que hai pliegues antiformes, que presentan a curvatura cara arriba; pliegues sinformes se a curvatura está para abaixo, e se se centran en saber a orde dos materiais que forman as rochas, para saber se son máis antigos ou novos, veriamos rochas anticlinais ou sinclinais.

Na última parte da ruta, pasando os arcos do Perdouro, vemos un novo proceso de substitución. Neste caso é o depósito de material que se produciu pola erosión dos materiais de zonas próximas, como os do Monte Castelo. Estes depósitos, cunha antigüidade dun millón de anos, producen unha estrutura xeolóxica distinta que favorece a presenza de arbustos.

Coa ruta apunto de finalizar, aprendemos a medir as rochas. Neste caso cun compás poderemos saber a desviación da rocha, e tamén é posible medir a inclinación das mesmas cun inclinómetro.

11.11.16

Visita do tecido empresarial de Lugo

O xoves 10 de novembro, o alumnado de 4º ESO viaxou ao polígono do Ceao en Lugo para facer varias visitas interesantes para coñecer de primeira man un completo proceso de produción.

Primeiro visitaron Cafés Candelas, unha empresa familiar con máis de 40 anos de experiencia no sector do café. Contáronlles que foron os irmáns Ramón e Manuel Alonso Alonso os que fundaron o tostador que hoxe dirixen os fillos Enrique y Ramón. Faláronlles do crecemento progresivo e sustentable da empresa, evolucionando de pequena empresa familiar a compañía con implantación internacional na distribución alimentaria e hostaleira. É unha compañía líder como torradora e fornecedora de café no sector da hostalaría. Viron os mecanismos de torrefacción e envado automático por cintas transportadoras. Ao finalizar a visita, o grupo recibiu unha bolsa con agasallos e produtos da marca de café.

A segunda visita foi xa na rotativa do xornal El  Progreso. Aí coñeceron a historia do xornal lider da provincia. Fundado en 1908 por Purificación de Cora e Más Villafuerte está hoxe nas mans dos herdeiros. Explicáronlle como se fai un xornal dende o momento en que se produce a noticia ata o xornal en formato papel. (traballo de redación, noticias, eleción da portada, nº de páxinas, fabricación, papel, tinta, cor, planchas de impresión, distribución,  etc...). Cada alumno foise co xornal do día asi como outros agasallos.

Xa pola tarde en Castro Riberas de Lea o alumnado xunto ás súas profesoras de Tecnoloxía e Física, coñeceron unha empresa innovadora e moi nova, Quescrem. Visitaron as instalacións da fábrica de queixo para coñecer a súa infraestructura industrial. Tras unha breve presentación da empresa, os escolares baixaron á planta para ver o desenrolo do proceso de fabricación. A continuación, realizaron un completo percorrido por toda a fábrica do almacén ata o laboratorio I+D. Para finalizar a visita, puideron probar produtos Quescrem, entre os que se atopaba o ChocoBó, dirixido precisamente ao público máis novo, Quescrem Algas e Quescrem Natural, entre outros. Entregáronlles tamén unha bolsa cunha tarrina do ChocoBó.

Unha xornada completísima e chea de agasallos máis non houbo tempo para sacar fotos de grupo!!!!

Aquí algunhas fotos da visita pola rotativa. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...